5 minute read

Da fronteira imaxinada por Íñigo Rodríguez Román

Da fronteira imaxinada

Íñigo Rodríguez Román Comisario de arte contemporánea.

Advertisement

IG: @inhigo_r

A premisa fundamental deste cuarto Tantas imaxes é a de observar o obradoiro do artista como o espazo onde ten lugar ese particular xogo, visceral e demiúrxico, que é a arte. No momento en que Afóns me propón facer unha achega para o caderno, a miña primeira reacción foi a de pedirlle un tempo, apenas unhas horas, antes de darlle unha resposta en firme. Precisaba del para observar con perspectiva o obxecto da publicación e decidir que aportar a mesma sen caer en redundantes e románticos estereotipos. É por iso que para este texto rematei por afastarme do historiador da arte que son e abracei con forza ao comisario, máis pragmático e resolto, tomando as miñas experiencias como referencia de cara a abordar o papel que o obradoiro ten na relación entre comisario e artista. E a risco de ser disruptor direi que a arte non se xoga unicamente no «campo» do artista, sexa este físico ou psicolóxico, se non que pola súa natureza coma medio de expresión constrúese en diferentes planos, sendo o obradoiro un destes. Comecemos.

Aínda que evolucionado, en pleno século xxi, o estudio segue a manter ese especial misticismo que lle ven acompañando dende o renacemento. E o comisario, por sensibilidade e coñecemento, tende sempre a emoción a hora de visitar un destes centros de creación. Cada paso por un obradoiro é un momento de celebración, tanto pola posibilidade do descubrimento de novas pezas ou procesos, coma porque se converte nestes intres nun singular horizonte de sucesos no que artista e curador serán quen de tirar aprendizaxes e conclusións, sempre útiles dun xeito ou outro para a súa praxe. Sendo este escenario non máis ca un intercambio do cal ambos deben saír satisfeitos.

A invitación a visitar un obradoiro non é un xesto baleiro, e aceptala tampouco o é. Deste xeito a posición do comisario dentro do sistema da arte obrígao a obrar con enorme empatía, tratando de salvagardar o fráxil equilibrio existente neste intre entre anfitrión e invitado. O curador debe aceptar unha dobre responsabilidade neste lance do xogo: a de gobernar de forma axeitada a súa entrada no estudio; e a de tomar as decisións axeitadas unha vez o deixa tras de si, o volver ao seu particular obradoiro que é o contexto socio-económico do sistema da arte. Destes dous planos, e de como os enfronto e imbrico é que falarei de agora en adiante.

Orixe Persoalmente atoparme no estudio dun artista sempre é unha fonte de sensacións e información inesgotable, pois na maioría dos casos non deixan de ser pequenas máquinas do tempo, microcosmos incapaces de mentir.

O que posúa un bo ollo identificará a evolución do traballo alí contido, os pasos dados e a coherencia do mesmo. A todos estes imputs sumarémoslle a proximidade co artista nesta intimidade, intres nos que se falará só de arte, da súa arte, xurdindo unha relaxación e confianza dificilmente replicable noutro espazo. Chegar a esta atmosfera é unha das máximas que me auto impoño nas miñas visitas aos obradoiros, pois aínda que o que atopemos non encha as expectativas creadas, o último que debe facer un comisario ou o xestor é xerar un sentimento de frustración coa nosa visita. O respecto cara ao traballo e tempo alleo debe prevalecer sempre neste ámbito privado.

Non seremos, logo, simples expertos en arte ou museoloxía, se non que teremos que encarar este encontro con man esquerda, con actitude construtiva e a pro actividade propia que se presupón a un comisario. Como indiquei anteriormente, ámbalas dúas figuras teñen que sacar rédito do momento. ¿E cal é o rédito mínimo que se debería tirar dunha primeira visita do comisario ao obradoiro? Identifiquémolo: información e potencialidade. Non é pouco. Alén E trala visita chega a outra cara da moeda, aquela na que o comisario ten a posibilidade de converterse en correa de transmisión entre un microcosmos creativo único, e o ruidoso e poliédrico macrocosmos que resulta ser o contexto artístico que os circunscribe. Volvo a falar da responsabilidade do comisario, pero agora é unha exixencia para consigo mesmo e co sistema.

Coma creador o comisario ten unha idea propia e moi definida da arte que lle interesa, e os seus proxectos defíneno tanto como as pezas o fan cun artista. Como é lóxico, non todos os creadores pasan a ser considerados polo comisario como posibles colaboradores. E o feito de que a visita non se remate materializando en proxecto non debe xerar frustración algunha. Dentro do

mundo da arte existen nichos de necesidades que entroncan co traballo de uns e outros, e disto os implicados deben de ser completamente consciente, asumindo a súa responsabilidade a hora de atopar as diferentes fiestras de oportunidade que os leven a avanzar nas súas carreiras.

No meu caso sempre foi fundamental recoñecerme en todos e cada un dos meus traballos, e para isto é necesaria unha grande sintonía con pezas e artistas. O obradoiro pode ter papel primordial neste desempeño, pois nel atoparemos a certeza de que o os traballos casan coa nosa visión. A coherencia no traballo do comisario é dunha importancia crucial, e de cara a reforzala en moitas ocasións un «non» a tempo será a mellor das ferramentas.

Sen embargo, en ocasións dáse a feliz circunstancia de que os intereses conflúen e a relacións consolídanse. Un momento emocionante e fundamental dentro deste o noso «xogo». Unha aposta por parte de ambos na que debemos ter moi en conta o custo de oportunidade, sendo necesario deixar ven claro os puntos do compromiso acadado entre curador e artista. O tempo é unha moeda que unha vez se gasta é imposible de reembolsar.

Neste intre é cando o estudio volve a transformarse, transmutado nun taboleiro de operacións. Alí pasaranse horas falando de pezas, de arte, desfrutando do levado a cabo e ilusionándose co que virá. E o momento no que pensar en como facer que as pezas saian dese espazo para ocupar outros onde podan ser celebradas. Argallar o tipo de exposición que queremos levar a cabo, onde facela ou como innovar cara a sacar o mellor de cada peza. O traballo multiplícase neste estadio da cuestión, e as conversas flúen cara a analizar os espazos, os públicos ou as institucións que nos interesan considerar. E sobre todo darase un profundo e transcendental diálogo cara a ser quen de fiar un discurso sólido e depurado con todo o traballo que está ao noso dispor.

En resumidas contas, o obradoiro é a silenciosa testemuña dese xogar da arte en varias das súas etapas. Unha fronteira cun obrigado antes e despois. O espazo onde a creatividade flúe na busca do seu perfeccionamento final, que so se dará a través da mirada do outro. Sen dúbida un magnífico xogo, o mellor de todos.

This article is from: