5 minute read

O estudo do artista: metáfora da vida e da historia por Manuel Vilar

O estudo do artista: metáfora da vida e da historia

Manuel Vilar Director do Museo do Pobo Galego

Advertisement

IG: @museodopobo

Ao falar do estudo de artista o primeiro que me vén á cabeza é a imaxe do de Francis Bacon. Todo é acumulación e aparente desorde, por non dicir caos: botes de pintura e botes con pinceis, papeis, trapos, obxectos diversos, todo formando montañas erosionadas pola putrefacción e o paso do tempo, estratigrafías que fala do vivir, que é ir deixando atrás a vida. E o artista só, perdido e absorto nese espazo devastado. Imaxe desolada e imaxe da soidade do creador no seu espazo de traballo. Soidade que non é illamentos social. Mirando esta imaxe xa empezamos a tapar o nariz para evitar o fedor da podremia. Entón, podemos entender o rostro do papa Inocencio X cargado de rabia, como berrando que o saquen de aí. Neste espazo semella difícil moverse e estar cómodo para traballar. Difícil pensar que dese caos, poida saír algo creativo, mais si, do caos e porcallada aparente agroma creatividade estética. Mais o artista ten que buscar outro estudo, porque a acumulación é esquecemento, imposible separar o pasado do presente, imposible a memoria e imposible a realización dunha identidade persoal e creativa.

Véñenme á mente imaxes doutros estudos que podemos encadrar nesta categoría, que cualificaremos como caótica ou de desamaño: o de Lucian Freud ou Jackson Pollock, por non abundar nos exemplos con artistas xa históricos.

Contrastan estas imaxes coa doutros estudos máis ordenados e inmaculados, onde semella que nunca caeu unha mancha de pintura ou doutra cousa, que fai difícil pensar que alí se experimenta coas tonalidades ou con materiais que poden lixar, que se produza algo máis tanxible que o silencio. Penso entón en Piet Mondrian en Nova York, racionalmente limpo como as súas composicións, ou en Georgia O´Keeffe, lugar diáfano atravesado pola luz. É como retrotraernos a “O pintor no seu estudo”, de Vermeer de Delft, onde todo está no seu correcto lugar e, diríamos, que no seu preciso momento para dar a sensación de intimismo e sosego creativo.

En ambos casos son estudos de artistas que traballan con materiais que podemos cualificar como clásicos: pinceis, botes e tubos de pintura, lenzos, papeis. Mais, se en vez de pintar se fai escultura? Entón o estudo medra e pode haber outros materiais e ferramentas máis voluminosas, e xente acompañando ao artista para axudalo, sen chegar á multitude que Gustave Courbet nos mostra no seu “Estudo do artista”, aínda que aquí algúns son observadores e outros metáforas para o artista poder falar do seu tempo, non axudantes na ideación do proceso creativo, si na súa materialización. Mais tamén medran os

El taller de Rembradt

estudos dalgúns pintores, onde os lenzos e bastidores vanse apoiando ao longo das paredes ou de calquera moble. Non vou citar nomes, son ben coñecidas as imaxes dalgúns destes estudos de artistas de teimudo traballo e ampla notoriedade.

Máis non é a miña intención pasearme por diversos estudos ou talleres de artistas dos que só podo falar baseándome en imaxes, e os exemplos sinalados válenme certamente para os que coñezo fisicamente. Non contemplo estas imaxes como artigos de consumo, como o protagonista de Un pintor de hoxe de John Berger miraba os escaparates como altares no seu paseo polo barrio londiniense de Kensington. Pretendo asomar por ese lugar íntimo, en casos sagrado, e comprobar se podemos mirar o espazo e imaxe do estudo como un autorretrato do artista ou unha imaxe da súa obra, pois é nese espazo onde se exteriorizan ou materializan as imaxes internas, ideas e representacións interiores que se converten en conceptos e imaxes compartidas, socializadas. Esta exteriorización é o inicio da socialización, pois o artista, como ser humano, non está só no mundo. Desde o confinamento se establece unha relación co mundo exterior observable, entón o feito de crear arte converte ao artista nun ser que reflexiona sobre o seu tempo, sociedade e memoria ou memorias compartidas, trasladando no estudo esas reflexións a unha linguaxe visual, a un xeito de narración diferente sobre a historia e a vida.

Pero todo tempo sofre o seu momento “moderno”, un momento de crise e de oportunidades, sempre de cambios e recolocación, de dixerir as novas do

El taller de Bacon

presente para seguir adiante. Entón, aparecen novas maneiras de concibir a obra, de realizala, como ten evolucionado a propia idea de entender a arte. Isto ten que levar a outra relación entre espazo de creación e o creador. O estudo pode deixar de ser ese espazo sagrado que non debe ser profanado por alleos á creación, a converterse nun espazo diáfano e aberto, sen paredes, pasar do traballo en solitario, e feito en confinamento, ao espazo público, onde o traballo do artista é observado no proceso de creación ou elaboración. Ao final o artista non é outra cousa que un observador que nos relata desde o campo das artes visuais o tempo que lle toca vivir. E o estudo non é máis que o seu lugar de traballo e todos queremos adecuar ese espazo ás nosas necesidades, gustos e manías. O lugar de traballo do artista que crea hoxe en día non pode ser igual ao de Vermeer de Delft ou Gustave Courbet porque o tempo e a sociedade é outra, como outros son os materiais que usa. Pode incluso ser un espazo sen penumbra e sen obxectos ou ferramentas que nos identifiquen cun traballo específico, que nos diga que aí traballa un artista e non outro cidadán noutra actividade. O estudo agora pode ser un lugar calquera, un lugar virtual, un non lugar, mais nese lugar calquera o artista dubida e traballa, acerta e erra, pero crea arte que a sociedade demanda e precisa. Sen ela a sociedade non sería máis feliz.

A obra de arte non se dá sen coñecemento e sen traballo. Estas modificacións son debido ao camiñar da sociedade e da tecnoloxía. A tecnoloxía foi sempre parte importante de toda cultura, importante na relación co medio e co poder. O obxecto de estudo pode seguir sendo o mesmo, pero o artista de hoxe ten que crear tamén coas ferramentas que se utilizan no seu tempo e con elas crear imaxes que teñen que ser imaxes percibidas pola sociedade do seu tempo. Non se trata de desbotar a tradición plástica. As novas ferramentas modifican o xeito de enfrontarse ao feito creativo e modifican a imaxe do estudo do artista, tamén porque o artista e a arte teñen hoxe un papel máis próximo, democrático, á sociedade.

This article is from: