2 minute read
74 SOBRE A MESA E A ARQUITECTURA
POR: UNDOREDO / LUIS GIL PITA E CRISTINA NIETO PEÑAMARÍA
MESA ARQUITECTURA? NON, PERO DOUTROS XEITOS TAL VEZ SÍ. Non é arquitectura, porque aínda que se entenda como un lugar non se trata de ningún recinto ou dominio pechado e cuberto, iso pareceranos claro. Pero quizais, si sexa arquitectura se pensamos nela como un obxecto construído suxeito a unhas leis da estática e tamén do uso-función práctico, polo tanto, susceptible de ser pensado como un obxecto arquitectónico que tamén haberá de seguir as pautas clásicas da firmitas, utilitas e venustas...
Advertisement
PARA NÓS, PORÉN, AS MESAS SEMPRE FORON MOITO MÁIS ADMIRADAS por motivos antropolóxicos e sociais que polos estritamente construtivos-arquitectónicos, porque ese espazo no que se desenvolven tantas funcións habituais e cotiás, non deixa de ser máis que un anaco de chan elevado, unha artificialidade sinxela pero revolucionaria, que nos permite ser nós mesmos fronte aos demais e o noso contorno.
UN LUGAR, A TERRA REPENSADA, SANEADA E ELEVADA ATA A CINTURA QUE se acompaña do asento para producir cultura e sociedade. Cultura da discusión, do encontro da fala e da relación social entre varios, do xogo, da comida e do traballo. O lugar artificial onde se debaten e pactan armisticios verbais ao abeiro de determinadas medidas de dominio que evitan chegar aos golpes... Qué acontecería en certas reunións familiares ou laborais se non existise a distancia que marcan os bordos do perímetro deste invento?
VISTA ASÍ, A MESA É UNHA REPRESENTACIÓN, UN PEQUENO TEATRO ONDE só aparecen os actores de cintura para a cima,ocultando as nosas carencias como animal erguido para representar o que somos, ou quizais o que non somos a corpo enteiro diante dos demais. Como a mesa é escenario e case sempre ampla -moble para varias persoas-, tamén é máis torpe, menos lixeira e máis cainita ou arquitectónica neste sentido da súa mobilidade, ca o seu curmán a cadeira. Non podemos levar a mesa a dar unha volta no coche, non resiste as mudanzas tanto como os asentos, e moitas veces permanece agarrado ao seu dominio espacial, cando hai cambios urxentes de residencia ou de local.
PERO TAMÉN NOS GUSTAN AS MESAS POLO QUE GARDAN DENTRO, É DICIR, debaixo do sobre co seu mantel, onde se cobren as patas do animal, ese mundo onírico e oculto que é onde xogan os nenos fóra das conversas dos adultos. Xogos agochados tamén para os maiores, a fricción cómplice e a sexualidade que non se pode amosar, o espazo a cuberto para as trampas e paso de información que non se quere ou debe facer visible.
HOXE A MESA, ESE PLANO NO QUE TRABALLAMOS OU DISCUTIMOS, XA NON é soamentes físico, senón que como tantas cousas converteuse no escritorio do computador ou na pequena pantalla do smartphone onde nos atopamos cos nosos comensais ou interlocutores, presentes nun taboleiro con outros bordos ou vértices moito máis afastados que os do moble tradicional que era a mesa con patas...
AÍNDA ASÍ, SEGUIMOS ABRAIADOS POLA CAPACIDADE DE ATOPARNOS CON nós mesmos e cos demais, na acción de compartir e debater que xera esa non arquitectura que é este moble: A MESA.
“SANT SOPAR”, Jaume Ferrer I, Gótico Catalán S.XV.
Eve Babitz y Marcel Duchamp, Pasadenan Art Museum, 1963.
Fotografía Julian Wasse
Fotografía de Olaf Martens