COUSAS DE - Revista Nº11

Page 1



SUMARIO

NÚM.

11

Imaxe das cuadrillas e os traballos na apertura da canle nas terras altas de Panamá.

(Wikimedia Commons - De Harris Camp; Ewing, fotografía – Biblioteca del Congreso de los Estados Unidos).

04\ EDITORIAL 06\ OPINIÓN

44\ OPINIÓN

Pé do Galiñeiro

Páxina 6 Por Suso Vila

Música e museos catedralicios

08\ RÍAS BAIXAS

“Tecnolóxicas”, o proxecto de Asime e da Deputación para acabar coa fenda tecnolóxica de xénero

10\ ENOTURISMO

Terras Gauda: robótica, intelixencia artificial e big data para a vendima

14\ DEPORTE EN FEMENINO 25 anos de vela en feminino en Baiona

16\ ACTUALIDADE

Por Carlos Méixome Dona Emilia en Mondariz: primeira e última visita

52\ GALAICAS

Ángeles Alvariño, a científica que revolucionoua investigación oceanográfica mundial

54\ GALICIA SOLIDARIA

700 camisetas contra a leucemia

60\ REPORTAXE

“A gran familia” do club ciclista O Rosal cumpre 40 anos

64\ OCIO

As miradas de Isaac en Vigo

EN PORTADA 32\ 38\ 46\ 54\

Os galegos da Canle de Panamá Corsarios ao amparo do Rei: O corso no sur de Galicia As fortalezas da Raia Miñota(3): o sistema fortificado Valença-Tui A fábrica de carburos Laforet en Arcade

Edita: EDICIONES BASAN, S.L. C/ López de Neira, nº 3, 3º. 36202 Vigo. cousasde@edicionesbasan.com. Director: Jesús Mª García Bastida jesusgbastida@cousasde.com Deseño e maquetación: CREACIÓN ANIMAL Colaboradores: Anxo Rodríguez Lemos, Pablo Fernández Estévez, Carlos Méixome, Suso Vila, Álvaro Peralta, Juan Ramón Tamuxe, Judit Bernárdez, Carmen Salinero, Pilar Vela, Silvia Cernadas, Xosé Ramón Paz Antón, Marco Rivero, Rosa Vila, Antón Lois, Fernando J. Costas Goberna, Benito Vilas, Teresa Pérez e Alberte Reboreda

Periodicidade trimestral.

Departamento Comercial: revistacousasde@cousasde.com Teléfono: 626 993 480 Web e redes sociais: www.cousasde.com

redacción@cousasde.com Depósito Legal: VG 229-2019 A empresa resérvase todos os dereitos da publicación, sen que poida reproducirse total ou parcialmente o seu contido, sen o consentimento previo dos editores.

Distribución gratuíta en: A Guarda, Baiona, Redondela, Gondomar, Nigrán, Oia, O Rosal, Tomiño, Salceda de Caselas, Tui, Mos, O Porriño, Soutomaior, Ponteareas, Salvaterra do Miño, Bueu, Cangas, Moaña, Marín, Vilaboa, Mondariz, Mondariz-Balneario, As Neves, Pazos de Borbén, Pontevedra, Poio, Ponte Caldelas, A Cañiza, Arbo, Covelo, Sanxenxo, Cuntis, Caldas de Reis, Moraña e Vigo En Portugal: Valença, Cerveira, Caminha e Monçao

cousas de 3


EDITORIAL 4 cousas de

80 quilómetros separan os Océanos Atlántico e Pacífico á altura de Panamá. Unha distancia como de Vigo a Ourense que noutro tempo obrigaba a rodear o cono sur do continente americano.Tras 32 anos de loita contra as enfermidades, revolucións e terremotos, o 15 de Agosto de 1914 inaugurábase a Canle de Panamá: o paso que acurtaría as distancias da Terra comunicando os dous grandes océanos, o Atlántico e o Pacífico, sen necesidade de rodear as perigosas augas do estreito de Magallanes. Na súa construción participaron máis de 75.000 obreiros, dos que 9.000 eran españois, na súa inmensa maioría galegos. Concluída a obra, moitos daqueles galegos quedaron, impulsando alí a súa vida e os seus proxectos persoais e profesionais. Hoxe, máis de 100 anos despois, a Fundación Nosa Terra de Panamá proponse recuperar aquel legado proxectando entre outras accións a construcción dun monumento co que renderlles homenaxe. O encargado de facelo posible é o escultor Gonzalo Sánchez Mendizábal. A súa proposta é a de realizar un monumento de bronce no que aparecen catro homes que representan ás catro provincias galegas, que irá colocado sobre unha plataforma tamén do mesmo material. Instalarase sobre unha estrutura de granito típico de Galicia que se vai a situar á entrada da canle, na Calzada de Amador, unha vía que conecta a parte continental da cidade de Panamá con tres illas do Pacífico. Este fito histórico foi moito máis que unha prodixiosa obra de enxeñería, foi tamén un acontecemento que cambiou o mundo. A súa construción converteuse nun drama tan devastador que, exceptuando os conflitos bélicos, constituíu o esforzo máis custoso da Historia en vidas humanas e diñeiro. En COUSAS DE fixémonos eco desta iniciativa e tamén de parte desta extraordinaria historia da maior obra de enxeñería emprendida nunca e na que participaron miles de galegos que migraron por un xornal de 10 pesetas e na que moitos deles deixaron a súa vida.

Detalle da maqueta onde os traballadores abren a fenda da canle a pico e pa. (Xentileza F. Nosa Terra)


cousas de 5


PÁXINA 6 / OPINIÓN

MÚSICA E MUSEOS CATEDRALICIOS por Suso Vila, Dr. en Historia da Arte Na catedral de Tui figuran numerosas representacións musicais. O comprobamos recentemente en Música no Claustro no seu foro de instrumentos. Esta presenza artística da música reflicte a súa importancia na liturxía catedralicia. Non só debemos fixarnos na potencia dos órganos realizados en 1714 senón tamén nos pequenos detalles, os gaiteiros representados no retábulo da Expectación ou na caixonería da Sacristía, un xeito de sacralizar a música popular presente nalgunhas celebracións como o Corpus Christi ou a Natividade. A música da festa asociaríase no barroco con escenas como a adoración dos pastores das que contamos con varios exemplos na catedral e no museo diocesano, era un xeito de achegar ou ligar o mundano co sagrado. A catedral posúe un espazo propio para a música, o cadeirado do coro, até 1954 na nave central. O coro non só eran as voces era tamén a orquesta que acompañaba aos órganos nun exercicio de esplendor musical barroco. Instrumentos como os fagots, os oboés, as chirimías ou os violíns formaban parte desta riqueza sonora. Recentemente coñecimos a investigación de Oli Xiráldez coa identificación dun dos fagots da catedral como feito polo mestre italiano Carlo Palanca, un dos mellores no seu momento. Este achádego súmase ao oboe do inglés Thomas Stanesby senior e que está sendo estudado por David Garrido. Son dous instrumentos do primeiro terzo do século XVIII dos que se conservan poucos no mundo, son pezas extraordinarias probablemente encargadas polo mestre Matías García Benayas baixo o patrocinio do bispo Ignacio Arango y Queipo. O insólito destas pezas precisa tamén dunha musealización á súa altura no contexto artístico da catedral de Tui. Os instrumentos conservados deberían estar acompañados dalgunhas das representacións artísticas como os medallóns barrocos con imaxes de gaiteiros ou o bargueño do século XVIII cun músico tocando a viola expostos no Museo Diocesano. Ademais o vello facistol do coro debería voltar a un lugar accesible e non remoto como a torre de Santo André, así acompañaría a exposición dalgúns dos cantorais gardados no arquivo catedralicio tal e como xa estivera no seu momento no museo catedralicio. E por qué non, contar coa reproducción dalgunha gaita tradicional para voltar a ligar a música sacra e a popular que ficaron representadas en tantas obras artísticas da catedral. O futuro museo catedralicio e diocesano debería establecer prioridades para determinados temas sobre todo cando os mesmos explican ou ofrecen unha lectura diferente do edificio catedralicio, un percorrido con máis detalles que ofrezan aos visitantes unha comprensión histórica e artística moito máis ampla e clara da catedral e a súa diócese.

C Músico tocando a viola, s. XVIII, detalle dun bargueño (Museo Diocesano)

6 cousas de

C Gaiteiro na Adoración dos pastores, San Paio de Navia, s. XVIII (Museo Diocesano)

C O obóe e un dos fagots (Museo Catedralicio )


VIVE BAIXO MIÑO

cousas de 7


RÍAS BAIXAS

“TECNOLÓXICAS”, O PROXECTO DE ASIME E DA DEPUTACIÓN PARA ACABAR COA FENDA TECNOLÓXICA DE XÉNERO

O programa se marca a meta de mentorizar a 100 mulleres para ser emprendedoras e profesionais tecnolóxicas e insertarse laboralmente en empresas do sector

Situar a Galicia á cabeza da loita contra a fenda tecnolóxica de xénero, xerar unha cultura do talento feminino tecnolóxico para enriquecer o tecido industrial, e dar visibilidade e información para fomentar o número de mozas que elixen carreiras STEAM son algúns dos obxectivos de “TecnoLóxicas”, o ambicioso proxecto impulsado por Asime e a Deputación de Pontevedra que presentaron a presidenta Carmela Silva, Enrique Mallón, director xeral da Asociación, e a CEO de Itera Técnica, Lorena Rosende. Un acto no que coincidiron na necesidade de crear co programa “este selo de igualdade de talento na tecnoloxía”. “TecnoLóxicas”, que optará aos Fondos Next Generation como programa enmarcado na igualdade como eixo prioritario nos obxectivos marcados por Europa, se presentou con stand propio na Feira MIndTech o pasado setembro en Vigo e chega para provocar un impacto real de concienciación e cambio de paradigma social. O programa márcase como meta a mentorización directa de 100 mulleres que serán emprendedoras tecnolóxicas ou profesionais altamente cualificadas para insertarse laboralmente de forma directa en empresas do sector. A presidenta da Diputación, Carmela Silva, expresou a súa emoción por este “potentítismo proxecto que non ten ningunha asociación empresarial nin institución, cunha iniciativa que ademais naceu precisamente da idea dunha muller tecnóloga da propia Asociación Asime”. Silva insistiu na súa preocupación polas baixas matriculacións de mulleres en carreiras e formacións técnicas e o feito de que só o 27.5% do emprego tecnolóxico sexa ocupado por mulleres. “O emprego do futuro e o emprego de calidade vai ser tecnolóxico, non podemos excluír ás mulleres, que somos o 50% da poboación”, afirmou. Para Enrique Mallón, “TecnoLóxicas” ten unha “sensibilidade especial que nos emociona”. “É un proxecto histórico que vai iniciar unha tendencia no que atinxe ao traballo a favor do emprego tecnolóxico feminino e na capacitación da muller no eido industrial e empresarial”. En palabras do director xeral de ASIME, marca un punto de inflexión na busca da igualdade ao “partir unha lanza a favor do emprego e talento feminino, algo que é absolutamente necesario, e rachar, polo menos en parte, coa fenda de xénero no mundo da empresa e a tecnoloxía”.

8 cousas de


Lorena Rosende, unha das impulsoras do proxecto, definiu a súa presenza en “Tecno Lóxicas” como “unha honra, un privilexio e unha obriga”. A CEO de Itera Técnica, lamentou que os datos de empregabilidade das mulleres no sector tecnolóxico son unhas cifras “dramáticas e, recalcou que cada ano van a peor, algo que é moi preocupante de cara ao futuro posto que os empregos de calidade van a ser tecnolóxicos e estase excluíndo ás mulleres”. Rosende falou das iniciativas que xa se están a facer neste eido e resaltou a necesidade de “afondar e de acadar un compromiso coa contratación de mulleres e a creación de referentes nestas empresas”, un fito que se acadará co programa “Tecno Lóxicas” e que se aportará o “nesgo feminino nalgo tan importante como é a tecnoloxía que convive con nós as 24 hora do día”.

“TecnoLóxicas” está baseado en tres piares: a formación, a orientación e a aceleración. No eido da formación con contidos que responden ás demandas reais do mercado para estudantes e tituladas en Rama técnica de FP e carreiras técnicas universitarias. Esta formación será gratuíta e incluirá prácticas en empresas que accederán a un distintivo de calidade e recoñecemento de Responsabilidade Social Corporativa. Na mentorización as estudantes serán tuteladas por perfís técnicos femininos do sector, o mellor incentivo para que as participantes vexan viable e posible acceder ao mercado laboral e desenvolverse profesionalmente. Tamén haberá accións de sensibilización con referentes locais para eliminar os estereotipos sobre o acceso das nenas ás STEM e profesións tecnolóxicas. Finalmente, na última fase se lanzará unha aceleradora cunha selección de 10 proxectos que serán financiados para contribuír á súa viabilidade e farase unha amplo programa de difusión daqueles casos de éxito que poidan xurdir nesta fase.

A iniciativa, que optará a recibir axudas do fondo Next Generation da UE, pretende dar visibilidade e fomentar a presenza das mulleres no mundo das tecnoloxías e as titulacións STEM, ademais de impulsar a súa contribución ao enriquecimieto do tecido industrial.

cousas de 9


ENOTURISMO

TERRAS GAUDA AVANZA NO PROXECTO INTERNACIONAL DE ROBÓTICA, INTELIXENCIA ARTIFICIAL E BIG DATA PARA MELLORAR A SUSTENTABILIDADE A ADEGA ESTÁ COMPROMETIDA EN PRESERVAR O SEU LEGADO VITIVINÍCOLA E POÑER EN VALOR AS VARIEDADES AUTÓCTONAS, COAS QUE ELABORA OS VIÑOS DE MARCADA SINGULARIDADE TERRAS GAUDA, ABADÍA DE SAN CAMPIO, TERRAS GAUDA ETIQUETA NEGRA E LA MAR Terras Gauda continúa avanzando nos proxectos de investigación que ten en marcha para aumentar a sustentabilidade no viñedo e reducir a súa pegada ambiental. Recentemente desenvolveu a primeira proba do proxecto de cooperación internacional de robótica, intelixencia artificial e big data. O viñedo da adega foi o campo piloto elixido en España para realizar este ensaio, que consistiu en comprobar como o sistema de robots deseñado no marco de FlexiGrobots, un consorcio formado por 16 empresas e 8 grupos científicos de oito países, complementa e serve de apoio aos vendimiadores nun dos momentos cruciais do ano: a vendima. A verificación realizouse co apoio de drons, que facilitaron imaxes aéreas en tempo real sobre o estado sanitario das parcelas e dos acios. Nunha próxima fase, os robots terrestres, equipados con sensores e visión artificial, serán programados para acudir aos lugares concretos nos que hai que intervir, unha vez que ratifiquen que a información e as imaxes recibidas son correctas. Unha das principais vantaxes da utilización de robots de observación vitícola é que a aplicación de tratamentos localizados permitirá, entre outras cuestións, xerar impacto positivo na conservación da contorna. O emprego da robótica no viñedo permite acurtar os tempos e iniciar con maior rapidez os procesos que se seguen para a elaboración dos viños, o que redunda nunha mellor calidade. Unha das súas funcionalidades é o traslado das caixas coas uvas xa colleitadas polos vendimiadores desde as liñas de espalderas ata a cabeceira, onde as recolle un remolque para o seu traslado á adega. Así mesmo, incide positivamente na prevención de riscos laborais, xa que reduce o peso da carga aos traballadores. Neste sentido, o obxectivo que se persegue é a coordinación e perfecta interactuación entre o robot e o equipo humano. 10 cousas de

“O noso interese é aplicar a ciencia á viña para mellorar en sustentabilidade e eficacia, combinando o bo facer e a profesionalidade do equipo humano coas posibilidades que nos achegan a intelixencia artificial, a robótica e o big data en canto a innovación e eficiencia. Con este obxectivo incorporámonos como socios deste consorcio internacional que impulsamos 16 empresas e oito grupos científicos de España, Países Baixos, Bélxica, Finlandia, Alemaña, Lituania, Serbia e Letonia”, explica Emilio Rodríguez Canas, director enolóxico de Terras Gauda.


O proxecto está liderado por ATOS e financiado con 7 millóns de euros polo programa marco europeo Horizonte 2020. O consorcio internacional traballa na actualidade en perfilar unha ferramenta que permita realizar operacións coa máxima precisión, de forma moi delimitada, para poder adoptar decisións inmediatas baseadas na evidencia dos datos. A interrelación e interpretación destes datos obtidos mediante intelixencia artificial é de gran valía xa que proporcionará coñecementos moi exactos sobre os estados da vide e dos diferentes terreos para determinar cales son os coidados precisos en cada momento.

“En Terras Gauda contamos con 160 hectáreas de viñedo propias, con parcelas moi diferenciadas, nas que cultivamos Albariño, Caíño Blanco e Loureiro. Ter toda esta información significa un importante avance na optimización de recursos e unha mellora da sustentabilidade e da calidade da uva para a produción”, sostén Emilio Rodríguez Canas.

Bodegas Terras Gauda está comprometida con preservar o seu legado vitivinícola, poñer en valor as variedades autóctonas e crear viños de marcada singularidade, apegados ao terruño, nos que se identifica a súa orixe: o Val do Rosal. Apostar polo I+D+i sempre foi o camiño elixido para a diferenciación, desde que hai xa dúas décadas emprendeu o proxecto de selección clonal de uva Albariño en colaboración coa Misión Biolóxica de Galicia-CSIC, ao que seguiron a certificación de tres patentes e novos estudos, como o de recuperación do Caíño Blanco, variedade que practicamente desaparecera. Con presenza en máis de 60 mercados internacionais, comercializa os viños Terras Gauda, o seu buque insignia, o 100% Albariño Abadía de San Campio, Terras Gauda Etiqueta Negra e La Mar.

cousas de 11


SEGURIDADE VIARIA

“NA ESTRADA SOMOS PEZAS FRÁXILES” A NOVA CAMPAÑA DE CONCIENCIACIÓN PARA MELLORAR A SEGURIDADE VIARIA

A XUNTA DE GALICIA TEN EN MARCHA UNHA CAMPAÑA DE CONCIENCIACIÓN EN SEGURIDADE VIARIA QUE TEN COMO OBXECTIVO LEMBRARLLES, TANTO AOS PEÓNS COMO AOS CONDUTORES, QUE “NA ESTRADA SOMOS PEZAS FRÁXILES” En Galicia reduciuse significativamente a cifra de mortos en accidentes nos últimos anos, pasando dos 144 falecidos en 2011 aos 90 rexistrados en 2019. Con todo, desde a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade apuntan que estas cifras continúan sendo inasumibles. Por iso é polo que o novo Plan de seguridade viaria 2021-2025 ten como lema “Visión cero”, en referencia á eliminación total dos mortos en accidentes, un obxectivo que require da implicación de todos. Nese obxectivo a campaña dá continuidade a outras previas, centradas en usuarios vulnerables, como os ciclistas, ou na alerta sobre os riscos das distraccións ao volante. Co lema “Mirar por min é mirar por todos”, a campaña lembra que, ademais de protexerse do virus, os cidadáns deben previr o risco de accidentes, adoptando unha serie de medidas que supoñen coidar dun mesmo, pero tamén do resto de usuarios da estrada. A primeira fase da campaña comezou o 22 de xullo e durante tres semanas centrou a súa atención nos peóns, lembrándolles a necesidade de empregar pezas reflectoras, de camiñar pola esquerda da estrada sempre que non exista senda ou beirarrúa, ou de escoller o lugar máis seguro para cruzar. Retómase a partir de outubro poñendo o foco nos condutores, que co cambio de estación deben adaptar a súa circulación ás condicións climatolóxicas e asegurarse de que o vehículo se atopa no estado adecuado. 12 cousas de

Novo Plan galego de seguridade viaria 2021-2025: “Visión 0” Finalizado o período de vixencia do actual Plan de Seguridade Viaria 2016-2020, a Axencia Galega de Infraestruturas comeza a elaborar un novo Plan de Seguridade Viaria 2021-2025. O novo Plan enmárcase nas estratexias actuais de carácter nacional e internacional de seguridade viaria e na aplicación dos principios de Visión Cero para a redución de vítimas e falecidos por accidentes nas estradas galegas. O lema que informa o plan é o da “Visión cero”, é dicir, que o horizonte buscado coas medidas que desenvolverá o Plan é o da redución ao mínimo posible das vítimas en accidentes de tráfico nas estradas galegas, de modo que nos aproximemos a un obxectivo final de cero vítimas de accidentes de tráfico. No proceso de elaboración do Plan prestarase especial atención á participación da sociedade. Así, o documento de bases será discutido cos axentes sociais e institucionais e o borrador do Plan someterase a consulta e participación pública. Tras este proceso de consulta e participación pública, elaborarase a versión final do Plan de Seguridade Viaria de Galicia 2021-2025.


Plan de Seguridade Viaria 2016-2020 Este Plan marcouse como obxectivo reducir nun 50% as vítimas mortais nas estradas galegas, con respecto ás rexistradas no ano 2011. Para iso a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade levou a cabo unha serie de actuacións en distintos ámbitos. Por exemplo, repartíronse 33.000 pezas reflectoras para peóns e para ciclistas, dos que 30.000 foron chalecos reflectores para peóns e 3.000 cortaventos reflectores para ciclistas; desde o ano 2017, impartíronse 20 cursos gratuítos de condución segura, dos que se beneficiaron 800 motoristas; e levouse a cabo unha campaña de sensibilización, dirixida a nenos de educación primaria, baixo o lema “O corazón está do teu lado”, que incluíu a elaboración e distribución de 24.000 unidades didácticas en colexios de zonas rurais de Galicia e a repartición de 13.200 dispositivos luminosos ou reflectores. Outra liña de actuación que se realizou dentro do Plan de Seguridade Viaria 2016-2020 para reducir a sinistralidade nas estradas galegas foi a eliminación de tramos de concentración de accidentes (TCA) nas estradas de titularidade da Xunta.

Mellora da seguridade para os camiñantes En colaboración coa DXT e a Federación galega de Ciclismo e dentro tamén do Plan de Seguridade Viaria 2016-2020, a Xunta elaborou un Plan de Roteiros Ciclistas Protexidos en Galicia, coa que se determinaron 10 roteiros que discorrían por estradas autonómicas galegas. Tamén se está avanzando no Plan de Sendas de Galicia, para facilitar os desprazamentos a pé ou en bicicleta e aumentar a seguridade de usuarios vulnerables das estradas.

Os obxectivos prioritarios desta iniciativa de construción de itinerarios peonís e ciclistas sostibles, seguros e integrados na paisaxe, son os de protexer e incrementar a seguridade de peóns e ciclistas, debido a que son os usuarios máis vulnerables das estradas e promover unha mobilidade máis sostible.

Mellora da seguridade, accesibilidade e integración paisaxística dos Camiños de Santiago coincidentes na traza coas estradas autonómicas. Tamén a Xunta está a actuar para mellorar a seguridade, a accesibilidade e a integración paisaxística dos Camiños de Santiago, con diferentes liñas de actuación que se seguen realizando e que suman un investimento conxunto de 17,55 millóns. As actuacións consisten, fundamentalmente, na construción de sendas para favorecer un tránsito máis cómodo e seguro dos peregrinos; na execución de muros, gabias transitables e pasarelas; na instalación de barreiras e varandas ou novos encamiñamentos; na instalación e reforzo da sinalización; ou en calquera outra actuación que sexa precisa para incrementar a seguridade nos treitos da rede autonómica de estradas coincidentes na traza coa ruta xacobea.

Traballos para disuadir aos animais das estradas. Dada a súa incidencia na sinistralidade viaria en Galicia, están a realizarse traballos para disuadir aos animais das estradas, como prismas reflectores ou repelentes olfativos, ou máis específicos, de tala e roza de marxes en dominio público viario en estradas autonómicas.

cousas de 13


DEPORTE EN FEMININO

VENTICINCO ANOS DE VELA EN FEMININO EN BAIONA O Monte Real Club de Yates de Baiona volveu a organizar a Gestilar Ladies Cup, unha competición exclusiva para mulleres que forma parte da campaña do club leva dende fai tempo para potenciar a presenza de mulleres nas competicións náuticas e que este ano celebrou as súas vodas de prata no 36º Trofeo Príncipe de Asturias Con esta xa son 25 as edicións do Trofeo Príncipe de Asturias nas que se celebra paralelamente a prestixiosa Ladies Cup, na que se dan cita algunhas das mellores tripulacións femininas do panorama nacional Seis equipos e 36 regatistas déronse cita este ano en Baiona para a Gestilar Ladies Cup. É, sen dúbida, unha das citas máis esperadas da tempada no mundo da vela feminina e que busca continuar apoiando e dar a máxima visibilidade posible ao papel da muller no deporte da vela.

C A tripulación do Erizana

Cun total de seis probas completadas a Gestilar Ladies Cup coroou á tripulación do Erizana como novas e flamantes gañadoras do prezado galardón. A tripulación comandada por Sara Carmo de Mariña Burriananova – Som Vela foi a mellor desde o principio, demostrando o seu gran potencial ao acumular tres segundos postos e dúas vitorias parciais na súa marcadora. Por detrás, e cos mesmos puntos que o Tutatis, o Ladeira de Carmen Galdós ( RCMA – RSC) acariñou o podio na cuarta posición mentres que o Silleiro de Cristina Ozores ( CN Porto de Pollença) terminou na quinta praza. Sextas foron, pola súa banda, as representantes do Club Náutico Cerveira dirixidas por Laura Gil a bordo do Bouvento. Terminada a competición, a entrega de premios puxo o broche final a unha proba cada vez máis disputada, e na que todos e cada un dos equipos pelexan desde o primeiro minuto e ata o final converterse nas novas gañadoras da competición. Javier García Valcárcel, presidente de Gestilar, foi o encargado de entregar o trofeo ás gañadoras da vixésimo quinta edición da Ladies Cup, que levaron tamén o premio especial Juan Sebastián Elcano. 14 cousas de


cousas de 15


VAL MIÑOR

BAIONA E NIGRÁN COLABORAN CON ARELA NA DIFUSIÓN DO PROGRAMA DE ACOLLIDA “CONVIVE. COMIGO” Os Concello de Baiona e Nigrán, a través de Servizos Sociais, colaborarán coa asociación Arela para facer chegar á cidadanía o programa “Convive. comigo”, de acollemento de adolescentes que están a cumprir unha medida xudicial. Así se acordou na reunión mantida pola concelleira de Servizos Sociais, Conchy Vara, coa Concelleira deste servizo no Concello de Nigrán, Bibiana Peixoto, con representantes de Arela. Arela leva traballando en Galicia desde 1998 coa infancia e a adolescencia en situación de desprotección ou de conflito social, prestando diferentes servizos. O novo programa consiste nun proceso de capacitación, valoración, formación e seguimento de persoas ou familias para convivir con adolescentes que teñan que cumprir unha medida xudicial. Esta convivencia pode articularse de diferentes formas: con outra persoa, familia ou grupo educativo. Arela busca persoas ou familias con alta sensibilidade cara á adolescencia que queiran facer unha aposta temporal por un destes mozos con dificultades. A través dun ambiente socializador e positivo permitiráselles aos adolescentes a posibilidade de modificar as circunstancias que motivaron a medida xudicial, e por tanto, que non reincidan nos mesmos feitos, comportamentos e actitudes unha vez regresen a vivir coa súa familia de orixe. Os requisitos para formar parte deste programa son ser maior de idade, dispoñer dunha vivenda adecuada, estabilidade emocional, comprometerse a traballar en equipo, garantir un alto grao de dispoñibilidade e non buscar a satisfacción dun desexo de paternidade. Valorarase ter formación relacionada con ciencias sociais ou experiencia previa en programas de acollemento familiar. Na reunión acordouse a colaboración de ambos os concellos na difusión e achegamento do programa á cidadanía, coa finalidade de que poidan xurdir novas persoas ou familias interesadas nestes municipios. En anteriores campañas de difusión do CONVIVE. Comigo realizadas nestes concellos, recibiuse con interese por parte da poboación, tendo na actualidade un núcleo familiar que xa forma parte do banco de familias e que está levado a cabo unha medida de convivencia. Espérase que nesta campaña os resultados volvan ser positivos. 16 cousas de


VIVE VAL MIÑOR

cousas de 17


NIGRÁN

O CASTRO DE CHANDEBRITO OS ANTIGOS HABITANTES DE CHANDEBRITO VIVÍAN DA AGRICULTURA E DA GANDEIRÍA E C: Benito Vilas Estévez (Universidade de Vigo e Árbore Arqueoloxía) Hoxe en día vemos o castro de Chandebrito convertido nun xacemento arqueolóxico, moi diferente de como foi e puido ser cando estaba habitado e cheo de vida. Tendemos a quedarnos cos datos e darlle a importancia a que foi un castro ocupado durante 8 séculos (dende o século VIII a.C ao século I d.C) sen darnos conta do que isto significa. 800 anos de vida neste lugar de apenas 3 hectáreas (o equivalente a tres campos de fútbol) inclúe a múltiples xeracións, para facernos unha idea deste lapso de tempo basta pensar que hai 800 anos dende a actualidade en 1211 consagrábase definitivamente a catedral románica de Santiago, a maior parte da Península Ibérica estaba controlada polos árabes e aínda faltaban case 300 anos para o descubrimento de América. As escavacións arqueolóxicas que se están levando a cabo resultan extremadamente interesantes e tentan botar luz precisamente sobre este lapso de tempo; a vida cotiá da comunidade do antigo Chandebrito; sobre os seus costumes; o seu xeito de vida e a súa evolución. Sabemos, por exemplo, da existencia da agricultura e da gandería no entorno do castro. Durante a Idade do Ferro coñecíase o arado de pau, que foi logo substituído polo de ferro que chegou da man dos romanos. Neste contexto era moi importante a cabana gandeira de cabras e ovellas, sendo animais dos que se atopan moitos restos na dieta galaica da época (escaseando curiosamente o porco e a tenreira, totalmente ó contrario que agora). As casas non se limitaban ó interior das murallas como se soe pensar, senón que moitas veces as podemos atopar tamén ó seu redor. No propio Chandebrito continúa existindo a tradición oral da existencia destas vivendas na parte baixa do castro, onde a xente fala da existencia das “cortes vellas”. 18 cousas de

O Castro de Chandebrito foi oficialmente escavado no 2008 nunha pequena intervención que permitiu situalo como habitado entre os séculos VI a.C ao II a.C, sen embargo, a nova investigación realizada por Árbore Arqueoloxía amplía a ocupación do VIII a.C ao I d.C. É dicir, ten a súa orixe a finais da Idade de Bronce, nos inicios da cultura castrexa que tres séculos máis tarde se espallaría por toda Galicia dando lugar á maioría dos asentamentos coñecidos.

Esta segunda actuación, realizada este ano conforme á propia autorización de Patrimonio, supuso deixar a vista un tramo de aproximadamente 110 metros cadrados de muralla localizados na terraza superior e que xa quedara parcialmente á vista nas escavacións promovidas desde o Concello no 2019 nos 58 metros cadrados lindeiros, onde se atoparon tres construcións diferentes e outras dúas murallas a maiores. Polo tanto, a nova exhumación permite apreciar mellor a natureza do Castro como recinto típicamente fortificado.


Pero non todo era cabanas gandeiras, casas, murallas e actividades de traballo e defensa, senón que tamén existía tempo para o ocio, a diversión e a crianza dos nenos. Na intervención de principios do 2019 atopouse unha “canica” de cerámica, moi posiblemente de época xa romana (do século I a.C ao século I d.C), que se correspondería cunha peza para xogar, e que nos permite imaxinar unha escena na que poucas veces pensamos, as actividades de ocio e o lecer. A maiores, eran xente tamén preocupada pola súa estética ou por establecer diferenzas sociais entre eles, deste xeito contamos cun exemplo magnífico no castro de Chandebrito onde foron localizadas diferentes doas (contas de colar) de pasta vítrea de orixe fenicia, o que a súa vez nos fala da conexión e comercio cos pobos do mediterráneo deste lugar no séculos V e IV a.C. Do mesmo xeito, este gusto pola estética tamén podemos localizalo na cerámica, onde quedaron grabados diversos motivos. Unha peza moi habitual tamén son as fusaiolas, pezas que se colocaban ó extremo do fuso para proporcionar a inercia necesaria para fiar fibras como a lá. As fusaiolas están abundantemente documentadas no castro de Chandebrito, e lévannos á imaxe da muller fiando, que sería moi cotiá nesta época.

Foron atopadas decenas de pezas (fusos de fío, pedras de afiar, pezas de metal, unha canica...) e os miles de fragmentos de cerámica de diferentes épocas da Historia e moi ben conservadas, algunhas delas con decoración profusa (apareceron desde ánforas romanas ou fenicias que certifican o comercio dos habitantes de Chandebrito cos pobos mediterráneos a cerámica propiamente castrexa).

Por tanto, mais que un xacemento fortificado e de carácer guerreiro, mais ben podemos pensar o que amosa a seguinte ilustración sobre o castro de Chandebrito e que podería ser unha instantánea dun día calquera na aldea, con adultos e nenos desenvolvendo as súas actividades.

cousas de 19


A GUARDA

ORPAGU, 25 ANOS PARA LIDERAR EUROPA E CAPITANEAR A VANGARDA PESQUEIRA COS EXOESQUELETOS O milagre de que A Guarda, localidade galega de algo máis de 10.000 habitantes, sexa o referente europeo do palangre de superficie ten moito que ver co paso adiante que en 1995 deron 15 armadores ao constituír unha organización profesional, Orpagu, que representase os seus intereses: os dunha frota dirixida agora ao peixe espada tras pescar pescada en Marrocos durante a década dos 80, ata que o caladoiro deixou de ser rendible. Festexar ese exitoso cuarto de século de vida foi o obxectivo dos actos de aniversario que mobilizaron hoxe á cidadanía guardesa ao redor dun dos seus referentes e que contou co apoio de institucións pesqueiras de España e Portugal. Na memoria, aquel 31 de agosto de 1996 no que nacía xa de forma oficial a Organización de Palangreiros Guardeses ( Orpagu) con 78 barcos e unha estrutura adaptada ás necesidades das súas empresas asociadas, maioritariamente de carácter familiar. O seu primeiro obxectivo foi o uso dos fondos europeos para a renovación dos barcos. Neses anos, desde Orpagu tramitáronse os expedientes de construción dunha vintena de novas unidades e a modernización de practicamente toda a frota do grupo. En Bruxelas xa empezaban a fixarse nesta pequena localidade galega. Nestes 25 anos, Orpagu converteuse na organización de palangre de superficie máis importante do continente cun volume de produción conxunta, entre os asociados galegos e portugueses, que supera as 5.000 toneladas anuais de peixe espada, unha facturación por encima dos 60 millóns de euros e máis dun milleiro de empregos directos. Nisto ten moito que ver a unión da Guarda con Portugal, iniciada formalmente en 2017 coa adhesión da primeira empresa pesqueira lusa, o que conferiu a Orpagu a categoría de organización transnacional. Esta relación fortaleceuse en 2020 coa alianza estratéxica con Vianapesca, a Cooperativa de Armadores de Pesca Artesanal de Peniche e a Asociación de Armadores de Peniche. Desta forma, aos 39 palangreiros da Guarda uníronse outros 40 portugueses que, desde ese momento, realizan as súas descargas no porto de Vigo. De Orpagu saíu o deseño dun dispositivo ‘salvatortugas’, para garantir a supervivencia das que capturan accidentalmente, así como o liderado do proxecto Obepal, que ten como obxectivo a estandarización da metodoloxía de observación electrónica pesqueira monitorada como alternativa e complemento á presenza de observadores físicos a bordo, pero mantendo a mesma fiabilidade. Da vela ríxida aos exoesqueletos, sempre na vangarda Pero, sen dúbida, unha das iniciativas máis ambiciosas da organización guardesa foi a súa aposta por un proxecto pioneiro para conseguir maior eficiencia enerxética nos barcos, potenciando o uso do vento para reducir o gasto de combustible e as emisións contaminantes. Así, o pasado mes de xuño, o palangreiro “ Balueiro Segundo” converteuse no primeiro pesqueiro do mundo en navegar cunha vela ríxida, un dispositivo de 12 metros de altura dotado dun sistema de control autónomo co que esperan contribuír á redución de emisión de gases. Coincidindo co 25 aniversario, Orpagu fixo realidade outro dos seus soños: contar cunha infraestrutura propia que lle permita pechar o círculo da súa actividade, desde a captura á comercialización, pasando polo proceso de transformación e produción. A compra dunha parcela de máis de 7.000 metros cadrados en Tui permitirá construír unha planta frigorífica cunha capacidade de almacenamento de 3.000 toneladas de peixe e unha aula de I+D para desenvolver novos produtos. Toda esta información conforma a exposición organizada con motivo do 25 aniversario. Os 10 tótems exhibíronse no Paseo Marítimo da Guarda 20 cousas de


A GUARDA PRESENTA O PROXECTO DA NOVA BIBLIOTECA MUNICIPAL Estará situada nos baixos do Centro Cultural e contará con dous espazos diferenciados para diferentes tipos de públicos e usos, a zona infantil e a zona de lectura. O Concello da Guarda, a través do alcalde, Antonio Lomba, ven de presentar o proxecto da nova Biblioteca Municipal, que estará situada nos baixos do Centro Cultural e contará con dous espazos diferenciados para diferentes tipos de públicos e usos. O proxecto posibilita a recuperación do entorno social e cultural, a través do mundo da lectura. A modificación das tres salas da planta baixa do edificio do centro cultural da Guarda consegue un espazo pensado para as actividades interactivas, protagonizado pola lectura e enfocado ao ocio. Un lugar onde pequenos e maiores son libres en movemento e forma. Desfacémonos dos conceptos preestablecidos e abrimos paso á imaxinación. Cambiamos o silencio destes espazos por o son dos sorrisos, a conversa e en definitiva da actividade en convivencia, non é unha aula de estudo, é un espazo vivo e activo. O proxecto divídese en dúas áreas, a zona infantil cun forte carácter imaxinativo capaz de captar a atención dos máis pequenos, ofrecendo un espazo onde a lectura e o xogo son un, e un espazo de lectura deseñado para o público xuvenil e adulto, confortable e informal. Espazos para ser vividos onde os libros son a principal alternativa de ocio, pero se mesturan nun lugar para a actividade e a interacción social. Falamos da nova biblioteca da Guarda, como un espazo que se mostra na oferta cultural da zona como algo máis que un servizo de consulta ou recollida de libros, falamos dun punto de encontro para a poboación, un espazo de conexión, un servicio de eles e para eles. A aula de estudio existente, manterase ante a alta demanda por parte do alumnado que prepara oposicións e exames e que emprega este espazo de xeito habitual, cun alto índice de uso nestes tempos de pandemia. O proxecto da nova biblioteca conta xa con crédito orzamentario e atópase xa en inicio de contratación.

cousas de 21


PESCA

GALICIA PRESUME DE DIETA ATLÁNTICA COS MELLORES PEIXES E MARISCOS

A Xunta lanza unha nova campaña para promover a venda de produtos do mar e recoñecer a labor de mariñeiros e mariscadores durante a pandemia

Sobre gustos non hai nada escrito, pero de seguro que, busques o que busques, nas rías galegas pódelo atopar. Preto de 300 especies, que van desde peixes ata mariscos, crustáceos, algas ou equinodermos, enchen a despensa galega e dan continuidade a un dos oficios máis tradicionais e representativos de Galicia: o sector pesqueiro, integrado por milleiros de profesionais que traballan arreo para que nas nosas cociñas nunca falten produtos frescos e de calidade. A eles, aos produtos que nos ofrece o mar e aos mariñeiros que, nalgúns casos arriscan as súas vidas para capturalos, vai dedicada a campaña que puxo en marcha a Xunta este verán: “Galicia sabe amar”. Con estas tres palabras, o Goberno galego busca animar a cidadanía a consumir os produtos do mar, impulsar a súa venda e pór en valor o labor dos mariñeiros e mariscadores. Xogando coa retranca galega e cos dobres sentidos, “Galicia sabe amar” traslada a importancia de consumir produtos do mar para ter unha alimentación saudable así como o feito de que mercar peixes e mariscos é unha decisión intelixente e un hábito que forma parte da identidade dos galegos. De maneira que, se no Levante presumen da dieta mediterránea, en Galicia hai motivos dabondo para enxalzar a atlántica e os mellores embaixadores dela son os milleiros de profesionais que se adentran no mar na procura dos manxares que ofrece a costa galega. De feito, a campaña “Galicia sabe amar” vai máis aló de promover o consumo de produtos do mar e serve tamén como agradecemento ao sector marítimopesqueiro galego polo importante esforzo realizado durante a alerta sanitaria polo coronavirus, na que aumentou a demanda de produtos do mar por parte dos fogares ao tempo que caía na hostalería e na restauración como consecuencia das distintas restricións aprobadas para frear os contaxios. Malia esa situación, boa parte dos profesionais do mar seguiron traballando arreo, incluso cando non lles era rendible, para ofrecer produtos da calidade ao resto da sociedade nunha mostra máis de solidariedade e amor cara ao conxunto da cidadanía.

22 cousas de


A estratexia desenvolvida polo Executivo galego pretende facer un chamamento á compra e consumo de peixes e mariscos pois esa elección terá beneficios para todos e todas. Pero esta non é a primeira vez que a Xunta enxalza os produtos do mar de Galicia. A campaña “Galicia sabe amar” é a herdeira de “O mar que nos move” e “O noso mar, marca”, para poñer o acento na calidade e gran variedade de produtos saídos do mar cos que conta Galicia, que namoran a todo aquel que os proba en calquera dos seus formatos. Frescos, conxelados ou transformados; cociñados no fogar ou nos restaurantes máis exclusivos, as posibilidades son infinitas. Complementariamente, a Consellería de Mar tamén fai un esforzo para descentralizar o consumo de peixe da poboación adulta e trasladar os seus beneficios aos máis cativos e á xeración millennial. Para iso, integradas na campaña “Galicia sabe amar”, están en marcha outras iniciativas máis específicas dirixidas á poboación infantil ou centradas nas redes sociais como “Fai click ao teu bocata”, “Ti si que es un bo peixe” ou “Vai de peixe”. A elas engádense tamén outras como a marca de calidade “pescadeRías, de onde se non?” ou campañas puntuais para promocionar os produtos de tempada, como o bonito do norte. “Galicia sabe amar” recorre ao amor para chamar a atención dos cidadáns e, para seguir nesta liña, quen mellor para presentar a campaña que o humorista David Amor. Amor foi o encargado de conducir o evento de inauguración da campaña, ao que asistiron representantes do sector pesqueiro e marisqueiro, da industria de transformación dos produtos do mar e das principais empresas de distribución da comunidade. E dicir, ante todos os que fan posible que nas despensas dos galegos e galegas nunca falten os produtos, tan frescos como variados, que nos ofrece o mar.

cousas de 23


SALCEDA DE CASELAS

A MÚSICA TRADICIONAL NEXO DE UNIÓN EN SALCEDA

SALCEDA DE CASELAS TEN SIDO CONSIDERADA, DENDE SEMPRE, TERRA DE MÚSICA, E A MÚSICA TRADICIONAL NON É ALLEA A ESTA RIQUÍSIMA REALIDADE, CON GRUPOS CONSOLIDADOS NA PRÁCTICA TOTALIDADE DAS PARROQUIAS, E CON DUCIAS DE PERSOAS COMPARTINDO ESTA FERMOSA AFECCIÓN.

E C: Tere Pérez. Directora da Agrupación Gaiteira de Salceda Recollendo esta riqueza, fai unha década botamos a andar a modo de experimento a Agrupación Gaiteira de Salceda, que pretende (e consegue) agrupar a persoas de diferentes idades, procedencias e ideoloxías, co lazo en común do amor pola nosa música, e co obxectivo único de desfrutar tocando e compartindo momentos de confraternización cada verán. Porque esa é a maior peculiaridade desta curiosa agrupación, o feito de que se reúna exclusivamente unha vez cada ano para participar no Estourazo de inicio das Festas do Cristo, e poñer a nota festiva horas antes dese momento. A gaita é, sen dúbida, o instrumento que mellor nos representa, e ver cada ano como ducias de persoas se reúnen e, o máis importante, como se axudan sen esperar nada a cambio, tan só para que o proxecto saia adiante, é dende logo unha satisfacción das máis grandes que nunca puidese imaxinar. Porque esa é a única ideoloxía desta agrupación: quen sabe un pouquiño máis axuda a quen sabe un pouquiño menos, e quen sabe un pouquiño menos aprende cada día de quen sabe un pouquiño máis, formando así unha fermosa banda de iguais, na que ninguén é superior a ninguén, a pesares da disparidade de niveis que podemos atopar. A gaita, un dos instrumentos máis difíciles de afinar, ou cando menos dos que require máis tempo para facelo de xeito correcto, un dos instrumentos que máis sufre os cambios de temperatura e que menos soporta as temperaturas extremas, cada ano en pleno mes de xullo e cunhas temperaturas de máis de 30 grados enche as rúas da vila de Salceda de música tradicional e da mellor das festas. E faino do mellor xeito posible, na compaña de ducias de percusionistas (tamboriles, bombos e pandeiretas), chegando a contar con máis de 70 persoas nalgunhas das edicións, e conseguindo incluso saír á rúa nestes anos de pandemia, sen que sequera a Covid conseguise botar abaixo o proxecto. Xente de Salceda de Caselas, pero tamén xente de Salvaterra de Miño, Ponteareas, Porriño, Vigo, Cangas e outros Concellos, que forman parte de ducias de grupos tradicionais, achéganse cada ano a Salceda para participar nunha cita que xa se ten convertido en imprescindible.

24 cousas de


A Agrupación Gaiteira de Salceda fuxe dos estereotipos das bandas de gaitas que en moitas ocasións se erixen (ou as erixen) en representantes de Galicia cuns vestiarios, uns instrumentos e incluso uns xeitos de desfilar militarizados que nada teñen que ver coa tradición e a cultura galegas. Estamos ante unha mostra máis de posta en valor do noso, das nosas gaitas, da nosa percusión e da nosa música, e sobre todo ante unha mostra de orgullo do noso, no que calquera persoa cuns mínimos coñecementos da música e os instrumentos tradicionais pode unirse e participar da iniciativa. Gaitas e percusións que dan tamén boa mostra da riqueza artesanal do noso País, da calidade do profesorado que tan importante laboura fai nos centos de asociacións que se preocupan pola nosa música, e da variedade de madeiras e materiais empregados na construción dos instrumentos, demostran cada ano como se poden ensamblar perfectamente a pesares das múltiples diferenzas entre eles. Permitíndonos a licenza de parafrasear aquela fermosa iniciativa da Asociación de Funcionarios pola Normalización Lingüística: “Mil festas máis para a nosa música tradicional, mil festas máis para a Agrupación Gaiteira de Salceda”.

cousas de 25


ACTUALIDADE

UN TOTAL DE 16 PROXECTOS ASESORADOS POLO GALP RÍA DE VIGO-A GUARDA RECIBEN MÁIS DE 640.00 EUROS EN AXUDAS Na primeira convocatoria de axudas do ano 2021, a Consellería do Mar resolveu aprobar as subvencións para 16 proxectos asesorados polo Grupo de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) da Ría de Vigo - A Guarda e pertencentes aos concellos de Cangas, Vilaboa, Soutomaior, Redondela, Nigrán e Baiona. As axudas superan en total os 648.000 euros e supoñen un revulsivo para o tecido económico e social da zona. Os proxectos, sete non produtivos e nove produtivos, axústanse á Estratexia de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP), coa que se busca mellorar a competitividade do sector, crear emprego, aumentar o valor engadido dos produtos pesqueiros, innovar na cadea de subministro, coidar o medio e promover a cultura mariñeira.

C BAIONA-NAVIS SIREN-

Promotor: Navis Siren, S.L. Trátase dunha iniciativa pioneira en Galicia. Un barco chárter cun deseño moderno e innovador que reúne unhas características, comodidades e superficies habitables únicas na súa categoría

C REDONDELA- CHOCO DE

REDONDELA-OSIXENAR OS BANCOS MARISQUEIROS-Promotor: Confraría de pescadores “San Juan” de Redondela **O primeiro ten como obxectivo modernizar o proceso de comercialización do choco de Redondela e visibilizar o distintivo de calidade Choco de Redondela, incrementado así o valor engadido do produto. **O segundo pretende avaliar, mediante un estudio técnico, os posibles efectos ambientais que terían lugar coa retirada de parte dunha escolleira do río Alvedosa.

C NIGRÁN-DOTAVARPromotor: CEMMA

Este proxecto contempla catro actividades: a posta ao día de toda ainformación recompilada pola CEMMA, dixitalizando documentación e actualizando as bases de datos; dotar á rede de máis medios físicos, como un conxelador, padiolas ou carriños para transportar aos animais; crear un protocolo de actuación e deseñar unha serie de materiais formativos. 26 cousas de


Proxectos non produtivos Entre as iniciativas non produtivas atópanse proxectos cuxo eixe central xira arredor do coidado do medio mariño como son os da Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños (CEMMA), que busca continuar coa Rede de Varamentos de Galicia, e o da Confraría de Pescadores San Juan de Redondela, que traballará por osixenar de xeito natural os bancos marisqueiros que están a perder produción. Por outra banda, co obxectivo de diversificar un sector enfocado ao cultivo do mexillón na Ría de Vigo, a Confraría de Pescadores San Xosé de Cangas pon en marcha o proxecto Cultav, pensado para completar en catividade o ciclo de vida da Anemonia viridis, coñecida como anémona ou ortiga de mar, e desenvolver o seu cultivo en batea. E o Concello de Baiona creará un espazo de cooperación, discusión, formación e divulgación de referencia da economía azul dende a perspectiva da cunca atlántica no marco do Proxecto Blue Atlantic Foro. A divulgación do patrimonio está presente entre os proxectos non produtivos coa iniciativa do Concello de Vilaboa coa que se quere impulsar a visibilidade das Salinas de Ulló. Así tamén figura nos plans do Real Club Náutico Rodeira de Cangas, que lidera a iniciativa Naveganta coa que poñer en valor a riqueza da Ría de Vigo e impulsar a presenza das mulleres nos deportes náuticos, e nos do Club Náutico de Cobres, que centrará os seus esforzos na promoción da diversidade da Enseada de San Simón e a práctica dos deportes náuticos dunha forma sostible. Proxectos produtivos Entre os proxectos produtivos atopamos diversas propostas que apostan pola innovación para dixitalizar e automatizar procesos, incluíndo outros novos, e modernizar a venda de peixes e mariscos, como son as de Pesciro S.L.U, Frigoríficos de Vigo S.A, Mariscos Islas Cíes S.L.U e Cíes Artesanais S.Coop Galega. Como iniciativas vinculadas á posta en valor dos produtos pesqueiros, sitúanse as da Confraría de Pescadores Virxe do Carme de Arcade, coa que se busca mellorar e comercialización da anguía procedente da pesca artesanal; a da Confraría de Pescadores San Juan de Redondela, que traballa na posta en marcha dun distintivo de calidade para o choco de Redondela; e a da Asociación de Familiares de Persoas Enfermas de Alzheimer do Morrazo (AFAMO), centrada en visibilizar a riqueza dos produtos do mar. E no relativo á promoción do patrimonio do mar desde o turismo sitúanse os proxectos de Estancias Pintans S.L.U., consistente na adaptación dunha casa mariñeira como hospedaxe, e de Navis Siren S.L., centrado na instalación“barco chárter ”dedicado ao aluguer temporal, con o sen tripulación, que, grazas ao seu moderno e innovador deseño, reúne unhas características, comodidades e superficies habitables únicas na súa categoría.

C CANGAS- Confraría de Pescadores San Xosé O seu proxecto ten como obxectivo desenvolver o cultivo en batea da coñecida como anémona ou ortiga de mar

C VILABOA – PAISAXES DE SALPromotor: Concello de Vilaboa

O proxecto Salinas do Ulló ten como base a necesidade da transferencia de coñecementos para desenvolvemento de estratexias innovadoras de promoción e posta en valor da Paisaxe do Sal de Vilaboa co fin de crear un recurso patrimonial, cultural e social sustentable que promove un turismo de calidade ao tempo que respecta e potencia os valores identitarios dunha comunidade local vencellada ao mar.

C SOUTOMAIOR-MELLORA DA COMERCIALIZACIÓN DA ANGUÍA-Promotor Confraría de pescadores “Virxe do Carme” de Arcade. O proxecto é da Confraría de Pescadores Virxe do Carme de Arcade, e o que buscan é mellorar a comercialización da anguía procedente da pesca artesanal. Esta iniciativa vén de recibir unha axuda do 75% por parte do GALP Ría de Vigo - A Guarda

cousas de 27


ACTUALIDADE

MUSEO DA CIENCIA DO VIÑO DO CONDADO DO TEA O Castelo de Dona Urraca, cuxos orixes se remontan ao século XI, acolle na actualidade, o Museo da Ciencia do Viño do Condado do Tea - D.O. Rías Baixas, un dos maiores espazos sobre viticultura e enoloxía da Península, sendo, así mesmo, un dos máis interactivos do noso país. Non é, por tanto, unha galería ao uso, senón un impoñente despregamento de medios tecnolóxicos e didácticos, que permite ao visitante mergullarse nos seus contidos tan pronto se accede ao interior. Neste maxestoso enclave, os contidos museísticos distribúense ao longo das dúas plantas do edificio. Na planta principal o visitante poderá coñecer, a través dunha retrospectiva histórica, a arte milenaria da elaboración dos nosos viños. Na planta inferior recréanse dous ambientes diferenciados: unha adega tradicional e unha adega industrial. Un espazo cheo de lendas onde tradición e modernidade danse a man. A través dunha serie de paneis, pantallas táctiles, vídeos, xogos de preguntas ou maquetas o visitante pode aprender, divertíndose ao mesmo tempo, acerca das diferentes Denominacións de Orixe que existen en Galicia, as enfermidades da uva, as variedades de uvas cultivadas, os sistemas de plantación, as técnicas de enxerto utilizadas, os labores de poda ou os diferentes procesos de elaboración dos nosos viños brancos, tintos e espumosos. Así mesmo, durante o percorrido menciónanse aspectos históricos clave dentro da historia do municipio e permítese a contemplación dos detalles arquitectónicos máis sobresalientes do castelo como son as escaleiras de caracol de dobre rampla, o pozo ou o “ vestidor” de dona Pega rabilonga.

28 cousas de

O percorrido finaliza nel, tamén, edificio histórico anexo a “Casa do Conde” coa degustación dun viño, Denominación de Orixe Rías Baixas- subzona Condado do Tea-, atalaia desde a cal se obteñen unhas vistas privilexiadas do río Miño.


O CONCELLO DE SALVATERRA DE MIÑO E A CONFRARÍA DO VIÑO DO CONDADO DO TEA E ESPUMOSOS PRESENTAN DIVERSAS ACTIVIDADES FORMATIVAS PARA O OUTONO 2021 O Concello de Salvaterra do Miño e a Cofraría do Viño do Condado do Tea e Espumosos, organizan este outono uns cursos sobre vitivinicultura e enoloxía, que serán impartidas polo formador homologado Jorge Vila e están dirixidas tanto a afeccionados e afeccionadas do mundo do viño como a profesionais do sector (persoas que se dedican ás adegas, á hostalería ou ao enoturismo). As accións formativas compoñeranse de ideas teóricas e de catas prácticas, polo que a aprendizaxe será sinxelo e ameno. O programa expoñerá as principais claves para gozar do viño en Galicia e noutras rexións vitícolas de Europa, como Portugal, Francia e Italia. O obxectivo final non é outro que entender mellor este produto histórico e saber aprecialo como se merece. As clases comezarán en outubro e desenvolveranse ata comezos do próximo ano. A continuación poderás atopar toda a información desta oportunidade para coñecer o Museo dá Ciencia do Viño dunha forma moi diferente.

1.Curso: “Iniciación á Cultura do Viño” 2 sesións, 3horas cada unha. 13 e 20 de outubro de 2021. (mércores) *12 viños a catar Matrícula 50 euros IVE incluído 2.Curso: “Viños de Galicia e Portugal” 2 sesións, 3horas cada unha. 8 e 15 de novembro de 2021. (luns) *12 viños a catar Matrícula 60 euros IVE incluído 3.Curso: “Os grandes clásicos: España, Francia e Italia” 2 sesións, 3horas cada unha. 29 de novembro e 13 de decembro de 2021. (luns) *12 viños a catar Matrícula 60 euros IVE incluído 4.Curso: WSET CUALIFICACIÓN DE NIVEL 1 EN VIÑOS 1 sesión de 8 horas. Primeiro semestre de 2022. *9 viños a catar Matrícula 195 euros IVE incluído 5.Curso: WSET CUALIFICACIÓN DE NIVEL 2 EN VIÑOS 2 sesións de 17 horas total. Primeiro semestre de 2022. *43 viños a catar Matrícula 595 euros IVE incluído

As actividades desenvolveranse de xeito presencial na Casa do Conde, edificio histórico que forma parte das instalacións do Museo da Ciencia do Viño, cumprindo coas normas seguridade e hixiene imperantes. Os alumnos recibirán, ó remate do curso un diploma acreditativo. As inscricións poderán facerse a través do enderezo electrónico: museocienciavino@concellodesalvaterra. org ou ben vía telefónica no 617.14.88.66. As prazas son limitadas.

cousas de 29


REDONDELA

OS TESOUROS PERDIDOS NO FONDO DA RÍA DE VIGO

A BATALLA DE RANDE A batalla de Rande é un dos fitos navais da nosa historia, e tamén a máis importante lenda da ría de Vigo. A batalla librouse o 23 de outubro de 1702 entre as coalicións anglo-holandesa e hispanofrancesa, durante a Guerra de Sucesión Española. Os galeóns españois chegaron á ría de Vigo cargados co maior tesouro que xamais cruzara o Atlántico: ouro e prata, xoias… E aquí é onde a lenda diverxe: unha asegura que os galeóns se refuxiaron na Ensenada de San Simón, onde foron atacados coa carga aínda no seu interior; outra afirma que os tesouros desembarcaran xa…, aínda que seguen as dúbidas, de onde. Desde entón ata hoxe, realizáronse centos de inmersións nas augas da ría de Vigo en busca do tesouro. Sen ir máis lonxe, en 2011 localizáronse e identificáronse 6 restos de naufraxios máis relacionados coa batalla. O TESOURO A historia da búsqueda do tesouro comeza pouco tempo despois da batalla. Desde entón máis de 70 expedicións tentaron recuperalo e aínda continúa a lenda histórica de se eses galeóns esconden un tesouro, , algo que é tachado de mito por moitos expertos, aducindo que a documentación da época recolle a saída cara a Madrid dos tesouros, que se lograron descargar antes da batalla. Estas versións din que o Consello de Indias ordenou a descarga das riquezas e que dera instrucións precisas sobre a forma en que se debería realizar o desembarco, así como as estritas comprobacións que deberían facer. O Consello había comisionado a don Juan de Larrea este labor e o 27 de setembro xa se estaba procedendo ao desembarco: por iso, estímase que cando se produciu o ataque non quedaba xa moito nos buques salvo produtos de menor valor ( cochinilla, especias, teas, etc.). A pesar diso, diversas empresas viñéronse interesando na procura e extracción do suposto tesouro e dos galeóns. De momento non se detectaron indicios do tesouro, pero en novembro de 2007 xa se puideron ver na prensa as primeiras imaxes dos galeóns afundidos, en concreto do Santo Cristo de Maracaibo, obtidas por sónar. Aínda que a maior dificultade á hora de localizar, sondar e escavar cada pecio é a enorme cantidade de lama acumulado ao longo do tempo, xa que os ríos e regatos que desembocan na ría depositan anualmente moitos sedimentos.

Xulio Verne en Rande Jules Gabriel Verne, autor de novelas tan coñecidas como “Viaxe ao centro da terra”, “Da terra á lúa” , “A volta ao muno en 80 días” e moitas máis. Foi tamén o autor de “20.000 leguas de viaxe submarina” , obra na que o Capitán Nemo, protagonista da novela, achegábase ata Rande no seu submarino Nautilus para abastecerse dos tesouros afundidos. Nela Nemo mostra ao seu convidado o profesor Aronnox os tesouros que resplandecen á luz do Nautilus. O propio Verne visitou Vigo polo menos en dúas ocasións: a primeira o 4 de xuño de 1878, e a segunda o 21 de maio de 1884. Chegou por mar a bordo do seu iate a vapor, o Saint Michel III, legando á posteridade as súas impresións no diario de abordo . O certo é que Jules Verne converteu ao Capitán Nemo no primeiro cazatesouros da ría de Vigo. 30 cousas de


REDONDELA O CENTRO DE INTERPRETACIÓN DA BATALLA DE RANDE “MEIRANDE” SÚMASE Á REDE DE ESPAZOS MUSEÍSTICOS ATLÁNTICOS Un total de 36 museos das costas atlánticas de Galicia, Portugal e Asturias, integran xa esta rede que prevé expandirse a todo o arco atlántico europeo O Centro de Interpretación dá Batalla de Rande ( Meirande) xa forma parte da Rede de Espazos Museísticos Atlánticos (REMA), a primeira rede especializada en contidos relacionados coa cultura mariñeira atlántica europea. A solicitude de adhesión presentada polo goberno redondelano para incluír ao museo de Rande foi aceptada, xunto a outras catro novas incorporacións: o Centro de Interpretación dá Conserva dá Illa de Arousa, o Museo Muiño da Seca de Cambados, o Museo Salgadeiras de Moreiras do Grove e a “Aula do Mar” de Mera. Desta forma, un total de 36 museos das costas atlánticas de Galicia, Portugal e Asturias integran xa esta rede que prevé expandirse a todo o arco atlántico europeo. O obxectivo da rede museística é que o patrimonio material e inmaterial ligado ao mar sirva de nexo de unión entre os diferentes pobos do Atlántico de Europa. Os cinco novos integrantes xa poden participar nas distintas actividades organizadas polo proxecto.

O Meirande, moito máis que un museo A ría de Vigo garda celosamente grandes segredos, innumerables riquezas e tesouros, froito de diversas batallas entre frotas co fin de saquear mercadorías.Para lembrar, protexer e enxalzar este patrimonio escondido rehabilitouse a antiga fábrica do alemán, unha antiga conserveira do ano 1944 adquirida por un alemán afincado en Bilbao tras a súa colaboración na II Guerra Mundial cos nazis. O centro non só nos mostra posibles tesouros arqueolóxicos e culturais da época da Batalla de Rande, senón tamén parte do patrimonio industrial e histórico de Rande. Unha serie de salas recrean a época, as mercadorías, a batalla, así como certos aspectos do mundo da conserva, nunha estampa perfecta, avistando á Ponte de Rande en plena Enseada de San Simón. O centro de interpretación da Batalla e do Patrimonio Cultural de Rande, Meirande, ten a misión de sensibilizar e concienciar da enorme riqueza artística, socio-cultural e paisaxística da zona

Novos contidos culturais No marco do proxecto deseñaranse novos contidos culturais incluídos dentro da Rede REMA e difundiranse a través de seminarios e exposicións itinerantes. Estes eventos percorrerán os espazos museísticos de todos os GALP galegos. Ademais, os contidos integraranse en canles e actividades dixitais que terán como fío condutor aos membros que conforman a Rede REMA.

TURISM O

4

Un viajero distinguido trae simbólicos... (5 de marzo de 1931). El Eco de Santiago. Santiago de Compostela. 5 Un viajero distinguido trae simbólicos... (5 de marzo de 1931). El Pueblo gallego. Vigo.

cousas de 31


REPORTAXE

C Cuadrilla de traballadores españois na Serra Culebra en setembro de 1913. Este conxunto orográfico do istmo de Panamá serve de divisoria de augas entre o Pacífico e o Mar das Antillas (Atlántico). Foi atravesado polo ferrocarril interoceánico de Panamá e a canle. O paso resultou difícil de abrir polos desprendimientos de terras. (Xentileza da F. Nosa Terra)

OS GALEGOS DA CANLE DE PANAMÁ UNHA INICIATIVA RESCATA A MEMORIA DOS GALEGOS QUE A PICO E PA ABRIRON A CANLE DE PANAMÁ

E Álvaro Agustín Peralta Techera Manuel Troitiño medía 1,62 metros, pesaba 65 quilos e tiña unha verruga sobre o lado esquerdo do nariz. En novembro de 1908 traballaba para a Isthmian Canle Commission, encargada da construción da Canle de Panamá. Un pequeno carné así o acredita ante a Panama Railroad Co. Esta compañía de trens trasladou entre 1904 e 1913 os 56.307 traballadores que fixeron posible a construción desa colosal fenda que permitiu un paso navegable entre os océanos Atlántico e Pacífico. Dese total de operarios, 11.873 eran de Europa; 31.071 das Antillas; 11.000 dos Estados Unidos e 69 non clasificados, segundo datos oficiais. Nese voluminoso exército construtor, 8.722 eran galegos. Representaban máis do 70% da man de obra contratada en Europa. 32 cousas de

C Insignia da Isthmian Canle Commission que debían levar os traballadores cosida ao seu uniforme. Cada número identificaba a un traballador. Eran solicitadas para o cobro do xornal. Co tempo a picardía dalgúns que traficaban con elas fixo que a empresa as retirara. (Xentileza da F. Nosa Terra)


A presenza galega foi un reclamo e condición presentada polo pai da canle, o enxeñeiro John Frank Stevens, e defendida ante o congreso dos Estados Unidos polo entón presidente, Theodore Roosevelt. O rescate desta proeza épica a “pico e pa” é o grande obxectivo dunha fundación panameña, Nosa Terra, que, coa colaboración da Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos, o goberno de Panamá e a Xunta de Galicia, procura non esquecer esta historia. Claudio Couto chegou a Panamá en 1905. Naceu en Galicia en 1878, fillo de Basilio Couto e Feliciana Maceda. O seu carné de identidade expedido en Panamá consérvase na Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos, así como a maioría da documentación sobre a canle. Claudio integrou a lexión de galegos que John Frank Stevens reclamou ao presidente Theodore Roosevelt pola súa probada laboriosidade. Stevens coñecíaos da construción das liñas de ferrocarril en Cuba. Uns 500 galegos chegaron en 1906 desde a illa caribeña, o resto en barcos que, dende os portos da Coruña, Vigo e Santander, cruzaron o Atlántico sistematicamente a pesar de que desde 1908 o goberno español prohibiu a emigración a Panamá. O resentimento con Estados Unidos tralos enfrontamentos a finais do século XIX en Cuba e Filipinas inda estaba a flor de pel.

C Retrato do estadounidense

John Frank Stevens (1853-1943), enxeñeiro xefe da Canle de Panamá entre 1905-1907. (Wikimedia Commons)

C Mapa de Panamá e trazado da canle propiedade da Isthmian Canle Commission (Wikimedia Commons - De Isthmian Canal Commission)

C Impresionante vista do Corte Culebra -a Garganta do InfernoC Documentación de Claudio Couto

un dos tramos máis difíciles na construción da Canle de Panamá. (Wikimedi commons)

cousas de 33


C O 12 de decembro de 1908, logo

das 11 da mañá, tiveron lugar dúas explosións en Bas O Bispo (na Canle de Panamá) que dispararon de súpeto 44.000 toneladas de dinamita, arroxando homes e pas de vapor a través do Corte Culebra. O accidente matou a 26 homes e feriu a 49. As causas do incidente seguen a ser un misterio a día de hoxe. (Xentileza F. Nosa Terra).

C O diplomático e empresario francés Ferdinand de Lesseps, foi o creador da Canle de Suez en Exipto (1859-1869) inda que fracasou na apertura da Canle de Panamá (18811889). (Wikimedia commons) A selva necesita homes fortes e rudos. Di o carné de identidade de Claudio que non tiña cursado ningún grao escolar. Iso non lles preocupaba aos estadounidenses que necesitaban homes rudos para remover 336 millóns de toneladas de terra, no medio da selva atlántica, as cadeas montañosas do centro do istmo e os bosques tropicais que miran ao Pacífico. Fixérono soterrados até os xeonllos pola auga, baixo as choivas tropicais (1720 mm anuais) que tras unha caída violenta daban paso a unha calor insoportable (27º a 30º de media anual). Cumprían xornadas de 10 horas en medio dunha terra de lodo co asedio permanente de mosquitos, serpes e demais fauna das ribeiras e pantanos entre a Bahía Limón e o Río Chagres, onde tiñan que construír unha lagoa artificial, Gatún. Seguiron as terras altas, como a Serra Culebra, onde pico e pa non chegaban e debían facer uso dos explosivos para, finalmente, abrir paso no bosque tropical até a cidade de Panamá onde esperaba o Pacífico. Acotío sucedíanse os accidentes laborais provocados por explosivos, descarrilamento dos trens, a maquinaria pesada, entre outras fatalidades. E por se fose pouco, a febre amarela (vómito negro) e malaria agochábanse na selva como azoute desde a época da aventura francesa que, entre 1881 a 1894, intentou construír a canle e fracasou. Daquela, Ferdinand de Lesseps, que dirixira con éxito a apertura da canle de Suez, foi acusado de ignorar ou subestimar os perigos da rexión tropical. Aínda que os franceses non levaron unha contabilidade clara das vítimas (tampouco das finanzas arruinando a case 85.000 accionistas), un estudo do médico militar William Gorgas, que se encargou da área sanitaria da canle, estimou en 5.527 os finados durante a etapa francesa. Delas, 1.206 morreron por febre amarela e 1.368 por malaria. A principios do século XX coñecéronse os mosquitos que propagaban as febres e o goberno norteamericano mandou fumigar a selva. Igualmente as doenzas tropicais levaron a vida de case 7.000 persoas durante a década que levou a construción da canle. Como chegaron os galegos a Panamá? O reclamo de traballadores europeos de Stevens, especialmente galegos, levou á Isthmian Canle Commission a enviar axentes recrutadores. A estes sumáronse os “ganchos”, persoas que traballaban para as empresas marítimas que facían as travesías desde os portos de Vigo, A Coruña e Santander até Panamá. A precariedade laboral da época en Galicia, o imaxinario popular de “facer a América” como os indianos, e un labor un tanto mentireiro dos ganchos, que ocultaban as penurias da selva e o sistema segregacionista aplicado polos xefes e capataces estadounidenses traídos do sur escravista, lograron o obxectivo entre 1906 e 1908 de alcanzar unha boa cantidade de man de obra. Os recrutados, de non ter os cartos para a viaxe, recibían un adianto da empresa que logo llelo cobraba do seu salario. Unha xogada ben pensada, pois se os traballadores querían renunciar polas malas condicións laborais non podían facelo até pagar a débeda. Moitos optaron por escapar de Panamá dun xeito clandestino ante a imposibilidade de pagar. C A Mala Real Inglesa foi unha das empresas encargadas de levar os emigrantes

galegos a Panamá. Tamén de enviar os “ganchos” a recrutar traballadores nas catro provincias galegas. (Xentileza da F. Nosa Terra)

34 cousas de


C Grupo de traballadores españois nunha parada para comer o chourizo. Reclamo que levaron adiante cunha ameaza de parar a obra. (Xentileza da F. Nosa Terra)

C O Traballadores galegos na canle de Panamá. Entre os anos 1904 a 1908 recibiron os beneficios da categoría gold roller, igual que os “brancos” estadounidenses. De 1908 até a finalización das obras foron obxecto do sistema segregacionista aplicado co resto dos xornaleiros europeos, antillanos e nativos. (Colección de imaxes do médico militar William Gorgas. Wikimedia commons)

Segregacionismo laboral e a folga do chourizo. Juan Nogueira Álvarez, natural da parroquia de San Fiz de Brués, concello de Boborás (Ourense), era xornaleiro da canle, segundo documento do consulado español no porto panameño de Colón do ano 1912. Como o resto dos galegos, integraban a categoría silver roll onde se lles retribuía o traballo a razón de entre 32 a 38 céntimos de dólar estadounidense a hora, segundo tipo de traballo, ou un salario de 40 dólares mensuais. As categorías salariais eran unha mestura de valoracións técnicas e prexuízos racistas. Aplicaron o sistema segregacionista que imperaba nos Estados Unidos. Os “brancos” estadounidenses ocupaban o rango maior, gold roll, con mellores salarios e dereitos. Os “menos brancos”, europeos, afroamericanos, caribeños e nativos, eran relegados a unha segunda ou terceira categoría; víanse expostos aos traballos máis duros e perigosos a cambio de menor remuneración. As protestas dos españois, de ampla maioría galega, fixéronse notar en varios informes dos responsables das obras. Os traballadores víanse sometidos a situacións inxustas, como a aplicación de multas, a criterio dos capataces, ou o desconto dos días non traballados por estar enfermos ou hospitalizados. Unha que vai da anécdota á lenda foi unha ameaza dos galegos de deter as obras se non se habilitaban 10 minutos para comer o chourizo. E obtívose. Mais, segundo os historiadores, o que mantivo os galegos nas obras da canle foi a diferenza salarial con España. Daquela, unha hora de traballo na canle equivalía ao salario dunha xornada completa na península.

C Campamento de traballadores galegos en 1913 durante a construción da canle en Panamá. (Wikimedi commons)

cousas de 35


REPORTAXE Combate á morriña e fuxida. A morriña combatíase nos barracóns, que a modo de aldea levantábanse para os galegos en distintos puntos da xeografía panameña. Nalgúns casos, por razóns de distancia, os vagóns de tren pasaban a ser o aloxamento durante varias semanas. En todo caso, ademais da compañía dos paisanos, os emigrados comezaron a gozar dalgúns espazos gastronómicos abertos por ex empregados da canle, para compracer con produtos da terra. Tales foron os casos da tenda de alimentación e panadería La Española, no enclave Las Cascadas, ou as comidas servidas no Hotel del Universo. C A vida nos vagóns de trens foi motivo de moitas denuncias pola falta de espazo e as malas condicións de hixiene. (Xentileza da F. Nosa Terra)

C A tenda de alimentación e panadería La Española axudaba a combater a morriña

con produtos da terra na afastada localidade de Las Cascadas, en la zona da Canle de Panamá. (Xentileza F. Nosa Terra).

A dureza do traballo, a falta de aclimatación á selva, o choque cultural co segregacionismo estadounidense e as barreiras idiomáticas cos seus patróns levou a que moitos dos galegos decidisen abandonar Panamá. Gobernos como os de Brasil, Chile e Perú enviaron os seus propios “ganchos”, a fin de recrutar traballadores descontentos e levalos aos seus países con condicións máis vantaxosas. Calcúlase que desde 1908 a cifra de traballadores galegos descendeu a 2.500 ata o final das obras. Mentres uns decidiron retornar a España durante e logo de terminada a canle, outros iniciaron unha nova vida no istmo. Panamá converteuse no seu novo fogar no que formaron familias cuxos descendentes se manteñen como residentes e cidadáns panameños na actualidade. Como noutras partes de América, as asociacións xurdiron como un xeito de manter as tradicións da terra de orixe á vez que de manter unidos os paisanos.

C Hotel del Universo, famoso

entre os traballadores españois en Panamá pola súa gastronomía. (Xentileza F. Nosa Terra)

36 cousas de


C O 15 de agosto

de 1914, o Ancón fixo o primeiro tránsito oficial da canle, como parte das cerimonias de inauguración. (Wikimedia Commons)

C A Fundación Nosa Terra naceu

en febreiro de 2021 co obxectivo de recuperar a memoria dos galegos que traballaron na construción da Canle de Panamá. De esquerda a dereita: Manuel Pico, Ricardo Gago, Dorinda Cortizo, Ricardo Zanetti, Daniel Pichel e Juan Carlos Barreiro. (Xentileza F. Nosa Terra)

C Ricardo Gago da Fundación Nosa Terra achega unha pa orixinal das utilizadas na construción da canle de Panamá ao escultor Gonzalo Sánchez Mendizábal no seu taller de Madrid. (Xentileza F. Nosa Terra)

Rescatar a memoria dos heroes de pico e pa. Case un século despois desta historia épica, un grupo de descendentes afincados en Panamá crearon a Fundación Nosa Terra. Unha entidade cultural que procura salvar a memoria dos seus devanceiros e poñela en valor coa elaboración dunha serie de actividades e homenaxes. A primeira delas será a construción dun monumento que dentro da zona da canle recordará os obreiros cos seus picos e pas. Acompañaraos a poucos metros un tradicional hórreo para reafirmar a súa identidade. Por outra banda, realizarase unha publicación de carácter histórico co apoio da documentación aloxada na Biblioteca do Congreso de Estados Unidos, así como con achegas de familias e arquivos privados. Unha exposición itinerante, que percorrerá as Américas e España, culminará ese rescate da memoria histórica dos traballadores galegos na canle de Panamá a cargo da Fundación Nosa Terra. J

C Maqueta das esculturas

proxectadas para colocar na zona da canle. Vestidos coa ruopa de traballo, os xornaleiros terán unha altura de 1,62 m, a media dos homes da época. As estatuas de fundición de bronce sairán do taller do escultor Gonzalo Sánchez Mendizábal e colocadas no ano 2023. (Xentileza F. Nosa Terra)

cousas de 37


REPORTAXE

CORSARIOS AO AMPARO DO REI: O CORSO NO SUR DE GALICIA E C: Anxo Rodríguez Lemos, historiador e doctorando na USC ENTÉNDESE POR CORSO A “CAMPAÑA QUE FACÍAN POR MAR OS BUQUES MERCANTES CON PATENTE DO SEU GOBERNO PARA PERSEGUIR AOS PIRATAS OU A EMBARCACIÓNS INIMIGAS”. A patente de corso era entregada polo Rei e convertía ao seu propietario en corsario (non en pirata) no marco dunha actividade con fondas motivacións económicas e ben regulada dende o século XIV no Reino de Castela. C Patente de corso outorgada polo rei Carlos III. Vixente ata ben entrado o século XIX, o corso galego amparouse por un documento que lexitimaba facer “el corso contra los vasallos del Rey de Inglaterra, y con vandera española correr los mares de América sin pasar a los de Europa y apresar todas las embarcaciones proprias de los enemigos de mi Corona”. Recollíase o nome do navío, o mestre, a tonelaxe, a artillería ou a tripulación. Así figuraba nesta patente outorgada con carácter particular, como a maioría, por Carlos III en San Ildefonso o 25 de xuño de 1779. Autorizaba a defender o comercio marítimo tomando en nome do monarca calquera embarcación baixo tres tipoloxías de patente: a de represalia, por un dano anterior; a de marca, freo ao comercio alleo e a de contramarca, contra aqueles inimigos corsarios. Dende outubro de 1796 as Ordenanzas de Corso tentaron poñer a Coroa á cabeza da iniciativa privada aínda que con débiles resultados. As accións dos corsarios do sur galego seguiron chegando dende Carril, Vigo ou Baiona ata os cais de Viana, Porto ou Aveiro nos primeiros anos da centuria decimonónica. Fronte ao vello corsarismo, debido á relixión, ao longo da Idade Moderna buscouse a interrupción do comercio do inimigo, diminuír o tráfico dos navíos mercantes, abaratar os prezos e, por conseguinte, modificar os ritmos de mercado entre as nacións. Un deses exemplos, non ben parado, é o que segue.

C Vista xeral de Baiona por Eugenio Krapf. Colección do autor.

38 cousas de


La Esperanza capturada por La Golondrina: unha goleta inglesa en mans de corsarios franceses. Rompía o sol por detrás da serra do Galiñeiro. Era a mañá do oito de decembro de 1795 e no mastro da batería da torre do Príncipe de Monterreal de Baiona ondeaba a Bandeira Real por ser día da Inmaculada Concepción de María, celebrada con gran función no convento de San Francisco da vila. O porto coa súa trasfega continua tiña dende había días atracado ao corsario Quechemarín, alcumado La Golondrina, capitaneado por Guillermo Berrade, natural de Saint-Jean-de-Luz (Francia). Aproveitaba a neutralidade española no conflito anglo-francés e fuxía, supostamente, dunha fragata de guerra inglesa e outra portuguesa que lle seguían a estela. Cara a entrada da ría de Vigo, entre As Sías e A Estela de Fóra, axexaba a escuna inglesa La Esperanza, capitaneada por Juan Prousé de Teignmouth á que os franceses non tardaron en ir a darlle caza aproveitándose da súa patente. Abordárona sen tiro de canón e sen enarborar o pavillón como era costume. A presa lexitimouse como “buena” polas autoridades locais. Trala captura, a embarcación era conducida ao abrigo das rías onde se procedía á descarga e identificación dos fardos, caixas e caixóns estibados baixo cuberta, ás veces, marcados por sinais pintados ou gravados que indicaban a orixe, o propietario ou o produto.

C Marca de fardo, 1601. Archivo

Histórico Provincial de Sevilla.

Que é unha escuna? Escuna é goleta en portugués. Foi termo empregado pola Mariña castelá para referirse ás embarcacións de dous mastros co aparello formado por velas de coitelo, dispostas seguindo a liña de proa a popa e non montadas sobre vergas transversais como se fosen velas cuadras. A pesar dun menor desprazamento respecto ao bergantín, a goleta podía alcanzar gran velocidade nas súas navegacións, principalmente, de cabotaxe.

Guiados pola Torre do Príncipe... A entrada a Baiona foi guiada por unha luz. En 1567 sobre a Torre tentouse “poner en lo más alto della en anochesçiendo un farol y lunbrera que durase toda la noche para que las naos y navios que entravan en el dicho puerto viesen la entrada y siguiesen por la dicha lumbre hasta entrar en el dicho puerto” (Provisión do Consello Real, marzo de 1567)

C Modelo de goleta inglesa

mercante de 1780. National Maritime Museum, Greenwich (London)

cousas de 39


C Peiraos da Moureira, barrio de mareantes de Pontevedra. Foto Zagala, fins do séc. XIX. Colección do autor.

Sabías que... A Ponte da Ramallosa e as súas ramplas próximas convertéronse en lugar de desembarco de xentes e mercadorías en tempos de peste ou guerra e, extraordinariamente, tamén de paz. O desembarco, como boa parte dos tratos comerciais dende a Antigüidade, fíxose na ribeira. Comprar e vender era común sobre a area, dende A Ribeira ata o Cais, aos pés da ermida da Nosa Señora do Burgo ou xunto a rampla do Miñor na Ramallosa cando non “sobre el agoa”. Esta última modalidade era a preferida polos mercadores furtivos pois, a pesar de verse reducidos os prezos dos produtos, abaratábanse ou desaparecían os dereitos fiscais que demandaba a arribada. A carencia xeral de instalacións portuarias en Galicia non privou, sen embargo, do comercio ás vilas do fondo das rías, dos curso baixos ou das desembocaduras de ríos, lugares adaptados ao desembarco de mercadorías. A propia natureza acabou impedindo que os galeóns da Arousa chegasen a Padrón, os navíos a Noia e as naos á Moureira de Pontevedra onde os sedimentos do Lérez durmiron á Boa Vila e espertaron a Marín.

40 cousas de

C Detalle dunha goleta na baía de Baiona. Bayona de Galicia, 1878. Autoría: D. José Portal. Colección do Instituto de Estudos Miñoráns (IEM)


C Detalle da rúa Ibarra. Colección do autor. Lexitimada a caza da escuna, en xullo de 1796, procedeuse á venda e remate do primeiro ben de interese: o cargamento. La Esperanza viña ateigada de bacallau polo que se interesaron rapidamente “varios comerciantes y postores”. A venda fíxose ante o patrón da escuna, o cónsul inglés en Vigo don Francisco Menéndez, o corsario Berrade e o cónsul francés don Pedro Lapeire. De entre as estibas do bacallau, cento cincuenta quintais galegos quedarían para abasto dos veciños e comunidades relixiosas da vila. Pagaríaos o procurador xeral, como o resto dos poxadores, “en dinero efectivo y no en vales” logo do correspondente imposto. Á poxa acudiron os comerciantes vigueses don Manuel de la Fuente, don Pedro Abeleira e o baionés don Juan Antonio de Soto quen se compromete a pagar o quintal a cento trinta reais. Foi nomeado depositario do diñeiro o veciño do Burgo don Manuel de San Román. Despacháronse máis de setecentos doce quintais, tres arrobas e dezaoito libras de bacallau coas súas linguas e ventrescas. Custodiáronse en dous almacéns, baixo as casas de don Manuel Bugallo e dona Gabriela Leal, gardados baixo catro chaves en poder do correxidor da vila, o administrador de rendas, o corsario e o apoderado inglés.

C Grabado sobre a pesca do bacallau en Terranova, 1738

cousas de 41


Mentres tanto a goleta, ancorada na abra de Baiona, quedou ao cargo de don Antonio Ménendez Asturiano, garda da embarcación a cambio de catro reais diarios. Os gastos da presa ascenderon a máis de mil setecentos reais debidos ao pago aos patróns das lanchas partícipes na descarga durante cinco días, o seguro do cargamento con pechaduras que demandaron de ferreiro e carpinteiro, a limpeza “y cuidar de la ventilazión” dos almacéns alugados ou os pagos ás mulleres “que lo condugeron desde la horilla de la mar hasta los almacenes y a los que lo sentaron”. Os corsarios acostumaban abordar a embarcación evitando a artillería que danase o casco. Perdería valor. La Esperanza foi subastada en setembro de 1796 sendo adquirida, “buque y aparejos”, por don Juan Antonio de Soto en 18.100 reais pagos “en moneda corriente de oro, incluso un peso fuerte de plata”. Levou peixe e embarcación.

C Vistas de Baiona e Vigo por Grollier de Servière 42 cousas de


C Ría de Vigo coas baterías de Arroás de Meira, Punta Corbeira, Teis e Rande

PARA SABER MÁIS: ARQUIVO HISTÓRICO MUNICIPAL DE BAIONA, LEG. 34, EXP. 15.

A ganancia deixou o mar revolto. Don Ramón García Segovia en nome do vicecónsul británico en Vigo e consignatario da escuna acabou solicitando a revogación da lexítima caza, feita con aleivosía polo francés nun momento “en que la corona de España se mantenía neutral en la guerra que ya estaban haciendo las dos naciones francesa y británica”. O corsario defendeuse cunha declaración oficial de febreiro de 1796 na que se recoñecía como co apreixamento “no se ha violado la soberanía territorial” e, polo tanto, a escuna era “buena y lexítima presa”, feita fóra do alcance de calquera canón de España. As testemuñas “digeron haver visto a los del corsario andar con anteojo por el campo de la Palma”, non había casualidade. Foron “a vela y remo por la entrada del Puerto entre Monte de Ferro y las Estelas en seguimiento de la referida embarcación que estaba a la vela en el canal que ba a la ría de Vigo”. Así o dixeron varios pescadores que estaban “en las piedras de la horilla de la mar al sitio que nombran La Meda” en Monteferro. As comparecencias foron dispares á hora de fixar a hora de saída ou entrada a porto ou a distancia a terra, transcendental na discusión. O correxidor de Baiona don Gregorio de Silva y Pantoja acabou embargando tamén os bens do corsario La Golondrina, adquirida en subasta pública en marzo de 1798 por don José Manuel Martínez nuns tres mil douscentos corenta reais. Despois de case sete anos, en 1802, Madrid acaba declarando por “injusta e ilegítima la presa”. O francés perdera canto tiña e aínda pagou as costas. Caza ou pesca non sempre rematan ben. J

ALONSO ÁLVAREZ, Luís (1991), “Las actividades comerciales alternativas en la Galicia del siglo XVIII: corso y contrabando”, en Revista do Instituto José Cornide, n. 26, pp. 199-219. IGLESIAS ALMEIDA, Ernesto (2006), Tráfico marítimo e fluvial nos portos do sur da provincia de Pontevedra (séculos XIII-XVII). Noia: Toxosoutos. PATIÑO GÓMEZ, Ramón (2017), “Apuntes para el corso en la ría de Vigo. Siglos XVI-XVII” en Glaucopis. Boletín del Instituto de Estudios Vigueses, n. 22, pp. 121160.

cousas de 43


PÉ DO GALIÑEIRO

DONA EMILIA EN MONDARIZ: PRIMEIRA E ÚLTIMA VISITA por Carlos Méixome Mondariz segue a conservar o seu encanto. Perdeu, é evidente, aquel feitizo, aquel “charmé” romántico da obra humana devorada polas lapas ou do proxecto fracasado, do feito inacabado. Estragado o seu engado espiritual, loce agora no seu esplendor material que tanto gusta nunha sociedade prendida pola aparencia repetitiva da imaxe, na que o “hixienismo” decimonónico, que empurrou a grande obra dos Peinador e trouxo, con asiduidade, a condesa de Pardo Bazán ata Mondariz, ficou substituído polo “esteticismo físico” das aparencias posmodernas. Hoxe xa non se beben as augas para coutar ou mitigar as doenzas dixestivas senón que se empregan para somerxerse en permanentes lavativas na procura do magro que engraxou. Dona Emilia pouco tiña de romántica, polo que de seguro lle agradaría volver ao Mondariz real, ao actual. A primeira visita da condesa a Mondariz entendemos que foi en 1887, ou cando menos así se desprende da nota manuscrita que ela mesma incorporou ao “Álbum de Honor” do balneario e reproduciron no Suplemento nº 43 de La temporada correspondente ao 20/7/1921, con motivo do falecemento de dona Emilia, que se pode consultar en hemerotecadigital.bne.es.

C Emilia P. Bazan na infancia. Arquivo-RAG

C La temporada en Mondariz Año XIV Número 15 - 1902 setembro Biblioteca Dixital de Galicia

C Emilia P. Bazan no Balneario de Mondariz.

La temporada foi un dominical gratuíto que publicaba o balneario durante a tempada de verán, uns 17 por ano, que debeu iniciar a súa andaina arredor de 1879, pouco despois de recoñecérense as augas como de utilidade pública (1873). O semanario veraneante mantívose, cando menos, ata 1931 segundo os exemplares que se poden consultar en galiciana.bibliotecadegalicia.xunta. es/. O Suplemento foi unha revista mensual ilustrada que se publicou entre 1915 e 1922, durante 46 números, como un excelente complemento a La temporada. Ambas trataban asuntos relacionados coa saúde e a hidroloxía, así como coa literatura e en especial a divulgación do contorno natural, monumental e cultural do balneario e de Galicia para promover o turismo e “facer patria”. 44 cousas de


C Fonte da Gándara

C “Emilia Pardo Bazán no país das rías”. Con este título e para conmemorar o centenario da escritora, Faro de Vigo e a Deputación de Pontevedra organizaron unha exposición sobre a íntima vinculación dun dos personaxes máis fascinantes da cultura española de finais do século XIX e principios do XX coa provincia de Pontevedra e que tamén paso por Mondaríz Balneario

O dominical estampábase na imprenta do balneario de onde saían tamén as célebres etiquetas das botellas de auga. A revista mensual, a dúas columnas, papel couché e capa a varias tintas, imprentábase en Madrid e distribuíase gratuitamente entre os clientes, excedendo con moito a simple concepción dun folleto propagandístico para se converter, tanto pola calidade de impresión como polas colaboracións e o galeguismo que a impregnaba, baixo a ollada atenta dos seus promotores, nunha das grandes revistas galegas do momento. Galeguismo, o dos Peinador, que dona Emilia nin tiña en consideración, nin entendía, formada como estaba no seu xacobinismo francés de raiceiras tradicionalistas . No número ao que nos referimos realízase unha rendida homenaxe, asinada por Miguel Martínez de la Riva, dende a revista “que con el nombre de Mondariz hace en el mundo entero una gran propaganda regionalista” á “colosal polígrafa” con motivo do seu falecemento dous meses antes (12/5/1921), e reprodúcense dúas notas autógrafas que entendemos se corresponden coa primeira e última estancia de dona Emilia en Mondariz. Teñen a curiosidade de estar asinadas nun mesmo día e mes, aínda que, como é evidente de anos ben distantes. No primeiro apuntamento (24/9/1887) escribe a autora de La madre naturaleza: “Fatigados del recio combate, venimos pedir a la Naturaleza madre y reparadora que nos dé alivio”. Trinta e un anos despois a condesa anota da súa man: En otro tiempo los extranjeros afluían a Santiago de Compostela, buscando la salud del alma. Ahora, la misma pintoresca confusión de lenguas, que en las naves dela Catedral de Mateo y Gelmírez resonaba, puede encontrarse en este Álbum, donde brilla un reflejo de Europa, entre la sombra verde azul de los pinares gallegos. Acuden de todas partes, pidiendo al agua maravillosa un poco de vida, un poco de bienestar, el alivio de los males tenaces e insidiosos. Era o vinte e catro de setembro de 1919. “Europa está enferma”, anota un pouco despois dona Emilia. Quizais se decatase de que ela tamén.

cousas de 45


REPORTAXE

AS FORTALEZAS DA RAIA MIÑOTA (3) O SISTEMA FORTIFICADO VALENÇA-TUI AS CIDADES DE VALENÇA E TUI FORMARON O SISTEMA FORTIFICADO MÁIS IMPORTANTE DA FRONTEIRA DO MIÑO. EN REALIDADE ERAN OS NÚCLEOS MÁIS SENLLEIROS DA RAIA TANTO NO POLÍTICO COMO NO ECLESIÁSTICO.

E C: Suso Vila, Dr. en Historia da Arte Amba-las dúas poboacións formaban parte desde finais do século XII da paisaxe fortificada da fronteira. O rei Sancho I de Portugal fundaba o castelo de Contrasta cara o ano 1197 como mecanismo de defensa dunha fronteira permeable. Tui tiña gañado peso militar desde os primeiros anos do século XII coas fortificacións da raíña Teresa en 1125 e do rei Alfonso VII en 1142 ao que se lle engadiría os muros e torres que ordena construir Fernando II de León en 1170 arredor da cidade. A partires da vila de Contrasta que logo se transformaría en Valença en 1256, acadábase un continuo urbano transfronteirizo entre amba-las dúas ribeiras, o máis antigo de Europa. Un dos feitos máis extraordinarios desta continuidade urbana sería a súa representación artística que evidenciaba o que non era habitual. Duarte D’Armas retrataba Tui e Valença en 1509 describindo con detalle no seu deseño o que aínda sobrevivía das fortificacións medievais de ambas cidades. A guerra de Restauración da monarquía portuguesa (1640-1668) actualizaría a imaxe militar da raia do Miño pero sendo Valença e Tui os centros políticos da rexión ao longo da guerra os recursos humanos dominaban sobre unha estratexia defensiva baseada en baluartes. Milleiros de soldados que facían inexpugnables as dúas poboacións malia os intentos dos capitáns xerais e dos mestres de campo de vencer as forzas do inimigo. 46 cousas de

C Tui e Valença en 1509 por Duarte D’Armas

C Plano de Tui en 1670 por el Conde de Humanes


A partires de 1644 as defensas de Tui serían melloradas aínda que dun xeito precario. Así xurdían baluartes de terra arredor dos principais arrabaldes da cidade sobre todo a Corredoira no que xurdiría no seu extremo norte un pequeno fortín para as tropas acuarteladas en Tui. O peor para a cidade sería a destrucción dos arrabaldes e a súa conexión co núcleo amurallado medieval. Algúns dos seus barrios como o de Roca Pérez, entre Freanxo e Riomuíños, desaparecerían coa construccións dos baluartes e as súas áreas de influencia. A parte máis senlleira das fortificacións de Tui eran as baterías do Carballo e de San Felipe hoxe aínda conservadas na rúa do Piñeiro e cara o paseo fluvial.

C Tui e Valença desde a catedral

C Proxecto de fortificación de Tui en 1735 co deseño de novos baluartes que nunca serían realizados.

A partires de 1663 os proxectos para fortificar a cidade sucedéronse pero con polémica. A Corredoira era un barrio a protexer pero San Domingos incluido o convento non, de aí a contestación ao proxecto do Marqués de Buscayolo que facía desaparecer ese barrio histórico de Tui. A intervención do arcebispo de Santiago, Pedro Carrillo e Acuña, permitirían incluir San Domingos no novo proxecto do conde de Humanes en 1670. Certamente o proxecto abaluartado de Tui non era gran cousa sobre todo cando a xente levantaba os ollos cara a Valença e veía como xurdía un potente proxecto fortificado que creaba un novo escenario de poder no Miño. Precisamente o agravio comparativo con Valença facía darlle voltas as defensas de Tui e así o enxeñeiro Juan de la Ferrière y Valentín a partires de 1733 deseñaría novas fortificacións nunha serie de proxectos moi ambiciosos que nunca serían realizados. cousas de 47


C Batería do Carballo, Tui, en 1802

A fins do século XVIII tentaríase de novo a mellora do sistema fortificado de Tui pero non tanto dirixido nunha suposta defensa da fronteira como de protección contra o contrabando un problema que facía perder moito diñeiro á facenda real. As fortificacións de Tui chegarían ao século XIX nun estado decadente xa observado por viaxeiros ingleses e franceses desde o século XVIII que veían o contraste coa magnificencia de Valença. O vello sistema abaluartado de Tui sobreviviría desde o século XIX reconvertido en paseos e xardíns privados. Así desde a Glorieta de Vigo até a Alameda de San Domingos estaríamos camiñando por riba das vellas fortificacións do século XVII. O baluarte do Carballo e o de San Felipe aínda sobreviven como parte de xardíns privados mentres que o baluarte de San Francisco, xunto do cuartel da Guarda Civil, sería o único supervivinte do lado occidental da cidade, derrubados os muros e baluartes perante o crecemento urbano de Tui a comezos do século XX. Os traballos en Valença responderon a outras ideas, non só ás defensivas senón tamén as de manifestar o poder da monarquía lusitana. Valença é realmente un gran escenario barroco que funciona sobre un abraiante sistema fortificado dirixido a deslumbrar na fronteira máis que a ser unha porta inexpugnable do reino.

C Fotografía dos xardíns de

Troncoso en Tui, na media lúa das fortificacións da cidade, Roisin, ca. 1940

48 cousas de


C Valença, fortificacións influencia do enxeñeiro Vauban

Os artífices do deseño de Valença foron os enxeñeiros Michel de Lescole e Manuel Pinto Villalobos no século XVII e o importante papel que tivo o enxeñeiro Maximiano José da Serra no século XVIII. En Valença non só se planificou unha fusión de recursos de fortificación tipo holandesa ou do francés Vauban sobre o vello perímetro oblongo da vila medieval senón que sería desdobrado na chamada obra coroa, un novo recinto fortificado sobre a elevación onde fica a capela do Bom Jesús e que tivo como fin protexer e mellorar a defensa da vila. Deste xeito en Valença observamos dous recintos abaluartados conectados por pontes, escarpas e contraescarpas que crean un recinto fortificado poderoso. O feito que Valença mantivese a súa condición de praza de armas até 1927 faría que os seus muros e baluartes fosen conservados sendo un dos mellores de Portugal xunto con Elvas e Marvão. C Valença e Tui en 1762, plano francés

cousas de 49


Os mitos da fortaleza É algo recurrente en Valença escoitar que as fortificacións foron protagonistas dos ataques dos exércitos españois. Isto podería en parte ser certo para os vellos muros medievais pero non para a fortaleza construida nos séculos XVII e XVIII. O sistema abaluartado de Valença tería máis uso nas guerras civís portuguesas do século XIX que en conflictos internacionais. No cerco imposto a Tui en 1809 cando era ocupada a cidade polas tropas napoleónicas, Valença formaría unha parte fundamental do hostigamento, bombardeando Tui e causando numerosos danos, moitos deles visibles nas vivendas tudenses até o século XX. Os reforzos franceses enviados desde Lisboa conseguirían tomar Valença e deste xeito levantar o cerco sobre Tui. O 17 de abril de 1809 o exército francés marcharía causando numerosos danos en Tui e Valença. Neste última chegarían a destruir as Portas do Sol e a saquear o tesouro da colexiata. A guerra entre liberais e miguelistas en Portugal faría que Valença sufrise o cerco o 31 de marzo de 1834 polo almirante Carlos Napier. Os liberais portugueses contaban co apoio da rexente María Cristina e Valença acabaría por se rendir o 3 de abril. 50 cousas de

C Plano de Valença polo enxeñeiro Champalimaud de Nussane en 1766.

C Fortificacións de Valença, porta da Gaviarra


Na revolta dos Marechais, en 1837, Valença sería un escenario privilexiado. O Barón de Leiría faríase forte no Miño proclamando a carta constitucional e sendo cercado desde o 17 de xullo polo goberno setembrista que realizaría un duro bombardeo sobre Valença. A vila resistía o asedio sendo abastecida desde Tui polo comerciante Gregorio Maceira quen co apoio inglés enviaba polas augas do Miño grandes bocois atados con cordas que chegaban aos muros da asediada fortaleza sen que as tropas inimigas puidesen facer cousa algunha. O cerco sería levantado o 7 de setembro perante a ameaza da entrada das tropas portuguesas que combatían nas guerras carlistas españolas. A Patuleia, outra guerra civil entre cartistas e setembristas, protagonizarían en Valença outro asedio. O 1 de maio de 1847 a extraña alianza de setembristas (liberais) e miguelistas (absolutistas) contra os cartistas apoiados pola raíña María II cercarían Valença que sería liberada o 3 de xuño grazas a intervención de catro compañías do rexemento de Borbón enviadas desde Tui pola rexente María Cristina. Tampouco deberíamos esquecer o ataque fracasado da columna do tenente Víctor Sepúlveda de 1912 contra Valença no intento dos monárquicos portugueses de derrotar a república instaurada en 1910. A revolta antidictatorial de febreiro de 1927 tería eco en Valença co apoio do Major Severino, o fracaso deste intento de frear a dictadura militar levaría a fin da praza de armas de Valença e a súa reconversión nun gran espazo cultural. J

C Soldados do reximento do Minho, Valença, s. XVIII

C A Fortaleza dende o río Miño

cousas de 51


GALAICAS

ÁNGELES ALVARIÑO, A CIENTÍFICA QUE REVOLUCIONOU A INVESTIGACIÓN OCEANOGRÁFICA MUNDIAL E Ana Alemany Aínda que o seu soño sempre foi ser médico, Ángeles Alvariño acabo converténdose nunha gran precursora na investigación oceanográfica e muller científica pioneira en moitos aspectos. Foi a primeira muller que se embarcaba nun buque oceanográfico británico, feito que lle abriu a porta á comunidade científica internacional. Ademais, Alvariño sempre estivo moi comprometida cos dereitos das mulleres e a igualdade de oportunidades. Ángeles Alvariño nace en 1916 na parroquia de Serrantes (Ferrol). Con tan só tres anos xa sabe ler e comeza a interesarse pola música. Desde moi nova, sente unha gran paixón polos libros de historia natural, o que lle levaría, unha vez finalizado o Bacharelato en 1933, a trasladarse a Madrid onde comezou a estudar Ciencias Naturais. Co estalido da Guerra Civil, os centros universitarios pechan e non queda outra que regresar a Galicia. Durante os anos do conflito, estuda tanto francés como inglés, e retoma os seus estudos a partir de 1939, licenciándose dous anos despois. Posteriormente, Ángeles Alvariño iníciase na docencia na súa cidade natal, para, anos máis tarde, retornar a Madrid xunto ao seu marido, un militar destinado no Instituto Español de Oceanografía (IEO). Por aquel entón, o IEO non admitía mulleres entre as súas filas. Con todo, o talento e a calidade científica das investigacións de Ángeles Alvariño provocou que a institución fixese unha excepción e admitísea, con trinta e catro anos, como bolseira. Dous anos despois, Alvariño consegue unha praza como bióloga no Centro Oceanográfico de Vigo do IEO, onde comeza a desenvolver o seu interese polo mar, os litorais e o plancto. Froito desta atracción, realiza unha serie de investigacións e estudos centrados en temas e áreas xeográficas de diferente índole que van desde as incrustaciones mariñas nos cascos dos buques ata o zooplancton e as pesqueiras. Todas foron publicadas posteriormente no Boletín do IEO. Cabe destacar a súa última achega no IEO: unha monográfica investigación na que describe unha trintena de especies desde un punto de vista morfolóxico, ás que achega, ademais, comentarios sobre os diferentes estados de cada unha delas. 52 cousas de

C Ángeles Alvariño, ilustración de Anxo Miján Maroño

Desde Galicia e en recoñecemento á súa importante traxectoria profesional, Ánxeles Alvariño foi distinguida coa Medalla de Prata de Galicia no ano 1993. Así mesmo, despois de que a Universidade da Coruña lle dedicara a Semana das Ciencias en 2005, o Concello de Ferrol rendeulle unha homenaxe póstuma no Campus de Esteiro, onde se descubriu unha placa conmemorativa en honor a unha das mulleres máis destacadas no mundo da ciencia.


Unha científica brillante Foi en 1953 cando Ángeles Alvariño recibe unha bolsa para seguir estudando o plancto en Reino Unido, concretamente no laboratorio de Phymout do British Council, baixo a dirección de Frederick S. Russell e Peter C. Corbim. Alvariño convertíase así na primeira muller científica en traballar a bordo dun barco británico de investigación. Foi aquí onde inicia a súa investigación en diferentes grupos de predadores zooplanctónicos e no ictioplancton. E onde logra achar, no plancto, a un quetognato indicador de augas costeiras do Atlántico. En 1956, continúa as súas investigacións nos Estados Unidos grazas a unha nova bolsa xunto a Mary Sears, que queda tan impresionada co traballo de Alvariño que a recomenda para ocupar un posto no Instituto Scripps de Oceanografía de California. Alí, Alvariño traballa ata 1970, sempre investigando o plancto, e onde pode analizar miles de mostras de todo o mundo. Un traballo que lle levou a describir 22 novas especies planctónicas para a ciencia. A partir de 1970, e ata a súa xubilación en 1987, traballa na prestixiosa institución norteamericana Oficina Nacional de Administración Oceánica ( NOAA), baseando o seu traballo no estudo das larvas de peixes no plancto. O seu retiro non supuxo que deixase de estudar: xa que seguiu dando a coñecer como científica emérita a historia das ciencias mariñas en España. O legado que nos deixa Ángeles a través dos seus escritos, monografías e libros supuxeron un gran impacto na ciencia. En 2005, falecía deixándonos coas súas obras, investigacións e descubrimentos unha herdanza cun gran valor para a comunidade científica.Tal foi a magnitude dos seus estudos, que a oceanógrafa figura na “ Encyclopedia of World Scientists”, onde se atopan os 1.000 científicos mundiais máis importantes de todos os tempos, e onde só figuran tres españois, os Nóbel Severo Ochoa, Santiago Ramón e Cajal e a propia Ángeles Alvariño.

En 2013, o IEO rendía homenaxe á científica española poñendo o seu nome a un dos buques oceanográficos máis avanzados da frota española: o Ángeles Alvariño. Tene 46 metros de eslora, foi construído pola empresa Astilleros Armón Vigo, achegando á frota oceanográfica nacional e europea un laboratorio flotante dotado coas últimas tecnoloxías que permitiu unha notable mellora na investigación en ciencias do mar. O Ángeles Alvariño está catalogado como un buque de ámbito rexional. Conta con capacidade para aloxar a 15 investigadores e técnicos, ademais dos seus 12 tripulantes.

C Debuxo de Alvariño dunha especie descuberta por ela, o sifonóforo Nectocarmen Antonioni 1983 (denominado así en lembranza dos seus país, Carmen e Antonio). Real Academia Galega de Ciencias

A AUTORA. Alacantina de nacemento e madrileña de adopción, Ana Alemany estudou Dereito na Facultade de Valencia e completou os seus estudos cun MBA na Escola de Negocios de Madrid. O corpo central deste artigo está publicado na web da Fundación Aquae e forma parte do seu libro “Mujeres de los mares” cousas de 53


REPORTAXE

A FÁBRICA DE CARBUROS LAFORET EN ARCADE NO ANO 1900 INAUGUROUSE EN ARCADE (SOUTOMAIOR) UNHA DAS PRIMEIRAS FÁBRICAS DE CARBURO DE CALCIO DE ESPAÑA. O PIONEIRO PROXECTO DO EMPRESARIO RAMÓN LAFORET INFLUÍU NO DESENVOLVEMENTO DA VILA E OS RESTOS DAQUELA EDIFICACIÓN FORMAN HOXE PARTE DA REDE EUROPEA DE PATRIMONIO INDUSTRIAL, INDUSTRIANA.

E C Silvia Cernadas, Historiadora e Guía en Turismo de Historias

C Pedras de carburo de calcio.

C Mosaico de azulexos con publicidade de Carburos Laforet. Colección Faro de Vigo. Fotografía de Bruno Castro. 54 cousas de


A industria química en Galicia non xorde ata comezos do século XX. No que se refire á produción de carburo de calcio, a primeira fábrica en España é a que a Sociedad Española de Carburos Metálicos constrúe en Berga (Cataluña) en 1897. Só tres anos despois ponse en marcha a de Arcade. Aínda que vai ser a primeira fábrica electroquímica de Galicia, axiña quedará eclipsada pola produción da Sociedad Hidroeléctrica del Pindo. A fabricación de carburo de calcio consumía moita electricidade, polo que estas fábricas situábanse nas proximidades de saltos de auga. No caso da Hidroeléctrica del Pindo, o fin da empresa era duplo: producir carburo cálcico na factoría de Cee e xerar electricidade a partir da fervenza do río Ézaro.

C Vista de Carburos Metálicos e, ao fondo, a ría de Vigo. Arquivo do Concello de Soutomaior

Para que servía o carburo de calcio? O carburo cálcico, que se obtiña a partir de pedra calcaria e carbón de coque, era o elemento básico das lámpadas de carburo ou de acetileno. Estes candís, de moi diverso tipo, foron a fonte de iluminación máis usada a finais do século XIX e comezos do XX. A pedra de carburo introducíase na lámpada e sobre ela pingaba auga producindo así o gas acetileno, que era o que se acendía para dar luz.

C Lámpada de carburo de Aparicio Fernández, traballador da fábrica Laforet.

C Traballadores da fábrica Laforet. Arquivo do Concello de Soutomaior.

C Traballadoras da factoría Laforet. Fotografía extraída do libro de L. Obelleiro, Soutomaior 1700-1936.

cousas de 55


C Fachada de Carburos Metálicos e o forno. Arquivo do Concello de Soutomaior.

Como era a fábrica Laforet? A prensa da época dinos que o edificio principal, de planta rectangular, foi construído en seis meses por cinco obreiros cataláns. Tiña tres naves: unha central de 12 metros de ancho, 50 de longo e 8 de alto repartidos en dúas plantas e dúas naves laterais acaroadas dunha soa altura, que medían 5,5 metros de ancho, 50 de longo e 6 de alto cada unha. As bóvedas que cubrían as naves eran bóvedas á catalá de dobre curvatura e descansaban sobre muros e pilastras que, como o resto do edificio, eran de ladrillo vermello. O resultado era unha edificación sinxela, elegante e sólida, admirada xa no seu momento pola súa calidade arquitectónica.

C O antigo peirao Laforet, hoxe xa

desaparecido. Fondo Arturo Seoane Franco do Arquivo a Memoria do Mar do Museo do Mar de Galicia.

56 cousas de

O proxecto de Laforet Ramón Laforet Cividanes foi o enxeñeiro industrial e empresario vigués responsable deste proxecto. Convén salientar que Carburos Laforet non foi só unha factoría, senón un complexo industrial que se completou coa construción dunha central hidroeléctrica, un peirao e unha especie de teleférico. Todo comezou en 1898, cando Laforet recibiu a concesión para explotar hidroelectricamente un caudal máximo de 2.500 litros por segundo no río Verdugo. O enxeñeiro tiña a idea de empregar esta enerxía para abastecer de electricidade a súa fábrica de carburos, pero primeiro buscou financiamento. É así como se funda, un ano despois, a sociedade comanditaria Compañía Eléctrica Gallega Laforet y Cía. Ademais de Laforet, que pasará a ser o director da empresa, están como socios o empresario e político pontevedrés José Riestra e o banqueiro compostelán Olimpio Pérez. Iníciase entón a construción da fábrica electroquímica de Laforet, emprazada en Arcade ao carón da liña de ferrocarril e a poucos metros da ría de Vigo, co obxectivo de que estivese o mellor conectada posible. Para producir o carburo cálcico había que fundir a pedra calcaria e o carbón de coque nun forno eléctrico. A maquinaria necesaria instalouse logo de que chegase ao porto de Vigo no vapor Cordouam e, en maio de 1900, xa temos a fábrica funcionando, mentres continúan os traballos no resto de edificacións. Érguense a central hidroeléctrica de Freixa da Roca, en Ponte Caldelas, e un pequeno porto na praia de Arcade. As materias primas chegaban a este peirao en embarcacións e logo eran conducidas ata a factoría por un sistema de transporte baseado nun cable aéreo duns 200 metros de lonxitude. En 1909, Carburos Laforet produciu 250 toneladas de carburo, que se traducían en 330 litros de acetileno por cada kilogramo. Tiña arredor de 40 traballadores, fundamentalmente homes pero tamén algunhas mulleres, nos anos vinte. Non obstante, só obtiveron resultados positivos durante as épocas de menos competencia. A figura de Laforet, pioneiro do sector hidroeléctrico galego e falecido no Carballiño en 1943, aínda hoxe é lembrada por algúns veciños de Arcade como responsable do primeiro alumeado na vila ou como fornecedor de pedras de carburo para os máis necesitados. Ao lado de Carburos Laforet foron aparecendo outras industrias como Ferrerías de Arcade, Conservas Sueiro, Porcelanas Arcadia ou, por último, Pontesa, xa en Ponte Sampaio. Estas fábricas son as pegadas dun forte pasado industrial que supuxo un pulo moi importante para o desenvolvemento do concello de Soutomaior e arredores.


C Fotografía actual da antiga fábrica de Carburos, a carón da estación de tren e cos accesos renovados.

A fin dunha era A xeneralización da luz eléctrica conforme avanza o século XX convirte ás lámpadas de acetileno e ás fábricas de carburo de calcio en obsoletas. En 1954 Carburos Laforet pasa a mans da Sociedad Española de Carburos Metálicos, que xa posuía a fábrica do Pindo. Nesta segunda etapa, como Carburos Metálicos, a produción da factoría vaise diversificar e, ademais de carburo de calcio, comercialízase acetileno e osíxeno. A caída da demanda e as dificultades para adaptarse ás novas producións farán que a fábrica de Arcade funcione como almacén nos seus últimos anos ata que o edificio é cedido ao Concello de Soutomaior en 1996. Foi rehabilitado polo arquitecto Alfonso Penela coa finalidade de recuperalo como centro cultural rescatando o aspecto orixinal da fábrica Laforet, o ladrillo vista, e foi aberto á cidadanía dez anos despois. Hai que ter en conta que as naves orixinais medían 50 metros de longo e agora só conservamos 17 metros. Pensemos tamén que os terreos da factoría chegaban ata o desaparecido peirao Laforet e non só se limitaban ao propio edificio. J

Carburos Laforet hoxe Este edificio é o que resta da fábrica de carburos. Actualmente é coñecido como edificio Multiusos do Concello de Soutomaior, dotado de oficinas, sala de exposicións e auditorio. Consérvase a fachada e a estrutura industrial do edificio Laforet e acaban de acondicionar e humanizar o entorno circundante. Dende 2018, é un dos seis inmobles da nosa provincia que forma parte da Rede Europea de Patrimonio Industrial, Industriana, por constituír un magnífico exemplo da arquitectura industrial galega en tixolo.

PARA SABER MÁIS: Lara Coira, Manuel, Pegadas da industrialización en Galicia. A Enseada de San Simón, Santiago de Compostela, Ézaro, 2016. Obelleiro Piñón, Luis, Soutomaior 1700-1936. Aproximación á historia local, Pontevedra, Deputación de Pontevedra, 1994. Sanchís, José Manuel, “El carburo de calcio en España. Fabricantes y marcas”, en Lámparas de mina españolas, vol. 4, MTIEDIT, 2019, pp. 1261-1340.

cousas de 57


GALICIA SOLIDARIA

DE VIGO A PONTEVEDRA CONTRA A LEUCEMIA MÁIS DE 500 PERSOAS, ENTRE CAMIÑANTES, CORREDORES E MEMBROS DE DISCAMINO, PARTICIPARON O PASADO 26 DE SETEMBRO NA MARCHA SOLIDARIA «700 CAMISETAS CONTRA A LEUCEMIA», QUE CUBRIU OS 36 KM. DESDE VIGO ATA CHEGAR A PONTEVEDRA. ESTA INICIATIVA SOLIDARIA, TEN COMO OBXECTIVO SENSIBILIZAR E INFORMAR Á SOCIEDADE SOBRE A IMPORTANCIA DA DOAZÓN DE MEDULA ÓSEA E DE SANGUE DO CORDÓN UMBILICAL. Os participantes, saíron de forma graduada para garantir a seguridade sanitaria, desde o Centro Comercial A Laxe. Previamente á saída, realizouse unha sinxela homenaxe a todas as persoas que nos deixaron e ás que loitan por volver a unha normalidade máis que desexada por todos. Un recordo que nesta edición dedicouse especialmente a dúas persoas: a Isaura Abelairas: “Por ser nosa valedora antes e durante o seu cancro. Pola súa enerxía e a súa entrega aos demais. Por ser 700 sen sabelo e porque cando lle diagnosticaron o cancro seguiu achegándonos toda a súa enerxía”, subliñou David Gil ao comezo da marcha. E a Deborah Cervera e a súa familia, “que nos serven de exemplo pola súa tenacidade e pola súa procura de “ justiciaparadeborah” despois de case 20 anos de loita”, engadiu o presidente de «700 camisetas contra a leucemia». Xunto a elas, durante toda a xornada estivo presente o recordo de quen xa non están, da infinidade de historias que se sucederon nestes dous últimos anos e que ninguén imaxinase en 2019 que poderían ocorrer. “Hoxe, algunhas desas persoas quixeron acompañarnos e reivindicar cos seus pasos que merece a pena loitar por vivir e por saír adiante. Sodes o noso referente, o noso faro no camiño”, continuou. A eles e á sociedade en xeral diríxese a mensaxe de «700 camisetas contra a leucemia», que nesta edición «abraza á Vida», como reza a súa lema: “Somos afortunados por estar hoxe aquí; a vida é un agasallo e cada un vívea á súa maneira, pero témonos que felicitar porque hoxe decidimos dedicar os nosos pasos por todas as persoas que nos necesitan nun momento moi duro para elas”. 58 cousas de

C Participantes da Asociación Discamiño .


700 CAMISETAS CONTRA A LEUCEMIA A «Marcha Solidaria 700 camisetas contra a leucemia» é unha iniciativa solidaria que se iniciou no ano 2010 e que simboliza a primeira etapa que David Gil realizou no ano 2009 (entre Vigo e Pontevedra) e que formaba parte de 10 etapas percorrendo Galicia coa intención de entregar 700 camisetas, que irían destinadas ás persoas que a partir dese momento formasen parte do rexistro de doantes de medula ósea en Galicia. De aí xurdiu o movemento en Facebook «700 camisetas contra a Leucemia” que a día de hoxe seguen case 18.480 persoas en todo o mundo. Cando arrincou o proxecto, en 2009, había unicamente 60.000 rexistros en España; hoxe son preto de 450.000. Un salto cuantitativo moi importante pero que segue sendo insuficiente para que as persoas que necesitan anualmente un transplante de medula teñan a posibilidade de atopar un doante compatible e salvar a súa vida. Por iso, esta iniciativa solidaria estende o seu labor ao longo de todo o ano con outras accións de concienciación e visibilidade, dando valor á acción altruísta e solidaria de moitas persoas que son ou serán doantes e que regalarán vida ás persoas que necesiten recibir un transplante. A Asociación FRANGIL contra a leucemia, que ampara este evento, foi creada no ano 2017 e leva o nome e a positividade de Francisco Gil, que loitou durante 4 anos contra unha leucemia linfoblástica aguda. Aínda que non atopou un doante compatible, durante os seus últimos meses tentou, xunto ao seu irmán David Gil, fomentar e dar a coñecer este tipo de doazón en vida.

cousas de 59


REPORTAXE

A “GRAN FAMILIA” DO CLUB CICLISTA O ROSAL CUMPRE 40 ANOS E C Juan Ramón Martínez ‘Tamuxe’

C Trofeo Pista de As Faias 2021

Ao redor de 1947 creáronse carreiras de ciclismo feminino, destacando no Rosal as ciclistas Argentina Cerqueira, de Sandián; Laura, de Fornelos ou Concha González, de Pías.

A modo de pequena introdución. A primeira cita histórica que coñecemos alusiva a bicicletas no Baixo Miño e no Rosal, data de hai máis de 100 anos, en concreto do 11 de xullo de 1911. No xornal Heraldo Guardés daquela, ante a chegada destes medios de transporte, podíase ler: “Chaparrón de bicicletas en La Guardia y El Rosal”. Como curiosidade e antes de meternos de cheo na historia do club, sabemos pola prensa antiga que en 1921, con motivo da rosaleira Festa do Pilar se anuncia unha proba ciclista chamada “Carreira de cintas” (proba de equilibrio para enganchar unha anilliña da que pendía unha cinta, contendo o seu premio) ou que en 1928 se iniciaba en Goián (Tomiño) a venda de “bicis” Raleigh (a 300 pesetas). Segundo a investigación realizada polo escritor local Xoán Martínez Tamuxe non sería ata o 26 de maio de 1932 cando se organiza na Guarda a primeira volta ciclista do Baixo Miño. O circuito, duns 64 quilómetros, tiña a meta enfronte da “Eléctrica Guardesa” sendo os trofeos para o primeiro clasificado, unha copa de prata; para o segundo unha figura do Deportivo Guardés e para o terceiro, un reloxo.

60 cousas de

C O secretario do club Ramón Villa co presidente Gerardo Álvarez


Agora si, imos a entrar en materia e falar do Club Ciclista O Rosal, que celebra este 2021 o seu 40º aniversario. Lonxano, aínda que menos, queda xa no tempo aquel 13 de xuño de 1981, data oficial do nacemento desta activa institución deportiva baixomiñota, que foi fundada por un grupo de persoas afeccionado ás “dúas rodas” encabezado polo seu presidente Luis Fernández Coballes. Actualmente, e dende hai 37 anos, a responsabilidade e presidencia do club é para Gerardo Álvarez Martínez, verdadeira alma mater, que segue traballando de forma incansable en pro do ciclismo de base na zona do Rosal, do Baixo Miño e aínda de Galicia. Para comezar, debemos destacar que da escola ou canteira do Club Ciclista O Rosal naceron dous ciclistas profesionais. Gustavo Otero Gómez (O Rosal, 10/10/1973), que estivo no club dende 1989 ata 1995, foi o primeiro corredor da vila que debutou no Giro de Italia. Formou profesionalmente parte do Recer (1999), Porta de Ravessa (2000), Kelme (2001-2002) e Labarca 2-Cafés Baqué (2003). Serafín Martínez Acevedo (O Rosal, 14/2/1984) pola súa banda permaneceu dez anos, dende 1991 ata 2001, conseguindo co club, entre outros premios, o terceiro posto no Campionato de Ciclocross Nacional. Participou tamén de forma profesional (Karpin Galicia e Xacobeo Galicia) no Giro de Italia e na Vuelta a España, onde foi nove días líder da clasificación da montaña en 2007.

C Integrantes do club no monte de Santa Trega (A Guarda) a principios dos 80

C Ciclistas do Club con trofeos na tempada 1986-1987. Foto CC O Rosal O pasado sábado 28 de agosto estivemos cubrindo dende COUSAS DE a edición XXIX do tradicional Trofeo Pista de As Faias 2021, que se disputou na parroquia rosaleira de San Xoán de Tabagón. Como sempre, tal e como comprobamos in situ, o evento foi un auténtico éxito de participación e de organización. Alí puidemos charlar con veciños e membros da directiva do Club, así como ver que os cimentos da institución seguen intactos, a base de traballo, paciencia e, iso si, aderezado con inmellorables doses de experiencia. Non en van, lémbranos Ramón Villa, secretario do club, que o presidente da entidade ten moito que ver con este prestixio e bo facer: “Gerardo Álvarez Martínez leva toda unha vida adicada ó Club Ciclista O Rosal”.

cousas de 61


Aser Estévez Cividanes, actual presidente de Team Oiense Turonia Maglia, é hoxe en día corredor élite, campión de España e do Mundo Open e claro dominador das CRI de Galicia dos últimos anos. O guardés, cun dos mellores palmarés da nosa Comunidade, coméntanos que “foi todo un pracer comezar a pedalexar nun club histórico como o Club Ciclista O Rosal. Oxalá cumpra outros 40 anos”. Eloy Otero, campión de Galicia de Ciclocross a finais dos anos 90 e unha persoa fortemente implicada co deporte da vila, incide en que “o Club Ciclista O Rosal sempre foi máis que un club: unha familia do ciclismo”. Tamén recollemos en COUSAS DE a testemuña de proxenitores de ciclistas, moi vinculados ao club, xa como colaboradores ou mesmo directivos. Tales son os casos de José Carlos Fernández (pai de Raúl e Mario) que afirma que “foi e é un placer compartir tantas alegrías con esta familia que formamos o Club Ciclista O Rosal” ou de José Francisco Santomé (pai de Diego e Adrián) que coincide co seu compañeiro: “boa xente coa que foi un pracer compartir uns anos de viaxes e vivencias en familia, para que os rapaces disfrutaran das carreiras”. O ex corredor Iván Morais, recalca que “o Club Ciclista O Rosal creou un grupo de amigos, despois de botar moitas horas enriba dunha bici. Moitas confesións entre nós que crearon un vínculo moi bo” e realza a figura do “eterno” presidente, levándose consigo “coñecer a persoas como Gerardo con esa implicación e paciencia con nós”. Raúl Fernández Lorenzo, campión de Galicia e de España de Ciclocross “junior” no ano 2014 co CC O Rosal -entre outros títulos- e que daquela disputou o Mundial da modalidade en Hoogerheide (Países Baixos) confésanos que se sinte afortunado “de ter crecido enrolado neste gran grupo. Só teño palabras de agradecemento para a xente que fixo e fai posible que o Club siga ó pé do cañón. Amistades eternas e moitas, moitas aventuras vividas. Por moitos anos máis, viva o Club Ciclista O Rosal!” Javier Calvo, que tamén triunfou en Galicia a finais dos 80 / comezos dos 90, tanto en ciclocross como en fondo en estrada, recoñece que algo que lle marcou desa época foron “as alegrías da vitoria e as cicactrices das caídas”. Rememora con emoción “cando o teu corpo non podía máis… pero xamais te rendías, sempre sacabas forzas de fraqueza para chegar a túa meta” e lanza unha afirmación clara que trascende ao tempo: “Club Ciclista O Rosal, temido sempre polos seus grandes corredores”. E en verdade, o club rosaleiro -ano tras ano- presume dunha excelente plantilla. Poderíamos certamente escribir centos de páxinas sobre os incribles currículums deportivos e nomear a tantos e tantos cracks que pasaron polas súas filas durante estes 40 anos…

62 cousas de

C Eloy Otero

posando cun trofeo en O Rosal. Foto CC O Rosal

C Raúl Fernández, campión de España 2014. Foto CC O Rosal

C O Club Ciclista en Terras Gauda, 2014. Foto CC O Rosal


C Directivos e ciclistas do Club no Trofeo Pista de As Faias 2021 En palabras do mítico mestre e adestrador salmantino Félix Piñel Alonso, unha das voces máis autorizadas do deporte da vila: “hablar de O Rosal es hablar, orgullosamente, de deporte y deportistas: ciclismo, balonmano, fútbol, atletismo, moto, remo... Hablar de este club cuarentón es recordar un listado interminable de gente impresionante entrenando, pedaleando, animando y colaborando que han crecido disfrutando, luchando por sus sueños y haciéndonos felices a todos”. Dende COUSAS DE, aínda que por espazo non podemos mencionar a todos e todas, sirva aparte dos nosos entrevistados, esta pequena lista de campións e campionas como homenaxe ás catro décadas do club de O Rosal. Nos anos 80 destacamos, por exemplo, a Indalecio Martínez Dorado, Jorge Álvarez Gómez, Roberto Portela Vieira ou Jorge Rodríguez. Nos anos ’90 resaltar, entre outros, a Paula Lomba Rodríguez, Montserrat Martínez Alonso, Jesús Ramón Lorenzo Alonso, Ana Amaro Mariño, Miguel Rodríguez González, Adolfo Martínez Alonso, Celso Flores Lorenzo ou Diego do Rego Lago. Xa na década do 2000 a Iñaki Eiras Rodríguez, Jonathan Sousa Araújo, Alejandro Lomba Rodríguez ou Antonio Portela Rodríguez (campión de España en estrada en 2011), e mesmo máis recentemente a Zaida González ou Mario Fernández Lorenzo. E non podíamos pechar esta reportaxe sobre o Club Ciclista O Rosal sen recoller unhas sentidas verbas do seu presidente Gerardo Álvarez Martínez lembrando a efeméride de 1981 e a aquela directiva “cuxo obxectivo era formar nenos e nenas do Baixo Miño na escola de ciclismo”. “Dende entón e a todo piñón –afirma Gerardo en argot ciclista- imos camiñando con pé firme intentando entrar en liña de meta en prazas e rúas coa ilusión de ter cumprido o noso compromiso”. J

CO

presidente Gerardo fai entrega dunha praca a Antonio Portela, campión de España

C Recibimento do Club a Antonio Portela, campión de España 2011

Longa vida e moitos máis éxitos ao Club Ciclista O Rosal¡¡. cousas de 63


OCIO/MÚSICA

EXPOSICIÓN AS MIRADAS DE ISAAC EN VIGO Chega a Vigo do 23 de setembro ao 27 de novembro «As miradas de Isaac», un proxecto expositivo con que se procura difundir a figura de Isaac Díaz Pardo para pór en valor o seu legado e achegas á cultura galega, sendo o impulsor da recuperación da fábrica de cerámica de Sargadelos, do Laboratorio de formas, do Seminario de Estudios Galegos, do Instituto Galego da Información, de Ediciós do Castro ou do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside, entre outros moitos proxectos relevantes. Esta é a primeira grande exposición da Xunta de Galicia en homenaxe ao artista despois do seu falecemento, en xaneiro de 2012. Inaugurouse en novembro de 2020 no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura para facela coincidir co centenario do seu nacemento (1920). A MOSTRA «As miradas de Isaac» contará cunhas 500 pezas entre obras de arte, murais, cerámicas, carteis, publicacións e obxectos persoais coa pretensión de reflectir a inesgotable creatividade de Díaz Pardo, un personaxe imprescindible da cultura galega do século pasado. A mostra mantén a estrutura en dez seccións, a través das que afonda en todo o seu periplo vital e profesional. Así na mostra quedará reflectida a importancia do pai –Camilo Díaz Baliño– no desenvolvemento da súa personalidade; a infancia e xuventude en Compostela; e a faceta de pintor, que deixou unha fonda pegada en todas as súas realizacións. Do mesmo xeito, a mostra tamén se centra no contacto de Díaz Pardo co exilio e o seu compromiso pola recuperación da memoria histórica; o labor como escritor; as iniciativas empresariais, con Sargadelos como insignia; e as iniciativas culturais e investigadoras, entre as que cabe destacar o Laboratorio de Formas ou o Instituto Galego de Información. O relato expositivo non esquece o deseñador industrial que proxectou máquinas, porcelanas, mobles ou Ediciós do Castro; o editor imparable; e finalmente enxalza o recuperador –con Luís Seoane– da vangarda artística galega anterior á Guerra Civil, coa posta en marcha do Museo Galego de Arte Contemporánea Carlos Maside.

64 cousas de


OCIO /LIBROS Historia de Shuggie Bain Douglas Stuart Editorial Sexto Piso Gañadora do prestixioso Premio Booker, Historia de Shuggie Bain é unha novela sobre a pobreza e os límites do amor. Unha emocionante homenaxe á fe inquebrantable dun fillo decidido a salvar á súa nai a calquera prezo.

Volver a dónde Antonio Muñoz Molina Editorial Seix Barral Volver a dónde é un libro dunha beleza sobrecolledora que reflexiona sobre o paso do tempo, sobre como construímos os nosos recordos e como estes, á súa vez, nos manteñen en pé en momentos en que a realidade queda en suspenso.

Algúns contos completos & Algunos cuentos completos Domingo Villar Linogravados de Carlos Baonza Editorial Galaxia & Editorial Siruela Domingo Villar afástase do seu rexistro habitual para ofrecernos dez relatos de vocación lúdica. Algúns contos completos contén unha escolma das pequenas historias escritas ao longo de quince anos para agasallar ás amizades ou para animar reunións.

El baile de Natasha. Una historia cultural de Rusia Orlando Figes Editorial Taurus Nesta obra mestra, Orlando Figes explora con elegancia, rigor e un marabilloso talento narrativo as poderosas e complexas forzas culturais que crearon e uniron a unha das nacións máis vibrantes do mundo. Un percorrido fascinante pola idade de ouro da cultura rusa. Polos vieiros do fabulador. Cunqueiro e Pontevedra Álvaro Cunqueiro Editorial Galaxia Esta obra reúne unha selección de traballos que Álvaro Cunqueiro foi sementando por varias publicacións, e onde fai referencia a Pontevedra cidade, á provincia e as súas vilas, tradicións, gastronomía e paisaxes.

Blacksad. Todo cae Juan Díaz Canales e Juanjo Guarnido Editorial Norma O felino máis elegante, comprometido e íntegro do cómic noir escarbará nos baixos fondos americanos nesta nova historia. Unha serie chamada a converterse nun referente do cómic neste século XXI.

cousas de 65


AQÚI SEMPRE NOS ATOPARÁS¡¡¡ PUNTOS DE DISTRIBUCIÓN AUTORIZADOS DA REVISTA A CAÑIZA.- Kiosco do Mercado A GUARDA.- Librería LER, librería Cervantes e Librería Ideas AS NEVES.- Estanco BAIONA.-Librería Vernet e Estación de Servicio Monterreal. Sabarís.- Kiosko Sabarís BUEU.- Librería Abrente, Librería Miranda e Panadería Amador CANGAS.- Kiosco Goluts, Kiosko La Ventana e Libraría Wells e Libraría A Esmorga CALDAS DE REIS.- Librería Luisa Piñeiro CUNTIS.- Librería - Papelería Maresa GONDOMAR.- Librería Libraida e Asociación de Empresarios A Pasaxe MARÍN.- Librería Maky e Libraría Nobel MOAÑA.- Librería Nobel e Libraría La Papelería MONDARIZ.- Librería Santa Eulalia. MONDARÍZ - BALNEARIO.- Kiosco Las Colonias MORAÑA.- Libroflor MOS.- Librería Arte e Ciencia NIGRÁN.- Libraría Paraísos de Papel e Estanco. Ramallosa. - Kiosko Ramallosa e Copisteria Duplicolor. Panxón.- Estanco César O PORRIÑO.- Librería Recondo, Kiosco El Pinar e Librería Papelería Copirey e Kiosco Regaliz O ROSAL.- Librería Ideas e La Segunda Vuelta PAZOS DE BORBÉN .- Kiosko - Tabacos Huno PONTEAREAS.- Librería Papiros, Librería Don Papel e Librería Mil Follas PONTEVEDRA.- Libraría d-lectum, Libraría Nobel (zona Museo) e Kiosco Beni (Mercado) PONTE CALDELAS.- Librería El Colegio REDONDELA.- Quiosco Cocó, Quiosco Chelo, Quiosco Xunqueira e Libraría La Imprenta. Chapela de Arriba.- Estanco SALCEDA.- Librería Sernel, Librería Lemos e Librería Dona SALVATERRA.- Kiosko Bolboreta e Estanco SANXENXO.- Librería Nos SOUTOMAIOR.- Arcade Librerías Loli e Kiosco Tulipán TOMIÑO.– Librería Novidades e Quisco Loterías Gonzalo. Goian (Tomiño )Mercado TUI.- Librería Nobel, Estanco/quiosco rúa Ourense e Librería Iris VIGO.- Librería Librouro, Librería Solidaria Aida, Librería Nobel (Gran Vía)e Libraría Cartabón, Libraría Nobel (Calvario), Kiosco Lembranzas

66 cousas de


cousas de 67


68 cousas de


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.