COUSAS DE - revista nº13

Page 1



SUMARIO

NÚM.

13

Dedicamos a nosa portada ás mulleres traballadoras que foron, son e serán. O noso agradecemento a Tremelique e as Redeiras da Guarda pola súa complicidade.

04\ EDITORIAL 06\ OPINIÓN

36\ REPORTAXE

Tribuna Por Henrique Monteagudo

Dos soños radiantes ao tempo ferido

08\ RÍAS BAIXAS

“Camiños do sur”, exposición itinerante para valorizar o patrimonio do Camiño

10\ ACTUALIDADE 14\ ENOTURISMO

Heraclio Alfaro, a gran aposta rioxana de Terras Gauda

16\ ACTUALIDADE 30\ REPORTAXE

Cos pés no mar:140 aniversario da creación da Xunta de Obras do Porto de Vigo

42\ REPORTAXE

A fábrica de pan de munición da antiga provincia de Tui

62\ GALICIA SOLIDARIA

O Fondo Galego contribúe a reforzar a limpeza dos campamentos de refuxiados saharauís

64\ OCIO/BELAS ARTES

O escultor Francisco Leiro, elixido académico de Belas Artes

O Pazo de Lourizán: A nosa Historia en ruínas

ESPECIAL GALAICAS 50\

A muller na industria da salgadura e a conserva: unha historia de desigualdade laboral nos séculos XIX e XX.

54\ 56\ 60\

As pandereteiras Tremelique, tradición cun chisco de modernidade. Begoña Vila: a viguesa que supervisa a nova xoia espacial da NASA. Atadeiras - Redeiras da Guarda o rexurdir dun oficio tradicional

Edita: EDICIONES BASAN, S.L. C/ López de Neira, nº 3, 3º. 36202 Vigo. cousasde@edicionesbasan.com.

Periodicidade trimestral.

Director: Jesús Mª García Bastida jesusgbastida@cousasde.com Deseño e maquetación: CREACIÓN ANIMAL Colaboradores: Anxo Rodríguez Lemos, Pablo Fernández Estévez, Carlos Méixome, Suso Vila, Álvaro Peralta, Judit Bernárdez, Carmen Salinero, Pilar Vela, Silvia Cernadas, Xosé Ramón Paz Antón, Marco Rivero, Rosa Vila, Alberte Reboreda, David Vidal.

Departamento Comercial: revistacousasde@cousasde.com Teléfono: 626 993 480 Web e redes sociais: www.cousasde.com

redacción@cousasde.com Depósito Legal: VG 229-2019 A empresa resérvase todos os dereitos da publicación, sen que poida reproducirse total ou parcialmente o seu contido, sen o consentimento previo dos editores. Ediciones Basan non se fai responsable dos comentarios dos seus colaboradores

Distribución gratuíta en: A Cañiza, A Estrada, A Guarda, Arbo, As Neves, Baiona, Bueu, Caldeas de Reis, Cambados, Cangas do Morrazo, Covelo, Cuntis, Gondomar, Marín, Meaño, Meis, Moaña, Mondariz, Mondariz Balneario, Moraña, Mos, Nigrán, Oia, O Grove, O Porriño, O Rosal, Pazos de Borbén, Poio, Ponteareas, Ponte Caldelas, Pontevedra, Redondela, Salceda de Caselas, Salvaterra de Miño, Sanxenxo, Soutomaior, Tomiño, Tui, Vigo, Vilaboa, Vilagarcía de Arousa En Portugal: Valença, Cerveira, Caminha e Monçao

cousas de 3


EDITORIAL

Cada 8 de marzo celébrase o Día Internacional da Muller. Millóns de persoas en todo o mundo maniféstanse nesta data para conmemorar a loita que libran as mulleres desde hai anos pola igualdade de dereitos. Este día celébrase de maneira oficial desde 1975, cando foi declarado polas Nacións Unidas. Pasaron apenas uns 114 anos desde que un grupo de mulleres morreu esixindo mellores condicións laborais, dereito a voto, fin ao traballo infantil, entre outras reivindicacións. A traxedia ocorreu o 25 de marzo de 1911, na fábrica Cotton Textile Factory de Nova York. Alí 129 mulleres pereceron nun incendio mentres estaban encerradas para impedirlles unirse á protesta. Xunto a elas tamén morreron 23 homes. Desde entón cada sociedade avanzou, é verdade que unas máis que outras, en prol da igualdade de dereitos, pero a maioría está ao debe, porque se seguen lesionando os dereitos das mulleres, siléncianse as súas voces e impera a desigualdade de xénero. Con todo a loita feminista ten mostrado nas últimas décadas unha extraordinaria capacidade de transformación social. As conquistas das mulleres implicaron maiores niveis de xustiza social e progresos substanciais, non só para elas, senón para a sociedade no seu conxunto, con importantes cambios lexislativos en igualdade salarial, liberdade sexual e violencias machistas Neste número da revista que o lector ten nas súas mans, incluímos un dossier Especial de Galaicas, catro reportaxes cos que queremos poñer o foco en mulleres traballadoras de distintos sectores nun intento por coñecer os retos aos que se enfróntan no seu día a día e co propósito de dar máis visibilidade a unha realidade, xa que son elas as que teñen que enfrontarse ao reto de ter que compaxinar a vida laboral coa familiar e talvez, renunciar a unha das dúas.

C Baixo o lema “Igualdade de xénero hoxe para un mañá sostible”, Nacións Unidas fai un chamado este ano a xerar iniciativas para que as mulleres e as nenas estean no centro da recuperación sostible ante a crise climática e ambiental que enfrontamos.

4 cousas de


cousas de 5


PÁXINA 6 / OPINIÓN TRIBUNA

DOS SOÑOS RADIANTES AO TEMPO FERIDO por Henrique Monteagudo

Estes días conmemórase o vinte cabodano de Carlos Casares. Cúmprense dúas décadas de presenza ausente, ou de ausencia presente, pois a súa lembranza é tan vívida que os seus amigos sentimos que nunca nos deixou de todo. Entre tantos recordos que arestora gurgullan na memoria, nestas tráxicas xornadas en que a guerra arrasa o soar da Europa, acode con forza a imaxe da súa felicidade cando percorreu en tren o vello continente de Lisboa a San Petersburgo pasando por Berlín, nunha viaxe que durou un mes e medio. Formaba parte dun faiscante continxente de escritores e escritoras dunha miríade de linguas europeas, convidados a participar no «Expreso da Literatura». Sería difícil imaxinar unha iniciativa máis acaída aos seus gustos que unha viaxe en tren (el, o impenitente viaxeiro, apaixonado coleccionista de locomotoras en miniatura!) na compaña dunha morea de letra-feridos (el, enfeitizado pola palabra, gozoso conversador políglota e incurable cosmopolita!). Aquela iniciativa do «Expreso da Literatura» era unha reivindicación tanto da diversidade lingüística e cultural de Europa canto do diálogo e a convivencia pacífica entre os seus pobos, choutando por riba das fronteiras políticas, as divisorias ideolóxicas ou as diferenzas relixiosas. Deixou escrito: “Europa somos corenta e catro países, noventa e tantas linguas e seis alfabetos... Iso foi para min un gran descubrimento. Porque, aínda que ti estás nunha minoría, non ves Europa como un conxunto, como un mosaico de minorías”. Era unha Europa que, derrubado o muro de Berlín e erguida a cortina de ferro, volvía soñarse unida, plural e libre: a Europa da cooperación, da igualdade e dos dereitos humanos, sen guerras, ferrollos nin ditaduras. Carlos viviu naquela singradura o idioma galego respirando a pleno pulmón o aire fresco da vasta Europa. Unha peza máis, preciosa, daquel fascinante mosaico, sen complexos provincianos nin alfándegas interpostas, como quixeran os grandes creadores da nosa república das letras, fundadores da nosa nación imaxinada, aqueles Risco, Pedrayo, Castelao, Piñeiro, Cunqueiro, Blanco-Amor que coñeceu, admirou e nalgúns casos biografiou. Era un dos seus soños máis radiantes, que chegou a poupar coa punta dos dedos no mes e medio de peregrinaxe no tal «Expreso da Literatura». Deixou testemuña da aventura no diario que espreitaba cada día na súa columna de “Á marxe”. E agora, degustando o sabor agridoce da súa lembranza, maxino a súa tristeza neste tempo ferido de hogano e aférrome coas uñas a aquelas conmovedoras palabras de esperanza con que remata o ensaio que lle dedicou ao «Expreso», cando fala da “pequena lingua en que escribo eu agora estas liñas” e recita o seguinte prego: “Non pido máis que un lugar para ela baixo o sol da Europa que aspiramos a construír, para ela mesma e contra ninguén. Só co propósito de empregar os seus vocábulos máis fermosos (solidariedade, liberdade, amizade) e expresar con eles a memoria do pobo en que nacín, neste vello recuncho de Europa ao que se chega seguindo a través do ceo o máis fermoso camiño de estrelas que existe no firmamento”. Recordar a voz do amigo conforta. Nos vinte anos transcorridos desde o seu pasamento, ante moitos dilemas da vida, tanto da persoal como da colectiva, téñome preguntado: “Que opinaría Carlos disto? Que faría Carlos?”. E vénme á mente que durante a brutal guerra da Iugoslavia —primeiro capítulo desta carnaxe á que pertence o criminal episodio da invasión de Ucraína— acollera durante uns meses na súa casa un refuxiado bosníaco. Era un vello escritor, solitario, moi triste e algo rosmón, que matinaba seguido no aciago sino da súa familia e da súa patria. Iso sería o que Carlos faría arestora. Para el solidariedade, liberdade, amizade non eran só palabras. Que non o sexan tampouco para nós neste tempo ferido. *Henrique Monteagudo é vicesecretario da Real Academia Galega e coordinador do Seminario de Sociolingüística da mesma institución. Publicado na páxina web da Real Academia Galega (academia.gal)

6 cousas de


cousas de 7


RÍAS BAIXAS

A DEPUTACIÓN PRESENTA “CAMIÑOS DO SUR”, A EXPOSICIÓN ITINERANTE QUE IMPULSA NO MARCO EUROPEO PARA VALORIZAR O PATRIMONIO DO CAMIÑO Ponte Bermaña (Caldes de Reis). Son miles os peregrinos que ao longo dos séculos pasaron por aquí no seu camiño cara a Santiago

A Deputación de Pontevedra impulsa a mostra “Camiños do Sur” co obxectivo de valorizar o patrimonio natural e cultural das vías transfronteirizas que descorren pola provincia cara Compostela, en concreto o Camiño Portugués e o Camiño Portugués pola Costa. O obxectivo é enxalzar a súa natureza e as oportunidades de desenvolvemento económico e social sostible que xeran. “Con esta mostra queremos que a xente coñeza este paraíso polo que pasa o Camiño, as nosas historias, o noso patrimonio, gastronomía e cultura. Que saiban que os mellores camiños que existen son os que atravesan a provincia de Pontevedra” asegurou Carmela Silva na inauguración, no exterior do Palacete das Mendoza en Pontevedra, da mostra itinerante “Camiños do Sur”. A presidenta, que estivo acompañada pola alcaldesa de Redondela Digna Rivas, a concelleira de Pontevedra Yoya Blanco, o concelleiro de Caldas e deputado provincial Manuel González e a deputada de Turismo Ana Laura Iglesias, deu deste xeito en Pontevedra o “pistoletazo” de saída á primeira parada desta mostra, enmarcada no proxecto europeo “Camiños Xacobeos do Oeste Peninsular”, que recalará tamén en Baiona, Tui, Redondela e Caldas para espallar “as diversas miradas” da ruta. “Agora que estamos neste Xacobeo bianual é fundamental centrarnos en todo o que significa o Camiño para as persoas, para a vida”, destacou a presidenta da Deputación ao tempo que detallou que “Camiños do Sur” “quere dar a coñecer as rutas xacobeas dende diversas miradas, como un camiño que se desenvolve a través das cidades, vilas e pobos, que deixa unha forte pegada, non soamente polo feito de realizar o percorrido, senón tamén pola cultura, gastronomía, historia e patrimonio inmaterial e material”. Tamén persegue poñer en valor “o carácter transfronteirizo” do territorio e “que a xente nos coñeza, espertar o interese e amosar que somos xente hospitalaria, que nos encanta recibir, que queremos que veñan a coñecernos porque coñecernos é namorarse, namorarse é querer e querer é construír paz. Soamente os imperialistas cren que o único importante é o seu e están a favor das guerras. Nós somos xente de ben que queremos construír xuntas e xuntos”, engadiu Carmela Silva. 8 cousas de


Pola súa banda a alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, enxalzou o feito de que pola súa vila conflúan dúas rutas cara a Compostela, o que “nos converte nun referente e nun polo de atracción de peregrinas e peregrinos”. En liña con Carmela Silva e Digna Rivas a concelleira pontevedresa Yoya Blanco, que recordou o instante do vídeo da campaña da Deputación de Pontevedra “Love Rías Baixas” no que sae unha muller xaponesa que decide quedarse a vivir na provincia tras realizar o Camiño, remarcou que a ruta é “moito máis que un camiño relixioso” polo que convidou a “gozar do camiño se é que aínda non o fixeches”. “Camiños do Sur”, que ocupa un espazo de 150 metros cadrados, difunde información a través de cubos retroiluminados e taboleiros con deseños atractivos e modernos, imaxes de gran formato e mobiliario contemporáneo, práctico, atractivo e versátil adaptado ao espazo, no que “xúntanse mundos diversos”, presentando paisaxes, vilas, cidades, persoas e culturas a carón dos camiños. En concreto, amosa percorridos e datos históricos, centrando a atención nos contrastes, nas relacións e similitudes entre as paisaxes, así como información sobre os núcleos de poboación que percorren as persoas peregrinas e sobre o seu patrimonio, as súas xentes, as súas tradicións e a gastronomía. Tralo paso por Pontevedra, a mostra continuará o seu percorrido pola provincia visitando a partir do 26 de abril Baiona, onde se situará na Praza do Concello. Posteriormente, a partir do 2 de xuño, exhibirase en Tui na sala municipal de exposicións do edificio “Francisco Sánchez”, dende o 9 de xullo estará en Redondela no Multiusos da Xunqueira e rematará en Caldas, a partir do 17 de agosto, na Praza do Camiño.

Ponte de estilo románico sobre o río Miñor (Baiona)

O proxecto “Camiños Xacobeos do Oeste Peninsular”, no que se enmarca a exposición “Camiños do Sur”, conta cun orzamento de 2,5 millóns de € cofinanciados polo FEDER ao 75%. O seu principal obxectivo é impulsar o patrimonio do Camiño a través de infraestruturas nas vías cara Compostela que atravesan o Oeste da Península Ibérica como son o Camiño Mozárabe, o Camiño da Costa, a Vía da Prata ou o Camiño Portugués. En concreto, a través deste proxecto no que a Deputación de Pontevedra traballa xunto a outras doce entidades do resto do Estado e de Portugal, estase a impulsar unha actuación homoxénea de sinalización; a mellorar equipamentos; empregar as tecnoloxías para poñer en valor as rutas como recursos turísticos desenvolvendo unha app; e implantar unha estratexia para a conservación, dinamización e prestación de servizos no camiño.

cousas de 9


BAIXO MIÑO

O Camiño Portugués da Costa pola Guarda estrea nova marca

O Concello da Guarda segue apostando por darlle pulo e o valor que merece a un tramo do Camiño que garda un gran potencial, e deseña unha imaxe propia na que aparece representado o mar, o Monte Trega e por suposto a cuncha do Camiño na súa vertente máis antiga. Porque ademais de beleza o Camiño Portugués da Costa ten moita historia. O Camiño Portugués da Costa iníciase na cidade de Porto (Portugal), recorre a costa norte portuguesa, cruza en Caminha o río Miño cara a Galicia pola Guarda e termina en Redondela, onde entronca co Camiño Portugués Interior. Xa no ano 2000 encárgase un estudo sobre a fundamentación histórica desta variante do Camiño, para acabar sendo recoñecido polo Parlamento de Galicia no 2009. No 2011 abre as súas portas o albergue municipal e, xa por fin, no 2016 consegue a súa oficialidade coa publicación da Lei de Patrimonio Cultural de Galicia.

Desde que a Oficina do Peregrino en Santiago comeza a contabilizar o número de persoas que realizan este itinerario (2016), e ata o ano no que se desencadeou a pandemia, o crecemento de paso de peregrinos polo Camiño Portugués da Costa foi exponencial En 2016 pasaron 2.600 peregrinos; en 2017 foron 7.329, en 2018 chegouse a 13.841 e en 2019 xa contamos con 22.291. Estes datos destacan a importancia deste recurso para esta vila, que xa demostrou ser un auténtico revulsivo económico que permite a un pobo costeiro como este axudar a desestacionalizar a súa recepción de visitantes e polo tanto mellorar a súa economía. Por todas estas razóns desde o Concello consideran que as administracións deben poñer todos os recursos posibles para seguir coidando e promovendo este Camiño, tan importante non só para A Guarda, senón para todas as pequenas vilas polas que pasa e para as que o Camiño é vida, economía e difusión. 10 cousas de

Mapa cedido por Turismo da Guarda


Por todas estas razóns desde o Concello consideran que as administracións deben poñer todos os recursos posibles para seguir coidando e promovendo este Camiño, tan importante non só para A Guarda, senón para todas as pequenas vilas polas que pasa e para as que o Camiño é vida, economía e difusión. Desde a institución local, lamentan que non todas actúan correctamente, concretamente Portos de Galicia continúa facendo oídos xordos ás peticións do goberno local e confirmou fai uns días que a plataforma de atraque do ferri que comunica Caminha coa Guarda non estará arranxada para o paso de vehículos nin sequera para o verán. Polo que é bastante probable que o ferri siga sen funcionar durante máis tempo, porque nesta modalidade e sen o transporte de vehículos a motor, non lles resultará rendible poñelo en funcionamento. Unido a isto, hai unhas semanas puidéronse ler as declaracións da Xunta felicitando a Portugal por recoñecer unha variante do Camiño Portugués dá Costa que xa non cruza pola Guarda, senón que prosegue pola beira do río ata cruzar en Tui, “polo que teremos que agradecerlle á Xunta que este verán teñamos por centos de peregrinos confundidos na ruta e opten por continuar por Portugal e non pasar pola Guarda” Desde o Concello informan que ademais da creación desta propia imaxe teñen previstas diversas actuacións, como a organización de actividades cos centros educativos e asociacións para que coñezan e sexan quen de poñer en valor o noso Camiño. A redacción dun proxecto técnico que ten como obxectivo embelecer determinados puntos que presentan carencias a nivel estético e que actuará tanto a nivel forestal como de obra. Presentación no mes de maio dun documental onde aparece o tramo da Guarda. A colocación nun espazo singular do Camiño dunha escultura na que están traballando desde a Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra, ademais instalaranse novas zonas de descanso en puntos estratéxicos, así como outras dúas figuras en madeira dunha peregrina e un Apóstolo Santiago que serán cedidas pola Comunidade de Montes da Guarda.

cousas de 11


BAIXO MIÑO

“RÍO MIÑO, DESTINO NAVEGABLE” Desde o pasado mes de febreiro o proxecto Río Miño, un destino navegable ofrece unha visión única dos centros históricos de catro cidades fronteirizas. Os concellos de Tui e Salvaterra de Miño, as cámaras municipais de Valença e Monçao, con Turismo de Galicia e Turismo Porto e Norte crearon este programa, de carácter gratuíto, co que dar a coñecer vistas exclusivas deste espectacular espazo transfronteirizo. As rutas establecidas brindan unha experiencia turística única entre catro cidades de dous países unidas polo río Miño. O punto de partida serán as oficinas de turismo de cada municipio, que servirán de comezo para un percorrido que permitirá coñecer os conxuntos históricos de Tui, Valença, Salvaterra do Miño e Monçao. Son oito horas de actividades nas que un tren turístico realizará a unión entre os centros históricos e o pantalán de atracada da embarcación.

Coñecer as catro cidades dunha maneira diferente Desde a Oficina de Turismo de Tui, os participantes partirán acompañados dun guía para visitar o conxunto histórico de Tui presidido pola impoñente catedral, e irán camiñando ata o embarcadoiro de pescadores no paseo fluvial. Tras embarcar poderán coñecer Tui e Valença desde o río, para volver ao embarcadoiro onde os esperará un tren turístico que os levará ata a Fortaleza de Valença cruzando o antigo Puente Internacional. En sentido inverso irá a ruta curta entre Valença e Tui, que comezará na Oficina de Turismo de Valença, na Porta do Sol, para visitar o centro histórico, cruzar no tren turístico a Ponte Internacional ata o embarcadoiro, e tras o paseo en barco visitar o conxunto histórico de Tui. O tren levará de novo aos participantes ao momento de partida en Valença. Nas rutas que unen Salvaterra e Monçao, ademais de ver os centros históricos e cruzar a Ponte Internacional, pódense coñecer desde preto as pesqueiras utilizadas para a lamprea, unha arte de pesca tradicional que só se utiliza no río Miño. Tamén se farán dúas rutas longas Tui-Salvaterra- Monçao-Valença, nas que, sempre que as condicións de navegabilidade permítano o percorrido entre Tui e Salvaterra, e viceversa, este farase en barco. En caso contrario, deberá facerse en autobús. “Río Miño, destino navegable” amplía servizos Incorpórase un novo paseo en barco ás 17.30 h que se suma ao que se estaba realizar ás 16 h e as rutas que saen ás 10 h Dado o éxito e a expectativa creada, os 4 municipios fronteirizos decidiron ampliar a oferta turística con outro percorrido fluvial polas augas do río Miño internacional. Mantendo o horario das 16:00 horas, os municipios sumaron outro, ás 17:30 horas, que funciona desde o pasado 2 de marzo. A inscrición, gratuíta e limitada a 15 persoas por viaxe,realízase o mesmo día nos quioscos de información que se atopan alternativamente nos embarcadoiros de Salvaterra de Miño e Tui, ou no sitio web de Hemisferios www. hemisferios.org, o tour operador responsable das viaxes. Cunha duración aproximada dunha hora, ofrecen fabulosas vistasdos centros históricos dos 4 municipios desde o río. O barco turístico está dispoñible unha semana en Tui, no embarcadoiro de pescadores, e outra en Salvaterra de Miño. O proxecto Río Minho: Un Destino Navegable, aprobado polo Programa INTERREG V-A España-Portugal (POCTEP), conta con cofinanciación europea. 12 cousas de


Tui busca nomes de mulleres para as rúas e espazos públicos Aberto o proceso de participación no que a cidadanía pode realizar as súas propostas Actualizar o nome das rúas e dos espazos municipais de Tui incorporando nomes de mulleres destacadas na historia, economía, movementos sociais, ciencia, cultura, é o obxectivo do traballo que está a desenvolver o concello de Tui, dando así cumprimento á medida 7.3 do III Plan de Igualdade de Oportunidades de Mulleres e Homes de Tui 2020-2024 . Neste cambio “preciso e relevante” para a cidade, dende o concello quérese facer partícipe á cidadanía polo que se inicia un proceso de participación pública para recoller propostas sobre mulleres destacadas para dar nome a rúas e espazos públicos, contribuíndo deste xeito á visibilización das mulleres na cidade. A concelleira de Igualdade, Ana Núñez, convida a “toda a cidadanía a participar deste proceso para enriquecer as rúas da nosa cidade cos nomes das mulleres da nosa historia, unha historia na que as mulleres tamén estivemos presentes e continuamos estando porque sen nós a historia está incompleta”. A igualdade de xénero é, sen ningunha dúbida, un principio transversal dentro de todas e cada unha das políticas municipais do concello de Tui. Neste momento a presenza de nomes femininos é absolutamente minoritaria en relación cos nomes de homes nas vías e noutros espazos públicos do Concello de aí, que continuando coa aplicación do III Plan Municipal de Igualdade de Oportunidades entre mulleres e homes, o Concello siga coa súa loita para converter a cidade nun espazo igualitario no que as mulleres tamén estean representadas. Precisamente con motivo do 8 de marzo, Día da Muller, iniciouse no Concello este camiño coa presentación da actividade “Camiñando con elas”. É un roteiro turístico ilustrado que da a coñecer o papel de diferentes mulleres que forman parte da historia local. Esta actividade é só o inicio dun proxecto moito máis amplo que se presenta baixo o nome “A Tui das mulleres. A historia non contada”. Estas accións teñen como finalidade “situar as mulleres -con nome propio e con información sobre as súas achegas á mellora da cidade e da sociedade- nos espazos públicos” explica a concelleira Ana Núñez. As persoas que desexen propor o nome dunha muller dentro deste proceso de participación pública poden facelo enviando un correo electrónico a igualdade@tui.gal ou cubrir o formulario dispoñible na web www.tui.gal. Aínda que non é imprescindible convídase a achegar os motivos da proposta, ou datos biográficos da muller suxerida.

cousas de 13


ENOTURISMO

HERACLIO ALFARO, A GRAN APOSTA RIOXANA DE TERRAS GAUDA O NOME E A FIGURA DO INSIGNE AVIADOR HERACLIO ALFARO ESTÁ MOI PRESENTE NO RELATO E NA PROPIA HISTORIA DA COMPAÑÍA DE VIÑOS HERACLIO ALFARO

O Grupo Vitivinícola Terras Gauda abriuse camiño na D.O. a Rioxa coa Compañía de Viños Heraclio Alfaro. É a súa adega con alma. Coas súas propias peculiaridades e características, pero comparte o mesmo fío condutor: a filosofía de crear viños únicos, que se identifican coa súa orixe, están estreitamente ligados aos seus respectivos terruños, valorizan as súas variedades autóctonas e contribúen á sustentabilidade da contorna, preservando o legado vitivinícola dos seus antepasados. Sobre estes piares e, sempre coa mirada posta na tradición rioxana, no saber facer e en séculos de sabedoría colectiva, a Compañía de Viños Heraclio Alfaro elabora os seus viños e un aceite de oliva virxe extra ecolóxico. Como denominador común o nome e a figura do insigne aviador Heraclio Alfaro; moi presente no relato e na historia da propia adega, construída sobre un antigo hangar de aviación no corazón da Rioxa Oriental; en Finca Estarijo, cunha extensión de 110 hectáreas de terreo nunha das terrazas do río Ebro.

14 cousas de

Heraclio Alfaro 2017 É a terceira anada co selo do Grupo Vitivinícola Terras Gauda. Un viño que combina as variedades tradicionais Tempranillo, Graciano e Mazuela, cultivadas no terreo que rodea a adega, en chans francos con gran cantidade de canto rodado, profundos e con fertilidade moderada que inducen no viñedo vigor, contido e unha correcta maduración. A Garnacha procede de viñas situadas a 700 metros de altitude, máis frescas e de maduración tardía, que contribúen a un mellor equilibrio con achega de froita fresca e acidez. Son estas vellas cepas de Garnacha as protagonistas dos auténticos viños da Rioxa Oriental. A crianza é de 12 meses en barrica.


Heraclio Alfaro Finca Estarijo 2016 O Graciano marca o perfil desta primeira anada. As uvas desta variedade obtéñense de viñedos vellos de máis de 40 anos de antigüidade, de profundos chans de gravas e areniscas. Completan a combinación o Tempranillo, a Garnacha e a Mazuela. A crianza en pequenos fudres de carballo de 700 litros e en barricas prolóngase durante 16 meses. O obxectivo é conseguir complexidade, unha suave achega de tanino e unha moderada presenza de madeira. O Graciano confire unha intensa coloración, nervio e frescura, con aromas a froitas negras e regaliz característicos. Despois de tres anos de afinamiento en botella aparecen os seus delicados aromas balsámicos. Heraclio Alfaro Finca Estarijo é un viño fino e elegante no que prima o carácter desta variedade en harmonía e equilibrio coas outras tres cepas clásicas da Rioxa Oriental.

Grupo Rioxa O afianzamento en terras rioxanas consolidouse coa integración da Compañía de Viños Heraclio Alfaro no Grupo Rioxa, unha asociación empresarial que aglutina ás adegas máis representativas desta denominación de orixe, comercializadoras do máis do 75% da súa produción. Grandes grupos, empresas vitivinícolas centenarias e outras máis recentes forman parte da entidade. En común teñen a súa capacidade e orientación exportadora, así como o prestixio de estar amparados por unha das denominacións de orixe máis recoñecidas dentro e fóra das nosas fronteiras.

Aceite de Oliva Virxe Extra Ecolóxico Heraclio Alfaro Unha colleita propia que se recolle das trece hectáreas de oliveiral da variedade Arbequina plantadas en 2004 e cultivadas en agricultura ecolóxica. Cun perfil sensorial de cor verde – amarillado e frutado intenso, en nariz é moi agradable e intenso, con notas de alcachofa, fiúncho e recordos aromáticos de monte baixo. En boca, equilibrado, con lixeiro proído e amargor. Moi agradable e perdura en padal. Logrou o 2º Premio ao Mellor Aceite da D.O.P. Aceite da Rioxa na categoría Frutado Maduro do V Concurso.

Internacionalización A Compañía de Viños Heraclio Alfaro fortaleceuse no exterior nos últimos anos. A estratexia de internacionalización levouna a posicionarse en 21 mercados, con China, México, Suecia e Austria como principais destinos.

cousas de 15


VAL MIÑOR

Baiona busca potenciar este ano as súas Rutas de Sendeirismo polas parroquias

A Concellería de Turismo do Concello de Baiona busca fixar e potenciar este ano, as catro rutas de sendeirismo que transcorren por todas as parroquias do municipio (Baíña, Baredo, Santa Cristina da Ramallosa e Belesar), todas elas adaptadas para maiores 15 anos e fundamentais para poñer en valor a riqueza paisaxística e etnográfica de Baiona.

Ruta1. Chan dá Lagoa-Baíña A primeira destas rutas ten por nome Chan dá Lagoa-Baíña e realizarase o 3 de abril, É un percorrido de 10,5 quilómetros é circular e a súa duración aproximada é de 3,5 horas, ten unha dificultade moderada. Entre os puntos de interese polos que transcorre atópanse a Estación Arqueolóxica Outeiro dúas Lameiros (petróglifos), o Camiño Medieval, a panorámica Val Miñor, a panorámica Baía de Baiona, a fervenza río San Cosme e o merendero Chan dá Lagoa. Ruta 2- Descobre Baredo A segunda, a de Baredo, realizarase o 15 de maio. O percorrido desta é de 9,5 km.ten como eixo principal dar a coñecer a vida dos baioneses e a repercusión que trouxo a Baiona o paso do Camiño de Santiago. Entre os puntos de interese polos que transcorre atópanse os muíños do río Fraga, O Facho, a Fonte dos Mortos e a parroquia de Baredo. Ruta 3-A Groba Panorámica Realizarase o 19 de xuño. Ten un percorrido de sete quilómetros durante o que se pode gozar da contorna marítima desde os mellores miradoiros do alto da Groba. Entre os puntos de interese polos que transcorre atópanse o Miradoiro do Cortelliño, o Miradoiro Alto da Groba, A Gabiñeira, Granxa da Tomada e a Fonte da Groba. Mirador do Corteliño

Ruta 4-A Groba Montañosa A Groba Montañosa realizarase o 11 de setembro. O percorrido terá unha duración aproximada de 3,5 horas e unha dificultade moderada. Algúns dos puntos de interese polos que transcorre son A regueira Escura, o Camiño Medieval, Calveiras, Floral da Groba, Pedra do Acordo, As Abrutias, Miradoiro Alto da Groba e Gabiñeira. 16 cousas de


Un safari etológico percorrerá os montes de Baiona para dar a coñecer os cabalos salvaxes garranos da Serra da Groba

Un safari en Baiona? Nos montes do Alto da Serra dá Groba? Non é unha estratexia de márketing, en efecto, é como soa. O lado máis salvaxe de Baiona descóbrese como resultado do seu illamento da civilización, a fauna local e, principalmente, pola manda de equinos de pura raza galega, os garranos coñecidos popularmente na zona como “burras”, os cabalos salvaxes que reinan ás súas anchas nesta contorna privilexiada. De feito, é a única reserva de cabalos salvaxes do Atlántico, a maior manda de equinos en liberdade de Europa e un do poucos lugar de España onde velos en semilibertad e sen necesidade de intervención humana para sobrevivir. O Concello de Baiona, a través da Concellería de Turismo, organiza os roteiros guiados gratuítos “Safari Etológico de Garranos” unha proposta que levará a cabo Finca Moreiras. Un safari sostible descubrirá este animal salvaxe e prehistórico campando ás súas anchas no privilexiado lugar do Alto de Groba. As visitas guiadas municipais serán a pé. Sairá un autobús do centro da vila cara ao Alto da Groba con dous guías : Adrián Mártíns, xerente de Finca Moreiras, e a investigadora da Universidade da Coruña, Laura lago, experta na raza. O alcalde de Baiona, Carlos Gómez Prado, á fronte tamén da Concellería de Turismo, sinala que “O Concello de Baiona quere poñer así en valor estes animais e a contorna natural no que habitan á vez que ofrecer á cidadanía baionesa e ás persoas visitantes que o desexen a posibilidade de vivir unha experiencia de proximidade con esta especie da nosa contorna”. Gómez mostrou o seu desexo de que con esta campaña déase a coñecer o potencial de Baiona como un municipio comprometido co mantemento da súa flora e fauna autóctona. “Unha combinación perfecta para un turismo sostible e respectuoso polo que estamos a apostar firmemente. Un novo atractivo para o turista potencial, que dispoñerá de novos alternativas no destino do noso municipio”. Para dar a coñecer esta oferta de lecer pioneira o Concello de Baiona iniciou unha campaña, para a cal se editou un vídeo, que serve para dar a coñecer os roteiros guiados, e difundir así, non só os equinos de pura raza galega, tamén para descubrir o paraíso de biodiversidade no que habitan e para promocionar o turismo verde e ecolóxico que ofrece Baiona. Coroando Baiona atópase a Serra dá Groba, un macizo montañoso cunha gran riqueza natural,animal, etnográfica e paisaxística que o Concello quere dar a coñecer, poñendo o foco na cima do Alto dá Groba e os seus montes, con a maior manda de cabalos salvaxes de Europa e as espectaculares vistas panorámicas que ofrecen este balcón privilexiado sobre o litoral sur de Galicia.

cousas de 17


VAL MIÑOR

O DÍA DA POESÍA SOA A VERSOS DE BERNARDINO GRAÑA, O MASCATO QUE SE ERGUE SOBRE O MAR PARA CANTAR A Real Academia Galega retomou a celebración presencial do Día da Poesía cos versos de Bernardino Graña. A institución da que o escritor forma parte rendeulle homenaxe no Auditorio de Nigrán, nun acto no que estivo acompañado por outros poetas, amizades, compañeiros de corporación e os lectores e lectoras dunha obra marcada fondamente pola pegada mariña. «Como un mascato, Bernardino Graña érguese sobre o mar para o cantar. É a voz do mar, das ondas, carromeiros, baleas e candorcas, mais tamén, ao navegar sachando na súa historia que é a nosa, é a voz dos mariñeiros que falan a través da súa gorxa», retratou a directora da Sección de Literatura da RAG, Marilar Aleixandre, encargada de conducir a celebración. Os académicos Ramón Lorenzo, Fina Casalderrey e Marilar Aleixandre recitaron versos do homenaxeado canda Xosé María Álvarez Cáccamo, Alexandre Ripoll, Lucía Novas, Alexandre Nerium, Marta Dacosta, Héitor Mera e Miro Villar. Tamén participaron no recitado Rosalía e Navia Franco Barreiro, fillas do académico Xosé Luís Franco Grande (1936-2020), quen tiña previsto participar nesta homenaxe posposta pola pandemia; e o trío Gelria púxolle música a esta festa poética organizada pola RAG co apoio do Concello de Nigrán e a Deputación de Pontevedra. O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, abriu o programa xunto ao alcalde do municipio, Juan González Pérez. Foi un encontro para celebrar a figura de Bernardino Graña e a súa obra, «un universo autónomo, construído de tradicións e palabras, e no que nos recoñecemos», salientou o presidente da Academia, que puxo tamén o acento no seu vínculo co mar das Rías Baixas que o viu nacer, tan presente en títulos como Profecía do mar (1966), Se o noso amor e os peixes Sar arriba andasen (1980) ou Sen sombra e sen amor (2004). «Nesta festa que nos convoca celebramos o mar e a súa profecía, reivindicación do mundo que non queremos deixar que se estrague, pois forma parte da nosa memoria do que somos e do que queremos transmitir aos que veñan despois», engadiu Víctor F. Freixanes.

Membro da Real Academia Galega dende o ano 2010, o escritor ingresou na institución, nun acto celebrado en Cangas do Morrazo, cun discurso titulado Contos populares e Rosalía.

No acto Aurora Prieto, concelleira de Cultura do Concello de Cangas do Morrazo entregoulle o diploma que acredita o seu recoñecemento como Fillo Predilecto deste Concello

18 cousas de

O herdo do amor pola literatura A gabanza de Bernardino Graña (Cangas do Morrazo, 1932) correu a cargo do académico Xesús Alonso Montero, compañeiro de pupitre no ano 1943, cando os dous preparaban o ingreso de bacharelato no colexio Academos de Ribadavia. Alí o pai do homenaxeado impartía clases cun maxisterio ao que Alonso Montero dixo deberlle a súa decidida inclinación ás letras. E con só 11 anos, Bernardino Graña fillo «xa preludiaba o discurso orixinal e moi pouco convencional co que nos asombraría, a partir de 1958, coa súa obra literaria, nomeadamente coa poética». Unha produción que tamén ten unha gran débeda co proxenitor e mestre, quen lle aprendeu o amor polos libros e mais «a disciplina de escritor xuntamente coa sensibilidade, o gusto, a cultura literaria, a busca da palabra», deixou dito o propio autor no seu discurso de ingreso na RAG.


O profesor tamén se referiu a Profecía do mar como un dos seus títulos imprescindibles. «Nese libro figura o celebérrimo poema “O gato da tasca mariñeira”, sobre o que Fernando Lázaro Carreter, un sabio filólogo, me escribiu unha carta ateigada de gabanzas e agudas observacións», compartiu. Estes versos soaron na homenaxe interpretados musicalmente por Gelria e mais, na parte dos recitados, por Ramón Lorenzo, un dos mozos galeguistas cos que Bernardino Graña compartiu experiencias e arelas no Grupo Brais Pinto no Madrid de finais dos anos 50. O artista Reimundo Patiño (1936-1985), outro membro deste colectivo, estivo dalgún xeito igualmente presente na homenaxe, a través do poema “Oda mariña ás forzas de Patiño e Jackson Pollock”, escolmado por Elvira Ribeiro Tobío e lido por Marilar Aleixandre; e tamén o académico Xosé Luís Franco Grande, quen deixou escrita unha lembranza de Bernardino Graña para a plaquette desta celebración adiada dende 2020. Nela recorda o outono de 1954, o ano no que se coñeceron, aínda que xa escribían dende tempo atrás. Daquela Bernardino Graña xa era un poeta coñecido, porque publicaba na revista Alba e gañara o primeiro premio das anovadas Festas Minervais, e o mar era xa «sempre tema de conversa». Case sete décadas despois, segue a deixar pegada nos lectores e lectoras e nas xeracións de poetas que o suceden, bebendo tamén da súa ollada mariña. «A visión telúrica do océano Atlántico que irradia con forza en Profecía do mar marcoume intensamente naquelas primeira lecturas da adolescencia e influíu notablemente no meu primeiro libro», confesou Lucía Novas, que escolleu para a ocasión o poema “Para a morte de Mark Tobey namentres baño os pés no mar”.

Da poesía á literatura infantil e a novela e o teatro Alén da poesía, a produción literaria de Bernardino Graña, recoñecida con numerosos galardóns, abrangue tamén o teatro e a narrativa para o público adulto, dende os relatos de Fins do mundo (1973) á súa primeira novela, Protoevanxeo do neto de Herodes (2005) -gañadora do Premio Eixo Atlántico-, A fuga a Exipto (2016) ou os contos reunidos en Os toliños mariñeiros da Costa da Morte (2020). Pero como narrador ten publicado sobre todo obras dirixidas ao público infantil, máis dunha vintena de volumes dende que se fixera co premio do II Concurso Nacional de Contos Infantís O Facho con O león e o paxaro rebelde (Galaxia, 1969).

www.nigran.es

ConcelloDeNigran

cousas de 19


VAL MIÑOR O MONTE REAL CLUB DE YATES E A XUNTA DE GALICIA IMPULSAN UN PROGRAMA PIONEIRO DE NAVEGACIÓN TERAPÉUTICA PARA MULLERES VÍTIMAS DE VIOLENCIA DE XÉNERO Un total de 16 mulleres vítimas de violencia de xénero e 21 dos seus fillos e fillas beneficiáronse, o ano pasado, do programa “Vela contra a violencia de xénero”, un programa pioneiro en Galicia impulsado polo Monte Real Club de Yates e financiado pola Xunta de Galicia a través da Consellería de Igualdade. Para logralo, deseñáronse recursos específicos que buscaban reducir o impacto emocional nas vítimas, minimizar o seu estado de ansiedade, alcanzar o máximo desenvolvemento das súas capacidades persoais, intelectuais, sociais e emocionais; fortalecer a súa autoestima e resistencia ante as adversidades; e potenciar a empatía, escóitaa activa e as relacións saudables. A práctica deportiva levada a cabo nos barcos do Monte Real Club de Yates contribuíu así mesmo a mellorar a súa saúde física e permitiu o goce dos seus fillos e fillas, para os que se puxeron en marcha actividades independentes específicas, destinadas principalmente a dar un respiro ás nais e á consecución dunha maior autonomía por parte dos pequenos. As actividades desenvolvéronse durante 6 meses entre maio e outubro de 2021 e nelas participaron usuarias do Centro de Recuperación Integral de Santiago ( CRI) e do Centro de Emerxencias para vítimas de Violencia de Xénero de Vigo ( CEMVI).

A responsable do departamento autonómico, María Jesús Lorenzana, visitou as instalacións do MRCY para coñecer de primeira man o desenvolvemento, materiais e infraesstructuras

VELA EN FEMININO NO MRCYB A iniciativa “Vela contra a violencia de xénero” forma parte do programa “Vela en feminino” do Monte Real Club de Yates, que busca fomentar, promocionar e difundir a presenza da muller no mundo da vela; e que tamén conta co apoio económico da Xunta de Galicia. Co obxectivo de favorecer a igualdade entre homes e mulleres na práctica náutica, o club baionés enviou tripulacións femininas a participar nalgúns dos trofeos máis importantes de Galicia e España; logrou que a Real Federación Galega de Vela crease premios femininos e mixtos no Campionato de Gallego de dous en dous, preparou un equipo para o Circuíto Nacional Feminino e organizou a final da liga Nacional Feminina.

O obxetivo do Monte Real Club de Yates é impulsar a vela feminina en Galicia Foto: Alex Luca de Tena

20 cousas de


CONCELLO DE NIGRÁN E FUNDACIÓN CARLOS CASARES RENDEN HOMENAXE AO ILUSTRE ESCRITOR NO VIXÉSIMO ANIVERSARIO DO SEU CABODANO A familia de Casares (os seus fillos Hakan e Christian e os seus irmáns Xabier e Mercedes) xunto ao alcalde de Nigrán e aos principais representantes culturais de Galicia protagonizaron unha ofrenda floral no Cemiterio Municipal de San Fiz, onde repousan os restos do célebre veciño de Nigrán. Ao igual que no seu enterro, o acto finalizou co gaiteiro Carlos Núñez tocando, quen elixiu para a ocasión a Cantiga número 1 e 2 de Martín Códax. “Aquí exerzo de voceiro de toda a veciñanza, e sen dúbida podo dicir que para todo o municipio é un orgullo que Carlos e Cristina elixisen vivir en Vilariño e que, precisamente nesa casa do Camiño da Palanca, virán crecer os seus fillos, as súas ilusións, os seus libros e os seus proxectos”, sinalou o rexedor, Juan González, quen avanza un ano cheo de programación adicada ao escritor que incluirá roteiros, teatro ou exposicións. “Todos tiñamos conciencia cando o víamos paseando por Nigrán de que Casares era unha persoa moi especial e de que era unha honra telo aquí”, sinalou un emocionado alcalde, cuxa vida persoal como historiador tamén se entrelazou coa do escritor a través do Instituto de Estudios Miñoranos. “Casares precisamente fixo o Bando para que os municipios se sumaran ao Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade porque cría que o mundo se debía de unir fronte a tantas inxustizas e desigualdades que seguen ocorrendo”, finalizou González, actual presidente do Fondo. “Aínda teño petada no peito a chamada de teléfono anunciando a súa morte, é algo inesquecible para min, pero Carlos segue vivo no noso corazón, na nosa lembranza, nos seus libros, nos nosos proxectos”, referíu precisamente o seu amigo persoal Víctor Freixanes, ao igual que Rosario Álvarez, quen destacou a conmoción que supuxo para Galicia enteira o seu pasamento inesperado, “a día de hoxe seguimos pensando que no seu mandato o Consello da Cultura Galega medrou. Galicia perdeu un gran home con el”, finalizou. “Cantos anos lle levará a Galicia ‘fabricar’ outro home como Carlos Casares? A súa figura é irrepetible e seguiremos téndoo como unha referencia perpetua’, engadiu Valentín García Gómez, secretario xeral de Política Lingüística. A ofrenda rematou co gaiteiro Carlos Nuñez tocando a Cantiga 1 e 2 de Martín Códax cunha sinxela introdución que resumíu o sentimento común neste acto en Nigrán: “para ti, Carlos”

cousas de 21


APROBADO O PROXECTO DE LEI DE MELLORA DA XESTIÓN DO CICLO INTEGRAL DA AUGA O GOBERNO GALEGO IMPULSA ESTA NORMA POR RESPONSABILIDADE SOCIAL, AMBIENTAL E ECONÓMICA E CO FIN DE DAR RESPOSTA Á DEMANDA PERSISTENTE DE AXUDA DOS MUNICIPIOS QUE TEÑEN DIFICULTADES PARA O EXERCICIO DAS SÚAS RESPONSABILIDADES SOBRE A XESTIÓN DA AUGA O Consello da Xunta vén de aprobar o proxecto de lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga co obxectivo de mellorar a prestación dos servizos públicos relacionados co ciclo integral da auga e poñer á disposición dos concellos un sistema voluntario que garanta unha xestión profesional e de calidade. Deste xeito, créase un marco normativo para acadar unha mellor xestión das infraestruturas de abastecemento e saneamento e uns servizos de calidade en todos os concellos de Galicia, buscando un uso racional dos recursos hídricos, o aforro de auga e a optimización do funcionamento das redes de saneamento, co fin de mellorar a depuración das augas residuais e previr a contaminación. Ademais, a través desta lei, ofrécese un modelo de adhesión voluntaria para os concellos que teñan dificultades para acadar por si mesmos estas melloras na xestión. A Xunta considera necesario avanzar neste modelo para axudar as entidades locais que así o soliciten ante as dificultades que teñen moitos municipios para prestar axeitadamente e con eficacia estes servizos municipais. A Comunidade galega experimentou un salto cualitativo na extensión territorial dos servizos de abastecemento, saneamento e depuración, ao cal contribuíu, en gran medida, a mobilización por parte da Xunta de máis de 1.100 millóns de euros desde 2009 na execución de obras e infraestruturas hidráulicas en apoio aos municipios no exercicio das súas competencias. Segundo a Xunta, estas intervencións e investimentos incidiron na mellora dos indicadores da calidade das augas e no nivel de cumprimento das normativas comunitarias. Xestión profesionalizada e economías de escala O novo marco regulatorio que impulsa a Xunta aposta pola integración de servizos e pola xestión profesionalizada e especializada das infraestruturas e demais servizos asociados. Ademais, apostarase pola xestión agrupada das infraestruturas e a aplicación de economías de escala, que implica menores custos derivados da optimización de materiais, equipos e persoal, permitindo aforros do 10 %. Regular e ampliar o apoio aos concellos Na actualidade conviven en Galicia distintos modelos de xestión da auga, desde a xestión municipal dos propios sistemas; consorcios, mancomunidades e sociedades supramuniciais, a depuradoras que son xestionadas directamente por Augas de Galicia, como axuda aos concellos nas súas competencias municipais, 28 na actualidade. O novo modelo regula o apoio da Xunta aos concellos, dándolles a oportunidade a todos aqueles que así o soliciten, de encomendar a xestión dos seus servizos á Xunta. A lei tamén ofrece a posibilidade de estender ese apoio para xestionar as depuradoras, pero tamén os colectores, algo que ata agora non era posible, e os sistemas de abastecemento “en alta”. Polo tanto, a nova norma implica igualdade de trato a todos os municipios, cun modelo único e prezos homoxéneos e xustos no conxunto da Comunidade. Neste sentido, a lei está en liña co Pacto local da auga asinado coa FEGAMP, coa participación activa dos concellos e das deputacións provinciais, para o impulso dun instrumento público e integral de todo o ciclo da auga.

22 cousas de


Apoio económico da Xunta para o financiamento das actuacións necesarias Naqueles concellos que soliciten que a Xunta asuma a xestión dun dos seus sistemas do ciclo da auga, a Administración autonómica realizará unha auditoría completa do sistema. No caso de que se estime necesario executar determinadas obras, a Xunta financiará un terzo do custo das actuacións necesarias. Con carácter xeral, os concellos deberán achegar o outro terzo dos investimentos necesarios. En prol de facilitar os acordos e ofrecer unha maior flexibilidade, déixase aberta a fórmula para o resto do financiamento e os concellos serán os encargados de buscar ese outro terzo restante no momento da sinatura dos acordos. Deste xeito, os concellos poderán decidir se eles mesmos financian ese outro terzo da actuación ou se acadan o apoio doutras administracións. Actuacións para reducir as fugas das redes de abastecemento municipal Priorizaranse as actuacións nas redes co fin de limitar as infiltracións de augas brancas e os vertidos contaminantes, así como a mellora da eficiencia enerxética das instalacións, co fin de aumentar a eficiencia dos sistemas. Trátase de reducir as fugas das redes de abastecemento municipal, que en ocasións superan o 40%, e de evitar as infiltracións de augas de chuvia, de mar ou dos ríos, que supoñen ineficiencias nos sistemas de saneamento e depuración, causando gran parte dos 263 vertidos que aínda soportan as rías galegas. Reordenación dos tributos existentes A lei reordena os tributos existentes, cunha denominación máis acorde ao seu obxecto, pero sen crear novas taxas que repercutan nos usuarios, preservando e garantindo a potestade tributaria dos municipios. Isto responde ao fin de garantir a viabilidade económica e financeira na xestión da auga e permitir a recuperación dos custos dos servizos, garantindo a súa viabilidade e a aplicación dos principios de “quen usa, paga” e “quen contamina, paga”. Deste xeito, non se afectan as tarifas municipais e os concellos son os que teñen e seguirán a ter capacidade de decisión sobre o recibo final dos seus servizos municipais, entre eles, o recibo da auga. Tramitación da lei O anteproxecto foi sometido ao trámite de consulta pública e audiencia, publicouse no portal de transparencia e goberno aberto da administración autonómica e foi remitido a todas as administracións, corporacións e entidades interesadas, ampliándose ata en dúas ocasións o período de consultas públicas. Durante a tramitación do texto normativo emitíronse os informes preceptivos, o Consello Reitor de Augas de Galicia foi informado sobre o texto do anteproxecto de lei, que tamén foi obxecto do ditame preceptivo do Consello Económico e Social de Galicia, emitido por maioría absoluta e sen votos en contra. Tras recibir o visto e prace do Consello da Xunta, o proxecto de Lei de mellora da xestión do ciclo integral da auga inicia agora o seu trámite parlamentario co obxectivo de que poida entrar en vigor o vindeiro verán.

cousas de 23


REDONDELA

A RECUPERACIÓN DE ‘A PANTALLA’ EN CESANTES, UN PASO MÁIS NA PROTECCIÓN DO PATRIMONIO CULTURAL DE REDONDELA PESE A SER UN ELEMENTO NON RECOLLIDO NO CATÁLOGO DAS NSP DE REDONDELA NIN O PLAN BÁSICO AUTONÓMICO, O CONCELLO SOLICITOU UN INFORME A PATRIMONIO PARA PROCEDER Á SÚA RESTAURACIÓN E POSTA EN VALOR ‘A Pantalla’ de Cesantes, un elemento estreitamente vinculado á parroquia de Cesantes, vén de ser obxecto de traballos de restauración e recuperación por parte da Concellería de Patrimonio que xestiona María Castro seguindo a liña de posta en valor dos elementos do patrimonio cultural, artístico e etnolóxico do municipio. Cómpre salientar que, pese a que este elemento non estaba recollido nas Normas Subsidiarias de Planeamento de Redondela nin no Plan Básico autonómico de elementos patrimoniais, o Concello que preside Digna Rivas solicitou un informe a Patrimonio para que, a recuperación de ‘A Pantalla’ se fixera seguindo estritos criterios técnicos que protexeran este elemento singular. Digna Rivas, lembrou que a recuperación de ‘A Pantalla’ “non é un traballo illado, senón que forma parte dun proxecto de posta en valor do patrimonio do municipio”. Cómpre subliñar que ao abeiro deste programa recuperouse o Cemiterio de Eidos, “sumido no máis absoluto dos abandonos” e restauráronse a Fonte da Raíña e a Fonte de Santiago, entre outras moitas actuacións. De feito, no informe de Patrimonio sinálase que “pola súa singularidade pode tratarse dun ben do patrimonio etnolóxico” e define como tal “os lugares, bens mobles ou inmobles, expresións, crenzas, coñecementos, actividades e técnicas transmitidas por tradición, que se consideran relevantes ou expresión testemuñal significativa da identidade, a cultura e as formas de vida do pobo galego ao longo da historia”. O estado de ‘A Pantalla’ distaba moito de ser bo xa que os técnicos apreciaron “mal estado de conservación con grafitis e a presenza de liques” polo que informaban favorablemente sobre a limpeza e restauración do mesmo seguindo os procesos que se aplica a calquera ben patrimonial. Os traballos comezaron pola demolición do muro de fábrica de bloque contiguo e a limpeza e rexuntado da mampostería e limpeza dos graffitis para, de seguido, proceder á aplicación de tratamento biocida e hidrofugante e de barreira protectora reversible antigraffitis. Para protexer ‘A Pantalla’ a limpeza fíxose manualmente e non utilizando, en ningún caso, técnicas como o chorreo de area ou auga a alta presión. Para conservar o seu aspecto orixinal, e seguindo as recomendacións de Patrimonio, non se empregaron morteiros de cemento optando só polos tradicionais a base de cal ou ben de cal e arxila.

24 cousas de


REDONDELA ‘A Pantalla’ A maiores da recuperación da estrutura, a Concellería de Patrimonio situou nas inmediacións un completo panel informativo no que, polo miúdo, explícanse tanto detalles arquitectónicos como históricos ou mesmo que fan referencia a tradicións da parroquia de Cesantes. Así, no panel explicativo e sinalando o remate superior de ‘A Pantalla’, unha lenda co título ‘Se quedaba arriba, casaban’ da conta dunha costume dos mozos e mozas “que baixaban dende O Viso e Cesantes cara a Redondela de utilizar o monumento como un oráculo, botando pedras no ‘tímpano’ (adorno triangular da parte superior) para ver se ían casar: se a pedra quedaba na cornisa, a resposta era positiva”.

C Panel explicativo da Pantalla

O Leguario da Pantalla Non garda a forma común destes elementos que teñen aspecto de pináculo, co engadido dun reloxo de sol. A Pantalla é moito máis monumental, única ao longo da traza do camiño real. Dános idea da importancia de Redondela como núcleo habitado. A pantalla serviría de sinal de entrada a Redondela e tamén de elemento conmemorativo da construción da “estrada”. Propaganda da administración monárquica que os erixiu. ao igual cos miliarios romanos, que marcaban as distancias e onde figuraba o nome do emperador que gobernaba durante as obras de acondicionamento A posta en valor da pantalla é, polo tanto e dende esa perspectiva, algo máis que a recuperación dunha estrutura, senón tamén o mantemento das propias tradicións da parroquia as veces, descoñecidas para a poboación máis nova. Así mesmo, o panel logo de facer un percorrido detallado polas algunhas inscricións que aínda se poden apreciar, amosa outros elementos similares situados tanto no ‘Camiño Real’ como noutras provincias de España.

4

Un viajero distinguido trae simbólicos... (5 de marzo de 1931). El Eco de Santiago. Santiago de Compostela.

5

Un viajero distinguido trae simbólicos... (5 de marzo de 1931). El Pueblo gallego. Vigo.

cousas de 25


CONDADO - PARADANTA II GALA DE CALIDADE TURÍSTICA CONDADO PARADANTA O sector enolóxico foi un dos que recibiu máis distincións SICTED durante II Gala de Calidade Turística Condado Paradanta, que se celebrou no Balneario de Mondariz. Ao acto, organizado polo GDR Condado Paradanta, acudiron representantes de diversas administracións públicas como a Directora da Axencia de Turismo de Galicia, María Nava Castro Domínguez, o Subdirector de Relacións cos Grupos de Desenvolvemento Rural da AGADER, Moisés Blanco, e as Alcaldesas e Alcaldes dos dez concellos que constitúen este Xeodestino; Arbo, A Cañiza, As Neves, Crecente, Covelo, Mondariz, Mondariz Balneario, Ponteareas, Salceda de Caselas e Salvaterra de Miño, así como representantes do tecido socieconómico do territorio. Durante a gala entregáronse os distintivos SICTED a 20 das 46 empresas que contan con este certificado, 11 recibírono por primeira vez e 9 renovaron ciclo. Das 20 distinguidas, 6 pertencen ao sector vinícola e 5 corresponden a establecementos de aloxamento turísticos (casa rurais, Hoteis e apartamentos turísticos e vivendas de uso turístico). Segundo destacou o presidente do GDR Condado Paradanta, Juan Pablo Castillo “Isto é un indicativo máis da calidade do sector enogastronómico do xeodestino, así como da gran oferta de aloxamentos dispoñibles no territorio. O máis relevante da situación é a posibilidade de ofrecer ao visitante produtos turísticos únicos que combinen diferentes experiencias que poden ir dende a enogastronomía ata numerosas propostas de turismo activo”.

AS EMPRESAS DISTINGUIDAS Na segunda edición da Gala de Calidade Turística recibiron a distinción por vez primeira os restaurantes: A Casa da Triga, Casa Rivero e O Castelo. Tamén se distinguiu Galician Brew S.L., fábrica de cervexa artesanal, e as empresas de aloxamento, Hotel la Rectoral, Quinta do Souto a Finca Briaví. Entregouse ademais a distinción á Oficina Municipal de Turismo Mondariz Balneario, a Pazo Pegullal e á axencias de viaxes, Salvaturismo Galicia e ao Museo da Ciencia do Viño de Salvaterra de Miño. Na mesma xornada renovaron o seu certificado as adegas: María Bargiela, As Laxas, La Val e Señorío Rubiós. Tamén renovaron a distinción os aloxamentos rurais: A Coastine, Casa María Bargiela e Casa Uma, así como a Xanela Gastronómica e Celtic ways (empresa de guías turísticos). GDR CONDADO PARADANTA – XESTOR DO XEODESTINO SICTED O Destino SICTED Condado Paradanta constituíse en 2020 da man do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) que leva o mesmo nome. Dende entón, a entidade supramunicipal xestiona a certificación nacional e lidera as iniciativas necesarias para posicionar ó xeodestino como un destino de “Turismo dez”. A implantación do SICTED é gratuíta para o empresariado grazas ao Programa LEADER Galicia 2014-2020 da Consellería de Medio Rural e a convenios de colaboración coa Axencia Turismo de Galicia que é como o GDR financia este proxecto. 26 cousas de


O ENTROIDO CENTENARIO DE SALCEDA QUERE SER FESTA DE INTERESE TURÍSTICO DE GALICIA O pleno da corporación aprobou recentemente a Solicitude para a Declaración do Entroido de Salceda de Interese Turístico de Galicia. A memoria que se enviou a Turismo de Galicia é froito de máis dun ano de traballo por unha empresa especializada, na que se recollen todas as mostras e singularidades dun Entroido único en Galicia, tal como describíu o concelleiro de Cultura, Alex Rodríguez, que confía en obter o visto bo da Axencia Turística, convertíndose no décimo Entroido de Galicia en ser declarado Festa de Interese Turístico. ENTROIDO CENTENARIO Dende tempos que nin os máis vellos recordan celébrase o Entroido en Salceda de Caselas, una festa na que os barrios de Castro Barreiro e A Feira compiten entre si en festas, carrozas, comparsas, coplas, bailes e música. Poida que esta rivalidade veña das antigas regeifas e que fora, pouco a pouco, indo cara este tipo de carnaval xa que se poden escoitar coplas e chistes sobre as cousas que lle pasaron ós veciños do barrio contrario durante todo o ano, e que son parodiadas nestas festas. No tempo da dictadura o entroido estivo prohibido, pero ainda así non se deixou de facer, polo que a imaxinación dos veciños conseguiu mantelo vivo con outras formas de facelo, ou mais ben de chamalo, xa que lle chamaban festas da primavera ou do santo que cadrara coa data. O Rancho de Entroido da Feira no Festival ViboMask O Vibomask Festival Internacional Mascarada Ibérica, trátase da maior concentración de máscaras de toda a península ibérica, con traxes de antepasados, uns intimidantes e outros moi alegres e célebrase cada ano nos concellos ourensáns de Viana do Bolo e Vilariño de Conso. O espírito de entroido con pantallas, boteiros, foliones, como protagonistas desta festa ancestral, volveu a estes dous concellos ourensáns, que tras dous anos sen celebrarse por mor da pandemia, atraeu unha gran afluencia de público, nun certame que é único en Galicia Este ano damas, cabaleiros e danzantes da Asociación A Feira de Salceda de Caselas foron convidados a desfilar neste espectacular Festival xunto a outros 37 entroidos tradicionais de España, Portugal e Italia, A participación do Rancho de Entroido nun evento desta importancia, xunto aos entroidos máis importantes do país, é unha mostra máis dá singularidade do Entroido da Feira e Castro Barreiro, totalmente merecedor da Declaración de Festa de Interese Turístico de Galicia.

C O Rancho de Entroido ten garantida a súa continuidade

cousas de 27


CONDADO - PARADANTA A XIV EDICIÓN DO CICLO DE MÚSICA DE SAN MARTIÑO DE BARCIA DE MERA PROGRAMA OITO CONCERTOS O próximo 30 de abril dará comezo o XIV Ciclo de Música Relixiosa de San Martíño de Barcia de Mera, que acolle cada verán esta parroquia situada no oeste do municipio pontevedrés de Covelo. O Concerto inaugural correrá a cargo de Camerata Brigantina. Solistas Cecilia Rodríguez (soprano) e Cristian Borrelli (contratenor) que baixo a dirección de Florian Vlashi interpretarán (Stabat Mater) de Pergolesi Este ano serán oito os concertos, que se repartirán entre abril e setembro O 28 de maio será a quenda do Cuarteto Assai, que interpretarán pezas de Bach, Schubert, Mozart e Piazzola. O 25 de xuño o Trio Sartory Cámara. da Orquesta Nacional de España, interpretarán pezas de Haydn, Schubert e Beethoven. O 2 de xullo, o Trio Scaramuccia interpreta ‘O discípulo e o mestre’ de Vivaldi, Pisendel. 30 de xullo Tamén en xullo (25) escoitaremos a Vox Stellae. (Cantica Sacra In Memoriam Luis Estévez). Monteverdi Faure, Vitoria... En agosto tamén están programados dous concertos. O día 15 Dúo Laud e Voz soprano. Benedicta tu María e o 27, repite actuación o Coro de cámara Vox Stellae y Ensemble. Villancicos de Gallegos A programación pecharase o 17 de setembro con El Afecto Ilustrado que interpreta ‘1700. Sonatas Italianas de Entre centurias’ Todos os concertos realizaranse no marco incomparable que forman o conxunto eclesiástico de San Martín de Barcia de Mena, que conta cunha estupenda acústica, ademais de estar situada nun espazo idílico, que lle confire un ambiente máxico aos concertos. Todos os concertos serán na igrexa de Barcia de Mera, ás 20.00 horas.

VOX STELLAE. Fundouse en 2002 Sinal de identidade da agrupación, son a divulgación dos xéneros autóctonos, especialmente de arquivos catedralicios, aos que se engaden músicas populares e obras contemporáneas. Interpreta principalmente música do Renacemento e Barroco. Xa participou noutras edicións do Ciclo e nesta ten programados dous concertos. 28 cousas de

Javier Lupiáñez, Inés Salinas e Patricia Vintém forman Scaramuccia. Este grupo musical nace en 2013 por iniciativa de Javier - violinista e musicólogo - coa intención de redescubrir o repertorio barroco menos coñecido. Ao longo da súa traxectoria, o grupo foi eloxiado por crítica e público pola viveza e a expresividade das súas interpretacións, a súa proximidade ao público e a orixinalidade dos seus programas. O profundo labor de investigación detrás de cada programa permite que o Scaramuccia teña a miúdo a posibilidade de interpretar tesouros musicais inéditos e esquecidos que se esconden entre o repertorio barroco máis común.


COVELO APOSTA POLA SINALIZACIÓN INTELIXENTE DA REITORAL E DA IGREXA DE BARCIA DE MERA Dous paneis informativos favorecen o acceso aos recursos arquitectónicos e culturais a través das novas tecnoloxías onde podemos descargar unha App con contidos en galego, castelán e inglés O Concello de Covelo executou o proxecto de implantación de iluminación e sinalización de dúas das súas grandes xoias arquitectónicas, a casa reitoral e a igrexa de Barcia de Mera a grazas a unha subvención de preto de 30.000 euros para actuacións de mellora das infraestruturas turísticas de Turismo de Galicia. Con esta axuda, o Concello centrou os seus esforzos en dotar á igrexa de San Martiño e á casa reitoral de servizos inexistentes como a iluminación ou modernos paneis informativos, así como tamén se substituíron materiais danados polo paso do tempo ou inadecuados esteticamente. Gañar en sensibilización respecto do coidado e preservación dos recursos e do medio cultural, todos eles non renovables, e favorecer a difusión e coñecemento dos recursos patrimoniais endóxenos son algúns dos obxectivos que persegue o proxecto. A iniciativa permitiu a implantación de sinalización intelixente, e é que dúas mesas informativas favorecen o acceso aos recursos arquitectónicos e culturais a través das novas tecnoloxías. Nestes atrís informativos hai unha serie de códigos QR que dan acceso a unha aplicación móbil na que os e as visitantes coñecerán a arquitectura monumental e a súa historia construtiva. A aplicación, vinculada ao Google Maps, é gratuíta para as persoas usuarias e permitirá acceder aos seus contidos en tres idiomas: galego, castelán e inglés. Así mesmo, debido á inexistencia de iluminación na zona, o proxecto contemplouse coa colocación de elementos de iluminación. Colocáronse sete proxectores LED de exteriores no chan, paredes e teitos que iluminan as fachadas da casa reitoral e da igrexa. Ademais, tamén se colocaron tres luminarias LED compactadas de exterior que iluminan as escaleiras de acceso á igrexa. O proxecto completouse coa instalación dunha nova varanda no acceso ás escaleiras e coa ocultación dos contedores de lixo cunha pantalla cubre-conteedores de madeira para exterior tratada con protector funxicida, insecticida e hidrófugo.

cousas de 29


REPORTAXE

O PAZO DE LOURIZÁN:

C Vista do Pazo de Lourizán

A NOSA HISTORIA EN RUÍNAS E C: Silvia Cernadas, Historiadora e Guía en Turismo de Historias O PAZO DE LOURIZÁN (PONTEVEDRA) É UNHA XOIA DO NOSO PATRIMONIO HISTÓRICO, ARTÍSTICO E BOTÁNICO QUE ESTÁ DESAPARECENDO ANTE OS NOSOS OLLOS. NON OBSTANTE, A QUE FORA A RESIDENCIA ESTIVAL DO POLÍTICO DECIMONÓNICO MONTERO RÍOS TERÁ QUE SER REHABILITADA POLA XUNTA DE GALICIA SEGUNDO A RECENTE SENTENZA EMITIDA POLO TRIBUNAL SUPERIOR DE XUSTIZA DE GALICIA. C Hórreo de 1798 30 cousas de


O Pazo de Lourizán é unha propiedade de máis de 50 hectáreas situadas ao fondo da ría de Pontevedra. De feito, contaba incluso cun embarcadoiro, pero a liña de costa adiantouse para construír a autovía Marín-Pontevedra e situar industrias como ENCE. Sabemos que no século XVIII xa existía unha primeira edificación, propiedade do Marqués da Serra e por iso coñecida como a Granxa da Serra, pero desta etapa só conservamos o hórreo e o pombal. O hórreo ten oito pares de pés, unhas dimensións que nos falan da importancia de Lourizán xa naquela altura.

C Retrato de 1897 de Eugenio Montero

Ríos por Salvador Martínez Cubells. Palacio do Senado de España.

C Pombal ameado de finais do XVIII A segunda residencia de Montero Ríos Non se pode entender o Pazo de Lourizán sen a figura de Eugenio Montero Ríos. Este avogado e político santiagués vaino situar no centro da política española e europea de finais do século XIX e comezos do XX. Montero Ríos compra Lourizán en 1879 por 85.000 pesetas. O pazo convértese así na residencia de verán da familia formada por el, a súa muller –Avelina Villegas– e os seus oito fillos. Nas escrituras fálase dun edificio principal, dous hórreos, fontes, muíños, un pombal e os terreos circundantes dedicados a cultivo, viñedo, prado, xardín ornamental e bosque.

Quen era Eugenio Montero Ríos? O compostelán Montero Ríos (18321914) comezou a súa carreira como avogado e catedrático, pero coñecémolo pola súa traxectoria política. Desempeñou algúns dos cargos máis importantes da súa época: foi varias veces ministro, presidente do Senado, presidente do Consello de Ministros, etc. Foi un home revolucionario e conservador, liberal e católico, todo ao mesmo tempo, pero, principalmente, un reformista que baseou o seu poder en crear unha gran rede clientelar e caciquil, o “monterismo”. Lourizán era o seu lugar predilecto de descanso, unha propiedade que controlaba e paseaba nun pequeno carro tirado por un burro.

Na Ruta da Camelia O Pazo de Lourizán forma parte do circuíto turístico de xardíns galegos vencellados á cultura da camelia. Todos os seus exemplares son camelias xapónicas, destacando a que presume de ser a camelia máis grande do mundo cos seus 20 metros de altura e os cultivares de “Alba plena” e “Barón de Coutiño”. O xardín botánico de Lourizán, coñecido como Arboredo, foi creado en 1949 con especies tanto exóticas como autóctonas plantadas desde o século XIX ata a actualidade. Nel hai máis de 850 especies catalogadas e sete delas están incluídas no catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia, tal é o caso dun cedro do Líbano de máis de 120 anos, a metasecuoia máis alta de Europa que foi elixida a segunda Mellor Árbore Europea en 2016 ou a curiosa formación de castiñeiros xaponeses e chineses.

cousas de 31


Montero Ríos precisaba dunha morada acorde coas visitas que ía recibir, como a dos monarcas Alfonso XIII e María Cristina, que sabemos que estiveron en Lourizán. É por iso que o político leva a cabo distintas reformas co obxectivo de ir adaptando ás súas necesidades aquel pazo labrego inicial, así como tamén vai dotando á propiedade de capela, residencia para os criados, cocheiras, vacariza, adega, portalón de ferro dourado na entrada, etc. O interior do pazo, por outro lado, estaba engalanado con pezas de ourivería, porcelana, tapices e cadros de pintores como Ovidio Murguía –fillo de Rosalía de Castro e Manuel Murguía– ou Parada Justel.

C Avelina Villegas no salón de fumar do Pazo de Lourizán. Fotografía de Joaquín Pintos. Arquivo gráfico do Museo de Pontevedra.

C Eugenio Montero Ríos e Avelina Villegas en Lourizán. Fotografía de

Joaquín Pintos. Arquivo gráfico do Museo de Pontevedra.

Aquí perdeuse Cuba En 1898, Montero Ríos presidiu a Comisión Española do Tratado de París que supuxo a perda de Cuba, Porto Rico, Filipinas e Guam. No Pazo de Lourizán tiveron lugar, moi probablemente, as negociacións previas á firma dese tratado polo cal España perdía as súas últimas colonias e se desataba a crise de 1898. Na propiedade de Lourizán hai unha mesa de granito de grandes dimensións que se deseñou para as comidas familiares e as reunións políticas de Montero Ríos. O curioso é que din que a mesa se confeccionou á medida do anfitrión, baixo de estatura, para que os convidados non estivesen de todo cómodos á hora de negociar.

C Esta fotografía de Kurz and Allison, que se conserva na Biblioteca do Congreso dos Estados Unidos, reflicte o momento da firma do

Tratado de Paz Hispano-Americano en París, o 10 de decembro de 1898. Montero Ríos é o terceiro pola dereita, aparece de pé, a piques de estampar a súa sinatura no documento.

32 cousas de


Mención aparte merece o xardín, un auténtico oasis para os sentidos naquel entón e tamén na actualidade. Contaba con fontes, camiños, esculturas e mobiliario diverso. Había grutas, xogos de auga e avenidas florais. As grutas son cavidades artificiais decoradas con elementos naturais, caso das estalagmitas e estalactitas que hai na Gruta dos Espellos ou na de Echegaray. A Gruta dos Espellos recibe o seu nome dos espellos que a decoran e ten ocos cubertos con vidros de cores no teito. Esculturas había unha decena delas repartidas polo xardín, estatuas de mármore branco caracterizadas polo seu clasicismo. Tamén hai que salientar o Parque das Rías, con regos de auga simulando as rías, e o invernadoiro, un magnífico exemplo da arquitectura en ferro e vidro do século XIX sen parangón en Galicia.

C Fonte da Gruta dos Espellos coa auga saíndo dun peixe de ferro fundido

C Invernadoiro coa estatua de Colón, que agora se atopa nos xardíns de Vincenti en Pontevedra, entre 1910 e 1913. Fotografía de Joaquín Pintos. Arquivo gráfico do Museo de Pontevedra.

C Fonte dos Tres Canos e lavadoiro de 1804

cousas de 33


C Vista xeral do Pazo de Lourizán entre 1910 e 1913. Fotografía de Joaquín Pintos. Arquivo gráfico do Museo de Pontevedra. A reforma de Jenaro de la Fuente Jenaro de la Fuente é outro dos nomes propios ligados á historia de Lourizán. Deseñou algúns dos edificios máis representativos de Vigo e traballou como arquitecto municipal aínda que, en realidade, era mestre de obras. El vai ser o elixido por Montero Ríos para reformar o pazo en 1909 cun orzamento de 20.000 duros e a el lle debemos o aspecto que presenta actualmente. Realiza unha obra extraordinaria de renovación e harmonización de elementos de diferentes etapas construtivas baixo as premisas do eclecticismo e con certas influencias modernistas. O pazo anterior a 1909 era de menores dimensións, polo que sabemos que se agranda e se redistribúen os espazos co obxectivo de ter máis habitacións para os convidados, novos salóns, despachos, etc. Tamén se muda a entrada, que era a través dun patio e agora óptase por unha fachada monumental perfectamente simétrica. En contraposición ao modelo arquitectónico anterior, con Jenaro de la Fuente triunfa o cristal sobre o muro. A fachada distribúese en planta baixa, dous pisos e tres torres rematadas en cúpulas con mansardas de lousa ao estilo francés. O protagonismo, non obstante, recae sobre a dobre escalinata de corte imperial con toda a súa decoración ornamental e as súas estatuas neoclásicas feitas en mármore branco. Por todo o pazo atopamos o anagrama construído coas iniciais “E” e “A” de Eugenio e Avelina. No frontispicio da fachada un escudo preside o edificio. Montero Ríos non era nobre nin quixo selo, pois chegou a rexeitar un título nobiliario, así que no escudo de Lourizán están representados un libro e unha pluma en referencia á súa profesión de xurista.

C Fotografía de Jenaro

de la Fuente (1851-1922). Gran Enciclopedia Galega.

Un pazo de película A propiedade de Lourizán tense convertido nos últimos anos en escenario de varias gravacións tanto de series como de películas. Por exemplo, aparece en La Sombra de la Ley (2018), un filme de Dani de la Torre protagonizado por, entre outros, Luís Tosar, e na serie Un asunto privado, que se estreará proximamente en Amazon Prime e onde Aura Garrido e Jean Reno interpretan aos protagonistas. C Tramo das escaleiras de entrada coas esculturas do Xermánico e o Discóbolo en primeiro plano.

34 cousas de


O Pazo de Lourizán hoxe A Deputación de Pontevedra comprou Lourizán en 1943 e construíu alí o actual Centro de Investigacións Forestais. En xaneiro de 1991 firmouse o convenio polo cal a administración provincial lle cedía á Xunta de Galicia a propiedade durante trinta anos co fin de dedicala á investigación forestal. O prazo venceu hai máis dun ano pero o convenio prorrogouse automaticamente á espera de que a xustiza ditaminase cal das dúas administracións debía asumir os custes da rehabilitación de Lourizán. En febreiro deste ano producíronse dúas novidades ao respecto. Por un lado, a Xunta de Galicia anunciou que iniciaba obras en Lourizán por valor duns 200.000 euros a rematar en xuño. E, por outro lado, o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia dáballe a razón á Deputación de Pontevedra e condenaba ao ente autonómico a cumprir cos convenios firmados, onde se comprometía a realizar os traballos de conservación necesarios. O Pazo de Lourizán leva décadas esmorecendo sen sequera ter conseguido a categoría de BIC (Ben de Interese Cultural), unha iniciativa que impulsou a Asociación de Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra. A reforma do inmoble é urxente dende hai anos e estímase que se precisan máis de 14 millóns de euros para corrixir o actual risco de desprendementos e o mal estado xeral de conservación. Así pois, resulta evidente que as obras iniciadas pola Xunta son insuficientes para reverter esta situación. O interior do pazo non se pode visitar, pero un simple paseo polos arredores serve para constatar o deplorable estado no que se atopa un anaco da nosa propia Historia, que precisa e que ben merece unha rehabilitación integral sen paliativos.J

C Escultura de Palas Atenea no tramo superior da escaleira imperial de entrada.

PARA SABER MÁIS: Arcay Barral, Ángel, et al. (coords.), Relatorio sobre a protección do Pazo de Lourizán, Pontevedra, Asociación de Amigas e Amigos do Museo de Pontevedra, 2017. Fernández de Ana Magán, Francisco J. e Álvarez Fernández, Dolores, Lourizán: de pazo solariego a Centro de Investigaciones Forestales, Pontevedra, Artes Gráficas Portela, 1994. Pérez Moreira, Roxelio, Lourizán: ciencia, arte, natureza, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 2001.

cousas de 35


REPORTAXE

COS PÉS NO MAR: 140 ANIVERSARIO DA CREACIÓN DA XUNTA DE OBRAS DO PORTO DE VIGO E Texto elaborado por Álvaro A. Peralta Techera a partir das publicacións ‘Historia del Puerto de Vigo’ y ‘Construyendo un motor económico’ publicados pola autoridade Portuaria de Vigo. C As fotografías pertencen ao Arquivo Fotográfico da Autoridad Portuaria de Vigo.

C Busto de Antonio Palacios

C Palacios en obras Circulo de Bellas Artes 1924

C Crucero Veendam atracado no peirao de trasatlánticos Baixo o abrigo das Cíes o porto de Vigo traballa as 24 horas dos 365 días do ano. Din que está de 140 aniversario aínda que sabemos que os mariñeiros transitan as súas praias desde que a humanidade se aventurou no mar. Na actualidade é un dos lugares do mundo onde máis peixe se carga e descarga acotío. Poida que tanta historia e tanto volume de riquezas sexa a razón de que medrase ata deixar a cidade agochada tralos seus guindastres. A súa nai, a ría, é filla do Mare Tenebrosum e de tal pau o seu vigor e liñaxe. Baiona e a ría de Pontevedra foron os portos de referencia das Rías Baixas durante os séculos dos descubrimentos e os inicios do comercio atlántico. Vigo é o porto por excelencia da modernidade. O 7 de novembro de 1881, coa creación da Xunta de Obras (antecesora da actual Autoridade Portuaria de Vigo), comezou a transformación do mesmo. Mais a súa existencia non tería lugar sen conserveiras, grandes estaleiros, e unha frota inxente de barcos que comezaron a percorrer os caladoiros do mundo en diante. O século XIX trouxo as máquinas para procesar eses produtos e no XX as de conxelar e producir a grande escala as mercadorías necesarias para alimentar un planeta cada vez máis poboado. O porto medraba e Vigo tamén, tanto que se converteu en cabeza da rexión con máis habitantes da vella Galicia. 36 cousas de


Rubios e castaños, louras e morenas: Vigo crece cara ao mar. O porto moldea unha cidade multicultural como nunca antes se coñecera ao norte do Miño. É un crisol de etnias. Xa non produto de violentas invasións de pobos de ultramar o doutras zonas da Hispania. Agora trátase dunha corrente de persoas que veñen e van a causa do traballo, o comercio, pola emigración de todas e a todas partes. Vigo convértese na lanzadeira de milleiros de migrantes cara ás Américas e, por outra banda, en receptor de emprendedores que confían na potencialidade deste enclave. Dentro do feixe de iniciativas empresariais chega a do armado de automóbiles e a súa distribución a través do porto vigués. A Citröen será unha irmá que achegará outras dinámicas á praza marítima con maiores esixencias en infraestruturas para almacenaxe e exportación das unidades, feito que repercutirá noutro axente con vencello ao porto, a Zona Franca de Vigo.

C Grupo de ‘chalanas’ amarradas no peirao

C O desenvolvemento industrial trouxo a prensa Durox xunto á lata vasca e inglesa que permitiron maior capacidade de envase no porto. A finais do século XIX, só a conserveira Massó producía 1.000 envases diarios. Na imaxe o antigo porto pesqueiro do Berbés.

cousas de 37


C En 1881, coa creación da Xunta de Obras do Porto de Vigo, comezou a transformación do porto. Na imaxe observamos dende a Praza da Estrela o edificio da Xunta de Obras no centro e o edificio de Aduanas á esquerda.

O industrialismo e vigor portuario transformará as rúas a carón dos molles. Énchense de axencias marítimas, talleres e obradoiros, máis estaleiros e conserveiras; cámaras e impresionantes naves frigoríficas; así como dunhas lonxas de altura e baixura que deixan no país de Lilliput as do resto da península. Os bares, pousadas e restaurantes procuran abastecer exércitos de traballadores que en quendas dan vida á actividade portuaria. A cidade dos peiraos énchese tamén de espectáculos de varieté e, a súa contorna, con cabarés, teatros e casas de whisky onde os grandes artistas queren actuar e os persoeiros figurar. Mentres unha Galicia foxe cara ás Américas na procura dun futuro mellor, outra goza das oportunidades dun mercado alegre para quen pode participar nel. Tanta tolemia de cartos, xentes, gustos e ideoloxías trouxo conflitos, dos pequenos e dos grandes. Dentro dos peiraos, nas fábricas da contorna, nas filas da administración e en todo lugar onde alguén mandaba e outros obedecían, houbo loitas. Nas rúas escenificaron os reclamantes as demandas por unha máis xusta repartición da riqueza xerada, o polas liberdades sindicais. Tamén nas rúas do porto foi onde vigueses e visitantes comezaron a descubrir o país que, por razóns de censura, a prensa daquela non podía e noutros casos non quería dar a coñecer. O porto, ao seu xeito, tivo un lugar no longo camiño á democracia. C Obras no peirao de Madeira do Berbés

38 cousas de


C Frota pesqueira amarrada no Porto de Vigo

C 1961. Pasarela cuberta para o embarque e desembarque de pasaxeiros na Estación Marítima de Transatlánticos

O derradeiro cuarto do século XX colocou o libre mercado como eixe político das institucións democráticas. Vigo e o seu porto deberon mostrar a súa capacidade de anovar nun cambiante escenario comercial e financeiro. A maiores, as rivalidades portuarias medraron entre as comunidades autónomas e, por se fose pouco, os acordos e privilexios outorgados a cada un dos países membros da Unión Europea afectaron dun xeito grave e urxente a vida do porto vigués. O mundo enteiro mudou a velocidade dixital trocando as bases das comunicacións, as operativas e, sobre todo, os negocios. Hai máis máquinas que xente traballando. Débense procurar alternativas para seguir adiante, entón míranse outras leiras a explotar: turismo, feiras, mercados, congresos; así como parcerías cos centros xeradores de coñecemento e innovación, onde sobresae o Campus do Mar da Universidade de Vigo.

cousas de 39


C 1960. Guindastre Derrick de 40 toneladas en Peirao de Transatlánticos. Hoxe en día preside a rotonda de Beiramar en homenaxe á actividade industrial portuaria.

C Escenas dunha descarga de peixe no porto de Vigo

40 cousas de

O porto de Vigo fai medrar a ría. O importante crecemento do porto de Vigo levou a un desenvolvemento do transporte marítimo da ría. Así, os concellos de Cangas, Moaña, Redondela e Vilaboa viron afectadas as súas dinámicas cunhas economías enriquecidas así como unha maior poboación que foi ficar nas súas terras. No ano 1910 deixaron de funcionar os antigos galeóns a vela para o tráfico de pasaxeiros e sobre 1911 fundouse a empresa Vapores de Pasaje. No ano 1973 comezou a construción da ponte de Rande que se abriu ao tráfico en 1981. Orixinalmente tiña 1.558 metros de lonxitude. No ano 2015 tivo lugar a súa ampliación para adaptala ás novas demandas do tráfico.


C Vista aérea do porto de Vigo. O antigo peirao de comercio transformouse nun peirao polivalente. A zona compleméntase co porto deportivo.

A Autoridade Portuaria do século XXI enfronta retos tan grandes e á vez tan estimulantes como os dos pioneiros do século XIX. A fortuna do seu porto abrangue na actualidade moito máis que a saúde económica da súa vila. É a boca e os ollos atlánticos de España. Unha responsabilidade que, co seu ben facer, afectará positivamente a vitalidade da cada vez máis complexa economía do mercado nacional e europeo. Mais a inspiración non falta. Hai milenios de cultura do mar e 140 anos de experiencia na súa administración por parte dun país que segue cos pés no mar. O porto que unha vez provía de peixe á comunidade local, é agora un dos máis grandes e importantes do mundo en pesca ademais de ser unha importante porta cara ao Atlántico para mercadorías e turistas. O Peirao de Trasatlánticos é a porta de entrada a Galicia de máis de 200.000 turistas que anualmente chegan a Vigo grazas ao tráfico de cruceiros. J

C A zona do porto pesqueiro ten unha superficie terrestre de 236.953 m².

Nela inclúense 4 dársenas (de descarga, avituallamento e estancia), o porto pesqueiro, unha zona de viveiros e outra de frigoríficos. Atópanse 4 lonxas: de baixura e grandes peixes, a lonxa de altura, a lonxa do litoral e a lonxa de mariscos. Na fotografía observamos as lonxas na súa etapa de construción.

cousas de 41


REPORTAXE

A FÁBRICA DE PAN DE MUNICIÓN DA ANTIGA PROVINCIA DE TUI E C Xosé Ramón Paz Antón GALICIA É TERRA DE BO PAN. ESTE PRODUTO ACADOU EN MOITOS LUGARES O RANGO DA EXCELENCIA E A DÍA DE HOXE RESULTA UNÁNIME A SONA ACADADA POLAS BOLAS DE PAN DE CARRAL, CARBALLO, NEDA, SANTIAGO, OUSÁ, CEA, O PORRIÑO E TANTOS OUTROS LUGARES. PERO PARECE CASE INCRIBLE VERIFICAR QUE XA NO ANO 1604 ESA FAMA DO PAN GALEGO ESTABA MOI ESTENDIDA. ASÍ O RECOLLÍA O RIOXANO FREI ATANASIO DE LOBERA NA SÚA INACABADA CORÓNICA GRANDE DEL REYNO DE GALICIA: “PERO EL PAN TRIGO QUE SE GASTA COZIDO SIN COMPARACIÓN ECEDE [EXCEDE, SUPERA] A LO MUY ESCOGIDO DE OTRAS PARTES, SIENDO POCAS EN ESPAÑA LAS QUE PUEDEN COMPETIR CON LO DE ORENSE, TUI, LUGO, EL PORRIÑO Y OTROS LUGARES DONDE SE VENDE”. O autor destas frases foi cronista real dos monarcas Felipe II e Felipe III. C Debuxo de Mario González en Vida Gallega, 18/08/36 (portada)

Esta posición privilexiada veuse reforzada pola creación das fábricas de pan para o exército que se realizou en cada unha das sete provincias da época (Betanzos, A Coruña, Santiago, Mondoñedo, Lugo Ourense e Tui) de modo que á factura artesanal sumáronse uns centros de produción pre-industrial nos que se especializaban no oficio os forneiros, as panadeiras, os asentadores dos cereais, os carrexadores de leña ou os distribuidores do produto polas distintas prazas militares. Parece moi probable que algúns daqueles lugares apuntados de 1604 e que logo tiveron durante dúas centurias unha Real Panificadora, continuaron mantendo ou incrementado a sona ata o momento actual. Podemos apuntar concretamente a Santiago, a provincia preponderante do momento, a Neda (onde se elaboraba o pan de munición e os biscoitos da provincia de Betanzos, especialmente dedicada ao subministro á Mariña) e ao Porriño que abastecía as prazas marítimas e fronteirizas da provincia tudense. Non sabemos con exactitude en que momento se fundan no Porriño as fábricas de pan para abastecer ao exército da provincia de Tui, pero iso aconteceu antes de 1652. Probablemente foi a partir da guerra con Portugal iniciada en 1640 e que tanta actividade xerou na raia do Miño. É significante a instalación desa fábrica no Porriño porque tódalas demais foron instaladas na capital de cada provincia a excepción das de Betanzos e Tui. 42 cousas de


¿Por que a provincia tudense escollía O Porriño e non Tui como lugar para instalar a intendencia de pan aos seus soldados? Seguramente pola súa posición de retagarda, tendo en conta que Tui era un obxectivo principal como outras prazas da fronteira, e por ser o punto máis equidistante para servir ás compañías de Vigo, Baiona e a franxa fronteiriza. A partir dese momento a fábrica do pan porriñesa elaboraba o pan de munición e os biscoitos para os soldados da provincia tudense, tamén para as moitas tropas en tránsito, e proveía as racións de cebada para a cabalería. Esa fábrica, ás veces denominada da Vega do Louro, converteuse en obxectivo a conquistar en diferentes conflitos militares.

C Mallando o millo

C Fortaleza de Goián A guerra con Portugal era guerra de prazas fronteirizas e de incursións en territorio inimigo. En agosto de 1658, Baltasar de Roxas y Pantoja preparaba un ataque ao territorio lusitano polo que recorría as prazas militares “pasando por el Porriño, villa donde estaban las fábricas y hornos de pan, examinó y ajustó las relaciones de víveres con asentistas, y dejó se adelantasen las moliendas y fábrica de harinas”. En setembro entrou en Portugal. Uns anos despois, en agosto de 1662, producíase unha nova internada en campo lusitano. En contrapartida, as forzas do portugués Conde de Prado fixeron unha incursión pasando o Miño por Goián o día 2 de novembro de 1665. cousas de 43


Temendo o ataque, a fábrica do Porriño non daba abasto para asegurar as provisións en días que se presentaban ameazadores e funestos: “Que aunque entre los armadores tenia repartidos jurídicamente 108 quintales de bizcocho y señalado grano para que lo hiciesen, no pudieron conseguir la fábrica dél por falta de tiempo y de las moliendas de este partido, que se ocupaban en moler para la fábrica del Porriño”. O Conde de Prado someteu os vales de Tebra e Miñor e queimou a vila de Bouzas. Non atrevéndose a tomar o Castelo do Castro vigués, o día 6, os portugueses estaban apoderados do lugar de Herville e San Colmado e “quemaron al dia siguiente la villa del Porriño, y en ella las fábricas de harina y bizcochos de que se proveía el ejército español del Miño”. As tropas do Conde de Prado asolaron e queimaron tamén pazos e casas en Atios, Chenlo, Cela e outros lugares da Louriña. Os portugueses non avanzaron cara Tui, volveron polo camiño andado de Tebra e Goián. Por aqueles tempos as provisións dos fornos porriñeses eran “a razón en esta frontera cada dia de 10.647 raciones de pan y 2.003 de cebada a la caballería”.

C Milicias provinciais, Winkhuizen Collection uniforms. Na derradeira década do século XVII coñecemos os primeiros nomes propios de panadeiros e panadeiras relacionados coa factoría, eran Diego González e Fulgencia González que traballaban coa axuda de dous fillos e tres fillas. E de novo, en 1706, as ameazas portuguesas sobre a factoría coa Guerra de Sucesión ou, en 1719, as inglesas durante a guerra contra a Cuádrupla Alianza en que e a vila do Porriño servía de cuartel xeral. Un documento relevante para coñecer a distribución do pan de munición na provincia en 1738 é a “Relación de los pueblos que componen el Regimiento de Milicias de Tuy”. 44 cousas de

C Mercado do Porriño en 1917, fotografía publicada no xornal Mondariz


C A fábrica de pan do Porriño e as prazas militares que proveía en 1738

Os custos das guerras e do mantemento dos soldados corrían por conta da Real facenda pero tamén da provincia de Tui e da veciñanza polo que as protestas íanse reiterando década tras década. Por exemplo, nun momento de falta brusca de pan de munición ordenábase “que la villa y partidos de la Guardia con el de Hoya, aportasen sesenta carros” para conducir duascentas fanegas de trigo á fábrica do pan. A obriga do carrexo para abastecer tamén de leña e outras materiais recaían sobre os labregos que debían priorizar este labor sobre os seus propios traballos. Tamén eran frecuentes as protestas polos aportes que a provincia e os concellos debían realizar. Avanzando cara finais do século XVIII a actividade da Real panificadora parece expandirse. O arrendatario da fábrica era o comerciante vigués Jorge Álvarez. Mantiña na súa cidade un almacén de provisións militares e un muíño de vento situado en Navia que “únicamente muele trigo para la factoría de pan de munición de la villa del Porriño”. Ao mesmo tempo consumía grandes cantidades de gran que chegaban ao porto vigués en embarcacións coma o quechemarín San Nicolás.

Este mapa deixa constancia gráfica do sistema de provisións do exército dende a fábrica porriñesa, situada no centro da provincia, ás distintas prazas militares que se diferenciaban en tamaño e importancia; dun lado as prazas de Redondela, Vigo, Baiona, A Guarda, Tui e Salvaterra, e doutra parte o que serían destacamentos menores e incluso algúns non permanentes (Ponte Sampaio, Soutomaior, Rande, Goián, Amorín, Ponteareas, A Franqueira e A Cañiza). O debuxo inclúe este texto: “Aquí en el Porriño fué, y es la favrica del Pan de munición, y es casi el medio de la Provincia para juntarse el Reximento de milizias, que hay carros, luz, y leña, la paga la Provincia y el asentista debe poner la en qualquier parte della aunque fuese en la Puende Areas por escusar menos gastos a la Real hazienda”.

Os quechemarines, cuxa denominación procede do francés chasse- marée, aparecen na costa cantábrica no século XVIII como evolución das lanchas fleteras, das que foron derivando paulatinamente a un tipo de embarcación diferente, útil tanto para a pesca como para a pequena cabotaxe.

cousas de 45


Outra invasión militar que repetía o destino ao que parecía estar condenada a vila aconteceu cando os franceses ocuparon O Porriño, o día 5 de febreiro de 1809, ao mando do xeneral Lorges co seu corpo de dragóns. Nas memorias do militar Rosseeuw Saint-Hilaire (traducidas do francés por Henrique Harguindey) queda claro que a factoría do pan era de novo un obxectivo prioritario: “O xeneral mandou levar o primeiro rexemento de húsares e un batallón do sétimo lixeiro ao Porriño. Aldea bastante considerable na que se atopan os únicos fornos que cocen o pan de todos os arredores a cinco ou seis leguas á redonda. Cando hai tropas españolas en guarnición en Vigo é de alá de onde tiran o pan; era necesario tela controlada”. Seguramente as tropas napoleónicas obrigaron aos propios menestreis e ás panadeiras porriñesas a fornecerlles o pan. O día fatídico en que arderon os fornos de pan foi un 14 de abril. En retirada desde Tui, unha división invasora asolou as poboacións do val ocupando o “Grueso del Exercito y los demás puestos en Ala a la extensión de más de una legua, saqueando, talando, quemando y Matando a quantos hallaban, asta las mugeres que no se rendían a sus desenfrenadas Pasiones, y aún los niños fueron víctimas de su Rabia”. Como en 1665, as arquitecturas do pan eran queimadas. Unha vez expulsados os franceses os fornos da fábrica do pan agora ao servizo da Xunta Provincial de Tui e da Xunta Superior de Subsidios, Armamento e Defensa do Reino de Galicia. O subministro de decembro de 1809 era de “38.248 raciónes que hacen 57.372 libras de pan cocido” e 156,6 fanegas de cebada. Esta etapa de grande e penosa actividade do Concello do Porriño, dos veciños da comarca e da Fábrica do pan socorrendo aos exércitos debeu rematar coa retirada total dos napoleónicos en 1814.

C A panadeira Erundina, representante dunha saga familiar ligada ao pan porriñés 46 cousas de

C Os veciños estaba obrigados ao carrexo do pan, leña, gran e outras

subministracións. Debuxo do arquitecto Palacios.

C Chita Sequeiros da panadaría Troca


A existencia do pan de munición porriñés chegaba ao seu fin. A desaparición da provincia de Tui, o cambio de capitalidade provincial e a nova planta administrativa do estado contemplada a partir de 1833, deberon ser as causas do seu peche. Non coñecemos exactamente en que momento deixou de funcionar a Fábrica porriñesa (no caso de Neda foi en 1822-1823). Temos como data de referencia o momento en que se procedía á venda dos edificios por parte da Comisaría de Guerra de Vigo. A primeira poxa foi en novembro de 1846 e anunciábase a definitiva xusto un mes despois. Desaparecidas as fábricas do pan aínda se lembraba a forma do escudo de armas que coroaba a entrada do edificio e que era idéntico ao que figura na Fonte dos tres canos, construída en 1830. Moi probablemente esa pedra é a mesma que antes distinguía ao establecemento dos fornos. C Tamén as empanadas foron símbolo de identidade a partir dos certames celebrados a partir de 1915.

C O escudo que probablemente coroaba o edificio dos fornos

A partir dese momento o pan do Porriño quedará só en mans –civís, fortes, laboriosas e en gran cantidade, femininas- que amasaban nos pequenos fornos dos Aloques e doutros barrios, continuando unha tradición que se manifestaba, ademais, na existencia de sagas familiares relacionadas co pan, oficio que pasaba de nais a fillas ou fillos durante xeracións. Tradición que era destacada dende 1604 e que tivo entre 1640 e 1840, aproximadamente, esta faceta do pan de munición como un aporte esencial de técnicas, coñecementos e expansión do oficio que xunto á panadería civil fixeron do pan porriñés un produto de excelencia. O resto fixérono, sobre todo, elas, as panadeiras dos séculos XIX e XX. J

cousas de 47


ESPECIAL GALAICAS Con estas catro historias queremos poñer o foco en mulleres traballadoras de distintos sectores nun intento por coñecer os retos aos que se enfrontaron e enfróntanse no seu día a día e co propósito de dar máis visibilidade a unha realidade, e é que seguen sendo elas as que teñen que enfrontarse ao reto de ter que compaxinar a vida laboral coa familiar e ocasións, renunciar a unha das dúas.

A MULLER NA INDUSTRIA DA SALGADURA E A CONSERVA: UNHA HISTORIA DE DESIGUALDADE LABORAL NOS SECULOS XIX E XX Por David Vidal AS PANDERETEIRAS TREMELIQUE, TRADICIÓN CUN CHISCO DE MODERNIDADE Por Judit Bernárdez BEGOÑA VILA: A VIGUESA QUE SUPERVISA A NOVA XOIA ESPACIAL DA NASA Por Álvaro Agustín Peralta Techera ATADEIRAS - REDEIRAS DA GUARDA O REXURDIR DUN OFICIO TRADICIONAL Acompañamos esta presentación cunha das fotografías que formou parte da Mostra “O mar tamén ten mulleres” organizada polo Galp Ría de Vigo - A Guarda

48 cousas de


ESPECIAL GALAICAS S

C Redeiras reparando aparello na praia do Señal directamente do barco. Anos 70

cousas de 49


A MULLER NA INDUSTRIA DA SALGADURA E A CONSERVA: UNHA HISTORIA DE DESIGUALDADE LABORAL NOS SECULOS XIX E XX Por David Vidal. Guía no Museo Massó. Fotografías cedidas pola A. C. A CEPA

O traballo feminino na nacente industria de transformación do peixe da Galicia contemporánea era un labor que se realizaba nas factorías de salgadura e de conserva, un dos principais sectores de ocupación nos séculos XIX e XX en fábricas como Massó Hermanos, Antonio Alonso e Hijos, etc; traballo que compaxinaban con outras tarefas diarias como o coidado de familiares e a atención do fogar. Se ben a salgadura non provocou unha revolución industrial en Galicia, papel reservado á conserva hermética en lata, a ela debémoslle a creación dun novo mercado de traballo ao que as mulleres acabarían por incorporarse masivamente, incluso desde nenas, para acabar sendo máis do 80% da man de obra. De feito, a taxa de ocupación feminina nesta actividade era moi alta en todos os rangos de idade, incluso para casadas con fillos e a terceira idade, por ser non só unha das escasas saídas laborais que se ofrecían (xunto á venta no mercado, fabricación de redes e marisqueo) senón un complemento aos moitas veces insuficientes ingresos familiares que aportaban os homes, dedicados fundamentalmente á pesca. Comezando coas factorías de salgadura, se tivésemos que definir cunha palabra as súas condicións laborais esta sería a temporalidade, polo propio comportamento biolóxico da sardiña. A súa costeira estendíase durante seis meses desde principios de xullo até xaneiro polo cal os contratos de traballo localizábanse neste tempo. Se ben para os homes eran contratos fixos por seren traballos cualificados e demandados durante todo o ano (fabricación de toneis e tabais, carpintería, etc), para as mulleres eran contratos temporais que expiraban co fin da tempada. Con todo, vemos unha diferencia entre as estibadoras e o resto das traballadoras xa que as primeiras, con maior experiencia, eran contratadas para toda a campaña mentres que as restantes cando a cantidade de traballo requiría a súa presenza. Nestas factorías ocupábanse de todas as tarefas agás o salgado e prensado do peixe, reservado aos homes. Estas tarefas combinaban un gran desgaste físico cunha gran desenvoltura manual. Temos por un lado a descarga e traslado do peixe fresco ou salgado á fábrica, a súa clasificación por tamaños e posterior limpeza, e por outro a súa pulcra colocación nos toneis para un perfecto prensado, labor no que destacaban xunto ao estibado pola habilidade manual necesaria para unha correcta presentación do produto. Non deixa de chamar a atención a pouca estimación por un traballo que destacaba pola súa delicadeza e destreza, cruciais para captar a atención final do consumidor. Esta baixa consideración vén por ser unha tarefa que as mulleres viñan realizando desde sempre nos propios fogares pero trasladado a unha factoría: quen pesca é o home e quen o limpa é a muller (salvo raras excepcións). 50 cousas de


ESPECIAL GALAICAS S

O seu labor era considerado non cualificado a pesar de soportar a maior carga de traballo e nos seus contratos era habitual que non constase o nome da traballadora senón a relación de parentesco cos traballadores masculinos por seren normalmente fillas ou mulleres de mariñeiros ou asalariados da empresa C Massó Empaquetado

C Massó, mesa de enlatado contínuo 1970

A chegada da industria conserveira non mellorou as condicións laborais das mulleres Esta temporalidade e inestabilidade laboral apenas mudaría a finais do século XIX coa aparición dunha industria conserveira que aínda sendo diferente á salgadura nos seus procesos técnicos e produtivos seguía sendo sensible ás flutuacións da pesca da sardiña. A isto había que sumarlle a importación de nova materia prima como a folla de lata, chumbo ou estaño para a fabricación de envases. As traballadoras seguían sen ver mellorada a consideración do seu traballo, herdando da salgadura non só a súa baixa cualificación e pésimos salarios, senón tamén as inseguridades de seren ou non chamadas para traballar ou a total dispoñibilidade horaria para entrar na fábrica cando soaba a sirena e deixar inmediatamente o que estaban facendo. Ao final, esta man de obra barata e flexible equilibraba o balance da empresa e facía competitiva as conserveiras galegas respecto ás francesas, as de maior sona nesta altura e o espello no que se miraban os primeiros conserveiros galegos.

C Massó, maquinas para peche de latas cousas de 51


C Fornos de

cocción a vapor

O traballo era semellante ao que viñan realizando nas fábricas de salgadura As mulleres ocupábanse non só de todo o relacionado coa transformación da pesca (limpeza e selección do peixe) senón tamén de novas tarefas propias do proceso conserveiro (grellado, cocción, fritura, empaquetado e enlatado). Nesta cadea operativa había unha paréntese durante a soldadura, oficio exclusivo dos homes, para continuar coa esterilización e unha última limpeza previa á etiquetaxe e empaquetado. Como punto final e para completar a xornada tiñan que baldear a zona de traballo. Falamos dunha semana laboral que non baixaba das 75/85 horas nos momentos de maior carga de traballo, practicamente 12 horas diarias sen descanso dominical. C Máquinas

envasadoras de atún 1975

Coa mecanización da soldadura se eliminaron postos cualificados ocupados por homes que recibían bos salarios e foron as mulleres as que completaban os procesos cobrando menos Como acabamos de ver, se nas factorías de salgadura o traballo máis destacado e que requiría máis experiencia era o salgado e o prensado, nas fábricas de conserva eran os soldadores o único gremio cualificado. Contaban cun poder case absoluto na fábrica dada a súa enorme puxanza sindical ata o punto que se os soldadores se poñían en folga a empresa víase obrigada a parar a produción. Este poder mudou a principios do século XX coa mellora na mecanización do proceso de soldadura. Poñen ás mulleres á fronte do pechado das latas pero sen cobrar o mesmo salario que percibían os soldadores co cal non só mellora ostensiblemente a produtividade senón que continuaban abaratándose os custes de produción.

52 cousas de


ESPECIAL GALAICAS S

C Descarga de peixe na Garita para a conserveira de Arbones (1950)

O traballo sempre se distribuía por sexos Por último, e é algo que se aprecia nos parágrafos anteriores, vemos que tanto na salgadura como na conserva había unha clara segregación no traballo por xéneros. As mulleres axudaban na descarga do peixe mais o seu traballo era esencialmente dentro da fábrica e sempre no mesmo posto de traballo sen ningunha posibilidade de ascenso. En cambio os homes, os menos, eran os encargados dentro da fábrica, os que decidían que traballadoras se ocupaban de cada proceso, os que mantiñan e reparaban a maquinaria e se encargaban dos traballos máis delicados como o salgado, prensado ou a primaria soldadura de latas. A maioría, é recoñecido, realizaban un traballo duro e sacrificado como era saír faenar e traer o peixe. J PARA SABER MÁIS: No blog Illa dos Ratos, atoparedes este e outros textos relacionados de moito interese

C Envasado de sardiña

cousas de 53


AS PANDERETEIRAS TREMELIQUE,

TRADICIÓN CUN CHISCO DE MODERNIDADE SEIS MULLERES DO BAIXO MIÑO LEVAN DESDE 2015 POÑENDO EN VALOR A MÚSICA TRADICIONAL, A LINGUA GALEGA E O LEGADO DAS MULLERES DE ANTES. “TEMOS QUE ESTAR ORGULLOSAS DO NOSO”, INSISTE O SEXTETO. E Judit Bernárdez C Tremelique A comarca do Baixo Miño ten as súas propias Tanxugueiras, as pandereteiras Tremelique, un grupo de seis mulleres oriúndas de O Rosal, A Guarda e Tomiño que en 2015 xuntáronse para facer o que máis lles gusta: música tradicional galega. En cada actuación, as pandereteiras Tremelique poñen en valor a música tradicional, a lingua galega e as mulleres de antes. “Gracias a elas a música tradicional cantada chegou viva ata os nosos días. Debémosllo nun 90%”, comenta Berta Castro, a portavoz do grupo que forman, xunto a ela, Tania e Rebeca Rodríguez, Elena Dorado, Miriam Diego e Lorena Villa. Desde 2015, as pandereteiras rosaleiras, que tomaron o seu nome dunha mazurca punteada da zona de Mondariz e Covelo, actuaron por toda Galicia e norte de Portugal. “Pasamos de ir a seráns a actuar en concertos e festivais”, comenta Berta. Nun deles, no Festival Interritmos de Rianxo, proclamáronse vencedoras, o que lles deu dereito a gravar un videoclip, ademais dun pase directo para formar parte do cartel do Festival da Luz de 2018. Fóra de Galicia, participaron no Festival Sarmiento Folk-Rock de La Seca, en Valladolid, logrando un terceiro posto e sendo o único grupo galego. Actualmente rebaixaron o listón porque “seguimos sendo as mesmas seis, pero con vidas diferentes”. É a realidade das mulleres traballadoras e nais. “Algunhas temos fillos, outras casaron”, explica Berta, que recorda que cando comezaron, só ela era nai, polo que compaxinar a axenda das seis era moito máis doado e podían embarcarse en plans máis ambiciosos. Agora, “o noso obxectivo e manternos vivas”, conta Berta, recoñecendo que “está sendo difícil compaxinar, pero non imposible”. “O gusto que temos pola actividade supera ao resto das complicacións”, insiste a precursora de Tremelique, confesando que “tamén é un momento de desconexión para nós”. Tratan de conciliar ás súas responsabilidades coa súa paixón pola música tradicional galega coma facían as mulleres de outra época. “As mulleres de antes compaxinaban o seu traballo coa diversión; cantaban mentres lavaban a roupa, cociñaban ou debullaban o millo”, explica Berta Castro, facendo fincapé en que o obxectivo de Tremelique é “coller o testemuño que deixaron as mulleres de antes”. Refírese a música tradicional cantada de tradición oral, pois a instrumental estaba máis asociada aos homes.

54 cousas de


C Na sala de Auditorio do Rosal onde ensaian A esas mulleres, Tremelique dedicou en 2020, en plena pandemia, o seu primeiro videoclip de colleita propia, ‘Mala de olvidar’. “Modernizamos unha xota de Laxoso, metemos guitarra, palmas e ritmos flamencos”, explica Berta Castro. O vídeo salta do branco e negro á cor, comparando a muller de antes, que cantaba mentres debullaba o millo; e a de agora, que canta cando se maquilla e sae a tomar algo coas amigas. Outra cousa que identifica a Tremelique é o emprego da percusión doméstica. “Aqueles utensilios que as mulleres tiñan na casa para outros usos e que empregaban para facer música porque non todo o mundo podía permitirse comprar instrumentos”, explica a pandereteira, que fai referencia a culleres, tixolas, legóns ou morteiros. Ademais, con cada arranxo de pezas tradicionais, Tremelique busca darlle aos ritmos un toque de actualidade. “Homenaxeamos ás mulleres de antes, pero sen esquecermos de que estamos no século XXI”, indica Berta. “Temos que estar orgullosos do noso”, insisten desde Temelique, valorando moi positivamente a proxección que están tendo as Tranxugueiras, non só a nivel nacional e internacional, senón dentro das fronteiras da comunidade galega. “Grazas a elas a xente volve a escoitar música tradicional”, alégrase Berta Castro, lamentando que “moitas veces tivemos que escoitar que unha festa con música tradicional, non era festa”. Nese senso, as pandereteiras Tremelique do Rosal fan un chamamento para que volva a música tradicional ás festas. “Temos que defender o noso: a nosa lingua, a nosa música e o legado das nosas avoas e bisavoas”, reclama Tremelique. J cousas de 55

ESPECIAL GALAICAS S

En 2020 e en plena pandemia Tremelique dedicou o seu primeiro videoclip de colleita propia, ‘Mala de olvidar’, as mulleres de antes que compaxinaban o seu traballo coa diversión, cantando mentres lavaban a roupa, cociñaban...


BEGOÑA VILA: A VIGUESA QUE SUPERVISA A NOVA XOIA ESPACIAL DA NASA E Álvaro Agustín Peralta Techera O telescopio espacial James Webb é o observatorio astronómico máis potente xamais construído. Sucesor científico do telescopio Hubble, este novo proxecto liderado pola NASA cos seus socios, a ESA (Axencia Espacial Europea) e a Axencia Espacial Canadense, está chamado a revolucionar a astrofísica na próxima década. Foi lanzado o pasado 25 de decembro de 2021 dende o Centro Espacial de Kourou, na Güiana Francesa. Ese día, o mundo acompañou este evento histórico mediante as transmisións televisivas e pola Internet. A voz encargada de narrar en lingua española os acontecementos foi a da enxeñeira viguesa e doutora en astrofísica, Begoña Vila Costas. A elección por parte da NASA desta científica non foi casual, ela levaba nese momento 16 anos de traballo co proxecto como deseñadora e supervisora de compoñentes esencias para a misión. Neste mes de marzo, a 1.6 millóns de quilómetros do noso planeta, o telescopio James Webb fai as derradeiras manobras, de momento todas con éxito, antes de apuntar aos recunchos máis afastados do Universo. Dende o seu monitor, a doutora Begoña Vila é un dos membros do selecto grupo de científicos encargados de supervisar estas tarefas e asesorar en diante o que xa é unha das aventuras máis fascinantes desenvolvidas pola humanidade máis alá do seu fogar natural, a Terra. C Cámara do Centro Espacial Johnson da NASA en Houston. Os instrumentos

científicos e os espellos do Webb están suspendidos para a fase de probas Créditos: NASA/Chris Gunn

56 cousas de


ESPECIAL GALAICAS S

C A inxeñeira traballando nun centro de control

(neste caso un selfi desde a Güiana Francesa). Créditos: NASA/Chris Gunn

A carreira espacial de Begoña Vila A súa carreira profesional necesitou de continuos desprazamentos persoais e coa súa familia. Comezou coa obtención da licenciatura en Física na Universidade de Santiago de Compostela (USC) e unha posterior especialización en astrofísica na Universidade de La Laguna (Tenerife). Viaxou ao Reino Unido onde obtivo o doutorado en Astrofísica (1990) na Universidade de Manchester, no Departamento de Radioastronomía de Jodrell Bank. Finalmente completou o posdoutoramento no Departamento de Física da Universidade de Cardiff, en Gales. Rematada a etapa de formación universitaria marchou a Canadá, onde traballou en distintas empresas aeroespaciais. Alí implicouse en interesantes proxectos como os satélites de rescate (SARSAT), así como noutras misións: a Mars Hyperspectral Mission (para a traída de mostras xeolóxicas dende o planeta Marte), a Polar Communications and Weather Mission (para a observación do sector polar ártico), e o Hyperspectral and Luminesense (para cartografía satelital do planeta Marte), entre outras. En 2006 incorporouse no devandito proxecto do Telescopio Espacial James Webb (JWST) da NASA, contratada pola Axencia Espacial Canadense (CSA). No ano 2013 comezou a traballar directamente para a NASA, sendo enxeñeira principal de sistemas no Centro Espacial Goddard, encargada de dous dos instrumentos do Telescopio Espacial James Webb. O aparello está “constituído por un sensor de guía (FGS, Fine Guidance Sensor) que se encarga de apuntar e manter ao observatorio estable para que outros instrumentos poidan tomar imaxes e espectros correctamente, e dunha cámaraespectrógrafo (NIRISS, Near Infrared Imager and Slitless Spectrograph) coa que se analizarán exoplanetas e as primeiras galaxias e estrelas que se formaron despois do Big Bang”, explicaba Vila á revista científica Sinc días antes do lanzamento na Güiana Francesa .

C Modelo do foguete Ariane na Güiana Francesa, con Begoña Vila debaixo para apreciar as dimensións. Créditos: NASA/Chris Gunn

cousas de 57


A nai emigrante detrás da enxeñeira No mesmo artigo refería á intensidade e as moitas horas de traballo que demandaba a misión: “A primeira vez que conseguimos guiar o sensor apuntando cara a unha estrela simulada, e confirmámolo a través da telemetría, estaba superemocionada”, recordaba Vila, “de feito os meus compañeiros dixéronme que non debía de saír moito para que me alegrase tanto por iso”. Engadía que logo de moitas xornadas de traballo, eses eran momentos de felicidade, pero non escondían outros máis complicados: “Cando chegas a un novo país, aínda que che guste o que fas, necesítase un período de adaptación. Tiven etapas duras: ao principio chamaba moito a miña nai, a miña casa en Galicia, e sobre todo aos tres fillos pequenos”. Sinalaba que “Cando tes nenos ou nenas pequenos, ti para eles es a súa nai, non entenden de nada máis. Entón é complicado, aínda que o intentes compaxinar”, recoñece. “A vantaxe que vexo é que unha vez que se fan maiores xa te valoran como profesional, e aí a situación faise un pouco máis fácil”. 58 cousas de

C A enxeñeira de sistemas Begoña Vila na cámara limpa do centro de voo espacial Goddard. Créditos: NASA/Chris Gunn

“Tiven etapas duras: ao principio chamaba moito a miña nai, a miña casa en Galicia, e sobre todo aos tres fillos pequenos”


ESPECIAL GALAICAS S C A enxeñeira cun dos moitos documentos que utilizaba para as probas.

Créditos: NASA/Chris Gunn

Premios e recoñecementos Polo seu traballo na Axencia Espacial estadounidense, foi merecedora de múltiples recoñecementos e premios, entre eles a medalla da NASA para o Logro Público Excepcional (Exceptional Public Achievement Medal) en 2016. Un ano despois foi a encargada de dirixir a operación máis crítica e importante da misión, a coñecida como “proba fría final”, unha simulación onde o telescopio e de todos os seus instrumentos foron expostos as condicións do espazo exterior. Ese mesmo ano a Xunta de Galicia entregoulle o Premio María Josefa Wonenburger Planells 2017. Na cerimonia, o presidente Alberto Núñez Feijóo, destacou a súa “indiscutible” traxectoria, que evidencia o seu “desexo de ir máis aló” en cada proxecto no que se involucra. No seu portal web, a NASA dedica un espazo á traxectoria da súa enxeñeira. Nel, ademais de salientar todos os seus logros académicos e científicos informa que no “seu tempo libre, a Vila gústalle ler novelas de misterio, ver películas e facer exercicio, en particular ioga, baile, pesas rusas, camiñadas e pilates. A Vila tamén lle gusta tocar o piano e ir a eventos musicais. Espera oportunidades para pasar tempo cos seus tres fillos e a súa familia e amigos en Canadá e España.” J. Fontes: Revista Sinc, artigo “Begoña Vila, la astrofísica gallega de la NASA que ha pasado quince años con el James Webb”, de Enrique Sacristán. 25/12/2021 Web da NASA, Biografías do equipo de traballo Telescopio Espacial James Webb.

cousas de 59


ATADEIRAS-REDEIRAS O REXURDIR DUN OFICIO TRADICIONAL E N.P. C Cousas de Co motivo do Día da Muller o Obradoiro de Emprego Manuel B. Portela realizou unha visita á nave de redeiras da Asociación Atalaia da Guarda, onde conversou con tres das súas integrantes. Quixeron render así, homenaxe a estas mulleres que con moito esforzo e traballo levan a cabo unha labor tan importante para o sector pesqueiro. As protagonistas son Marina, Sara e Carmen. Marina e Carmen ostentan cargos da directiva da asociación, e relataron moi detalladamente ao alumnado como era o seu traballo, como foi o desenvolvemento da asociación, cal é o presente, como foi o pasado e como ven o futuro. A Asociación leva case 20 anos en activo, e cando empezaron cada unha traballaba na súa casa, xa que non tiñan aínda a nave coa que contan actualmente. Relatan que viñan os camións coas redes e cargaban todo a man. Pouco a pouco foise regularizando a profesión e comezaron a facer cursos de formación onde acudiron moitas mulleres, entre 60 e 70, e así foi como xurdiu a asociación. Contan que na Guarda todos ataban, xa que había moitos barcos con redes de fío. Os comezos como asociación foron duros e pelexaron moito para poder ter unha nave, ata que a conseguiron mellorando moito as súas condicións de traballo. Como mulleres destacan que os poucos homes que ataban estaban contratados polos barcos e tiñan unhas condicións laborais mellores que as delas, aínda que hoxe en día todas teñen o seu seguro de autónoma e unhas condicións laborais moito mellores que cuando traballaban sen seguro. Marina conta que nos seus comezos tiña que compaxinar o traballo de redeira coa crianza dos fillos e as labores da casa, e non foi fácil. Outra das nosas protagonistas é Sara, a máis nova de todas, destaca que o de redeira venlle de familia, é filla e sobriña de redeiras, e dende que comezou está moi contenta, leva o seu salario para casa e concilia moi ben a vida familiar e laboral, di que se formou facendo cursos en Marín. Carmen leva traballando desde nena, empezou neste oficio nas antigas chabolas, e tivo que deixar a escola moi pequena, despois de deixalo cando tivo fillos volveu retomar o seu traballo e hoxe en día é a presidenta da Asociación. As redeiras da Guarda traballan para moitos armadores de toda Galicia, destacan que hoxe en día non lles falta traballo, e animan á xente nova a que sigan o relevo desta fermosa profesión, destacan que teñen unhas condicións moi dignas e que gañan un bo salario. O colectivo de redeiras teñen o selo de Artesanía de Galicia pola súa labor, pero dende fai un tempo tamén elaboran outra artesanía que contribúe ao incremento dos seus ingresos, na nave teñen unha pequena exposición onde nos amosaron fermosas pezas de bisutería, colgantes, pulseiras, aneis, colares, pero tamén bolsas para a compra, fulares, chaveiros, e moitos máis detalles, todo con motivos mariñeiros e feitos cun gusto exquisito.

60 cousas de


ESPECIAL GALAICAS S C Carmen, Sara e Marina

C Marina

A Asociación de Redeiras Atalaia ofrece formación para poder exercer a profesión Coa colaboración da Federación Galega de Redeiras, a Asociación de Redeiras do Baixo Miño Atalaia organiza un curso gratuíto de Confección e Mantemento de Artes e Aparellos, necesario para poder exercer a profesión de redeira. A asociación decidiu poñer en marcha esta iniciativa ante a súa preocupación pola falta de relevo xeracional, xa que nun breve período de tempo varias delas obterán a xubilación, e aquelas que quedan en activo lles resultará moi complicado asumir a carga de traballo que teñen. Esperan así mesmo que a acción formativa teña boa acollida porque entenden esta vía laboral como unha boa oportunidade de traballo estable na propia vila. Destacamos que o curso será gratuíto, terá unha duración de 300 horas e levarase a cabo na Guarda en colaboración co Concello, que cederá un aula para impartir a parte teórica do mesmo. Todas as persoas interesadas en recibir máis información ou inscribirse no mesmo deberán poñerse en contacto coa asociación no teléfono 699 96 32 50 ou na dirección de correo electrónico asociacionredeirasatalaia@hotmail.com, ou directamente na nave de redeiras sita no Porto da Guarda. J cousas de 61


GALICIA SOLIDARIA

O FONDO GALEGO CONTRIBÚE A REFORZAR A LIMPEZA DOS CAMPAMENTOS DE REFUXIADOS SAHARAUÍS

O Fondo Galego de Cooperación e Solidaredade achegará 15.000 euros ao proxecto de recollida de residuos e sensibilización ambiental que a asociación estivo identificando o pasdo mes de febreiro nos campamentos de persoas refuxiadas de Tindouf (Alxeria). Os Concellos de Nigrán e de Gondomar, socios da entidade, anunciaron unha achega de 10.000 euros, a maiores para reforzar a actuación. O presidente do Fondo Galego e alcalde de Nigrán, Juan González, asinou na fin de semana o convenio de colaboración coa gobernadora da Wilaya de Bojador, Azza Brahim, e co delegado da República Árabe Saharauí Democrática en España, Abdulah Arabi. No acto participaron autoridades locais e membros da sociedade civil saharauí, xunto con representantes dos concellos de Cambados e de Tui, que tamén están valorando a posibilidade de contribuír á cooperación coa RASD. Juan González destacou “a importancia de coñecer as necesidades sobre o terreo para realizar unha cooperación internacional eficaz”, mentres que a gobernadora agradeceu o apoio e a visita da delegación galega, que “á volta se converterá tamén en altofalante da inxustiza que sofre este pobo”. 62 cousas de

C O presidente do Fondo Galego e alcalde de Nigrán, Juan González,

asinou o convenio de colaboración coa gobernadora da Wilaya de Bojador, Azza Brahim, e co delegado da República Árabe Saharauí Democrática en España, Abdulah Arabi © Fondo Galego


As e os 16.500 habitantes da Wilaya de Bojador se beneficiarán do proxecto ‘Nadafa’, que significa “limpeza” en árabe, actuando en dúas vertentes. Dunha banda, mellorarase o servizo de recollida de lixo sufragando a contratación de máis persoal e dotándoo dos materiais necesarios para realizar esta tarefa, especialmente elementos de protección como máscaras e guantes, que tamén se lles facilitarán á veciñanza que participa nas campañas voluntarias de limpeza. Por outra parte, intensificaranse as actividades de sensibilización dirixidas á poboación, especialmente aos 3.382 nenos e nenas das escolas, contando con organizacións da zona como os colectivos xuvenís. Ao tempo, apoiarase á emisora local para que reforce os contidos ambientais e as mensaxes a prol do coidado da contorna. A formulación deste proxecto produciuse no marco da visita aos campamentos organizada pola Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (Sogaps) e a Delegación Saharauí para Galicia, na que participan entre outros representantes políticos, persoal sanitario e familias do programa Vacacións en Paz, que se retomará este verán. Nos últimos días, a delegación foi recibida polo Primeiro Ministro, Bucharaya Hamudi, quen salientou como “o apoio dos municipios e outros axentes da cooperación descentralizada mitigou a caída dos fondos estatais e internacionais provocada pola pandemia”. Tamén a ministra de Cooperación, Fatma ElMehdi, apuntou a importancia do movemento solidario e dos irmandamentos cos concellos, alén de sinalar que “o convenio asinado co Fondo Galego permítenos planificar a máis longo prazo e responder a necesidades reais”.

O propio presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade tivo a oportunidade de comprobar como a falta de recursos lles impide ás autoridades locais saharauís realizar unha correcta xestión dos residuos, amais de compartir unha xornada de limpeza voluntaria cun grupo de mulleres na Daira de Akti, entre as que se atopaba a propia alcaldesa, e de visitar a emisora de radio. Nos derradeiros días de estancia, a comitiva galega acudiu a un centro para nenas e nenos con discapacidade e ao Hospital Nacional. Tamén se reuniu coa ministra de Sanidade, Jira Bulahi, quen indicou que “hai 427 persoas á espera de seren evacuadas para tratamentos no exterior, das que 128 son menores”. Por último, percorreron as instalacións da Dirección Xeral de Equipamento e puideron coñecer de primeira man o traballo da Asociación de Familiares de Prisioneiros Saharauís e Persoas Desaparecidas. “Esta viaxe non só nos fará ser mellores persoas, senón tamén mellores alcaldes e alcaldesas”, valorou Juan González ao remate da misión. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade aposta por unha saída dialogada ao conflito que obrigou á poboación saharauí a refuxiarse en Alxeria. Esixe que Marrocos cumpra o Plan de Arranxo subscrito en 1990, coa celebración do referendo de autodeterminación acordado, e que tanto a comunidade internacional como o Goberno español estean á altura dos compromisos adquiridos.

PECHE DE EDICIÓN Nigrán esixe ao Goberno que rectifique sobre o Sahara A Corporación Municipal que preside Juan González,aprobou por unanimidade unha proposta para esixir ao Goberno de España que dea marcha atrás e avale o referendo de autodeterminación na defensa dunha saída dialogada do conflito.”Non podemos abandonar aos saharauís por cuestións de interese xeopolítico, España ten un compromiso e unha débeda ineludible con eles. Confiamos en que o goberno reflexione e que escoite o sentimento de toda a cidadanía respecto diso”, asegurou o rexedor de Nigrán, que ademais, preside o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade. En concreto, o texto aprobado na corporación pontevedresa avoga por unha “saída dialogada” ao conflito que poña en práctica o Plan de Arranxo subscrito en 1991 entre a Fronte Polisario e Rabat para a organización de referendo sobre a autodeterminación ou adhesión ao Reino de Marrocos. O de Nigrán foi o primeiro en toda Galicia que aprobou unha declaración en contra do xiro en política exterior sobre o Sahara Occidental adoptado este mes de marzo polo Executivo.

cousas de 63


OCIO/BELAS ARTES

O ESCULTOR FRANCISCO LEIRO, ELIXIDO ACADÉMICO DE BELAS ARTES A Real Academia de Belas Artes de San Fernando elixiu ao escultor Francisco Leiro como académico de número pola sección de Escultura. Propuxeron a súa candidatura o arquitecto Alberto Campo Baeza, e os escultores Juan Bordos Caballero e Branca Muñoz, quen leu a laudatio. Francisco Leiro (Cambados, Pontevedra, 1957), formouse na tradición familiar da artesanía en madeira e pedra, continuou os seus estudos na Escola de Artes e Oficios de Santiago de Compostela onde entrou en contacto con artistas galegos surrealistas. Participou na corrente renovadora do grupo Atlántica e foi membro do movemento surrealista Foga. En 1983 trasladouse a Madrid para participar nunha exposición na Galería Montenegro, dous anos máis tarde, representou a España na Bienal de Sao Paulo. O goce da Bolsa Fulbright en Nova York abriulle un novo camiño, comezou a traballar coa galería Malborough e as súas creacións entraron nos circuítos de arte contemporánea internacional.

Francisco Leiro “realiza esculturas como unha alegoría da vulnerabilidade e a fraxilidade humana”

Das súas viaxes a Grecia, e América Central absorbe a rixidez das esculturas arcaicas, a súa obra é herdeira da escultura universal. Inspirado na arte popular que lle rodea, subtrae do imaxinario colectivo ideas que toman forma en esculturas rotundas, bastas, orixinais. Principalmente o seu interese céntrase na figura humana, pero Leiro tamén representa arquitecturas e escenografías nas súas composicións. Nas obras do escultor maniféstase o dominio da luz e dos materiais cos que traballa, a liberdade e forza que desprenden, convidan a ser contempladas desde todos os ángulos. Por esa forma de crear, unida á crítica social dalgunhas das súas obras, foi vinculado a correntes como o expresionismo e o surrealismo.

Desde 1986 as súas obras exponse regularmente en ARCO Madrid e participa en numerosas exposicións individuais e colectivas, sendo un referente da escultura contemporánea. Pódense contemplar obras de Francisco Lerio en espazos públicos tanto en España como no estranxeiro: ‘sireno’ na Porta do Sol de Vigo, Homenaxe a Castelao en Santiago de Compostela, o Astronauta, en Valdemoro (Madrid), e diversos museos e coleccións. A súa longa traxectoria artística fíxolle merecedor de premios e galardóns como a Medalla das Belas Artes da CEOE (1989), a Medalla Castelao da Xunta de Galicia (2000), Premio das Artes na 11 Edición Galegos do Mundo (2003).

Unha das esculturas de Vigo máis emblemática é a de O Nadador: situado ao borde da Ría de Vigo é o impactante recoñecemento do escultor Francisco Leiro ao esforzo dos nadadores. Trátase dun conxunto escultórico de bronce formado por varias pezas que parecen parcialmente somerxidas no pavimento da zona portuaria de Vigo.

64 cousas de


OCIO /LIBROS Al paraíso Hanya Yanagihara Editorial Lumen Tres historias que se entretecen e conforman una novela monumental, histórica e distópica na que o amor parece imposible e, sen embargo, os seus protagonistas, coas súas limitacións e secretos, obstínanse en buscalo como única maneira de alcanzar o paraíso. La nostalgia de la Mujer Anfibio Cristina Sánchez-Andrade Editorial Anagrama A combinación dun feito histórico de enorme repercusión, como o naufraxio do vapor Santa Isabel na bocana da Ría de Arousa, coa ficción, permitelle á autora facer un singular percorrido por tres xeracións de mulleres dunha pequena comunidade pesqueira chea de personaxes memorables. O terror nas Tebras e outras catas na memeria Carlos Méixome Quinteiro Editorial Laiovento Nesta media ducia de traballos refeitos, o autor regresa a un Val de Miñor sometido ao terror en xullo de 1936 e abre o obxectivo da pescuda a territorios lindeiros, como o Tomiño baixomiñoto, o Mos da Louriña ou o campo de concentración de Santa María de Oia.

La muerte contada por un sapiens a un neandertal Juan José Millás & Juan Luís Arsuaga Editorial Alfaguara Os autores volven deslumbrar ao lector con humor, bioloxía, natureza e dous personaxes fascinantes, o sapiens e o neandertal, que nos sorprenden en cada páxina coas súas agudas reflexións sobre como tratou a evolución á nosa especie. Hitler y Stalin Dos dictadores y la segunda guerra mundial Laurence Rees. Editorial Crítica Neste apaixonante novo libro, o prestixioso historiador Laurence Ress examina aos dous líderes durante a Segunda Guerra Mundial. Un estudo comparativo entre Hitler e Stalin que aporta luz sobre ambos tiranos e os seus rexímenes. El accidente de caza David Carlson & Landis Blair Editorial Planeta Cómic Premio a mellor álbum no Festival de Angulême 2021 A fascinante historia real de Matt Rizzo, un criminal cego, que versa sobre as contas que salda un co seu pasado, sobre os límites da redención, a violencia e a posibilidade de reconciliación paternofillial.

cousas de 65


AQUÍ SEMPRE NOS ATOPARÁS! PUNTOS DE DISTRIBUCIÓN AUTORIZADOS DA REVISTA A CAÑIZA.- Kiosco do Mercado A GUARDA.- Librería LER, Librería Cervantes, Librería Ideas, Oficina de Turismo

O ROSAL.- Librería Ideas, La Segunda Vuelta

A ESTRADA.- Librería Faro

PAZOS DE BORBÉN .- Kiosko-Tabacos Huno

AS NEVES.- Estanco

PONTEAREAS.- Librería Papiros, Librería Mil Follas

BAIONA.-Librería Vernet, Estación de Servicio Monterreal, Oficina de Turismo. Sabarís.- Kiosko Sabarís BUEU.- Librería Abrente, Librería Miranda, Panadería Amador CAMBADOS.- Kiosco A Calzada, Librería Nobel CANGAS.- Kiosko La Ventana, Libraría Wells, Libraría A Esmorga, Oficina de Turismo CALDAS DE REIS.- Librería Luisa Piñeiro CUNTIS.- Librería-Papelería Maresa, Oficina de Turismo GONDOMAR.- Librería Libraida, Asociación de Empresarios A Pasaxe MARÍN.- Librería Maky e Libraría Nobel MEAÑO.- Librería Cousas (Dena) MEIS.- Kiosco Vilariño MOAÑA.- Libraría La Papelería, Librería Nobel MONDARIZ.- Librería Santa Eulalia. MONDARÍZ - BALNEARIO.- Kiosco Las Colonias MORAÑA.- Librería La Ventana Mágica, Libroflor MOS.- Librería Arte e Ciencia NIGRÁN.- Libraría Paraísos de Papel, Estanco. Ramallosa.- Kiosko Ramallosa, Copisteria Duplicolor. Panxón.- Estanco César O GROVE. - Librería Nobel

66 cousas de

O PORRIÑO.- Librería Recondo, Kiosco El Pinar e Librería Papelería Copirey, Kiosco Regaliz

PONTEVEDRA.- Libraría d-lectum, Libraría Nobel (zona Museo), Kiosco Beni (Mercado) PONTE CALDELAS.- Librería El Colegio REDONDELA.- Quiosco Cocó, Quiosco Chelo, Quiosco Xunqueira, Libraría La Imprenta. Chapela de Arriba.- Estanco RIBADUMIA.- Librería Barrantes SALCEDA.- Librería Sernel, Librería Lemos, Librería Dona SALVATERRA.- Kiosko Bolboreta, Estanco SANXENXO.- Librería Nos SOUTOMAIOR.- Arcade Librerías Loli, Kiosco Tulipán TOMIÑO.– Librería Novidades, Quiosco Loterías Gonzalo. Goian (Tomiño )Mercado TUI.- Librería Nobel, Estanco/quiosco rúa Ourense, Librería Iris, Oficina de Turismo VIGO.- Librería Librouro, Librería Solidaria Aida, Librería Nobel (Gran Vía), Libraría Cartabón, Libraría Nobel (Calvario), Kiosco Lembranzas, Kiosco Rúa Venezuela nº18 VILAGARCÍA DE AROUSA.- Librería Nobel


cousas de 67


68 cousas de


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.