COUSAS DE - revista Nº8

Page 1



SUMARIO

NÚM.

8

“Nos días da gran morte invernal aparece a camelia vestida de luz, a máis fermosa visitante que teñamos recibido endexamáis no noso pais” Así cantou Álvaro Cunqueiro a esta fermosa flor nun dos seus últimos traballos. ‘Laude dá Camelia’, discurso pronunciado en 1980 na festa a ela dedicada, e que, días despois da morte do poeta, publicaría a Deputación de Pontevedra Fotografía cortesía de Turismo de Galicia

04\ EDITORIAL

OPINIÓN

06\ Páxina 6 Por Suso Vila. Museo Diocesano: presente e futuro 08\ Galicia no Mundo Por Xulio Ríos A anomalía Lugrís

MÁIS COUSAS

10\ RÍAS BAIXAS Defensoras de dereitos 12\ ACTUALIDADE 30\ GALAICAS

Aurelia Soage “Lela”

46\ GALICIA SOLIDARIA

58\ OCIO

60\ AXENDA CULTURAL 62\ DISTRIBUCIÓN

Puntos de distribución da nosa revista

24\

EN PORTADA

Camelia, a flor de Galicia que chegou do Oriente

Por Carmen Salinero e Pilar Vela

32\ O Balneario de Caldelas de Tui

nos séculos XVII e XIX

Por Xosé Ramón Paz Antón

36\

Aragonta, unha riña Galega

Por Marco Rivero Valcarcel

40\

Qué importancia ten a presenza en Vigo dos cristiáns novos no século XVI?

San Xerome, sementa igualdade de oportunidades para persoas con diversidade intelectual Por Judith Bernárdez

54\ DEPORTES

Cinco vidas, unha historia

50\

Os birlos celtas abrangen paixón a escala internacional

Por Álvaro Peralta

Por Suso Vila O Lazareto de San Simón Por Silvia Cernadas

cousas de 3


EDITORIAL

A ERRADICACIÓN DA VIOLENCIA MACHISTA É COUSA DE TODA A SOCIEDADE Cada 25 de novembro celebramos o Día Internacional para a erradicación da violencia contra as mulleres, data institucionalizada polas Nacións Unidas en decembro de 1999, convidando os gobernos, organizacións internacionais e organizacións non gobernamentais a organizar nese día actividades dirixidas a sensibilizar á opinión pública respecto ao problema da violencia contra a muller. A efeméride lembra o brutal asasinato, en 1960, das tres irmás Mirabal, activistas opositoras á ditadura de Rafael Trujillo. A Asemblea Xeral das Nacións Unidas aprobou a Declaración sobre a eliminación da violencia contra a muller en 1993 e na súa resolución do 23 de febreiro de 1994, recoñecía «a urxente necesidade en aplicar os dereitos e principios relativos á igualdade, seguridade, liberdade, integridade e dignidade de todos os seres humanos, consagrados na Declaración dos DDHH, mostrándose preocupada porque a violencia contra a muller constitúe un obstáculo non só para o logro da igualdade, o desenvolvemento e a paz, senón tamén para a plena aplicación da Convención sobre a eliminación de todas as formas de discriminación contra a muller», recoñecendo que a violencia contra as mulleres constitúe unha manifestación das relacións de poder historicamente desiguais entre o home e a muller. Vinte e seis anos despois desta resolución, é necesario seguir lembrando a orixe sistémica desta violencia e a urxencia de proceder a previr, investigar e conforme á lexislación nacional, castigar todo acto de violencia contra a muller..., así como a necesidade de elaborar, con carácter xeral, enfoques de tipo preventivo e todas as medidas de índole xurídica, política, administrativa e cultural que poidan fomentar a protección da muller contra toda forma de violencia, e evitar eficazmente a reincidencia na victimización da muller como consecuencia de leis, prácticas de aplicación da lei e outras intervencións que non teñan en conta a discriminación contra a muller. Vinte e cinco anos despois é necesario lembrar esta declaración de Nacións Unidas, porque é evidente que a violencia contra as mulleres continúa sendo unha secuela en todo o mundo. En España, en cifras oficiais, segundo informe do 31 de outubro de 2019 do Ministerio de Igualdade, 1.026 mulleres foron asasinadas desde 2003. Vinte e cinco anos despois é necesario seguir poñendo palabras, datos, voz a todas as mulleres que non están, ás que sofren violencia machista, para desmentir as opinións que pretenden ocultar esta terrible realidade. INDIGNACIÓN NO VAL MIÑOR. Por desgraza, ao peche desta edición tiñamos que contar o asasinato en Gondomar de Soledad Rey Valverde, douscentos veciños concentrados ante o Concello de Gondomar gardaron un minuto de silencio en memoria da vítima número 42 deste ano en España. Previamente a presidenta dá Deputación leia un manifesto no que se expresaba a condena rotunda de Gondomar a este asasinato machista. “Basta xa!, dixo, a este terrorismo que está a acabar connosco. O crime de Soledad, seguiu, demóstranos que non debemos baixar a garda, que non podemos, como cidadás e cidadáns, permanecer impasibles ante esta violencia terrible contra as mulleres que ataca directamente a saúde dunha sociedade que quere ser realmente democrática e igualitaria.”

4 cousas de


VIVE

VAL MIÑOR

cousas de 5


PÁXINA 6 / OPINIÓN

MUSEO DIOCESANO: PRESENTE E FUTURO por Suso Vila, Dr. en Historia da Arte O Museo Diocesano, grazas á iniciativa de moitas persoas como D. Jesús Gómez Sobrino ou D. Domingo Cameselle, enriqueceu o patrimonio do sur de Galicia coa divulgación de numerosas pezas procedentes de restuaracións parroquiais ou das excavacións arqueolóxicas na comarca. O Museo inaugurado en 1983 no antigo hospital de pobres e peregrinos, un magnífico edificio barroco de 1756, foi un potente dinamizador cultural coas súas iniciativas ao longo de varias décadas. A súa crise, non allea a outros museos, evidenciou que o modelo museístico precisaba dunha fonda actualización e unha forte renovación que permitise achegar as súas coleccións a máis xente, dun xeito máis didáctico e cunha contextualización histórico-artística máis apropiada. A presentación dun novo proxecto museístico no conxunto catedralicio de Tui establecía a fusión dos museos (catedral e diocesano) nun único espazo. A elaboración deste proxecto faría que o Museo Diocesano ficase pechado á espera das novas obras. Pero o tempo pasou e a materialización do proxecto museístico catedralicio atopou obstáculos adiándose cada vez máis a súa conclusión.

Qué se fai entón? Grazas á iniciativa do Concello de Tui e a inestimable colaboración do Director do museo, D. Andrés Fuertes, desde o ano 2019 o edificio do museo volveu abrir ao público. Por qué é necesario ter aberto un museo? Neste caso converxen dous aspectos: o primeiro é coñecer un edificio dunha calidade arquitectónica notable, o antigo hospital barroco, que ten conservado todas as súas dependencias relacionadas coa función hospitalaria, desde a capela, o patio, a cociña, enfermerías, os cuartos do administrador ou o do cirurxián. O segundo para coñecer pezas moi valiosas do patrimonio galego, como o casco “celta” de Caldelas de Tui ou os sambenitos da Inquisición. Mentres non dispoñamos dun novo museo que acolla as pezas artísticas nun novo espazo accesible, atractivo e funcional, temos a obriga de manter aberto o vello hospital de pobres e peregrinos, de observar as súas salas, de entender unha parte sustancial da nosa arte e historia. Os museos son o reflexo da cultura dun pobo, aprendemos do pasado para medrar con futuro.

6 cousas de


VIVE BAIXO MIÑO

cousas de 7


GALICIA NO MUNDO

A ANOMALÍA LUGRÍS por Xulio Ríos Ramón Lugrís (Ferrol, 1932 – Ciudad Real, 2015) estaba chamado a facer grandes cousas por Galicia. Fai un lustro que se nos foi. Xornalista, tradutor e ensaísta, traballou, entre outros, para a británica BBC e a ONU en Nova York, tamén para a axencia EFE en diferentes delegacións. Xa que estamos a conmemorar o centenario da Xeración Nós cómpre tamén dicir que era un decidido continuador daquel ideario. Quizais por iso publicou en 1963 na editorial Galaxia o volume “Vicente Risco na cultura galega”, unha primeira achega ao pensamento do ourensán. Carlos Casares contáranos a PerezBarreiro e a min, que Risco estaba moi inquedo por aquela publicación porque o autor nunca chegara a falar persoalmente con el (residía en Londres). O libro foi polémico, máis polo limiar (de Ramón Piñeiro) que polo texto de Lugrís. Europeísta convencido e cunha dilatada experiencia internacional, Lugrís recuperámolo no século XXI para as actividades do IGADI. Xa retirado da primeira liña, ilusionouse co proxecto ao que achegou a súa sabedoría universalista e espléndidas análises sobre conflitos e tendencias que el calibrara dende dentro das entrañas do mundo da ONU. Viaxeiro impenitente, de Brasil a Bután pasando por China ou Irán, estaba encantado do reencontro con Galicia, labrado en boa medida polo seu infatigable amigo Franco Grande, con quen conspirara na Compostela universitaria dos anos 50. Foi Franco quen promoveu a súa incorporación á Real Academia Galega como membro correspondente. Del aínda conservaba como ouro en pano diversas conferencias escritas que daban conta da vocación proselitista de Lugrís naqueles anos. Dicir Lugrís é lembrar a xeración que traballou pola recuperación da conciencia galeguista nos anos escuros da ditadura. Quizais Galicia quedábaselle pequena, dixera o que dixera Risco (“Ti dis que Galicia é ben pequena, eu dígoche que é todo o mundo”) ou que o país non se prestaba para desenvolver as súas inquietudes. Aínda así procurou manter a conexión, contribuíndo dende fóra á creación do PSG ou cunha colaboración activa coas organizacións da diáspora galega. Alá onde había unha referencia de Galicia en calquera parte do mundo podiamos ter a seguridade de que Lugrís daría con ela e arrimaría o ombreiro. Para aproximarse á súa figura paga a pena reler a conversa que repasa a súa vida e pensamento publicada na revista Grial 193 do ano 2012 ou, mellor aínda, o Texturas Internacionais do IGADI que leva por título: “Ramón Lugrís, Sempre Galicia, Sempre Europa” co que quixemos achegar unha modesta homenaxe que debe comezar polo recoñecemento da súa notoriedade intelectual.

Na secretaría da ONU, Nova York 1964

8 cousas de


TURISMO

A XUNTA AMPLÍA A OFERTA FORMATIVA GRATUÍTA PARA O SECTOR TURÍSTICO Turismo de Galicia amplía o programa de formación ao sector turístico para mellorar a súa adaptación á nova realidade derivada da pandemia. O programa achega un amplo abano de cursos, webinars e obradoiros. O Plan de formación para a reactivación do sector é gratuíto e estenderase ata xaneiro do próximo ano. Con o sen vacina milagrosa o turismo vai mudar... xa mudou. As longas filas de coches e autobuses esperando quenda para deixar turistas nas grandes atraccións galegas as levou o vento da pandemia. Axencias de viaxes, transportistas, hoteis, restaurantes, bares e un feixe amplo de empresas e profesionais do sector sofren dende o pasado mes de marzo un pesadelo tan inesperado como angustioso. Recuperar o turismo é un obxectivo estratéxico polo seu peso na xeración de emprego e o dinamismo da economía galega. Dende o pasado xuño a Xunta de Galicia aposta por un plan de capacitación permanente que axunta especialistas, empresarios e traballadores para superar a crise e rexurdir cun sector adaptado e sostible no marco da nova realidade. Emporiso, a través de Turismo de Galicia e do Centro Superior de Hostalaría de Galicia (CSHG), acaba de ampliar até xaneiro de 2021 o Plan de Formación para a reactivación do sector. Unha iniciativa que permitiu até de agora, a certificación en novas competencias a máis de dous mil persoas e ten activas a máis de catro mil na Plataforma de Formación Continua de Turismo de Galicia. O plan inclúe distintas accións, todas elas gratuitamente para os profesionais. Entre outros inclúe programas de idiomas, finanzas, reconversión e adaptación das empresas, ferramentas para a revisión e adaptación dos modelos de negocios, transformación dixital, receptivos, actualidade e aula aberta. A iniciativa proxéctase a través de diferentes cursos, webinars e obradoiros en liña destinados ao conxunto do sector turístico As accións formativas son impartidas por expertos nas diferentes materias. Nelas os profesionais do turismo poderán resolver dúbidas ante a nova situación provocada pola pandemia, ampliar os seus coñecementos de ferramentas estratéxicas ou reorientar o seu negocio cara ás necesidades do cliente. O programa tamén abrangue capacitación e asesoramento para reducir erros de estratexia e custos no proceso de recuperación, así como outras cuestións relativas a loxística, operacións, mercadotecnia e vendas.

cousas de 9


RÍAS BAIXAS

ACTIVISTAS DE HONDURAS, GUATEMALA, EL SALVADOR, MÉXICO E NICARAGUA PROTAGONIZAN A II EDICIÓN DE ‘DEFENSORAS DE DEREITOS’

Ilustración: RotmInas Gráfica

O proxecto, impulsado pola Deputación de Pontevedra e a Coordinadora Galega de ONGD en colaboración coa Iniciativa Mesoamericana de Mujeres Defensoras de Derechos Humanos, inaugurouse cunha exposición fotográfica nos comercios de Pontevedra, Gondomar e A Estrada

Acto de inauguración de ‘Defensoras Semillas de Cambio’ na tenda de comercio xusto de Solidariedade Internacional Galicia nas Galerías Oliva de Pontevedra. De esquerda a dereita María Paz (Coordinadora Galega de ONGD); Carmela Silva (presidenta da Deputación); Pilar González (presidenta da Asociación Galerías La Oliva).

10 cousas de

As mulleres defensoras de Dereitos Humanos de Mesoamérica, a rexión comprendida entre o sur de México e Costa Rica, foron as protagonistas da segunda edición da iniciativa ‘Defensoras de Dereitos’. As súas historias de vida, o seu traballo en defensa dos dereitos das mulleres, das comunidades indíxenas, do territorio… son o fío condutor desta iniciativa impulsada pola Deputación de Pontevedra e a Coordinadora Galega de ONGD en colaboración coa Iniciativa Mesoamericana de Mujeres Defensoras de Derechos Humanos (IM-Defensoras). A primeira das accións foi a exposición fotográfica #Defensoras Semillas de Cambio, cos retratos e as historias de vida e acción política de 15 mulleres defensoras de dereitos Humanos de Honduras, Guatemala, El Salvador, México e Nicaragua, co obxectivo de homenaxear as máis de 2.000 defensoras articuladas en Mesoamérica arredor desta organización. Estudantes, xornalistas, labregas, académicas, sindicalistas, mestras, tecedoras, amas de casa, artistas…Durante un mes,trinta comercios de Pontevedra, A Estrada e Gondomar, colaboraron como soporte da mostra, que tiña como obxectivo achegar as historias persoais e colectivas das activistas a prol da xustiza social ao máximo de persoas posible no actual contexto de restricións de movementos debido á COVID-19. As consecuencias da pandemia nas vidas das defensoras A irrupción da pandemia e a resposta que están a dar os gobernos de Mesoamérica á mesma está a impactar enormemente sobre as vidas e o labor das activistas. “A pesar de que o coronavirus agravou a crise de dereitos humanos e a violencia estrutural que vive Mesoamérica desde hai siglos, os gobernos non consideran esencial o traballo das defensoras”, aseguran dende IM-Defensoras. Dende marzo, 8 de cada 10 defensoras víronse obrigadas a confinarse e a suspender a súa actividade de acompañamento presencial ás compañeiras e comunidades coas que traballan. Ademais, neste contexto, o risco de sofrer violencia aumentou significativamente. Entre marzo e novembro de 2020, as alertas recibidas por IM-Defensoras incrementáronse un 123% respecto ao mesmo período do ano anterior. Se en 2019 foron 61, en 2020 xa son 136. Medraron as detencións arbitrarias, as campañas de desprestixio, a represión e a criminalización. Dende marzo, 10 defensoras mesoamericanas foron asasinadas.


Historias en forma de libro Para dar a coñecer o risco que supón o traballo como defensoras de dereitos humanos e sensibilizar sobre as causas e consecuencias das situacións de desigualdade e pobreza que afectan ás súas vidas e aos países e comunidades onde viven, publicaranse tres libros dirixidos ao público xuvenil. Neles, contaranse as historias de vida e activismo de tres defensoras de Honduras, México e Guatemala. Os tres libros estarán escritos pola marinense Lara Dopazo Ruibal, gañadora en 2020 do Premio Literario Illa Nova de Narrativa da Editorial Galaxia, e ilustrados por RotmInas e Conxenia. As mulleres protagonistas dos libros son: Miriam Suazo (Honduras) conta cuha traxectoria de 20 anos traballando polos dereitos humanos. Actualmente, faino desde o Centro de Estudios de la Mujer e a Red Nacional de Defensoras de Derechos Humanos de Honduras, coordinando xunto a outras organizacións e os movementos sociais o fondo de emerxencia para a protección das persoas defensoras expostas a riscos inminentes debido ao seu labor. Estela Ángeles Mondragón (México). Defensora dos dereitos territoriais do pobo rarámuri, comunidade indíxena do norte do país, durante más de dúas décadas. María Magdalena Cuc Choc (Guatemala). Defensora do territorio e dos dereitos das mulleres indíxenas maya q’eqchi’. Apoia ás mulleres supervivientes de violencia de xénero e tamén ás comunidades que sofren desaloxos violentos como consecuencia da usurpación de terras das empresas extractivistas e de monocultivo.

Activistas de Mesoamérica protagonizan a segunda edición de ‘Defensoras de Dereitos’

A Iniciativa Mesoamericana de Mujeres Defensoras de Derechos Humanos (IM-Defensoras) foi creada en 2010 como unha articulación de organizacións e redes de cinco países: El Salvador, Guatemala, Honduras, México e Nicaragua. Os seus obxectivos, ámbitos de acción e dinámicas son diversos e danse nun contexto de violencia que enfrentan as defensoras de dereitos humanos polo seu labor e que se realiza en condicións de inseguridade e desigualdade. Traballan desde o recoñecemento da diversidade e xerando estratexias de protección feminista para potenciar colectivamente a sostibilidade da defensa dos dereitos humanos en Mesoamérica e seguridade, benestar, liderado e autonomía das activistas. Actualmente, hai máis de 2.000 mulleres articuladas arredor de IM-Defensoras.

cousas de 11


ACTUALIDADE

UN AMBICIOSO PROXECTO DE MUSEALIZACIÓN, APOIADO NAS TECNOLOXÍAS DO SÉCULO XXI, DEVOLVERÁ ESTE VERÁN AO CASTELO DE SOBROSO TODO SEU ESPLENDOR MEDIEVAL “En xullo vémonos no castelo musealizado de Sobroso”. Con este desexo “obxectivo”, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada do alcalde de Ponteareas, Xosé Represas, presentou o ambicioso proxecto de musealización, que ten un orzamento de 300.000 euros, que mergullará ás persoas visitantes na rica historia da fortaleza da comarca do Condado, apoiándose para elo nas últimas tecnoloxías audiovisuais do século XXI. Este proxecto vangardista falará da historia, do patrimonio e da cultura dende unha contorna medioambiental incomparable, que converterá ao Castelo de Sobroso nunha referencia turística de primeiro nivel da provincia e de Galicia. A Deputación está a ultimar os pregos dunha licitación que se abrirá por un prazo de 4 meses, e o seu obxectivo é que poidamos gozar do castelo de Sobroso musealizado o próximo mes de xullo. O proxecto da fortaleza medieval do Condado segue a senda de éxito que xa supuxo a musealización do castelo de Soutomaior e, como no seu caso, conta tamén cunha nova imaxe corporativa, un deseño limpo que reproduce a súa silueta e que se incorporará a toda a sinaléctica e promoción. As visitas a Sobroso consistirán nunha ruta de ao redor dunha hora de duración en grupos reducidos de ata 15 persoas. Durante o traxecto visitaranse as distintas estancias dos dous corpos arquitectónicos do castelo. Acollerán un total de sete audiovisuais que contarán a historia cun enfoque ameno. Apóstase polo “turismo experiencial” e o apoio decidido nas tecnoloxías de luz e son do século XXI para mergullarse na historia. As visitas ofreceranse en galego, español e inglés. 12 cousas de

Un percorrido dunha hora, con sete salas, videomapping e “experiencias sorprendentes”


“Sobroso na paisaxe” é o primeiro audiovisual, consistente nunha gran impresión fotográfica no solo da primeira estancia. Ademais, as paredes disporán de caixas retroalimentadas e ofrecerán imaxes de referencia. En palabras da presidenta, as persoas visitantes “sorprenderanse ao verse envoltas, directamente, polo territorio” . “A historia do castelo e os seus habitantes” é a segunda experiencia da visita. Consiste nun audiovisual sobre o vidro, coa escenografía dunha gran vitrina onde se sincronizarán imaxes cos obxectos do interior. Narrará a vida na fortaleza medieval. “O castelo, protagonista na Idade Media” agardará aos visitantes, deseguido, cunha montaxe con diversas tarimas e elementos téxtiles. Cada módulo estará asociado a unha personaxe histórica vinculada a Sobroso: Urraca I de León, Alfonso VII de León, Dinis de Portugal e Isabel de Aragón. Como destacou Carmela Silva, catro persoeiros “dispostos nun espazo paritario, con dúas mulleres e dous homes relevantes da nosa historia”. “O castelo, da destrución á recuperación” será, sen dúbida, un dos audiovisuais que marcarán a visita. Utiliza, ao igual que xa se fixo en Soutomaior, a tecnoloxía do “videomapping” (proxección sobre elementos) para resaltar a sillería das paredes do castelo. “Os seres máxicos e a auga” é outro dos audiovisuais que non deixarán indiferente a ninguén. “A xente vai quedar moi sorprendida, pois aparecerá néboa, “destellos” de luces e unha locución que nos achegará ás lendas dos bosques de Sobroso. Os efectos quedarán acentuados pola utilización de luz cáustica nun ambiente envolvente e moi suxestivo. “A construción do castelo”, xa dende o corpo da torre da homenaxe, amosará paneis gráficos dedicados aos traballos para erixir a fortaleza. Ademais, introducirá ao público no oficio da cantería, con explicacións sobre as marcas de canteiro que abundan neste espazo e están repartidas por toda a construción. Estes elementos estarán sinalizados e explicados en detalle. “Os castelos, escenario de trobadores” acollerá unha nova proxección consistente en dúas persoas namoradas, sentadas no parladoiro situado neste nivel da torre. Ao seu carón un trobador, proxectado sobre unha tea de tul transparente rememorará a lírica da Idade Media. A visita guiada a Sobroso concluirá co acceso á terraza que culmina a prominente torre da homenaxe. Unha atalaia dende a que se divisa unha ampla vista de todo o Condado e que, nos días claros, alcanza ata Portugal. A terraza estará equipada con atrís con imaxes panorámicas para permitir identificar todos os fitos e elementos da paisaxe.

cousas de 13


ACTUALIDADE

NUEVAS RUTAS DE SENDERISMO PARA GOZAR DE CANGAS O municipio de Cangas do Morrazo é moi coñecido polo gran atractivo da súa costa, ven de poñer en valor unha boa parte dos seus camiños e do seu monte, ese gran descoñecido que está presente en toda a superficie do concello, con impresionantes miradoiros que comparten vistas espectaculares ás tres rías que nos circundan: a de Vigo, a de Aldán e a de Pontevedra, así como aos arquipélagos que protexen ás mesmas: o das Illas Cíes e o da Illa de Ons. Por Beti Iglesias

Costa da Vela desde o sendeiro dos Monte do Hío

Se trata de cinco novos sendeiros que se suman aos que xa existían: a Senda Costeira entre Cangas e Donón, e o Sendeiro Azul, entre Cabo Home, Donón e o Monte do Facho. Ademais, existe unha nutrida rede de camiños e pistas que, aínda que non sinaladas, están ahí para ser camiñadas e que foron usadas dende outrora polos veciños para comunicarse dunha aldea a outra, como era o caso das leiteiras de Ermelo, no límite con Bueu, que baixaban a diario a vender o leite por antigas corredoiras, ou veciños do rural que viñan cargados polos camiños cos feixes de toxo e leña para alimentar aos fornos e as lareiras. Toda esta aposta polos sendeiros parte da Concellaría de Turismo do Concello de Cangas, en colaboración coas Comunidades de Montes de Coiro, Darbo e O Hío, e da Escola Obradoiro Granxa da Rúa. O propósito principal desta actuación ten dúas orixes diferentes. Por unha banda, a necesidade de desestacionalizar o turismo, é dicir, procurar atraer xente a Cangas non só no verán, senón durante todo o ano, e que as praias e o azul do mar non sexan o único motivo, senón tamén os montes e o verde dos nosos bosques. É un feito constatado que cada vez mais, os visitantes demandan rutas de sendeirismo e o noso Concello conta, nas súas parroquias, con gran número de sendeiros, algúns deles totalmente pechados, pola falta de uso. Cangas goza ademais, dunhas condicións climáticas privilexiadas, cun microclima particular e a chuvia non debe ser un problema para botarse a camiñar. Se países coma Irlanda, con altos índices de pluviosidade, teñen unha gran tradición sendeirista ... Por qué non se poden dar aquí as mesmas circunstancias? Pola outra banda, e despois de todo o vivido coas limitacións da pandemia da Covid-19, se puxo de manifesto a necesidade de buscar novas alternativas de ocio ao aire libre e aínda que xa os camiños estaban acá, o que se fixo foi limpar, rozar e abrir, sinalizar e darlles publicidade, para que calquera persoa, veciño ou visitante, poida acceder con facilidade a calquera das rutas. Con estes sendeiros, tamén se busca desconxestionar certas zonas e recursos turísticos que, pola facilidade de acceso en coche e pola súa espectacularidade, se tornan multitudinarios e saturados, soportando unha capacidade de carga desmesurada.

14 cousas de


Os sendeiros novos, cunha lonxitude que oscila entre os 3 e os 11 quilómetros, e con ascensos moderados, atravesan zonas de gran valor paisaxístico, elementos do patrimonio histórico-artístico, e zonas de bosque autóctono como carballos ou castiñeiro, e son os que se nomean a continuación: •Sendeiro dos Montes da Magdalena (9,4 km), con elementos destacados coma os Petróglifos das Abelaires, o Castro do Leboreiro, a Fonte da Ola, a pedra coñecida como Trono da Raíña,... •Sendeiro da Costa da Vela. O Hío (11,20 km), co Cruceiro do Hío, a Igrexa de San Andrés e a Casa Reitoral, un obradoiro de liño, varias pedras con formas como a Pedra do Indio e a Pedra Furada, o recinto de Pouso da Serra coas cabriñas, os miradoiros de Outeiro Batente e da Cacheira, a Costa da Vela,... •Sendeiro de Varalonga (3 km), coa área de recreo de Varalonga, a Pedra do Boudañido, o antigo marco divisorio Darbo-Aldán,... •Sendeiro do Monte Castelo (5,6 km), coa Capela de San Roque, a Pedra do Elefante, a área de recreo do Balcón do Rei, o miradoiro do Castelo,... •Sendeiro dos Montes de Coiro (9 kms), coa Igrexa barroca de San Salvador, a Pedra da Hedra, o Monte do Cine, o miradoiro de Monte Pequeno, a Pedra de San Gregorio,...

Vistas desde o Outeiro Batente

Todos os sendeiros poden ser descargados na web da Wikiloc e, a maiores, como xa se mencionou anteriormente, na web de www.cangas.gal figura a información dos sendeiros xa existentes, que son a Senda Costeira entre Cangas e Donón, que permite percorrer boa parte do perímetro costeiro do concello, atravesando pequenos acantilados, fermosas praias e complexos dunares ata alcanzar o Cabo Home, onde conecta co Sendeiro Azul de Donón,que bordea o contorno do Cabo Home, cos impresionantes faros, a Costa da Vela e a subida ao mítico Monte do Facho. Pedra (Montes de Coiro)

cousas de 15


ACTUALIDADE

A PLANTA ORNAMENTAL E A FLOR CORTADA DO BAIXO MIÑO RECIBEN O SELO QUE CERTIFICA A SÚA CALIDADE E SUSTENTABILIDADE

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, presentou a iniciativa no viveiro O Piñeiro xunto á presidenta de acuBam, Mariví Álvarez, e as alcaldesas do Rosal e Tomiño, Anxela Fernández e Sandra González A planta ornamental e a flor cultivadas no Baixo Miño contan xa cun selo identificativo que garante a súa calidade e sustentabilidade grazas á iniciativa da Deputación de Pontevedra e da Asociación de Cultivos do Baixo Miño (acuBam). Esta distinción é parte da nova campaña lanzada para animar á cidadanía para comprar este produto de proximidade que constitúe un dos principais sectores na actividade económica desta comarca e que este ano estivo marcado por unha profunda crise con motivo da pandemia. O viveiro O Piñeiro foi o escenario escollido onte para a presentación, na que a presidenta provincial, Carmela Silva, fixo fincapé no feito de que este sector “é de futuro” porque “está moi vinculado ao que se está demandando: a necesidade dunha economía diferente, na que pasemos de destruír a coidar o planeta”. Silva defendeu que “quen compra flor é feliz pero cando a regala é dobremente feliz”. “Compremos nosas plantas e flores, que agora ademais teñen un selo de calidade e non hai ningunha mellor que a nosa”, engadiu. A presidenta de acuBam, Mariví Álvarez, destacou pola súa banda que o novo selo “é un paso máis ao recoñecemento ao traballo das persoas do Baixo Miño que fan posible esta actividade e con el queremos que todas as persoas que queiran gozar dela coñézannos e recoñezan nos puntos de venda habituais”. Lembrou ademais que este sector é “a fonte principal de ingresos” do territorio. No acto de presentación do selo de calidade e sustentabilidade tamén participaron as alcaldesas do Rosal e Tomiño, Ánxela Fernández e Sandra González. 16 cousas de


O MERCADO DE SABARÍS RECUPERA O ESPLENDOR DE OUTRORA, RECONVERTIDO NUN CENTRO MULTIUSOS Por Pablo F. Estévez

A rehabilitación do antigo mercado de Sabarís xa é unha realidade. A súa reconversión nun centro multiusos permitirá albergar ás principais asociacións socioculturais da parroquia e de lugares cercanos unha vez elabórense os pregos de ordenación do seu uso. Desde o goberno local apuntaron que o novo motor social do principal núcleo baionés podería entrar en funcionamento a partir de xaneiro de 2021 non sen antes inauguralo ao grande, ‘a condición de que as circunstancias sanitarias así o permitan’. Foto: Arquivo Deputación de Pontevedra

Madeira, cristal e os tons marrón claro predominan claramente no interior da construción que, sumado á gran amplitude de espazos prometen unha gran versatilidade para a organización de calquera tipo de actividade, concerto, relatorio ou reunión. Ademais postúlase como un lugar perfecto para albergar todo tipo de exposicións coroadas polas grandes protagonistas do inmoble: as súas maxestosas cerchas de formigón sobre as que apoian as cubertas. Unhas solucións construtivas moi singulares que datan de 1956, momento no que se levantou o inmoble, e que grazas a elas lograron o recoñecemento e posterior protección de Patrimonio. Precisamente o novo lavado de fronte outorgado á construción volverá servir como punto de encontro tanto de veciños como visitantes, do mesmo xeito que outrora. Sobre o proxecto orixinal, Víctor Manuel Vidal, edil de Urbanismo da vila, precisou que levaron a cabo pequenas variacións sobre a marcha pero existe unha que ten un gran impacto visual que non é outra que a substitución do composto do chan de gres por outro de resina, e o resultado salta á vista. Ademais e co fin de minimizar riscos de contaxio por contacto entre persoas alleas a un mesmo círculo contemplan a posta en funcionamento dunha app de reserva de espazos que permitirá o acceso ás instalacións. Con todo é unha aposta que aínda está por concretar, a falta dun informe económico que estableza a súa contía. “Parécenos unha maneira efectiva de evitar riscos”, afirma Vidal. Polo momento a proposta está en fase de avaliación e no caso de que vaia adiante poñeríase en funcionamento ao longo do próximo ano. Esta é a única novidade en canto ao seu uso trasladada desde o departamento competente, pero lembran que a propia fisionomía da edificación dotada dun eficiente sistema de ventilación forzada, os seus amplos espazos e as aulas configuradas con biombos para variar as súas características de capacidade, garanten a seguridade sanitaria do seu interior sen esquecerse de que os futuros usuarios terán un papel vital neste aspecto.

cousas de 17


ACTUALIDADE NIGRÁN CONTA XA CO SEU PRIMEIRO MIRADOR DE AVES TOTALMENTE ACCESIBLE E PASARELAS FLEXIBLES DE MADEIRA DE ACCESO Á PRAIA Estas accións de mellora patrimonial e ambiental de Praia América e Panxón’ forman parte do proxecto, denominado ‘Recuperando o litoral. que contou cunha subvención do GALP de 45.000 euros e inclúe roteiros ambientais, e mediante voluntariado a erradicación por completo das dunas da herba carniceira e da margarita africana, dúas especies invasoras.

O observatorio de aves é o primeiro de Nigrán na zona de protección ambiental da desembocadura do río Muiños, mide 5x2 metros e está formado por pilares e peche de madeira para a observación da fauna na zona de protección ambiental. Actualmente non existe ningún espazo similar no municipio, e moitas aves sofren de estrés coa presenza humana. Este elemento permitirá a calquera persoa achegarse ao coñecemento da fauna mariña e costeira a unha distancia prudente pero o suficientemente cerca como para poder identificar as diferentes especies sen molestalas. No elemento haberá ocos de observación a diferentes alturas, un banco corrido e un pequeno mesado para o apoio de guías de identificación ou prismáticos.

Conforme co programa municipal “Un Nigrán para todos”, o proxecto de accesibilidade tamén inclúe unha pasarela flexible de madeira en catro puntos de acceso á praia que permite o paso de cadeiras de rodas, carriños de nenos/as ou camiñar de forma segura a persoas con muletas, bastóns, etc.

18 cousas de


UNHA NOVA SINALIZACIÓN PERMITE COÑECER MELLOR NOVE ELEMENTOS DO PATRIMONIO NO RURAL TUDENSE Coa finalidade de promover a valorización destes bens por parte de visitantes e veciños, o Concello de Tui, ao abeiro dun convenio asinado con Turismo de Galicia no pasado mes de agosto, ten sinalado nove elementos patrimoniais localizados no ámbito rural do municipio. Estes son os elementos sinalizados: •Igrexa de San Miguel de Pexegueiro •Ponte da Veiga •Ponte das Febres, en Ribadelouro •Ponte Internacional •Capela da Virxe do Camiño, en Rebordáns •Monumento aos Mártires de Sobredo, en Guillarei •Muíños do Regueiro, en Paramos •Muíños do Tripes, en Randufe e Pazos de Reis •Balneario de Caldelas Para o responsable de Patrimonio, Turismo e Camiño de Santiago, o concelleiro Laureano Alonso, a instalación desta sinalización, que cumpre coas normas de sinaléctica turística de Galicia, patentiza o interese do goberno municipal pola promoción dos bens patrimoniais que atesoura Tui, no xa no ámbito do seu conxunto monumental, senón tamén as diversas parroquias que conforman o municipio tudense. A instalación desta sinalización permite identificar e recoñecer os principais valores destes bens patrimoniais.

A ESTACIÓN DE AREEIRO DA DEPUTACIÓN CATALOGARÁ OS XARDÍNS DA PRAZA DE SAN DOMINGOS DE TUI PARA QUE O CONCELLO POIDA INTEGRALOS NA RUTA DA CAMELIA A Deputación de Pontevedra colaborará co Concello de Tui para que os xardíns da Praza de San Domingos poidan ser incorporados á Ruta da Camelia. A Estación Fitopatolóxica do Areeiro realizará unha catalogación dos 10 árbores existentes neste espazo e facilitará así o traballo do Concello, que pretende realizar un proxecto de posta en valor, incrementando o número de exemplares, antes da presentación da solicitude. Desta forma, Tui pasará a formar parte dun percorrido turístico e botánicopatrimonial que é todo un referente da provincia de Pontevedra. O Concello acolleu unha idea que naceu na Asociación Tudense de Amigos da Camelia para tirar o máximo partido dunha contorna con árbores centenarias. A intención do Goberno local, unha vez catalogadas, é avanzar coa plantación de novos exemplares ata alcanzar o centenar, número que, unido á consideración de xardín histórico, permitiría a adhesión. A Ruta da Camelia é un recurso turístico de primeira magnitude que aglutina xardíns repartidos por Galicia e nos que poden contemplarse máis de 8.000 variedades desta árbore e a súa flor, moi especialmente na provincia pontevedresa. Na Ruta hai parques, castelos e pazos que acollen espazos singulares, entre eles varios declarados como Xardín de Excelencia Internacional pola Sociedade Internacional da Camelia. cousas de 19


ACTUALIDADE

VINTE PERSOAS DA GUARDA ACADAN O CERTIFICADO DE PROFESIONALIDADE NO OBRADOIRO DE EMPREGO MANUEL B. PORTELA VI No mes de novembro de 2019 arrancaba na Guarda o obradoiro de emprego “Manuel B. Portela VI” de “Atención sanitaria a persoas dependentes no domicilio”, un programa mixto de emprego e formación no que participaron un total de 20 persoas que veñen de acadar un certificado de profesionalidade. A finalidade do obradoiro foi a de mellorar a ocupabilidade das persoas desempregadas posibilitando ao alumnado a realización dun traballo efectivo que, xunto coa formación para o emprego recibida, busque a súa cualificación profesional e inserción laboral nun sector, o asistencial, con unha importante demanda, sobre todo coa situación sanitaria actual. O 27 de novembro remataba este obradoiro, despois dun ano de formación, unha formación que se viu suspendida pola pandemia da covid-19. Este obradoiro axudou aos participantes a adquirir todos os coñecementos para prestar servizos de asistencia sanitaria a persoas dependentes. O sábado 28 de novembro tiña lugar a entrega de diplomas que poñía o broche final a esta formación, contando coa presenza da Delegada Territorial da Xunta en Pontevedra, María Luísa Piñeiro; o Alcalde da Guarda, Antonio Lomba e a Concelleira de Desenvolvemento Local, Fátima Rodríguez. “Este é o primeiro obradoiro que se realiza na vila dende o ano 2008, motivo de satisfacción para o Concello, posto que permitíu formar a persoas da Guarda nun sector cunha alta demanda na actualidade, promovendo o emprego e a calidade da atención ás persoas dependentes, o que repercutirá na calidade de vida dos nosos veciños.”, Antonio Lomba. O programa de axuda no fogar é un recurso que ten por obxecto prestarlles ós cidadáns no seu domicilio un conxunto de atencións dende unha perspectiva integral e normalizadora naquelas situacións nas que teñan limitada a súa autonomía persoal ou nos casos de desintegración familiar, facilitando a permanencia no seu propio entorno de convivencia e evitando a súa posible institucionalización.

A GUARDA PON EN MARCHA UN BANCO MUNICIPAL DE VOLUNTARIADO Esta acción nace coa intención de crear unha bolsa de persoas voluntarias dependente do Concello da Guarda, que sexa unha ferramenta estable que acolla a toda persoa que por decisión propia e libre teña diversas inquedanzas para colaborar coa comunidade de forma desinteresada. A persoa voluntaria debe ter en conta que poderá participar en moitas e diversas actuacións como: acompañamento a persoas (maiores e/ ou menores) accións medioambientais, eventos puntuais e tamén voluntariado en entidades ou asociacións municipais. As persoas interesadas poden solicitar información na OMIX do Concello da Guarda a través das redes sociais ou do mail informacion@aguarda.es

20 cousas de


O GALP RÍA DE VIGO-A GUARDA BUSCA PROXECTOS INNOVADORES A convocatoria de subvencións para o ano 2021 cara a innovación no sector pesqueiro xa está aberta e destinará mais de 750.000 euros para proxectos na área do GALP Ría de Vigo-A Guarda. O obxectivo destas axudas é mellorar a competitividade das pemes, crear emprego e fomentar a innovación en todas as fases da cadea de suministro.

A subvención pode ascender ao 80% do importe do proxecto presentado se están vinculadas coa pesca costeira artesanal.

GALP Os Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro (GALP) foron creados en 2016 e son entidades colaboradoras da Consellería do Mar que cada ano xestionan axudas do Fondo Europeo Marítimo e da Pesca para proxectos produtivos e non produtivos ao amparo das Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo. A sustentabilidade, a conservación e promoción do Patrimonio Cultural Marítimo, así como a aposta por un desenvolvemento urbano e turístico sostible son algúns dos principios que rexen as súas accións. Os proxectos que opten ás subvencións tamén deberán cumprir con estes criterios, así como co de Igualdade de Xénero.

As empresas que poden beneficiarse destas axudas deben ser pemes con domicilio social e fiscal en Baiona, Nigrán, A Guarda, O Rosal, Oia, Cangas, Moaña, Vilaboa, Soutomaior e Redondela. Tamén poden optar a estas axudas as empresas de Vigo que pertenzan ao sector pesqueiro. Con respecto ao proxecto de investimento, poden estar destinados á transformación, elaborado e envasado de produtos do mar, novas tecnoloxías nos procesos de comercialización e mellora da imaxe dos produtos pesqueiros, incluíndo empresas de nova creación. Só se poderá optar á subvención se o proxecto levase a cabo despois de presentar a solicitude. O prazo está aberto ata o próximo 1 de marzo de 2021 e desde o GALP fan un chamamento a todas as posibles empresas beneficiarias, no soamente do sector pesqueiro, sempre que teñan vinculación co mar. Para esta modalidade, o GALP conta con 250.000 euros, o que fai un total de 1.000.000 de euros destinados a proxectos innovadores da área.

cousas de 21


ACTUALIDADE

UVIGO E CSIC ESTUDARÁN NOS OCÉANOS ATLÁNTICO E AUSTRAL O TRANSPORTE DE CONTAMINANTES DE ORIXE HUMANA A expedición do proxecto Antom-I chegará a Punta Arenas (Chile) a mediados de xaneiro Por Mª del Cármen Echevarría DUVI

Desde o pasado día 15 investigadoras e investigadores da Universidade de Vigo, do Instituto de Diagnóstico Ambiental y Estudios del Agua (IDAEA-CSIC) e do Instituto de Química Orgánica General (IQOG-CSIC), en colaboración coa Unidad Tecnológica Marina (UTM-CSIC) participan nunha expedición no océano Atlántico para estudar e cuantificar as entradas atmosféricas de contaminantes emerxentes e materia orgánica procedente da actividade humana nos océanos Atlántico e Austral, así como o seu impacto no mar. A expedición, que viaxa a bordo do buque oceanográfico Sarmiento de Gamboa, que partiu do porto de Vigo e arribará a Punta Arenas (Chile) o 15 de xaneiro de 2021, forma parte do proxecto Antom, “que ten o obxectivo de cuantificar a entrada de contaminantes atmosféricos, principalmente contaminantes orgánicos emerxentes, nos océanos Atlántico e Antártico, así como a súa transformación e efecto na columna de auga a través dos procesos bioquímicos”, explica a docente e investigadora do CIM-UVigo Cristina Sobrino, que xunto ao estudante predoutoral Paulo Alcaraz e o técnico do CIM Antonio Fuentes, conforman a representación da UVigo neste proxecto. Por mor da pandemia as e os participantes na campaña a bordo do buque oceanográfico tiveron que pasar un confinamento de 10 días antes de embarcar en Vigo.

O Sarmiento de Gamboa está atracado no porto de Vigo á espera de zarpar en próximas horas

Por mor da pandemia os participantes no proxecto tiveron que pasar un confinamento de 10 días antes de embarcar en Vigo a bordo do Sarmiento de Gamboa

22 cousas de

“Se os resultados da investigación”, que axudarán a entender como se transportan os compostos químicos sintéticos e os seus efectos no ecosistema antárticos, “amosan que as achegas de materia orgánica antropoxénica son altas e que teñen un efecto no fitoplancto e as bacterias mariñas, poderían ter un grande impacto no paradigma actual do ciclo mariño do carbono e da perturbación antropoxénica deste ciclo”, explica Jordi Dachs, investigador do IDAEACSCIC e responsable da campaña. Estes coñecementos podería modificar os modelos actuais deste ciclo, clave para entender a regulación da temperatura da Terra e outras cuestións climáticas, ademais de permitir buscar ferramentas para reducir o impacto do ser humano sobre o planeta, cuestión de vital importancia no contextos actual de cambio climático global.


A docente e investigadora Cristina Sobrino

O traballo a bordo do Sarmiento de Gamboa día a día “A Universidade de Vigo encargarase de estudar o efecto dos contaminantes orgánicos sobre o fitoplancto, así como o papel deste na transformación destes contaminantes na columna de auga”, explica Cristina Sobrino en relación co traballo específico que desenvolverá o equipo da institución académica viguesa. Cada día, os equipos liderados por Sobrino, polos doutores Jordi Dachs e María Vila-Costa (IDAEA-CSIC) e por Begoña Jiménez (IQOG-CSIC) realizarán mostraxes de aire e auga, tanto da superficie, como de profundidade, así como de plancto, bacterias e outros microorganismos. As mostras recollidas serán enviadas a Vigo e Barcelona para o seu tratamento e análise, mentres as investigadoras e investigadores que participan na expedición estarán en contacto cos seus respectivos centros a través dunha conexión vía satélite reducida, que lle permitirá proporcionar información sobre o progreso da campaña a bordo do Sarmiento de Gamboa, no que tamén se realizarán numerosos experimentos sobre o efecto dos contaminantes nos microbiomas.

Antecedentes de colaboración no proxecto Malaspina Aínda que esta é a primeira vez que levarán a cabo un proxecto polar, a colaboración da UVigo co IDAEA-CSIC e máis concretamente co seu investigador principal Jordi Dachs remóntase ao proxecto Malaspina, no que se levou a cabo a única circunnavegación española recente. “Iso implicou a participación de moitos grupos de investigación de centros diferentes e algúns deles mantivemos a colaboración esta é a primeira vez que imos levar a cabo un proxecto polar”, explica Sobrino. Últimos preparativos a bordo do barco antes de zarpar de Vigo rumbo a Punta Arenas

cousas de 23


REPORTAXE

CAMELIA, A FLOR DE GALICIA

QUE CHEGOU DE ORIENTE

E C Carmen Salinero e Pilar Vela. Estación Fitopatolóxica Areeiro, Deputación de Pontevedra

ARREDOR DA CAMELIA HAI MOITO DESCOÑECEMENTO, PERO TAMÉN MOITO MISTERIO... Non sabemos exactamente cando chegou a camelia a Galicia, nin a España, nin tan sequera a Europa. Tampouco sabemos como viñeron ….pero chegar …. chegaron, desde Xapón, China, mesmo da Conchinchina. De feito, a orixe das primeiras camelias en Europa é aínda hoxe unha incógnita pola falta de documentos escritos que avalen a súa procedencia e momento de plantación. Por iso, ata o momento non podemos confirmalo, pero case con toda seguridade, ocorreu antes do século XVIII, de man de navegantes ou misioneiros. O que si sabemos ben certo é que, en Galicia, desde finais do século XVIII, as camelias estaban presentes nos xardíns das casas máis acomodadas e próximas ás familias reais e nobres, que sempre mostraron un especial interese por todo o que chegaba das INDIAS, fosen cales fosen esas INDIAS. Naqueles anos espertouse un interese polas cousas exóticas e raras, e non só obxectos de arte, cerámica ou mobles, senón tamén polas plantas descoñecidas, e mellor se tiñan as flores moi rechamantes, como era o caso das camelias. En ningún lugar de Europa había árbores con tanta cantidade de flores durante o inverno como as que viñan de oriente. Isto fixo que, durante o século XIX, raíñas, princesas e mulleres de familias nobres en xeral, lucisen as súas mellores galas adornadas con buqués de flores naturais que, nas datas invernais eran preferentemente camelias, como podemos ver nos cadros das raíñas e princesas da familia de Borbón dos Sicilias. A emperatriz Sissi foi unha gran defensora das camelias, que colocaba de maneira particular e moi propia, como brazalete na parte superior do seu brazo. Podemos afirmar que a camelia sempre foi imaxe de elegancia, e esta imaxe confirmouse cando, case un século despois, Coco Chanel elixiu unha camelia branca como símbolo da súa marca. 24 cousas de

Retrato da Emperatriz Sissi de Austria cun bouquet de camelias no seu antebrazo.

Retrato da raíña María Cristina de Borbón Dos Sicilias. Franz Xaver Winterhalter, París, 1841. Foi retratada co cabelo recollido e adornado cun tocado de camelias no seu lado esquerdo.


Xa en 1845, o botánico Miguel Colmeiro citaba as camelias, o que tamén confirmaba Emilia Pardo Bazán ao escribir en 1886 “as camelias crecen en Galicia por calquera parte”. Á dispersión desta planta, sobre todo na provincia de Pontevedra, contribuíu claramente a Escola Práctica de Agricultura da Caeira, creada pola Deputación de Pontevedra en 1872, que foi o primeiro establecemento galego que en 1880 publicou un catálogo do seu viveiro no que ofrecía á venda 139 variedades de camelias, e mesmo vendía a “planta do té”; aínda que só uns poucos dos cultivares eran de orixe galega, sendo a maioría portugueses, franceses ou belgas. O que nun principio era un privilexio das altas clases sociais, co paso dos anos foise popularizando e as camelias deron o salto a todos os parques, xardíns públicos e privados e mesmo pasaron a adornar as nosas rúas. Ademais, como son plantas que hibridan e modifícanse de maneira natural dan lugar a miles e miles de flores de diferente cor, tamaño ou forma convertendo aos cultivadores en verdadeiros coleccionistas, cun afán de posuír o maior número de rarezas e singularidades. Está claro que as condicións de clima e chan fixeron de Galicia, e en particular de Pontevedra, un lugar idóneo para as camelias, onde alcanzan un tamaño moito maior que nas súas zonas de orixe, converténdose en verdadeiras árbores, e non arbustos como se definen botánicamente estas plantas, e sumándose como un importantísimo activo ao patrimonio vexetal da nosa provincia.

Colleita de té en Pontevedra (EFA-DEPO)

Té producido na EFA (Deputación de Pontevedra)

cousas de 25


Camellia sasanqua Chôjiguruma (EFA-DEPO)

Cando os visitantes chegan aos xardíns galegos pasean entre exemplares de camelias singulares. Son plantas con máis de 100 anos que presentan un perfecto estado de conservación, unhas dimensións impresionantes e ademais, durante todo o inverno e primavera, cóbrense diariamente de miles de flores de cores e formas variadas. Realmente estas árbores constitúen un material cun enorme valor histórico e patrimonial do que só en Galicia se pode desfrutar. A partir da metade do século XX, a camelia fíxose tan abundante, e tal foi a súa adaptación á nosa terra, que conquistou a condición de “flor das Rías Baixas”. Un dos eventos que máis influíu na difusión e popularización do seu cultivo foi o Concurso Internacional da Camelia, cuxa primeira edición tivo lugar nos salóns da Deputación de Pontevedra en 1965, e desde entón celébrase alternando as cidades de Vigo, Pontevedra e Vilagarcía de Arousa, sendo a única exposición de camelias do mundo que se celebrou de maneira ininterrompida desde a súa orixe.

Primeira edición en Vigo do Concurso da Camelia organizado no salón rexio do Circulo Recreativo Mercantil en 1966.

Sobre conmemorativo do X Concurso da Camelia organizado en Vigo en 1972

Lote de camelias rosadas presentadas por dona Josefina del Rio de Fadrique gañador da camelia de ouro no I Concurso da Camelia organizado en Vigo en 1966 26 cousas de


En 2003 constitúese a Sociedade Española da Camelia, con sede en Pontevedra, co obxectivo de divulgar e promover a flor e a árbore da camelia a través de calquera acto ou medio de promoción, co compromiso de realizar actividades de investigación e desenvolvemento para a mellora tecnolóxica do cultivo e para a súa difusión. Esta sociedade proponse incluír centros de investigación, historiadores, afeccionados, coleccionistas, viveiristas, artistas, etc. En 2006, a Sociedade Española da Camelia rexistra as marcas “Camelia flor de Galicia”, “Flor de Camelia”, “Camelia de Galicia” e “Camelia Galicia” co seu logotipo identificativo. Pouco máis tarde, a camelia é recoñecida oficialmente como Flor de Galicia, cualificativo que anos antes proclamara Camilo José Cela. Así que, hoxe en día, a camelia é a protagonista en todos os nosos parques e xardíns, tanto públicos como privados, enchendo de cor, e nalgúns casos de recendo, os invernos e primaveras galegas. Camilo José Cela escribiu: “Veu da India, a China e o Xapón, pero atopouse tan a gusto entre nós que se converteu na flor insignia de Galicia, o meu país”. Cela mesmo apuntou o feito importantísimo de que: “En Galicia hai cidades que teñen camelias nas rúas, igual que noutros lados hai acacias e plátanos e palmeiras; é moi fermoso sentirse representado pola camelia”. Realmente esta é unha característica que se coñece a nivel mundial como paisaxismo urbano galego e é característico das nosas rúas.

Camelli nitidissima (EFA-DEPO)

Xardíns do Pazo de Oca

Un dos escritores que máis eloxiou a camelia galega foi Álvaro Cunqueiro, quen a describiu como a flor de Galicia. En 1965, durante a inauguración do 1er Concurso Internacional da Camelia deixou escrito que “Os galaicos naturais estamos a vacilar entre o castiñeiro, o carballo das seculares carballeiras, o bidueiro das chairas luguesas e o piñeiro ... Pero, o corazón é imprevisible e ten os seus grandes misterios e, como se probou na boa vila de Pontevedra, os galegos das Rías Baixas, os de Tui e os do val da Roseira, e outros con hortos recoletos en antigas cidades ou en parques de pazos dieciochescos, tiñan un amor oculto: a camelia. E eu pregúntome se vai ser esta nosa flor compañeira”.

cousas de 27


O método para obtención de aceite de camelia foi posto a punto pola EFA (Deputación de Pontevedra)

Pero, hai máis… da camelia todo é útil, e temos a posibilidade de rendibilizar aínda máis a súa presenza entre nós. A súa madeira, moi dura e de poro moi pechado, serve para todo tipo de transformacións. O aceite extraído da súa semente é de excelente calidade, moi similar na súa composición ao noso aceite de oliva, e recomendado nos países asiáticos polo alto contido en ácidos omega 3 e 6 e por tanto moi beneficioso para a saúde. A nivel cosmético, o ser un aceite de tipo seco, facilmente absorbido pola pel onde penetra ata as capas máis profundas, é utilizado na composición de cremas, xabóns e serúms polas mellores casas de cosmética mundiais. E non podemos esquecernos que o té, a segunda bebida mais consumida no mundo, despois da auga, procede dunha camelia. E non hai que dicir que, por suposto, crece marabillosamente en Galicia, onde xa comezamos a producir o noso té. Todos os tipos de té (branco, verde, negro, etc.) obtense exclusivamente a partir dos gromos e follas novas da especie Camellia sinensis. Impresionate camelio no Castelo de Soutomaior

28 cousas de


Pero a camelia tamén se gañou a súa fama fóra das nosas fronteiras e lonxe da súa área de orixe. Concretamente, a camelia branca constituíu o símbolo identificativo de liberdade en varios momentos históricos, como a abolición da escravitude en Brasil, o cristianismo en Xapón ou na loita polo sufraxio feminino. Se nos referimos a este último caso, durante 1893 Kate Sheppard, encabezaba en Nova Zelandia o grupo de sufraxistas femininas que logrou que se aprobase a Lei Electoral que deu a todas as mulleres do país o dereito para votar nas eleccións parlamentarias. Con esta lei, Nova Zelandia convertíase no primeiro país no mundo en dar ás mulleres a liberdade de votar. O movemento sufraxista usaba unha camelia branca como identificativo, así sabíase que, todos aqueles que a lucían na súa lapela, eran defensores dos dereitos da muller. Todos os parlamentarios que votaron a favor da inclusión do voto feminino na nova lei recibiron unha camelia branca, mentres que os contrarios ao voto feminino recibían unha camelia vermella. Este feito está recollido no rexistro de patrimonio documental da Memoria do Mundo da UNESCO e está representado no billete de 10 dólares Neocelandeses. E na súa memoria, existe unha camelia branca que leva o seu nome. Os nosos xardíns son lugares inesquecibles, románticos e singulares creados con esmero e dedicación, que hoxe están convertidos en auténticos paraísos onde a protagonista é, sen dúbida, a camelia. Hai que visitalos a miúdo e en distintas épocas do ano; sempre hai un lugar, unha zona, un curruncho que non coñecemos, ou loce diferente. A camelia, tal e como a coñecemos en Galicia, é un produto único que recolle valores emocionais e simbólicos da linguaxe oculta dos nosos xardíns, que coinciden coa imaxe de evocación, misterio, lenda, que ten o turista que vén visitar Galicia. Veu de oriente, pero quedou entre nós. J

Billetes de 10 dólares Neozelandeses onde se conmemora a figura de Kate Sheppard acompañada polas camelias brancas símbolo do 1er. sufraxio feminista.

Cartel en conmemoración do sufraxio feminino en Nova Zelandia.

Castelo de Soutomaior

cousas de 29


GALAICAS

AURELIA SOAGE “LELA” FUNDADORA DA PROTECTORA DE ANIMAIS DO MORRAZO E Por Óscar Rodríguez Martínez, da Asociación A Illa dos Ratos e Sonia Freire Pérez, que foi a coidadora de Lela Soage nos seus últimos anos de vida

“Unha adopción non é un regalo, é unha vida”

Aurelia Soage Pérez naceu en Tirán en 1941 e dende moi cativa amosou ter unha sensibilidade especial cos animais que non tiñan un fogar. De camiño á escola deixaba cacharriños de auga e comida e algunha caixiña valeira para que os gatiños abandonados se refuxiasen e comesen e polas noites, sen que o soubese a súa nai, deixaba aberta a ventá da súa habitación para que entrasen e non tiveran que pasar a noite ao frío.

Poderíamos pensar que esta muller acabaría exercendo como veterinaria pero a vida levouna por outros camiños. Casou, tivo un fillo, e aínda que seguía vivindo en Tirán, rexentaba un salón de peiteados na rúa do Sol de Cangas. Era feliz co seu traballo pero nunca deixou de adicar parte do seu tempo a súa paixón frustrada. Cando remataba o seu traballo collía o coche e ía na busca dos canciños que vagaban polas rúas para atender as súas necesidades. Incluso terminou acollendo algúns directamente na súa propia casa ata que o Concello de Moaña cedeulle unha antiga granxa en Broullón onde hoxe en día esta a Protectora de Animais do Morrazo. Remataba a década dos 80 do século pasado e Lela comezaba a súa gran aventura. Arrancou con moi poucos medios pero con moita vontade e implicación. De feito, nos inicios a situación era tan precaria que tivo que poñer cartos do seu propio bolsillo para sufragar gran parte dos gastos. O traballo diario era moi duro e non lle daban as horas así que moitas veces antepoñía a súa paixón sobre a súa casa e a súa propia familia. O aforo teórico da protectora rondaba as 60 prazas pero sempre estaba rebasado. As veces teñen coincidido alí máis de 150 cans pero Lela, unha persoa de gran corazón e moito carácter, a pesar de estar desbordada, era moi especial co tema das adopcións e non deixaba marchar un can da protectora sen indagar sobre as circunstancias nas que os interesados querían facerse co animal. A frase da entrada da protectora era unha declaración de intencións “Unha adopción non é un regalo, é unha vida” e para quedarse máis tranquila, despois de formalizar unha adopción, sempre se pasaba coa súa furgoneta polas casas dos adoptantes para comprobar que o animal tiña unhas condicións adecuadas. 30 cousas de


A escultura adicada aos animais abandonados, unha obra pioneira a nivel nacional Dende o ano 2010 existe en Moaña unha escultura adicada aos animais abandonados, un monumento pioneiro a nivel estatal. Lela participou de forma activa nas xestións para que o monumento fose unha realidade e no acto de inauguración dirixiuse aos presentes declarando: “este é un acto que debe servir para concienciar a xente de que o abandono tamén é un maltrato, e temos que conseguir acabar con estas prácticas porque os animais tamén teñen dereitos”. Un accidente doméstico foi o comezo do fin para esta gran muller Despois dunha vida adicada ao coidado dos animais, no ano 2014 Lela sufriu un accidente grave na súa casa e pasou a ser ela quen precisou axuda dos demáis. Por aqueles tempos xa estaba loitando contra unha enfermidade pulmonar, e tras ese accidente o seu estado de saúde agravouse e tivo que acostumbrarse e non ser tan activa e ficar máis na casa. Aínda así a súa coidadora Sonia Freire recorda que en canto mellorou un pouco pediulle as súas coidadoras que a achegasen na cadeira de rodas ata a protectora, que ela consideraba “un fillo máis”, para ver como iban as cousas. Os anos seguintes a súa saúde foi empeorando e quedou encamada, falecendo o 17 de agosto de 2019 sen recibir en vida o recoñecemento que seguramente se merecía.

A escultura adicada aos animais abandonados, unha obra pioneira a nivel nacional

Acto inaugural da escultura Foto de Gonzalo Núñez

cousas de 31


REPORTAXE

O BALNEARIO DE CALDELAS DE TUI NOS SÉCULOS XVIII E XIX AS AUGAS CALDAS SEMPRE ESTIVERON AÍ, A CARÓN DO RÍO MIÑO, E COA ROMANIZACIÓN, INICIADA HAI UNS DOUS MIL ANOS, ESTAS AUGAS QUENTES ACABARON POR POÑERLLE O NOME A ESTA PARROQUIA TUDENSE.

Rúa Baños, ao fondo a Casa de Augas e o Hotel.

E Xosé Ramón Paz Antón C Cortesía de Ana María Rodríguez No século XVIII a utilización terapéutica das augas minerais era moi popular e os reis Fernando VI e Carlos III promovían a construción de balnearios. En 1750, o capitán xeral de Galicia que era o francés Leopoldo de Riffart, Conde de Itre, pedía datos a médicos de Tui sobre as propiedades do manancial coa intención de viaxar coa súa esposa enferma de grandes doenzas reumáticas. Ese mesmo ano comezaba a recibir información o profesor de Medicina da USC Pedro Gómez de Bedoya y Paredes que inventariou a súa existencia na Historia Universal de las Aguas Minerales de España publicada en 1765. Sete anos despois anotaría sobre Caldelas na Descripción de 54 fuentes minerales del reyno de Galicia: “A orillas de dicho Rio nace una fuente sin pilón, cubierto, ni otra cosa que lo resguarde, que un pozo que han hecho cavando los necesitados. Su agua es poco menos que tibia, muy delgada, de gusto apacible, y color no el mas diáfano”. Sobre as súas propiedades indicaba a cura de toda dolencia habitual “pero son sus aguas de prodigiosa virtud en los reumatismos ardientes y fríos”. Crecía a sona estas augas nos territorios dos arredores e nalgún momento parece que se acometeu a primeira e rudimentaria infraestrutura termal de madeira cubrindo o pozo cun teito de palla que segundo se conta ardeu nalgunha ocasión. 32 cousas de

En 1816 se creaban polo Estado as Direcciones de Baños e no seguinte ano xa conta Caldelas cun médico director durante a tempada de baños.


Tomando as augas faleceu, en 1825, o que fora bispo de Tui Juan García Benito. Cinco anos despois chegaba o médico director Víctor González Esteban. Con el nace a documentación científica e estatística do manancial que se iniciaba coa “Memoria que yo leí en 1829 en Madrid y otra que remití poco después a la Junta Superior de Medicina sobre mejoras en Caldelas”. O manancial, situado a moi poucos metros do caudal do río, sufría anualmente as crecidas das augas que anegaban as ribeiras e esta circunstancia impedía a construción de estruturas estables de modo que se utilizaba a madeira, tanto no pozo como nas casetas das persoas enfermas, desmontándose as instalacións ata a tempada seguinte. A descrición que realizou o propio médico Víctor González Esteban achéganos información de como funcionaba a actividade termal nas primeiras décadas do século XIX: “El alojamiento pues de los enfermos se hacía exclusivamente hasta el año 1830, en que yo me encargué de este establecimiento, en unas barracas o casetas de madera muy mal construidas…. En el mismo sitio del manantial, formando unas calles, en cuyo centro se construía otra para cubrir el baño. Estas barracas que por su mala estructura dejaban penetrar el sol y el viento, y por su situación spbre la arena y sin ningún abrigo de ninguna clase, estaban expuestas a los rayos de aquel y al rocío abundante en este sitio de las noches, ofrecían un alojamiento muy incomodo y malsano; a lo que se agregaba tener que hacer lumbre en uno de los cuatro rincones de la barraca que no teniendo chimenea, se llenaban de humo, y hacían la estancia en ellas demasiado incomoda”. Durante a súa dirección Victor González Esteban fixo construír “otras barracas en un hermoso y frondoso bosquecillo de robles y castaños que hay a unos 190 pasos del rio, y fuera de los limites de las grandes avenidas. Estas barracas cuyo número sube en el dia a 24 están bastante bien construidas pues aunque son como las otras de tablas, tienen un zócalo de piedra de tres cuartas de altura, sus divisiones, con cocina aparte…” Este grupo de aloxamentos xa se situaba na zona onde máis adiante se crearán os establecementos de hospedaxe e, sen dúbida, establecíase unha clara diferencia social: “En estas barracas llamadas de arriba se acomodan los enfermos que pueden algo y los labradores y gentes mas pobre se alojan en las barracas que están alrededor del manantial y que se construyen todos los años al principio de la temporada”.

O manancial de Caldelas ao fondo, cuberto da estrutura de madeira desmontable que se instalaba cada inicio de tempada. (Fotografía do fondo do Balneario de Caldelas)

cousas de 33


A chegada do ferrocarril potenciou o turismo de balneario nos primeiros anos da década dos oitenta. (Fotografía do fondo do Balneario de Caldelas)

A Vicente González Esteban sucedeu na dirección o médico Joaquín Pastor Prieto quen asinaba en 1848 a Memoria de las Aguas minerales sulfurosas termales de Caldelas. Dez anos despois outro director, Juan José Costura y Pérez, escribía Disertación sobre un punto de hidrología médica y Monografía de las aguas y baños minero-medicinales de Caldelas. Por esa época comezaban a facerse subscricións populares para erguer a capela destinada ao culto da transeúnte poboación de persoas enfermas e acompañantes. En 1859 acadaba a praza por oposición o profesor de Medicina León Príncipe Gutiérrez quen viña dos Baños de Ledesma, en Salamanca, pasando a residir en Vigo. As súas “memorias históricas” (coñecemos as de 1860 a 1864) deixaron información interesante e detallada do balneario. Baixo a súa dirección prodúcense avances relevantes tanto na análise científica, no recoñecemento das augas mineromedicinais de utilidade pública (1867), e a introdución dos primeiros avances técnicos. Pero cabe destacar o seu carácter visionario que apunta fortalezas e debilidades para a expansión do balneario. Tres ideas eran as primordiais: a futura chegada do ferrocarril que traería unha nova clientela, o problema da estrutura das propiedades -tanto do manancial, en mans do señor Enríquez, como dos territorios ao seu redor- que impedía ou dificultaba o seu desenvolvemento e a necesidade dunha hospedería. León Príncipe describía os horarios e a actividade do balneario durante os tres meses de verán que ocupaban a tempada oficial: Dende o mencer ata ás 8 da mañá sacábase auga do pozo para as bañeiras das barracas, tanto as de enriba como as de abaixo; ás 8 entraban os homes no pozo onde recibían o baño durante 15 minutos e ao saír este grupo procedíase ao baleirado, á limpeza do pozo e a enchelo de novo (operación que tardaba unha media hora). Logo entraba o grupo das mulleres e despois o das persoas con afeccións na pel, os “llagados y pustulados”. Limpábase outra vez o pozo e pechábase ata as 11, momento en que se abría para outro proceso que era “beber el agua”. Ás 2 da tarde volvíase a sacar auga para os baños nas barracas, “que son pocos”, e ás 5 repetíase o proceso de baños da mañá na mesma orde –homes, limpeza, mulleres e “llagados”. Ademais extraíanse algunhas pipas ou bocois de auga que se levaban para tomar baños nalgunhas casas de Tui, dalgunha parroquia da contorna e incluso de Portugal. Nese período as augas de Caldelas eran basicamente utilizadas para as afeccións reumáticas e establecíase a comparativa en igualdade coas de Ledesma indicando tamén que “son mas eficaces que las de Caldas de Reyes y Cuntis” especialmente para reumáticos, feridas armas de fogo e ulceras antigas. Por citar dous nomes, tomaban as augas o político Eugenio Montero Rios, en 1875, e o embaixador en Lisboa Alejandro de Castro na seguinte tempada. Seguramente pasaron por algunha das dúas fondas que xa existían ou das casas que comezaban a alugarse. 34 cousas de


As predicións de León Príncipe van comezar a cumprirse a partir de 1880. Efectivamente chega o ferrocarril en 1881 coa construción da estación de Baños de Caldelas introducindo o turismo de balneario; comeza a instalación de fondas (“no solamente cómodas, sino lujosas”) como a de Enriquez e o Hotel Europa de Santoro, esta última iniciada en 1879 era propiedade dun italiano e da súa esposa inglesa. Estas fondas sumábanse ao establecemento do manancial en propiedade de Antonio Enriquez, ás casetas de enriba (duns seis propietarios) e de abaixo (de once ou doce propietarios). Por un motivo que ignoramos, en xullo de 1882 a prensa publicaba a venda xudicial do manancial e as dependencias do establecemento (casa do médico e fonda que supoñemos é a de Enriquez) atribuíndo a compra a García, pai do médico que estaba de director, se ben realmente foi adquirida por Antonio Oliver Rubio quen vai dar un forte impulso ás termas de Caldelas con diversas actuacións que culminan coa construción do Gran Hotel inaugurado en 1890. Cinco anos despois este establecemento dispoñía de estación telegráfica propia. Coñecemos os nomes dalgúns directores que actuaron na fin do século: os médicos Desiderio Varela Puga (1877), Miguel Mayoral y Medina (1880), César García Teresa (1882), Eduardo Méndez Tejo (1888) e A. L. (1897). Nas dúas décadas finais do XIX as cifras de persoas usuarias duplícanse, entre 1891-1893 a prensa indicaba que ”los trenes de Madrid llegan atestados” e os establecementos estaban totalmente ocupados. Eran frecuentes os bailes, a contratación de boas bandas de música e outras distraccións. Personalidades da administración, da aristocracia, do exército e dos negocios visitaban Caldelas de modo que en 1897 dicíase: “Puede asegurarse que durante el mes de agosto ha desfilado por aquí una parte muy escogida de la buena sociedad española”. Na estatística oficial referida aos anos 1890 e 1897, Caldelas figura no ranking de usuarios do termalismo galego por detrás de Mondariz e A Toxa. En 1900 falecía en Madrid o propietario do balneario, o ex xeneral carlista Antonio Oliver Rubio, continuando a súa familia a obra que el comezara. Abríase un novo século que ía explorar con máis forza os beneficios do termalismo e Caldelas de Tui continuaría especializándose no tratamento de problemas respiratorios, de dermatoloxía e do aparato locomotor. J

A chegada de Antonio Oliver Rubio a Caldelas dará un pulo importante ao desenvolvemento termal na localidade. Na imaxe familiar Oliver está á dereita. (Fotografía do fondo do Balneario de Caldelas)

O BALNEARIO DE CALDELAS EN CIFRAS (SÉCULO XIX) Ano

nº bañistas Obsevacións

1844 1859 1860 1861 1863 1883 1890 1897 1898

200 (diarios que toman 18 baños 410 376 (46 pobres, 320 acomodados) 398 (289 de Tui e Vigo, 201 por reumatismo) 450 (321 de Vigo e Tui, 95 Ponteareas e Redondela, 21 Portugal, 212 por reumatismo) 600 789 (86 pobres, 703 acomodados). (4º entre os balnearios galegos) 984 (3º entre os balnearios galegos) 958 (346 prov. Pontevedra, 138 Coruña, 118 Lugo, 60 Ourense, 93 Madrid, 36 Leon, 19 Salamanca, 16 Valladolid, 34 Cáceres, 99 Badajoz)

cousas de 35


REPORTAXE

ARAGONTA, UNHA RAIÑA GALEGA E C Marco Rivero Valcarcel NACIDA NO SEO DUNHA FAMILIA ARISTOCRÁTICA, ARAGONTA GONZÁLEZ ERA UNHA NOBRE GALEGA QUE, DURANTE UN BREVE PERIODO DE TEMPO, FOI RAIÑA CONSORTE DOS REINOS DE GALICIA E LEÓN. FUNDOU O MOSTEIRO DE SANTA MARÍA DE SALICETA EN SALCEDA DE CASELAS PARA RECLUIRSE NEL ATA O FINAL DOS SEUS DÍAS. Ordoño II, miniatura da Catedral de León

Sepulcro Ordoño II

(*)

Ordoño II foi rei de Galicia desde o ano 910 e de León desde o 914. O seu reinado durou ata a súa morte no ano 924 con 53 anos, estando marcado polas contínuas incursións militares contra os musulmáns, acadando o rei Ordoño nesa época o principal poder político e militar da Península Ibérica. Estivera casado en primeiras núpcias coa tudense Elvira Menéndez, filla do conde de Tui, Hermenegildo Gutiérrez e de Ermensenda Gatónez. No ano 921 finou a súa muller Elvira, e Ordoño volveu elexir a súa nova muller entre as nobres damas galegas e na mesma familia, casando con Aragonta González no ano 922. Aragonta González era filla do conde de Deza Gonzalo Betótez e da condesa Teresa Eriz, unha das familias mais influentes no século X en Galicia, ambos foron fundadores dos mosteiros de Carboeiro e Camanzo. Tanto seu pai como seu avó materno –Ero Fernández, conde de Lugo- eran íntimos colaboradores do rei Ordoño. É moi probable que Aragonta fose oriúnda tamén de Tui, ou ao menos criada en Tui, onde seus pais tiñan importantes propiedades. Desta forma pasou Aragonta, que había de ser bastante mais nova que el, a compartir co rei Ordoño II a gloria e o esplendor do trono leonés, pero pouco durou a felicidade, en menos dun ano, Aragonta foi repudiada polo seu esposo. Os historiadores non converxen nas causas do desafecto do rei Ordoño hacia Aragonta. Uns din que o motivo da separación foi por non gustarlle aquela muller, outros que foi por sospeitas que o rei tivo de Aragonta. Aínda así parece que ditos motivos non eran de suficiente entidade para anular o matrimonio, porque o rei arrepentido, fixo despois penitencia. 36 cousas de


A realeza, os nobres e os relixiosos, conformaban a élite social na Idade Media (*)

Pero, o verdadeiro motivo do repudio, con toda probabilidade foi político: O interese e a necesidade de establecer estreitos lazos co reino de Navarra. Ordoño tivera o apoio de Sancho Garcés, rei de Navarra, na batalla de Castromoros cun frutífero resultado, e para facer dita alianza permanente, que mellor que casar coa súa filla Sancha. Pero para poder casar tivo que primeiro desfacer o matrimonio con Aragonta. No ano 923 casou con Sancha de Navarra, pero de pouco proveito lle foi ese terceiro matrimonio, porque no camiño de regreso a León coa súa nova esposa, sorprendeulle a morte no camiño, e a León chegou somentes o cadáver do rei, para ser sepultado na catedral de León que el mesmo mandara edificar.

Incluso existe unha lenda portuguesa sobre a separación de Ordoño e a raíña Aragonta: Ordoño deixara o goberno do Castelo á Aragonta e tamén a algúns criados máis próximos, pero un día unha das súas criadas de confianza, díxolle que o rei fora envelenado e culpabilizaban a Aragonta da súa morte, e como castigo estaba ordenada a súa execución. Aragonta asustada, fuxiu cruzando o rio Miño para refuxiarse no Castelo das Furnas sito en Valença. O Rei Ordoño ao darse conta de que Aragonta fuxira, enfadouse e acompañado dos seus homes marchou en busca da raiña. O rei levantou cerco ao Castelo, para que Aragonta se rendese ao quedar sen alimentos. Pero dentro do Castelo a raíña sobrevivíu coa auga dunha fonte que saia dunha rocha. Tras quince días de asedio, unha aguia deixou caer unha troita no Castelo das Furnas. Aragonta, en lugar de comela, mandou a un dos seus criados que levase a troita ao rei. Cando o Rei viu a oferta da Raíña, pensou que estaba protexida por axuda divina e cedeu, perdoándoa e permitíndolle volver, pero a Raíña non quixo volver ao seu Castelo. Aínda hoxe a pequena chaira dentro dos restos que quedan do Castelo é coñecida como a Horta da Raíña e moita xente aínda di que dunha pedra brota sempre auga pura. Catedral de León

cousas de 37


Dona Aragonta, ao ser repudiada, retirouse a Galicia, elixindo o lugar de Saliceta, hoxe Salceda de Caselas preto de Tui. Nunhas terras que eran propiedade dos seus pais fundou un mosteiro suxeito ao de San Salvador de Celanova, que fixo edificar baixo a advocación de Santa María, e no que se encerrou con outras devotas damas galegas, que con ela quixeron tomar o hábito de relixiosas. O mosteiro foi dúplice, de monxas e frades.

O convento era unha opción de vida para unha parte das mulleres da Idade Media, sobre todo das que pertencian a unha clase social elevada

Despois de dotar adecuadamente con privilexios, doazóns, e prebendas ao seu lugar de retiro en Salceda, distribuíu o resto dos seus bens noutras obras pías. Pero no seu retiro, non so se adicou a rezar, tamén empregou parte do seu tempo en xestionar o seu patrimonio e da súa familia. A pesar do repudio, Aragonta mantivo unha especial estima e afecto hacia o seu defunto exmarido, nomeando nunha escritura a Ordoño como “meu señor e marido”. Incluso moitos anos despois do seu breve reinado consorte, e do falecemento do rei, nun documento de compraventa do ano 940 nomínase como “regina”, raíña. Tendo xa unha avanzade idade para aquela época -en torno aos 60 anos-, empregouse de cheo na piedade e devoción. Poucos anos despois, dona Aragonta caeu gravemente enferma. A raíña sentindo que se aproximaba o momento da súa morte, mandou chamar para seu consolo e conforte ao seu curmán San Rosendo que estaba no mosteiro de Celanova. As circunstancias da súa morte bordean os límites do milagroso: San Rosendo saíu de Celanova cara a Saliceta, pero na metade do camiño tivo unha revelación de Deus dicíndolle que Aragonta xa finara e que a súa alma ía en camiño do ceo acompañada de anxos, polo que o santo xa non seguiu o camiño e deu volta. A súa morte debeu acontencer cerca do ano 977.

San Rosendo anticipa a morte de Aragonta. Altorelevo no coro do mosteiro de Celanova, labrado no século XVIII (*)

38 cousas de


Despois do finamento de Dona Aragonta, a historia do mosteiro quedou nunha completa escuridade, as poucas referencias desde entón remítense a uns poucos documentos de cesión a favor do bispado de Tui. No ano 1156 o rei Alfonso VII incorpora o mosteiro de Salceda á diocese de Tui, anos mais tarde, en 1164, o rei Fernando II entrega ao mosteiro de Santa María de Oseira unhas salinas que pertencían ao mosteiro de Salceda. E no ano 1180 dáselle a puntilla, cando o rei Don Fernando II doou ao bispo de Tui varios bens e entre eles o Mosteiro de Salceda e todos os seus bens e dereitos co fin de que se vendesen na cidade de Tui para levantar alcázar e torre xunto ao pazo episcopal. A finais do século XV o mosteiro estaba en ruínas aínda que a igrexa abacial e o claustro parece que todavía se mantiñan suficientemente en pé para dar mostra do seu explendoroso pasado. Aínda hoxe a porta norte da igrexa parroquial de Santa María de Salceda, que foi edificada no ano 1767 onde estaban as ruínas do mosteiro, se chama Porta da Raíña, e preto de alí hai unas fincas que seguenlle chamando “do mosteiro” e “da raíña”. J

Un texto desa data di “es una pequeña ermita á tres leguas de la ciudad de Tuy arrimada á las ruinas de un gran Monesterio, que muestran haber sido muy grande, y ricamente labrado de sillería, pareciéndose aun la forma de la Iglesia antigua y del claustro y otras piezas”.

Porta da Raíña (*) Fotos correspondentes ao panel informativo fronte á igrexa.

cousas de 39


REPORTAXE

VIGO E OS CRISTIÁNS NOVOS QUÉ IMPORTANCIA TEN A PRESENZA EN VIGO DOS CRISTIÁN NOVOS NO SÉCULO XVI? NON É FÁCIL EVALUAR O IMPACTO DA CHEGADA DE FAMILIAS XUDEOCONVERSAS EN VIGO E A SÚA ÁREA AÍNDA MÁIS TENDO EN CONTA A SÚA MOBILIDADE, A OCULTACIÓN DAS SÚAS ORIXES OU A DISCRECIÓN DAS SÚAS ACCIÓNS. AÍNDA ASÍ CONTAMOS CON INDICIOS SUFICIENTES COMO PARA AFIRMAR QUE TIVERON UN FORTE PROTAGONISMO TANTO SOCIAL COMO ECONÓMICO NO SUR DE GALICIA.

Texto e mapas: Suso Vila, Dr. en Historia da Arte Fotos: Arquivo Ed. Basan

40 cousas de

Vigo resultaba un porto atractivo polas súas condicións naturais pero tamén polas vantaxes fiscais que permitirían un forte crecemento da vila no século XVI. Este crecemento foi debido á migración de conversos desde Portugal? Non deberíamos descartar este feito toda vez que este fenómeno o observamos tamén en Salvaterra, Tui, Baiona, Ribadavia ou Pontevedra. Non temos censos precisos para a época e menos para coñecer con certezas o peso das familias xudeoconversas nestas vilas. Temos iso sí algún balanzo subxetivo feito polos inquisidores a comezos do século XVII para Pontevedra estimando máis de 200 casas con orixe xudía. De dar por bó o dato estariamos a falar do 20% da poboación de Pontevedra, cifra extraordinaria pero que non tería que ficar demasiado afastado da realidade. En Ribadavia poderiamos falar dunhas cifras semellantes á luz das denuncias de Jerónimo Bautista de Mena sobre a comunidade xudeoconversa do Avia.


Qué oficios ocupaban os cristiáns novos en Vigo?

Vigo e o seu porto en 1597, destacando a capela de Nosa Señora do Castro (Leonardo Turriano, AGS-MPD-16-15)

O temor á Inquisición e á represión social obrigaría a moitos conversos a manter oficios que permitisen a mobilidade. Os mercaderes, tendeiros ou trapeiros serían ocupacións nas que se concentrarían un gran número de xudeoconversos. Isto unido a oficios ligados á recaudación, administración de rentas, finanzas ou préstamos. Os prateiros tamén serían numerosos en Vigo. Na década de 1560 na vila habería documentados 9 prateiros cuxa labor pasaba tanto pola realización de obxetos relixiosos como do ámbito privado sen esquecer que os prateiros podían facer labores financieras. Un dos oficios máis ligados aos xudíos de xeito tradicional sería a medicina. O Licenciado Saravia sería un dos máis respetados médicos do sur de Galicia no último tercio do século XVI. Residente en Vigo sería médico do cabido de Tui en 1586. A súa muller, Leonor Pereira Saravia sería denunciada polo Santo Oficio en 1609 acusada de certos ritos funerarios practicados na morte do seu marido que non coincidían cos ritos cristiáns. Outro médico sería o Licenciado Enrique acusado polas súas palabras de desprezo sobre eficacia salutífera das oracións das ánimas para un enfermo, na discusión o médico tiña golpeado ao testigo na boca. Vigo desde o mar en 1839 (George Vivian, BNP, Scenery of Portugal and Spain

Catedral de Tui

Coñecemos polos Estatutos de Limpeza de Sangue da Catedral de Tui, dun caso excepcional, a médica Leonor Pereira, tía de Antonia Saravia por parte da súa nai Gracia Pereira. Leonor fuxiría desde Vigo, coa súa irmá Beatriz Pereira que vivía en Baiona. Tiñan recollido toda a súa fortuna, calculada para Leonor en máis de 60.000 ducados e embarcado cara Francia e outras partes segundo as testemuñas. Esta fuxida debeu ter un carácter público por canto moitas persoas encamiñáronse a Vigo a despedirse dos que embarcaban, como Isabel Méndez, veciña de Tui que sería denunciada ao Santo Oficio en 1609 por “aviendola preguntado uno de los testigos que fueron a Vigo a despedirse de los que yban a Gorfu que para que yba aquella gente a tierra de judios, avia Respondido que mejor tierra era aquella donde se ganaba mas dinero en Rentas”.

cousas de 41


Vigo e a súa contorna en 1855 (Anónimo, Biblioteca Virtual de Defensa)

Preito no Arquivo do Reino de Galicia sobre a elección de procurador xeral en Vigo no ano 1607.

42 cousas de

Escribáns e abogados serían oficios tamén dominados polos cristián novos. En Vigo destacaba a presenza do abogado Francisco Coronel Fonseca, procedente de Salvaterra e casado con Brisenda da Costa filla do mercader Diego de Lisboa. Ademáis do proceso inquisitorial aberto contra el e toda a familia en 1609, o bacheler Coronel sería un dos protagonistas da tensión política en Vigo. Nas eleccións a procurador xeral en xaneiro de 1607 a victoria de Francisco Coronel sería contestada nos tribunais por Baltasar de Castro. A denuncia na Audiencia de Galicia sinalaba que “con su presencia y poder que tal tienen en la dicha villa que no fuese a votar a el durante toda la dicha eleccion poniendose en la villa y vasallos aziendo violencia y fuerza a los sus votos que no botasen en favor del dicho mi parte....”. O bacheler Coronel contaba co apoio dos principais poderes de Vigo como Joan de Arines ou Antonio de Romai, de aí as queixas de Baltasar de Castro de que as violencias e coaccións era feitas por xente rica e poderosa. É interesante ver como na denuncia non existe acusación ou ataque antixudío contra Francisco Coronel o que podería sinalar tolerancia cos cristián novos da vila aínda que non desbotaríamos que o mesmo Baltasar de Castro tamén fose xudeoconverso.


Qué prácticas ou rituais xudaicos mantiñan os sefarditas de Vigo? Non debemos pensar que todos aqueles con pasado xudío mantivesen a súa vella relixiosidade no secreto da vivenda. Moitos deles abandonarían os vencellos relixiosos e culturais sefarditas ao pasar varias xeracións tanto da expulsión de 1492 como do bautismo forzoso en Portugal no ano 1497. A integración era o camiño natural nestes casos pero algunhas familias mantiveron a súa identidade e conservaron unha serie de elementos do xudaísmo, aqueles que podían ser practicados con discreción na casa. Así nos procesos inquisitoriais vemos como o xexún nos días de festa (por exemplo o Iom Quipur ou o da raíña Esther), a retirada da grasa da carne ou gardar o sabbat (roupas limpas, non traballar, non cociñar, sabas e manteis renovados,...), eran as máis comúns pero podían agromar outras como relatamos no caso de Leonor Pereira Saravia con ritos funerarios, rezos e gardar o luto recibindo de parentes e amigos a comida. Pero tamén outros casos como castigar de diferentes xeitos imaxes de Cristo. A acusación contra Brisenda da Costa, a muller de Francisco Coronel Fonseca, baseábase na práctica de azotar un Cristo e os venres pola noite ter o lume apagado e botar as cinzas pola xanela. Azotar ou lavar crucifixos vai ser unha constante nas declaracións dos procesos inquisitoriais o que podería encerrar prácticas de carácter máxico, castigar simbólicamente a aquel que te fai dano, neste caso a través da imaxe católica de Cristo na cruz. Diferente sería o protagonizado polo tendeiro Manuel Vaz, alias o Mico. Segundo varias testemuñas o tendeiro cristián novo propinaba labazadas á imaxe de Nosa Señora do Castro. Seica que este curioso costume acontecía xa pola medianoite na capela, teoricamente pechada. Quen permitía pasar ao tendeiro era a filla da muller que gardaba a capela (ermitá), logo de entrar Manuel Vaz collía a imaxe da Virxe e se poñía como a falar e rifar coa talla relixiosa aínda que as testemuñas e a mesma ermitá non podían asegurar que fixera o das labazadas. Para a ermitá da capela do Castro, Manuel Vaz era un home de ben aínda que xudío. É interesante esta afirmación toda vez que amosaría a ausencia dun sentimento antixudío en Vigo onde importantes cristián novos ocuparían postos de poder económico e municipal. Tanto Manuel Vaz como a súa muller Gracia de Castro serían procesados e presos pola Inquisición en 1609. Os cargos acumulábanse contra eles e non só polas excursións nocturnas á capela de Nosa Señora do Castro. Contra eles as testemuñas falaban de que quitaban o sebo da carne, que non comían touciño, que nos sábados poñían tocas limpas e non traballaban pero sobre todo por ter dúas fillas menores sen bautizar. Menorah

cousas de 43


Sambenitos no Museo Diocesano de Tui. Únicos en Europa.

Como sinala Juan Juega Puig na súa tese sobre o comercio marítimo na Galicia dos século XVI e XVII, Vigo forxaba actividades precapitalistas. Non poderíamos vencellar a actividade económica viguesa co financiamento aportado polas familias xudeoconversas? Simón Pereira como alfolineiro do sal en Vigo era fillo do rico mercader Antonio Pereira, veciño de Pontevedra, que non só controlaba o sal en Galicia tamén desde a década de 1560 comerciaba con productos da ría de Vigo para a súa exportación a Bilbao ou Donostia. Igualmente unha personaxe como San Juan Núñez de Vitoria, trapeiro e rexedor de Vigo, en compañía de outro vigués Francisco Mogueimes, en 1608 facían tratos co irlandés Oliveros Artur para a venta dos seus productos embarcados no navío San Juan Bautista. San Juan Núñez e a súa muller Francisca Sánchez serían reconciliados polo Santo Oficio, e os seus sambenitos probablemente colgados en Santa María de Vigo. Mercaderes como Duarte da Costa tiñan xa nacido en Vigo e convertiríase nun dos principais axentes dos negocios vigueses. A súa segunda muller María Soares, xa viúva, marcharía a Porto e alí sería procesada pola Inquisición portuguesa en 1629.

Ría de Vigo en 1634 (Pedro Teixeira, BNV, Codez Miniatus 46, fol. 37v).

44 cousas de


A presenza xudeoconversa en Vigo foi importante e destacado o seu papel na economía da ría. A represión inquisitorial nas primeiras décadas do século XVII xunto coa crise política e económica faría que a visibilidade das familias cristián novas descendese. Aínda quedan moitos aspectos por descubrir desta comunidade no sur de Galicia pero é un camiño que se está abrindo para coñecer novos recunchos da nosa historia. J

Casa de Arines O principal elemento referencial da época, é o conxunto de dous edificios singulares coñecidos como Casa-Torre de Pazos Figueroa ou de Ceta e de Arines. Os dous inmobles, un do gótico tardío e o outro de estilo plateresco son evidencia do auxe urbano do final da etapa medieval. Pertenceron a unha poderosa familia nobre de Vigo. Estes dous edificios son os máis antigos da cidade e xunto coa Colexiata, os lados con soportais da praza da Constitución, a rúa Pereira de Castro na rúa Triunfo e a rúa Real foron declaradas monumentos histórico-artísticos en febreiro de 1946.

cousas de 45


GALICIA SOLIDARIA

SAN XEROME SEMENTA IGUALDADE DE OPORTUNIDADES PARA PERSOAS CON DIVERSIDADE INTELECTUAL E Judit Bernárdez C San Xerome Emiliani “Xente que quere cambiar o territorio para que todos teñan sitio”. Así define Feliciano Valcárcel Portela a labor da Asociación San Xerome Emiliani da Guarda. Feliciano é o xerente desta asociación que leva máis de corenta anos sendo un refuxio para as persoas con diversidade intelectual e as súas familias no Baixo Miño; un refuxio que nos últimos anos, aposta pola formación e o emprego verde inclusivo. Logo dos éxitos acadados con “Xe-Mente. As sementes da diversidade”, San Xerome atópase inmerso no seu segundo programa de emprego verde inclusivo: “Xe-Mente Innovación. Os brotes da diversidade”. Dous programas formativos nos que persoas desempregadas, con e sen diversidade intelectual, aprenden xuntas para especializarse en perfiles profesionais relacionados co medio natural. “E algo que viñamos xestando dende fai anos”, comenta o xerente da asociación, facendo referencia ao interese polas actividades verdes e ao compromiso co medio ambiente. 46 cousas de

Curso de plantas medicinais


O primeiro proxecto: “Xe-Mente. As sementes da diversidade”, naceu da necesidade de dar resposta á falta de capacitación das persoas con diversidade, da escaseza de oferta formativa variada e especializada para este colectivo e da carencia de iniciativas formativas inclusivas ás que se poden acceder, habitualmente segregadas para persoas con e sen diversidade. Foron un total de 10 obradoiros formativos nos que participaron 137 persoas residentes no Baixo Miño, en paro e con e sen diversidade intelectual. “Foi a primeira vez que se facía unha experiencia así no noso entorno”, recorda Feliciano Valcárcel sobre o proxecto desenvolvido por San Xerome en 2019. Comercialización de produtos de horta ecolóxica, ecodeseño de sementeiros e recipientes biodegradables para plantóns e envases de comercialización, especies arbóreas autóctonas e as súas sementes, fruticultura ecolóxica e as súas sementes ou plantas aromáticas e medicinais, foron algunhas das materias nas que se formaron, de maneira totalmente gratuíta, os participantes en “Xe-Mente. As sementes da diversidade”.

“Foi unha experiencia moi bonita e interesante para todos. Todos atoparon o seu espazo, creouse un ambiente de apoio mutuo e descubríronse como persoas”, recorda Feliciano Valcárcel, facendo fincapé na parte más social e humana do proxecto, aínda que tamén, na parte laboral, a actividade reportou boas novas para as dez persoas que atoparon traballo grazas a súa participación nestes cursos. “Creáronse dez empregos, seis deles de forma directa e outros catro a través do programa de FP Dual en Limpeza Ecolóxica, posto en marcha pola Asociación en 2019”, comentan dende San Xerome Emiliani.

cousas de 47


GALICIA SOLIDARIA Estes bos resultados fixeron que o proxecto tivera continuidade este ano cunha segunda edición chamada “Xe-Mente Innovación. Os brotes da diversidade”. Nesta ocasión estanse formando 65 persoas desempregadas do Baixo Miño en agricultura ecolóxica biointensiva. Esta consiste en cultivar no mínimo espazo posible e deixar que a propia terra se autorregule, sen intervención de produtos fitosanitarios. Ademais desta técnica de cultivo, os participantes tamén están formándose na innovadora figura do “guía de baños de bosque”, entre outras cousas. Polo memento xa son tres as persoas que conseguiron emprego grazas a estas actividades formativas, e dende a organización contan con acadar outros dous empregos máis ata que remate o proxecto, en xaneiro de 2021. A Asociación San Xerome Emiliani é unha das tres patas que suxeitan este proxecto, mais, para poder levar a cabo “Xe-Mente. As sementes da diversidade” e “Xe-Mente Innovación. Os brotes da diversidade”, a asociación tamén contou co apoio da Fundación Biodiversidad, dependente do Ministerio para a Transición Ecolóxica, que cofinancia o proxecto con fondos sociais europeos, a través do Programa Empleaverde 2019, e da empresa de enxeñeira e servizos electromecánicos industriais Teiga Tmi S.L., que colabora con medios técnicos e financeiros. Grazas a todos eles, persoas con e sen diversidade intelectual do Baixo Miño, amplían as súas capacidades profesionais verdes e tamén as posibilidades de atopar traballo, ademais de construír vínculos entre estes dous colectivos que adoitan camiñar en liñas paralelas. “Este espazo-tempo de traballo e ensino-aprendizaxe conxunto, serviu para xerar os primeiros e fundamentais eslavóns dunha ambiciosa cadea de plena inclusión socio-laboral das persoas con diversidade, obxectivo e meta do traballo diario de San Xerome”, valoran dende a Asociación. J

48 cousas de

Guía de baños de bosque

Agricultura ecolóxica biointensiva


“O noso traballo é apoialos para que teñan autonomía persoal, acceso ao emprego e poidan cumprir os seus soños”, explica Feliciano Valcárcel sobre os obxectivos de San Xerome Emiliani. Para elo, teñen un centro de educación, un centro de adultos y un centro de emprego que, en total superan os 120 usuarios. “A nosa aportación é humilde, pero imprescindible”, destaca o xerente desta asociación que leva dous anos cultivando as sementes da igualdade de oportunidades para persoas con diversidade intelectual no Baixo Miño.

cousas de 49


REPORTAXE

O LAZARETO DE SAN SIMÓN E C Silvia Cernadas, Historiadora e Guía en Turismo de Historias HAI CEN ANOS, A ILLA DE SAN SIMÓN ERA UN LUGAR DE REFERENCIA ONDE FACÍAN CORENTENA AS EMBARCACIÓNS PROCEDENTES DO ESTRANXEIRO, CO OBXECTIVO DE EVITAR A ENTRADA DE ENFERMIDADES INFECCIOSAS. AQUELA ÉPOCA EN QUE AS EPIDEMIAS SÓ SE PODÍAN CONTER PORQUE NON HABÍA CURA, ESTÁ HOXE MÁIS CA NUNCA DE ACTUALIDADE.

A illa de San Simón sitúase ao fondo da ría de Vigo, na enseada que leva o seu nome. En realidade, é un arquipélago con dúas illas principais –San Simón e San Antón– e dous illotes. Entre 1842 e 1927 funcionou como lazareto marítimo. Os barcos que viñan de portos exteriores debían someterse aquí a controis sanitarios co fin de protexer ás poboacións das cidades portuarias de posibles contaxios. Os lazaretos marítimos proliferaron durante o século XIX, mentres medraba o tráfico intercontinental de persoas e mercadorías e enfermidades ata entón descoñecidas, como o cólera, a febre amarela ou a gripe de 1918, facían estragos nos portos de acollida. Hai que pensar, tamén, nas pésimas condicións hixiénicas en que se producían esas viaxes e nas limitacións que tiña a medicina da época. Un lazareto en San Simón Nos anos 1833-34, España é asolada por unha epidemia de cólera que comeza en Vigo. Naquel momento, en España só existía o lazareto de Mahón (Menorca), saturado e moi afastado do Atlántico, polo que se facía preciso instalar un lazareto marítimo no norte peninsular. Preséntanse varias propostas, pero a pugna final foi entre as cidades de Vigo, con San Simón, e Pontevedra, que suxería a illa de Tambo. En 1838 elíxese San Simón, que pasa a controlar a entrada de todas as embarcacións con destino aos portos do norte de España. Esta inspección sanitaria era obrigatoria, polo que milleiros de barcos tiveron que fondear na enseada e iso supuxo un pulo económico fundamental para o porto de Vigo e a súa ría, sendo unha das principais causas do despegue demográfico e industrial da cidade olívica. Nos doce primeiros anos de actividade do lazareto (1842-1854), aténdense 2.439 buques, preto de 46.000 persoas e rexístranse 82 mortes. Ademais, había postos avanzados en Vigo e nas illas Cíes. E, só en San Simón, chegan a traballar case un centenar de persoas entre sanitarios, mariñeiros e persoal de servizo baixo o mando do alcaide, quen debía vivir obrigatoriamente na illa. 50 cousas de

Lazareto ou leprosaría? Un lazareto é un establecemento sanitario para illar ás persoas infectadas ou sospeitosas de calquera enfermidade contaxiosa, mentres que unha leprosaría é un tipo de lazareto para doentes de lepra. O termo ‘lazareto’ ten orixe medieval, cando a lepra comeza a ser coñecida como o mal de San Lázaro. Non obstante, en San Simón non houbo leprosos, así que só podemos falar de lazareto.

O persoal do lazareto na revista Vida Gallega. Arriba, o médico e o alcaide xunto a dúas monxas, que prestaban auxilio tanto sanitario como espiritual. Abaixo, o capelán, o alcaide, o secretario e outras dúas irmás da caridade.


Os promotores Os primeiros pasos do lazareto son obra do médico Nicolás Taboada Leal (1798-1883), pero sen a financiación do empresario Norberto Velázquez Moreno (17681852) non tería sido posible. Para este comerciante de procedencia rioxana foi unha excelente inversión, posto que se reservou, en exclusiva durante unha década, o dereito de avituallamento do lazareto. Nicolás Taboada Leal e Norberto Velázquez Moreno A construción do proxecto Converter San Simón nun lazareto foi un custoso proxecto de enxeñaría que mudou totalmente a fisionomía da illa. Gran parte do que vemos hoxe procede da etapa do lazareto, que se inaugura en 1842 cando finaliza o groso das obras. Constrúense edificios, infraestruturas portuarias, canalizacións, camiños e incluso a ponte que une a illa de San Simón coa de San Antón, ata ese momento separadas. O arquitecto principal, o monfortino Alejo Andrade Yáñez, deseña esta ponte para conectar, e ao mesmo tempo illar mediante un dobre sistema de portalóns, o que será o lazareto sucio do lazareto limpo. Nas décadas seguintes as obras continuarán, destacando a posta en marcha dunha das primeiras liñas telegráficas submarinas de Europa. Nas imaxes decimonónicas chama a atención a falta de vexetación en comparación coa situación actual, pero o certo é que o parque botánico de San Simón tamén se orixina no XIX. Plántanse árbores exóticas e axardínanse diversos espazos como o emblemático paseo dos buxos. Igualmente centenarios os eucaliptos da illa de San Antón, que serían introducidos con fins terapéuticos e para purificar o ambiente.

Paseo dos buxos, incluído no catálogo de Árbores Senlleiras de Galicia.

Gravado do lazareto de San Simón. La Ilustración Española y Americana (1884)

cousas de 51


O lazareto sucio e o lazareto limpo Cando chegaban a San Simón, as persoas eran divididas en tres grupos: os doentes incurables e contaxiosos, os doentes recuperables ou sospeitosos e os que non estaban enfermos. Os primeiros ían a parar ao lazareto sucio, que estaba na illa de San Antón. Os segundos tiñan un hospital propio na zona do lazareto limpo, que era a illa de San Simón. E o resto eran aloxados segundo a categoría da súa pasaxe nos edificios que había para tal fin no lazareto limpo á espera de que, unha vez pasada a corentena sen síntomas, puidesen continuar viaxe. Foi necesario, por tanto, especializar os espazos segundo criterios sanitarios e económicos. A existencia de dúas illas facilitou a diferenciación entre lazareto sucio e lazareto limpo e, neste último, existían residencias específicas para os pasaxeiros de primeira, segunda e terceira clase. No lazareto sucio había un hospital, un cemiterio, construcións para almacenar e desinfectar as equipaxes e unha residencia para o persoal sanitario, todo pechado por un muro perimetral. Tamén contaba con tres peiraos que, xunto cos outros tres que tiña o lazareto limpo, buscaban axilizar ao máximo as entradas e as saídas. No lazareto limpo o réxime era máis aberto e estaban a maior parte dos servizos: capela, fonda, lavadoiros, casa do garda, central eléctrica, etc. Fotografía de San Simón co peirao das monxas do lazareto sucio. O nome alude ás relixiosas que viñan a traballar a diario desde Redondela.

A ponte que unía o lazareto sucio e o limpo cos portalóns de acceso vistos desde San Antón arredor de 1920. Museo de Artes y Costumbres Populares de Sevilla. 52 cousas de


Sabes que son estes obxectos? Estas fotografías do museo Wellcome Collection mostran aparatos utilizados nun lazareto veneciano para a desinfección de roupa (fotos A e C), cartas e papeis (B) e outros obxectos como moedas (C). En San Simón facíanlle perforacións ás cartas para inxectarlles desinfectante, aínda que tamén se usaban os chorros de vapor e as fumigacións. Precisamente, a República de Venecia foi o primeiro estado en dotarse dun lazareto permanente e en aplicar unha regulación sanitaria ao respecto a comezos do s.XV.

A

O principio da fin A epidemia de cólera de 1853-56 colocou ao lazareto de San Simón no punto de mira. Os seus detractores víano como un foco de infección e finalmente conseguiron que tamén se instalase un lazareto na illa de Tambo, aínda que só funcionou entre 1865 e 1879. A partir de finais de século, os avances que se experimentan no tratamento das enfermidades contaxiosas fan que os lazaretos vaian quedando obsoletos. Ante a falta de actividade, o de San Simón pasa a ser un lugar de repouso e lecer ata o seu desmantelamento en 1927 despois de 85 anos de servizo. J

B

C

TURISM O

cousas de 53


DEPORTES

OS BIRLOS CELTAS ABRANGUEN PAIXÓN A ESCALA INTERCONTINENTAL E Álvaro A. Peralta C Federación galega de Bolos Celtas

Falar de birlos no suroeste de Galicia é tratar cunha das tradicións lúdico-deportivas con máis fonda raizame entre as concas do Miño e do Miñor. Coa Serra da Groba como gran louza furada de bolos, este deporte medrou nas reunións socias dos devanceiros nos derradeiros tres séculos. Viaxou polo mundo en diante, levando a especialidade coñecida como Bolos Celtas ou Val Miñor. Co tempo ficou en torneos e campionatos federados que xuntan seareiros en todo o territorio galaico. Súmase a paixón compartida no norte portugués e nas terras asturianas. E por mor da emigración levántase campos desta disciplina nas beiras do Río da Prata así como en Madrid. No vindeiro ano o mundo dos birlos terá a súa maior gala deportiva: o IX Campionato Intercontinental. Baixo o abeiro da Federación Galega de Bolos e a Federación Española de Bolos, os grandes xogadores e xogadoras dos birlos reuniranse nos campos galegos para ledicia dos seus seareiros. Este campionato tiña prevista a súa celebración durante os días 18 ao 30 de xuño de 2020 pero debido á pandemia mundial foi suspendido no mes de marzo. Unha vez levantado provisionalmente o confinamento e disputado parte do calendario rexional e estatal celebrado no mes de setembro, a xunta directiva da Federación Galega comezou a traballar para retomar a organización do campionato no ano 2021. Así comezaron os contactos cos centros galegos en Arxentina e Uruguai, a Federación Madrileña e a Asociación de Bolos Celtas Asturiana e por segunda vez cunha selección do norte de Portugal concretamente da zona de Bragança, distrito no que se practica unha modalidade de xogo de birlos similar. Paralelamente se pretende organizar por primeira vez un torneo intercontinental feminino para xogadoras das mesmas federacións e centros que participan no tradicional torneo masculino. En principio o certame está previsto para a segunda quincena do mes de xuño de 2021. As sedes das partidas repartiranse entre os campos dos concellos do Val Miñor (Baiona, Gondomar e Nigrán) e os da comarca da Mariña Occidental de Lugo, no concello de Xove. Nesta ocasión o comité organizador estará baixo responsabilidade da Federación Galega de Bolos representada pola súa xunta directiva que preside Isidro Costas Piñeiro. Colaborarán coa organización a Federación Española de Bolos; Consello Superior de Deportes; a Xunta de Galicia; as deputacións provinciais de Lugo e Pontevedra; así como os concellos que albergarán as sedes das partidas: Gondomar, Baiona, Nigrán e Xove . 54 cousas de


José “Pepe” Rodríguez Domínguez: record mundial dos Birlos Celtas José Rodríguez Domínguez, nado en Gondomar o 11 de agosto de 1957, é xogador, dirixente e historiador dos birlos celtas. O seu palmarés nas distintas categorías da disciplina abrangue 12 títulos galegos, 9 españois e 7 intercontinentais dende o ano 1991. É o único deportista español dos birlos con participacións nos oito torneos intercontinentais celebrados até de agora, integrando tanto equipos da Federación Galega como da Federación Española. A súa presenza nos vindeiros xogos intercontinentais elevará as súas participacións a nove consecutivas, o que deixa un precedente dificil de superar.

(Arquivo privado de José Rodríguez Domínguez) Os campos de birlos de Lugo e Pontevedra serán as sedes do torneo.

IX Campionato Intercontinental de Birlos Celtas Participantes: Selección Española de Bolos, Equipos da Federación Galega de Bolos, Selección da Asociación de Bolo Celta de Asturias; Selección de bolos de Bragança (Portugal), Selección Madrileña de Bolos, Centro Social e Deportivo de bolos Val Miñor de Montevideo (Uruguai); e de Arxentina o Centro Social de bolos Val Miñor de Bos Aires; Centro Galicia de Bos Aires e Centro Cangas de Narcea de Bos Aires. Este xogo ten na comarca do Val Miñor o seu pulo histórico en Galicia, concentrando o 70% dos xogadores con ficha na Federación Galega de Bolos

cousas de 55


Xilografía de birlos sobre céspede do século XVI (Rogert Hart - Dominio Público - Wikimedia - Commons)

A paixón polos birlos vén de lonxe No Boletín Nº VI do Instituto de Estudios Vigueses publicado no ano 2000 atópase a investigación histórica “Os xogos de birlos no suroeste de Galicia”, escrita por Fernando Javier Costas Goberna e José Rodríguez Domínguez. Extraemos dela unha serie de anécdotas que amosan que a paixón polos birlos vén de lonxe...

-Birlos para derrotar “o mal” e “o demo” nas igrexas alemás.

Nos ritos teutóns do século III d.C. os fieis cun so birlo “debían derrubalo a unha distancia determinada como sinal de inocencia e virtude (kegels). A popularidade alcanzada por este xogo forzou a sacalo fóra do interior da igrexa”.

-Prohibicións dos birlos na Idade Media. No século XI Felipe V “O Largo” ditou unha ordenanza prohibindo aos seus soldados xogar aos birlos, tan populares, e substituílos polo tiro con arco. Co mesmo obxectivo de disciplinar á tropa, Eduardo III de Inglaterra puxo pena de morte para quen os xogara.

- O pirata Drake e a súa paixón polos birlos. ”Este xogo gozou dunha grande popularidade en Europa e basta citar como anécdota relacionada con este xogo o feito atribuído a Francis Drake en 1588, que cando se aproximaba a armada española, el estaba a xogar unha partida de birlos en Plymouth, e cando avisárono do perigo, el dixo que primeiro acabaría de xogala partida e despois ocuparíase dos españois”. E o fixo, pois trala partida derrotou á Armada Invencible capitaneada polo duque de Medina Sidonia.

-Apostas nos birlos galegos. No suroeste de Galicia xogábanse partidas para xuntar cartos para festas. Mais tamén nelas apostábase “algún carneiro, ou algún año aínda que tamén coñecemos algunhas apostas excepcionais como as de algún becerro e tamén nos comentaron como se chegou a apostar nalgunha ocasión algún burro fariñeiro”. 56 cousas de


Consolídase a presenza feminina nos torneos federados de birlos A presenza da muller nos xogos federados de birlos obterá un merecido recoñecemento coa inclusión desta categoría no vindeiro IX Campionato Intercontinental. Na imaxe vemos as deportistas finalistas no Campionato de España 2019, na boleira de Camos (Nigrán). De esquerda a dereita: BLANCA LAGO do club Estivada de Baiona (campioa) JULIA LOPEZ do club Xove de Lugo (2ª) PAULA LOPEZ do club Portamean de Baiona (3ª). SANDRA SUAREZ do club Villatresmil de Tineo, Asturias (4ª). (Foto arquivo da Federación Galega de Bolos)

A práctica dos birlos en Galicia abrangue todas as idades. Sendo as novas xeracións a mellor proba que este deporte segue vixente coa participación nas categorías inferiores. (Foto arquivo da Federación Galega de Bolos).

cousas de 57


OCIO O CSIC EXPÓN NO MUSEO DE PONTEVEDRA A MOSTRA ITINERANTE DO INCIPIT

“CINCO VIDAS, UNHA HISTORIA” A exposición itinerante “Cinco vidas, unha historia. A metalurxia do Bronce Final na colección arqueolóxica dá Universidade de Santiago de Compostela”, promovida polo Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) a través do Instituto de Ciencias do Patrimonio ( Incipit) pódese visitar ata o 2 de febreiro no Museo de Pontevedra (edificio Sarmiento. A exposición ofrece unha aproximación á metalurgia da Idade do Bronce Final (c. 1300-850 a. C.) na fachada atlántica europea. Conta con 22 pezas metálicas, na súa maioría machadas de bronce, en cuxos traballos de investigación e restauración participaron un equipo de expertos dirixido por Xosé-Lois Armada, investigador Ramón e Cajal do Incipit e comisario da exposición. Os obxectos pertencen a antigas coleccións arqueolóxicas de Santiago da Iglesia, Federico Maciñeira e José Viqueira Barrio, que foron doadas á Universidade de Santiago de Compostela (USC) entre os anos 1927 e 1948 e que na actualidade forman parte da colección arqueolóxica da USC. Cabe destacar tamén a presenza dunha punta de lanza de gran tamaño, achada na parroquia de Deixebre (Oroso) e que conta con paralelos, pezas de similares características, elaborados en Irlanda.

Para a ocasión creáronse ademais modelos 3D, que permitirán unha detallada visualización de parte das pezas en computadores e dispositivos móbiles. Tras a súa elaboración e uso fai uns 3.000 anos, os obxectos que se exhiben nesta mostra foron retirados da circulación e enterrados, formando acumulacións de metal, un fenómeno que abarca amplas áreas do continente europeo e cuxo significado aínda constitúe unha incógnita. De feito, as pezas foron recuperadas a finais do século XIX, a miúdo durante labores agrícolas e de forma casual. No caso concreto de Galicia, acháronse en diversos lugares das provincias da Coruña, Ourense e Lugo, concretamente nos termos municipais de Ortigueira, As Pontes, Verín ou Vilalba, entre outros. Finalmente, foron parar a mans de coleccionistas eruditos que, ao final das súas vidas, decidiron doar as súas coleccións á universidade, onde seguen sendo estudadas e hoxe forman parte do seu acervo patrimonial.

Na actualidade, as investigacións lideradas desde o Incipit permitiron reconstruír esta apaixonante historia e mostran que, tres milenios despois, estes obxectos teñen aínda moito que contarnos. 58 cousas de


OCIO /LIBROS Otoño

Heimat. Lejos de mi hogar

Ali Smith Editorial Nórdica Finalista del Man Booker Prize

Nora Krug Editorial Salamandra

Esta novela, ambientada despois do referendo do Brexit, dános a entender que a sociedade que describía Dickens non desapareceu, senón que se transformou en algo peor, vítima da decadencia moral e política. Ali Smith escribe con humor e delicadeza, moi preto dos seus personaxes. O eloxio da amizade continuada e as relacións de afecto son máis relevantes co transfondo deste declive ideolóxico actual.

Manuel Chaves Nogales: Obra completa Manuel Chaves Nogales Editorial Libros del Asteroide

Nora Krug decidiu que nunca sabería quen era se non se enfrontaba ao seu lugar de procedencia. En Heimat, a autora documenta esta viaxe a través das vidas dos membros da súa familia durante o réxime nazi e a representación visual do seu regreso a un país aínda marcado pola guerra. Belamente ilustrada e moi emotiva, Heimat é unha poderosa meditación sobre a procura da identidade cultural e o significado da historia e a patria.

Un señor elegante Suso de Toro Editorial Xerais

Composta por cinco volumes, a presente edición reúne por primeira todos os escritos literarios e xornalísticos asinados por Chaves Nogales. A súa procura da verdade por encima de calquera ideoloxía fixo del unha voz incómoda nunha España dividida e nunha Europa presa dos totalitarismos.

A familia Baltar atesoura un sorprendente patrimonio cultural e humano. Atraído polo insólito perfil dalgún dos seus membros, o escritor Suso de Toro realiza unha indagación para reconstruír a historia da familia. O autor ofrécenos unha novela abraiante, que aglutina unha síntese persoal de novela río, histórica, psicolóxica e novela de ideas.

Feliz idade

Descubre la arquitectura

Olga Novo Editorial Kalandraka

Cómo se hace un museo Ondřej Chrobák e Martin Vaněk

A poeta foi galardoada co Premio Nacional de Poesía 2020 por esta obra. O xurado destacou que “a voz poética de Olga Novo, inconfundible e de gran potencia, conxuga autenticidade e verdade, e distínguese pola súa linguaxe visionaria que trae á contemporaneidade o eco ancestral de toda unha tradición literaria”.

Un álbum marabilloso que convida a maiores e pequenos a coñecer o mundo dos museos e as galerías de arte. Despois de lelo, os rapaces deixarán de ver os museos como lugares serios e de maiores e comezarán a percibilos como lugares onde poden experimentar encontros inesperados e descubrir historias impresionantes.

cousas de 59


AXENDA

CANGAS

SALCEDA DE CASELAS PROGRAMACIÓN NADAL DECEMBRO Días 21 a 24.- Pequeno Circo de Nadal Días 26 e 27 .-Tren de Nadal. Saídas dende a Praza do Concello A partis das 16.00h Cociña infantil de Nadal. Auditorio Municipal Día 31 .- Visita do Apalpador. 19:00.

PROGRAMACIÓN INFANTIL DE NADAL NO AUDITORIO CINE PROGRAMACIÓN INFANTIL DE NADAL 2020 Sábado 26 de decembro ás 18:00 horas CINE O NADAL DO HOME RAMA E A VASOIRA VOADORA Mércores Sábado 30 de decembro ás 18:00 horashoras 26 de decembro ás 18:00 AS VIDAS DE MARONA O NADAL DO HOME RAMA E A VASOIRA VOADORA TEATRO Sábado 2Mércores de xaneiro horas 30 ás de 18:00 decembro ás 18:00 horas NINGURES PRODUCCIÓNS presenta: O OGROCHO

XANEIRO Día 3.-Os Bolechas. Carta Urxente aos Reis Magos. Espectáculo infantil. Auditorio Municipal. 18:00 ADEMAIS: Exposición de Pintura “Voa con nós” de usuari@s de Asociación Avelaíña Saúde Mental. Casa da Cultura Castelao. Dende o 18 de decembro.

AS VIDAS DE MARONA TEATRO

TUI

Sábado 2 de xaneiro ás 18:00 horas NINGURES PRODUCCIÓNS presenta: O OGROCHO

REDONDELA

As rúas e prazas do centro urbano será o escenario da actividade de animación programada polo Concello dentro da programación “Tui, o Camiño do Nadal”

DECEMBRO Sábado 26 •12:30h Grupo de gaitas Seixos Albos de Areas •18:30h Banda de Gaitas Arume de Malvas •19:30h Banda de Gaitas Arume de Malvas Domingo 27 • 12:30 h Alumnado da Escola de Gaitas e Percusión A Insua de Caldelas • 13.15 h Grupo de Gaitas San Fins de Rebordáns • 18:30 h Grupo de gaitas Xuntanza de Randufe • 19:30h Grupo de gaitas Xuntanza de Randufe Luns 28 •17:30 h ASACOCIRCO “Con FRAC” •18:30 h Banda de Música Popular Tui Xs Martes 29 • 17:30 h Barafunda “Alicornos” • 18:30 h Banda de Música Popular Tui Xs Mércores 30 • 17:30 h Troula “ Carteiro Branco Real” • 18:30 h Charanga Cantos Somos

60 cousas de

DECEMBRO Auditorio da Xunqueira Día 26.- Alejo Amoedo e Loli Crespo, 20:00h Día 27.- Paco Nogueiras: Extra!, 18:00h Día 28 .- Carapuchiña Vermella, de Educateatro, 17:00 e 19:00h Día 29.- Os Bolechas, Carta Urxente aos Reis Magos de Oriente, 18:00h XANEIRO Auditorio da Xunqueira Día 2.- Orquestra de Saxos de Redondela, 18:00h Día 3.- Uxía Lambona e a Banda Molona, 18:00h Día 4.- A Galiña Azul, de Tanxarina, 18:00h Día 9.- Pillabands en Concerto, 20:00h


NIGRÁN

DECEMBRO SÁBADO 26 17,00h.-Teatro Do Ar.’Edificio 40’ O torreiro de Priegue. 17,00h.- Contacontos. Un Nadal para contar. Auditorio Municipal. DOMINGO 27 17,00h.-Teatro Do Ar.’Edificio 40’ C.C. Parada do Miñor. 17,00h.-Rey Midas. C.C. A Camoesa 17,00h.-Contacontos. Un Nadal para contar. A.V. Chandebrito LUNS 28 17,00h.-Paiaso Popín. A.V.Chandebrito 17,00h.-O Rey Midas. Torreiro de Priegue. 17,00h.-Contacontos. Un Nadal para contar. C.C.A Camoesa MARTES 29 17,00h.-Rey Midas. Parque de A Feira (A Ramallosa) 17,00h.-Contacontos. Un Nadal para contar. C.C. Parada do Miñor MÉRCORES 30 17,00h.-Rey Midas. Auditorio Municipal 17,00h.-Contacontos. Un Nadal para contar.A.V. Panxón 19,00h.- Concerto de Backup Souls. Praza do Concello XANEIRO SÁBADO 2 17,00h.-Teatro Do Ar. Contos para nenos modernos. Parque de A Feira (A Ramallosa) DOMINGO 3 17,00h.-Teatro Do Ar. Contos para nenos modernos. Paseo Marítimo de Panxón LUNS 4 17,00h..- Peter Punk. Praza Rosalía de Castro

A GUARDA

DECEMBRO SÁBADO 26 DE DECEMBRO Espectáculo infantil “Zona en obras” de Brais das Hortas. No Centro Cultural ás 17:30 horas. (inscrición previa)

XANEIRO SÁBADO 2 DE XANEIRO Teatro Infantil “O Crebanoces” de Larraitz Urruzola. No Centro Cultural ás 17:30. (inscrición previa) SÁBADO 2, LUNS 4 e MARTES 5 XANEIRO “Os carteiros do Nadal” MARTES 5 XANEIRO Visita dos Reis Magos. Os reis magos visitaran durante o día as diferentes rúas da vila. MÁIS ACTIVIDADES • MERCADO DE NADAL. Na Praza de Avelino Vicente ata o 5 de xaneiro de 2021 • ALFOMBRA FLORAL DE NADAL. Na Casa dos Alonso, colabora A.C Alfombras da Guarda

BAIONA

cousas de 61


PUNTOS DE DISTRIBUCIÓN DA NOSA REVISTA Ante a situación xerada polo estado de alarma, en COUSAS DE, tomamos a decisión de poñer en marcha unha serie de medidas extraordinarias, para asegurar a chegada de exemplares da nosa revista, de maneira segura, en todas e cada unha das localidades obxecto habitual de cobertura informativa da nosa cabeceira. Unha destas medidas é o acordo con establecimentos especializados na venda de libros, revistas e prensa en xeral, como novos puntos de distribución da revista. Queremos mostrar o noso agradecemento a todos e cada un deles polo entusiasmo mostrado ante esta nova proposta. Nestes días tan complicados tamén queremos trasladarlles o noso maior recoñecemento a eles e a todas as mulleres e homes que rexentan quioscos e librarias, por cumprir cunha misión tan importante como é a de garantir un ben de primeira necesidade: a información procedente da prensa escrita. A GUARDA.- Librería LER, librería Cervantes e Librería Ideas AS NEVES.- Estanco BAIONA.-Librería Vernet e Estación de Servicio Monterreal. Sabarís.- Kiosko Sabarís BUEU.- Librería Abrente, Librería Miranda e Panadería Amador CANGAS.- Kiosco Goluts, Kiosko La Ventana e Libraría Wells GONDOMAR.- Librería Libraida e Asociación de Empresarios A Pasaxe MARÍN.- Librería Maky MOAÑA.- Librería Nobel MONDARIZ.- Librería Santa Eulalia MOS.- Librería Arte e Ciencia NIGRÁN.- Libraría Paraísos de Papel e Estanco. Ramallosa. - Kiosko Ramallosa. Panxón.- Estanco César O PORRIÑO.- Librería Recondo, Kiosco El Pinar e Librería Papelería Copirey O ROSAL.- Librería Ideas e La Segunda Vuelta PONTEAREAS.- Librería Papiros, Librería Don Papel e Librería Mil Follas PAZOS DE BORBÉN .- Kiosko - Tabacos Huno REDONDELA.- Quiosco Cocó, Quiosco Chelo, Quiosco Xunqueira e Libraría La Imprenta. Chapela de Arriba.- Estanco SALCEDA.- Librería Sernel, Librería Lemos e Librería Dona SALVATERRA.- Kiosko Bolboreta e Estanco SOUTOMAIOR.- Arcade Librerías Loli e Kiosco Tulipán TOMIÑO.– Librería Novidades e Quisco Loterías Gonzalo. Goian (Tomiño )Mercado TUI.- Librería Nobel, Estanco/quiosco rúa Ourense e Librería Iris VIGO.- Librería Librouro, Librería Solidaria Aida, Librería Nobel (Gran Vía)e Libraría Cartabón

Edita: EDICIONES BASAN, S.L. C/ López de Neira, nº 3, 3º. 36202 Vigo. cousasde@edicionesbasan.com. Director: Jesús G. Bastida jesusgbastida@cousasde.com Deseño e maquetación: CREACIÓN ANIMAL Colaboradores: Anxo Rodríguez Lemos, Pablo Fernández Estévez, Carlos Méixome, Suso Vila, Álvaro Peralta, Juan Ramón Tamuxe, Judit Bernárdez, Manu Sobrino, Carmen Salinero, Pilar Vela, Beti Iglesias, Silvia Cernadas, Xosé Ramón Paz Antón, Oscar Rodríguez, Marco Rivero

62 cousas de

Periodicidade trimestral.

Departamento Comercial: revistacousasde@cousasde.com Teléfono: 626 993 480 Web e redes sociais: www.cousasde.com

redacción@cousasde.com Depósito Legal: VG 229-2019 A empresa resérvase todos os dereitos da publicación, sen que poida reproducirse total ou parcialmente o seu contido, sen o consentimento previo dos editores.

Distribuída en: A Guarda, Baiona, Redondela, Gondomar, Nigrán, Oia, O Rosal, Salceda de Caselas, Tomiño, Tui, Mos e O Porriño, Soutomaior, Ponteareas, Salvaterra do Miño, Bueu, Cangas, Moaña, Marín, Vilaboa, Mondariz, MondarizBalneario, As Neves, Pazos de Borbén, Pontevedra En Portugal: Valença, Cerveira, Caminha e Monçao


cousas de 63


Rúa de García Barbón, 28 Vigo

986 443 164

Consulta valorada en 60€, válida para consultas preoperatorias de corrección visual por láser de miopía, hipermetropía, astigmatismo y presbicia. No acumulable a

64 cousas de otras ofertas. Pruebas incluidas. Registro sanitario C-36-000437. Promoción válida hasta 31/03/2021. Para más información: www.clinicabaviera.com/promociones.


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.