1 minute read
pola gorxa | Espaguetes
from Revista Pincha 31
ESPAGUETES OU SPAGHETTI
Advertisement
Agastronomía italiana é unha das que máis éxito ten no noso país. Cantas veces comiches un prato de pasta? Seguro que miles! Existen ademais infinidade de variedades: macarróns, lasaña, lazos, tallarín, cinta (fettuccine en italiano), pluma, canelón, ñoqui, tortelini, espiral, fideos, ravioli... e os máis comúns: os espaguetes. Así, con ‘e’, xa que en galego non hai palabras acabadas en -eti nin -etis. Non podemos dicir *‘espaguetis’. Aínda que se o prefires tamén podes usar a formación da lingua orixinal ‘spaghetti’.
Curiosidades
❖ O 25 de outubro conmemórase o
Día Mundial da Pasta. A data foi escollida polos fabricantes deste alimento con motivo do primeiro congreso mundial que celebraron no ano 1995.
❖ A lenda máis famosa sobre a introdución da pasta en Europa é a que conta que foi Marco Polo o que a trouxo desde a China no século XIII, mais hai outras moitas teorías que apuntan que a súa orixe é moito anterior, xa da época dos gregos e dos romanos.
Ademais da pasta, a pizza é outro prato de orixe italiana que triunfa na nosa terra. Pero sabes como se denomina en galego o establecemento no que as preparan? A Real Academia Galega admite tanto ‘pizzería’ como ‘pizzaría’.
ONDE PROBALO?
En Santiago de Compostela contamos con numerosos restaurantes nos que podemos gozar da gastronomía italiana. La Piccola Italia SCQ, na praza de Fonseca; L’Incontro, na rúa do Vilar; La Tagliatella, na rúa Frei Rosendo Salvado; ou Sicilia in Bocca, na avenida de Rosalía de Castro, son só algúns deles.
No Argentinos Burguer, na Estrada, ademais de servir hamburguesas, son tamén especialistas na cociña italiana. Abriron as súas portas nos oitenta e levan xa corenta anos servindo pratos de pasta e pizzas de todos os estilos! Recomendamos visitalos os mércores, xa que celebran o Día da Pizza e ofrecen algunhas delas a metade de prezo.
E xa cun estilo máis noso, temos Galipizza, unha cadea de restauración que conta con locais en Viveiro, Ribadeo, Santiago, Culleredo, Vigo e A Coruña e que mestura este famoso prato italiano coa comida tradicional galega. Así, entre as súas propostas atopamos pizzas que inclúen produtos como o polbo, o churrasco, o raxo, grelos etc.