3 minute read

a gorida do artista | Miguel Ángel Vigo

Miguel Ángel Vigo

“Sempre entendín a arte como un espello no que nos recoñecemos”

Advertisement

Inés Silvalde

Por

As figuras antropomorfas e zoomorfas son os elementos máis recorrentes no seu traballo

Aprimeira vez que vin a Miguel Ángel Vigo foi dentro dos grosos muros da escola de Artes e oficios Mestre Mateo. Corría o ano 2001 e ambos comezabamos os estudos en técnicas escultóricas. Miguel tamén era un mozo de apenas vinte anos pero as súas mans denotaban outra experiencia. Xa con catorce ou quince anos, atravesaba os campos de millo das beiras do Sar para chegar ao taller de pedra rexentado por José Conde, onde tomou o primeiro contacto coa escultura en pedra.

Baixamos as escaleiras da súa casa, situada nun barrio de Compostela, co fin de adentrarnos na súa gorida. A mirada vixiante dunha das figuras acompáñanos toda a visita. Algúns simplemente se retorcen nos seus pensamentos e fan caso omiso da nosa presenza. Debuxos, fotos e cadros visten as paredes. As pezas, dotadas de gran detalle, lévanme a recordalo durante as horas de taller, onde semellaba que o tempo corría con densidade. Cada movemento de Miguel no traballo era sensible, delicado e eficaz.

A súa obra describe a un artista consecuente co seu entorno social. Un creador consciente que manifesta a través da arte a visión e as inquedanzas propias do seu tempo. Falando da arte como espello a través do que nos recoñecemos, as figuras antropomorfas e zoomorfas serán os elementos máis recorrentes no seu traballo. Non é unha simple recreación no coñecemento das formas humanas, senón como un fío condutor entre almas.

A pesar de que a escultura é o medio con máis presencia no seu traballo, Miguel non recoñece os límites entre as técnicas artísticas. O medio xorde de forma natural aproveitando de cada material e técnica as características que mellor describan o concepto que quere expresar. A resina, espuma expandida ou látex son algúns dos materiais máis recorrentes no seu traballo pero a pedra e a madeira tamén son contempladas acompañándose de tecidos ou cordas, en moitos dos casos.

No seu traxecto como artista, destacamos tamén traballos no campo audiovisual. Colabora dende o 2015 con programas televisivos nos que lle requiren unha gran rapidez á hora de facer as ilustracións de acontecementos da actualidade. Tamén participou en varias producións cinematográficas como concept artist, traballos cos que tamén goza moito.

Se falamos da evolución do seu traballo, Miguel expresa que todo forma parte dun proxecto común que xira arredor dun mesmo concepto baseado no auto coñecemento e na expresión de pensamentos. Sempre todo de xeito natural. A arte como medio e forma de vida que lle axuda a ser mellor pai, marido, amigo e, en definitiva, mellor persoa.

Inspirado polo ritmo e a inmediatez coa que a sociedade se move, así como o grado de inconsciencia por todos os actos que estamos acometendo baixo este grado de embriaguez do consumo inconsciente e inmediato, está elaborando pezas a partir de retratos de amizades e familia. Traballar con achegados axúdalle a empatizar coas emocións dun xeito máis eficaz.

Na actualidade non ten ningunha exposición en activo, pero o seu traballo forma parte do fondo de galería de Nuno Sacramento con sedes en Oporto e Lisboa.

Dende fai un ano traballa como mestre na escola que o veu medrar, impartindo a materia de volume no ciclo superior de Escultura e nas ensinanzas artísticas superiores de Deseño de Produto. Sorte a dos seus alumnos e alumnas de poder contar cun guía como Miguel.

Sorte a miña de poder compartir e coincidir con Miguel ao longo dos anos. Pincha Revista de Gastronomía & Cultura

This article is from: