Contos para a paz

Page 1


Chegou o día. O xoven dragón Brodek tería que elixir o seu bando, e converterse nun dragón da noite ou nun dragón da luz. Ambolos dous grupos, inimigos naturais, odiábanse a matar, e cada dragón, ao chegar o seu tempo, tiña que escoller un dos bandos e formar parte do seu exército. Case todos se decidían sendo aínda pequenos, e adestrábanse

durante anos, antes do cambio definitivo. Pero Brodek non o tiña claro. E xa non lle quedaba tempo. Ao mencer, as súas ás

cubriríanse co azul da noite ou o dourado do sol, e permanecerían así para sempre, e todo o seu ser odiaría ao sol

ou á lúa sen podelo remediar. Era o prezo do máxico e funesto don de cuspir lume.


Por iso Brodek decidíu ir a pensar ao bosque, onde esperaba atopar unha resposta. Pero alí, sentado, no silencio da noite, non había respostas. Só unha lúa chea branca e preciosa, con pálidos reflexos de prata. E o vento nas follas das árbores, máis suave e frío que de costume, como despedíndose do novo dragón. E a noite, unha noite profunda chea de estrelas afastadas... Por

nada do mundo quería Brodek converterse nun dragón da luz para odiar toda esa marabilla, e sentiu como as súas ás

comezaban a tinguirse lentamente coa cor da noite.


Pero a noite foi perdendo forza para dar paso ás primeiras luces do alba. Era ese un dos momentos favoritos do dragón, e gozou dos tonos rosados do ceo, da morna calor do primeiro raio de sol

na cara, dos brillos de cristal e lume nas augas e da ledicia que espertaban no bosque os primeiros cantos dos paxariños... Non,

tampouco quería ser un dragón da noite para odiar tantísima beleza.


E antes de que as bágoas inundasen os seus ollos,

antes ata de saber cal era a cor definitiva das súas ás, Brodek voou ata a lagoa, mergullouse canto puido nela

para acougar a súa sede de paz, e voou cara ao ceo, tan alto como puido, como tratando de escapar da inxusta

terra e do seu cruel destino. E cando estivo tan lonxe que o frío impedíalle mover as ás, abriu a boca para

cuspir a súa gran lingua de lume, como querendo gastala completamente.


Pero en lugar de lume, da súa boca xurdiu

unha finísima capa de escarcha que cubriu os campos, coma se o seu desexo de paz e a auga

da lagoa obrasen un milagre. E só entón descubriu que non sería un dragón da noite, nin un dragón da luz, pois unha das súas ás pertencía á lúa, e a outra ao sol. E cada certo tempo, Brodek volve decorar os campos co seu máxico alento escarchado, como querendo recordar ao mundo que non é

necesario elixir entre o día e a noite cando non se sabe odiar.

FIN



Había unha vez un rei que ofreceu un gran premio a aquel artista que puidese captar nunha pintura a paz

perfecta. Moitos artistas intentárono. O rei observou e admirou todas as pinturas, pero soamente houbo dúas

que a el realmente lle gustaron e tivo que escoller entre elas.


A primeira era unha lagoa moi tranquila. Esta lagoa

era un espello perfecto onde se reflectían unhas plácidas montañas que a rodeaban. Sobre estas

atopábase un ceo moi azul con tenues nubes brancas. Todos os que miraron esta pintura pensaron que esta

reflectía a paz perfecta.


A segunda pintura tamén tiña montañas. Pero estas eran escabrosas e descubertas. Sobre elas había un ceo furioso do cal caía unha impetuosa tormenta con raios e tronos. Montaña abaixo parecía retumbar un espumoso torrente de auga. Todo isto non se revelaba para nada pacífico.


Pero cando o Rei observou coidadosamente, viu trala cascada

un delicado arbusto crecendo nunha fenda da roca. Neste arbusto atopábase un niño. Alí, no medio do ruxir da violenta caída de auga, estaba sentado placidamente un paxariño no seu niño...


Paz perfecta...? Cal crees que foi a pintura gañadora? O Rei escolleu a segunda. Sabes por que? "Porque," explicaba o Rei, "Paz non significa estar nun lugar sen ruídos, sen problemas, sen traballo duro ou sen dor. Paz significa

que malia estar no medio de todas estas cousas permanezamos acougados dentro do noso corazón. Este é o verdadeiro significado da

paz."



Había unha vez unha espada preciosa. Pertencía a un gran rei, e desde sempre estivera en palacio, participando nos seus adestramentos e exhibicións, enormemente orgullosa. Ata que un día, unha gran discusión entre a súa maxestade e o rei do país veciño, terminou con ambos

reinos declarándose a guerra.


A espada estaba emocionada coa súa primeira participación nunha batalla de verdade. Demostraría a todos o valente e especial que era, e gañaría unha gran fama. Así estivo imaxinándose vencedora de moitos combates mentres ían de camiño á fronte. Pero cando chegaron, xa houbera unha

primeira batalla, e a espada poido ver o resultado da guerra.


Aquilo non tiña nada que ver co que imaxinara: nada de cabaleiros limpos, elegantes e triunfadores coas súas armas resplandecentes; alí só había armas rotas e fendidas, e moitísima xente sofrindo fame e sede; case non había comida e todo estaba cheo de lixo envolto no cheiro máis

repugnante; moitos estaban medio mortos e tirados polo chan e todos sangraban por múltiples feridas...


Entón a espada deuse conta de que non lle gustaban as guerras nin as batallas. Ela prefería estar en paz e dedicarse a participar en torneos e concursos. Así que durante aquela

noite previa á gran batalla final, a espada buscaba a forma de impedila. Finalmente, empezou a vibrar. Ao principio

emitía un pequeno zumbido, pero o son foi crecendo, ata converterse nun molesto son metálico. Clin,clin,clin, Brrrr,brrrr, Brrrr…..


As espadas e armaduras do resto de soldados preguntaron á

espada do rei qué estaba facendo, e esta díxolles: - "Non quero que haxa batalla mañá, non me gusta a guerra". - "A ningún gústanos, pero que podemos facer?". -"Vibrade como eu o fago. Si facemos suficiente ruído ninguén poderá durmir". -Entón as armas empezaron a vibrar, e o ruído foi crecendo ata facerse ensordecedor, e fíxose tan grande que chegou ata o

campamento dos inimigos, cuxas armas, fartas tamén da guerra, uníronse á gran protesta.


Á mañá seguinte, cando debía comezar a batalla,

ningún soldado estaba preparado. Ninguén conseguira durmir nin un chisquiño, nin sequera os reis e os

xenerais, así que todos pasaron o día enteiro durmindo. Cando comezaron a espertar á tardiña, decidiron deixar a

batalla para o día seguinte. Buff!!, non puidemos durmir nada co ruido das espadas. Que pesadas!!!


Pero as armas, lideradas pola espada do rei, volveron pasar a noite entonando o seu canto de paz, e de novo ningún soldado puido descansar,

tendo que aprazar de novo a batalla, e o mesmo repetiuse durante os seguintes sete días. Á tardiña do sétimo día, os reis dos dous bandos reuníronse para ver que podían facer naquela situación. Ambos estaban moi enfadados pola súa anterior discusión, pero ao pouco de estar xuntos, comezaron a comentar as noites sen soño que tiveran, a extraneza dos seus soldados, o desconcerto do día e a noite e as divertidas situacións que creara, e pouco despois ambos rían amistosamente con todas aquelas

historietas.


Afortunadamente, esqueceron as súas antigas disputas e puxeron fin á guerra, volvendo cada un ao seu país coa alegría de non ter que loitar e de recuperar un amigo. E de cando en cando os reis reuníanse para comentar as súas aventuras como reis, comprendendo que eran moitas máis as cousas que os unían que as que os separaban. E colorin colorado, colorón, esta historia así de ben rematou.


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.