6 minute read
O LEITE
DAVID FERNÁNDEZ, DEPORTISTA PARALÍMPICO
En Vaca.tv
Advertisement
O tinetense David Fernández fíxose un merecido oco na elite dos deportistas paralímpicos, aínda que, quizais, dentro do noso sector siga sendo habitual asocialo ao nome da explotación familiar: Manolero. Sobre o papel dos lácteos na base da súa alimentación de atleta falou nesta charla.
Conta David que os dous valores fundamentais que ten na súa vida llos transmitiron os seus pais. De súa nai di aprender a ver o vaso sempre medio cheo, mentres que de seu pai herdou a perseveranza e o espírito de traballo.
Os seus proxenitores son os propietarios da gandería Manolero (Mirallo de Arriba, Tineo, Asturias), unha explotación cuxo nome é moi habitual nos concursos frisóns. Pensando nestes certames aos que o protagonista desta reportaxe non é alleo, preguntámonos se non sairía de aí o afán competitivo que o levou ata onde está hoxe en día: “O meu pai empezou cunha gandería moi pequena, pero sempre foi moi competitivo e iso axudou a que fose crecendo aos poucos, buscando ter bos animais e mellorar xeneticamente, o que fixo que hoxe en día teña unha moi boa gandería no sector leiteiro”, relata. “Creo que iso, ese espírito de superación, mo transmitiu a min e é un dos valores que se necesitan no deporte, xa que sempre estás a pelexar contra unhas marcas que tes que superar para mellorar”, valora. A súa vida agora está enfocada no deporte de alto rendemento –leva dez anos practicando lanzamento de peso, no seu historial deportivo destacan un cuarto posto nun europeo e unha novena posición nun mundial e está a traballar para poder competir nos Xogos de Toquio– pero, no entanto, a súa vida continúa inevitablemente ligada a este sector: “Primeiro debido ao accidente e, despois, polo deporte, aparteime do mundo dos concursos de gando e xa non estou todo o tempo que quixera aquí, na aldea, xa que viaxo moito polos adestramentos e as competicións, pero, sempre que podo, gústame vir a casa a ver a meus pais e á miña irmá, que son os que están actualmente coa gandería”, sinala.
O TRIÁNGULO PERFECTO
“Cando empecei a facer deporte, eu só pensaba en adestrar, adestrar e adestrar, pero canto máis arriba chegas, as condicións para ir a máis cada vez son máis difíciles e dáste conta de que o triángulo de alimentación, descanso e adestramento ten que ser perfecto porque, se non, non podes progresar”, explica.
“O noso corpo en teoría está continuamente creando nova fibra, xerando masa muscular para gañar a potencia que necesitas para lanzar a bóla, para seguir mellorando e para soportar a carga de adestramento sen lesións; entón a alimentación é
moi importante”, aclara. Na base da súa dieta atópanse os hidratos de carbono e as proteínas, xunto cos minerais, a verdura e, por suposto, os lácteos.
“Ao principio non valoraba tanto o descanso nin a alimentación e tiven pequenas lesións, roturas de pectoral, etc., pero unha vez que empecei a tomar en serio o descanso e a alimentación, sobre todo co nutricionista, todo iso reduciuse, porque o meu corpo estaba ben nutrido e xa era capaz de soportar todo o esforzo ao que o sometemos”. Con todo, lembra que no deporte de alto rendemento é inevitable ter molestias, “pois sempre estamos a levar o noso corpo ao límite”.
QUE COME UN DEPORTISTA PROFESIONAL?
O VASO MEDIO CHEO
A de David é unha historia de superación e actitude en positivo. Tras sufrir a amputación da súa perna esquerda en 2012 por mor dun grave accidente de tráfico que o deixou en coma 43 días, o mantivo ingresado no hospital durante case medio ano e o obrigou a pasar por un longo proceso de rehabilitación, chegou ao deporte de competición case por necesidade. “Un día, volvendo en coche a Oviedo coa miña irmá, escorreguei ao saír, caín e non fun quen de erguerme; non tiña a forza suficiente para facelo coas muletas e ela non podía comigo”, lembra. “Ao día seguinte, conteille a un amigo o impotente que me sentín nese momento, porque caer ao chan e non ser capaz de levantarte con 25 anos é fodido, as cousas como son, e entón el faloume dun grupo de persoas con discapacidade que facía exercicio no Palacio de Deportes de Oviedo”, narra Fernández. Ese foi o detonante para o xiro en positivo que lle esperaba. Empezou a practicar deporte para mellorar a súa calidade de vida e, co paso do tempo, a cousa foi a máis: “Hai agora 3 anos batín a marca de España de lanzamento de peso, a Federación Española viu que tiña progresión e ofrecéronme a oportunidade de ir adestrar ao centro de alto rendemento en León, que está especializado en lanzamentos”. Alí fixo unha entrevista con Manolo Martínez, posuidor da actual marca de España desta disciplina, que o aceptou no seu grupo. Especializou máis os seus adestramentos e seguiu mellorando as súas marcas ata entrar na elite ao participar no último mundial na súa disciplina.
Lonxe do que puidese crer unha persoa allea ao mundo do deporte, conta Fernández que “a nosa alimentación é a normal; fago entre cinco e seis comidas ao día, totalmente correntes, aínda que si como moito hidrato de carbono baseado en pasta e arroz, e moita proteína baseada en carnes e peixes”. Como única excepcionalidade, fálanos dos batidos de proteína de soro de leite con creatina, para recuperarse tras os adestramentos, e dalgún multivitamínico que lle achega o extra que necesita cando os alimentos dunha comida normal se quedan curtos, “sobre todo porque, como contaba antes, ao estar o noso corpo sometido continuamente a moito ex “PARA ALMORZAR TOMO MEDIO LITRO DE LEITE CUNHA CUNCA DE AVEA, ESA É A ENERXÍA DO DÍA”
ceso, necesitas ter as achegas de vitaminas, minerais etc. moi altas para que non cheguen as lesións”.
OS LÁCTEOS NA DIETA DUN CAMPIÓN
“Os lácteos para min son unha parte fundamental da dieta, son intocables os 365 días do ano, esteamos en período de competición ou de carga”, afirma este deportista ao que, segundo explica, lle gusta particularmente o leite. “Recoméndase tomar tres porcións de lácteos ao día; eu consumo seis”.
“Bebo máis ou menos un litro de leite ao día; polas mañás para almorzar xa tomo medio litro cun cunca de avea, esa é a enerxía do día, e logo podo estar na casa as fins de semana e antes de deitarme beber outro medio litro”, conta.
O leite é unha fonte de enerxía e proteínas moi importante para a súa dieta. Cada vaso achégalle entre seis e oito gramos de proteína, é dicir, que “con medio litro de leite tomas 16 gramos de proteína, que é a metade da proteína que che pode absorber o corpo nunha soa comida”.
Toda a súa alimentación está supervisada por un nutricionista, que se encarga, entre outras cousas, de marcarlle as sobremesas de todos os días, compostas dun iogur “sempre o máis natural posible, para evitar o exceso de azucres” e unha peza de froita pola mañá, ao mediodía e á noite. “Con el teño un pequeno hándicap, que é que me gustan moito os queixos e aí teño a batalla por canta cantidade podo comer”, ri Fernández, “pero el sabe que me gustan e ponmos, ben na merenda, ben nalgún outro momento do día”, conclúe.