4 minute read

Novos retos para a formación dos futuros gandeiros

A dixitalización constante do sector gandeiro, a estrita lexislación sobre protección ambiental e produción sostible e as esixencias cada vez maiores en canto a benestar animal marcan o día a día dos centros de formación de futuros profesionais, que demandan novos coñecementos e estudos moito máis multidisciplinares.

Para sobrevivir de xeito eficiente no sector da gandería de vacún de leite de hoxe en día é indispensable formarse e ter coñecementos de todas as áreas que implica unha granxa. Tan só aqueles profesionais mellor formados, que conten cos técnicos de campo máis especializados, lograrán cumprir coas esixencias de mercado que se antepoñan, coas obrigas sobrevidas da produción sostible e coas demandas dun consumo cada vez máis rigoroso co benestar animal.

Desde principios de século a formación xirou cara a unha metodoloxía máis dual e faise cada vez máis necesario que os alumnos poñan en práctica durante o seu período formativo o abordado nas aulas. Falamos co responsable do Grao Superior de Gandería e Asistencia en Produción Animal no Centro de Promoción Rural-EFA Fonteboa, Constante Lorenzo, quen explica que “o alumno de agora debe ser o protagonista da súa formación, nós intentamos acercar o alumno á vida real das ganderías, ao seu futuro medio profesional”.

MAIORES INQUIETUDES

Non só se notan cambios nesa necesidade dual da formación senón que os alumnos que se interesan por este tipo de estudos teñen perfís diferentes e maiores inquietudes. “Actualmente –especifica Lorenzo– estanse incorporando alumnos que veñen de bacharelato, ese é un estudante que ten máis inquietudes, unhas ideas máis preconcibidas, e cuestiónase todo máis”.

A orixe destes alumnos tamén mudou, se ben hai anos a maioría deles adoitaban ser fillos de gandeiros, agora parece que os rapaces das cidades ven no rural unha posibilidade de futuro e de desenvolvemento persoal. “O 50 % dos alumnos que recibimos provén de zonas rurais e o outro 50 %, de áreas urbanas, o que creo moi enriquecedor”, engade Constante Lorenzo.

PIARES DA FORMACIÓN ACTUAL

As novas tecnoloxías estanse implantando con forza en moitos dos procesos das ganderías e convertendo en novas ferramentas de traballo para desenvolver os programas educativos das escolas. A robotización e a dixitalización das granxas chegaron para quedar e progresar xunto a elas, “nós –di– témonos que adaptar a iso”.

“Calquera acción que se dea no medio rural ten que ter en conta a conservación da biodiversidade, o coidado da natureza, a non contaminación das augas, a redución do impacto ambiental e da pegada de carbono… Toda a formación vai orientada ao coidado do medio ambiente e ao cumprimento da lexislación vixente”, destaca o responsable da formación.

Á parte da innovación tecnolóxica e dos asuntos medioambientais, o benestar animal é o terceiro dos piares da formación actual dos futuros gandeiros. Lorenzo subliña que “hoxe en día non se concibe ningunha formación relacionada coa gandería e coa produción animal na que non se traballen as condicións de saúde e de manexo nas que deben estar os animais, con total ausencia de estrés”.

O FUTURO, MÁIS TRANSVERSAL

Nun sector que evoluciona tan rapidamente, os futuros gandeiros e gandeiras non só necesitarán capacitación para o desenvolvemento profesional, senón que se verán obrigados a compaxinar os seus coñecementos con outros moitos como poden ser nocións de administración de empresas ou robótica. CAMÍÑASE CARA A UN ACOMPAÑAMENTO MÁIS INDIVIDUALIZADO DO ESTUDANTE

“As ofertas formativas –indica– deberán ser moito máis transversais e creo que se vai incrementar tamén moito a formación online, así como a mobilidade de estudantes que vaian pasar estadías fóra da súa rexión para coñecer outras culturas e maneiras de traballar”.

Por último, a formación camiña tamén cara a un acompañamento máis individualizado do estudante, pois as necesidades dos alumnos dunha mesma titulación poden variar moito. Lorenzo finaliza comentándonos que “o coaching vai ser crucial para o éxito educativo dos alumnos”.

O Ministerio de Educación e Formación Profesional ten activo o portal web www.todofp.es, no que se pode navegar para conseguir toda a información de todos os graos e cursos dispoñibles e da rede de centros educativos salpicados por toda a xeografía española nos que se imparten titulacións da rama agraria e, sobre todo, as relacionadas coa produción gandeira, a produción de leite e a xestión da produción animal.

FORMACIÓN PARA O SECTOR LÁCTEO EN GALICIA

A Consellería do Medio Rural da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), divide a formación agraria dirixida ao sector lácteo en dúas grandes áreas: a formación regulada (Formación Profesional) e a formación complementaria. Para o próximo curso 2021-2022 seguiranse mantendo os Graos Medios de Produción Agropecuaria e Produción Agroecolóxica, así como o Grao Superior de Gandería e Asistencia en Sanidade Animal no CFEA Sergude. En canto a formación continua, a Agacal programa diferentes cursos educativos para mellorar a capacitación profesional, técnica e de xestión dos profesionais do lácteo, co obxectivo de fomentar a mellora da competitividade das explotacións galegas nun mercado cada vez máis esixente. Así, incorporaron accións formativas como cursos sobre convivencia e prevención dos ataques do lobo á gandería ou aspectos básicos de manexo da oficina virtual da gandería e da sede electrónica. Durante 2021 están desenvolvendo tamén iniciativas novas asociadas ao marco da Estratexia de dinamización do sector lácteo galego, para cumprir co compromiso de profesionalizar os produtores e aumentar a rendibilidade das súas explotacións. En relación á produción láctea, están previstos estes novos cursos: • Xestión técnico-económica en vacún leiteiro • Xestión empresarial en vacún leiteiro

Pódense consultar todas as accións formativas que se convocan na web:

https://ovmediorural.xunta.gal/gl/ consultas-publicas/accions-formativas# Ademais, pódese recorrer aos propios centros de investigación e centros de formación e experimentación agroforestal ou consultar as súas webs e redes sociais, nas que se vai publicando toda a oferta formativa.

This article is from: