165 ANOS DE ENSINO SECUNDARIO EN TUI

Page 1

UN CAMIÑO DE CENTO SESENTA E CINCO ANOS Notas sobre as etapas do Instituto de Tui Xosé María Lores, Departamento de Grego

A educación é a menos cara das defensas dunha nación Edmund Burke1

O trinta de outubro de 2010 cumpríronse cento sesenta e cinco anos da creación do primeiro instituto de ensino secundario en Tui. Aquel día comezaba unha andaina educativa que, interrompida apenas un lustro despois, retomada na época da II República e paralizada coa Guerra Civil, reiníciase de novo a mediados da pasada centuria para chegar, sen outras suspensións, aos nosos días. Isto en modo algún supón que, antes de 1845, non houbese certo tipo de ensino medio en Tui. Ao igual que noutras vilas galegas, con seguridade en Tui non faltaron preceptorías particulares ou algún tipo de escola catedralicia ou conventual encargadas da formación da xuventude que aspiraba a ocupar cargos na burocracia estatal e da diocese ou ao servizo das ordes (mendicantes: dominicos e franciscanos), non esquezamos o feito de ser Tui capital de provincia ata 1833 e da diocese unicéfala ata 1959. Un exemplo: por Real Orde do 12 de agosto de 1838 crease en Tui, co patrocinio do concello, un colexio de humanidades que ao ano seguinte ten 36 alumnos 2 Tampouco podemos desbotar fundacións educativas, financiadas con legados, bens ou rendas dun ou varios patróns, administradas -as veces- polos concellos. Para cubrir as prazas de profesorado destas institucións facíanse concursos-oposicións que, con anterioridade, se anunciaban nas principais universidades do reino e nas vilas próximas. Unha mostra: a mediados do século XVI o concello de Pontevedra limita este tipo de anuncios as vilas próximas de Santiago, Ourense, Tui e Vilagarcia1, a distancia longa e o soldo pequeno arredaba aos candidatos de lonxe. Moitas destas institucións entran nunha etapa decadente coa Guerra da Independencia, os vaivéns políticos do reinado de Fernando VII e a desamortización que obriga ao estado a cubrir servizos sociais, tal o ensino, antes monopolizados pola igrexa. Á morte deste monarca comezan a sentarse as bases das novas políticas educativas. O Plan Xeral de Instrución Pública (1836) do duque de Rivas dedica un apartado específico ao ensino secundario e fala, por primeira vez, dos institutos 2. O ensino secundario, a cargo das provincias, considérase non terminal, propio das clases medias e divídese en elemental e superior. Nin o Plan do duque de Rivas nin un posterior do marqués de Someruelos (1838) 1 Edmund Burke (1729-1797) escritor e pensador político angloirlandés liberal-conservador. 2 COSTA RICO, Antón, Historia da educación e cultura en Galicia, Xerais, Vigo, 2004, p. 768 1 FORTES BOUZÁN, Xosé, “O ensino medio en Pontevedra antes da fundación do Instituto” in O Instituto de Pontevedra. Século e medio de historia, Deputación Provincial, Pontevedra, 1997, p. 27 2 PRADO GÓMEZ, Antonio, “Unha visión do sistema educativo no primeiro liberalismo: 1842-1868” in CL Aniversario do Instituto Provincial de Lugo, Deputación Provincial, Lugo, 1994, p. 31


prosperan. O Plan do ministro José Pidal 3 (1845) representa unha clara aposta pola secularización do ensino ao eliminar o monopolio eclesiástico, mantén a división do ensino medio en dous niveis (elemental, de cinco anos, e ampliación, de dous) e consagra a existencia dos institutos, dependentes do ministerio de Gobernación. Reformas posteriores (1847, 1849 e 1850) limítanse a modificar a categoría dos centros e o número de materias. Os citados institutos clasifícanse en: • Superiores ou de primeira clase: imparten os cursos do nivel elemental e, polo menos, dúas materias correspondentes ao de ampliación; obrigatorios nas cidades onde hai universidade. • De segunda clase: imparten os cinco cursos do nivel elemental. • De terceira clase: ofertan só parte do nivel elemental. É neste momento cando nace, a instancias do concello, o instituto de Tui, radicado no desamortizado convento de San Francisco (hoxe seminario menor). Un instituto de terceira clase no que quedarán integradas as cátedras de latinidade e filosofía (que viña sostendo o concello), que se financiará coas matrículas dos seus propios alumnos, cos fondos das cátedras integradas e cunha subvención municipal para cubrir o posible déficit. Unha xunta inspectora integrada por un deputado provincial, un representante do concello e dous veciños “de notoria ilustración y arraigo” elixidos polo xefe político (quen, en persoa ou delegando no alcalde, será o presidente) encargarase de poñer en marcha o instituto, nomear director provisional e profesorado necesario en tanto non se cubran as cátedras e controlar que se cumpra a lexislación educativa vixente. Da xunta formaban parte: don Manuel Estévez (alcalde e presidente), don Juan Gregorio Maceira, don Telmo Maceira (cóengo maxistral) e don Pedro Sobral (cóengo penitenciario). Ao longo do mes de novembro dispoñen todo para que este primeiro curso comece o 1 de decembro de 1845 e remate o 15 de xullo de 1846. Na lista de matriculados (20 alumnos de 1º, 31 de 2º,14 de 4º) son maioría os tudenses, da propia cidade e da diocese, pero tamén hai representación de Cambados, Ferrol ou Salamanca. Os compoñentes do primeiro claustro foron: don Francisco Martínez e don Juan Santos Villa (presbíteros, catedráticos de latín, xa exerceran no estudo público que antes sostiveran cabido e concello), don Pedro Miguel Caravelos (colexial, ex-reitor do colexio maior de Fonseca en Santiago), don Juan Ramón Costas (presbítero), don Juan José Domínguez (estes dous últimos xa foran catedráticos no colexio de filosofía que sostiña o concello), don Manuel Silva (que sería tamén o primeiro secretario), don José Mouriño e don Juan Antonio Rodríguez Bustillo. Director titular foi don Telmo Maceira que, polo seu traslado á corte, dende marzo de 1846 foi auxiliado polo director interino don Pedro Sobral. Da documentación desta época entresacamos algunhas notas. O instituto de Pontevedra4, creado na mesma data que o de Tui, considera a este subordinado e reclámalle a lista dos matriculados e o importe das matrículas (29/11/1845), reclamación improcedente por ser o de Tui “establecimiento público y no colegio privado”, segundo comunicación do ministro da gobernación de 2 de febreiro de 1846. Por unha circular recibida o 31 de agosto de 1846 sabemos da negativa do director 3 Ibíd., pp. 35-37 4 CASTELO TETTAMANCY, Mª C., SANTILLÁN PEDROSA, Elena, “A etapa isabelina” in O Instituto de Pontevedra. Século e medio de historia, Deputación Provincial, Pontevedra, 1997, p. 89


xeral de instrución á pretensión municipal de ascender a categoría do instituto. Vexamos, por exemplo, algúns dos libros de texto propostos para o curso 46-47: as Gramáticas latina de Araújo e castelá da Academia, a Historia Universal e a Xeografía de Verdejo ou os manuais de Deguin e Bouchardat para física e nocións de química. O 8 de outubro de 1846 decrétanse vacacións escolares ata o 21 “para solemnizar o feliz enlace” da raíña Isabel II 5. Logo virá a petición que se cursa ao señor director do instituto para que ordene a asistencia de todos os catedráticos ás rogativas públicas que se celebrarán na cidade polo bo éxito do embarazo da raíña 6, xa de cinco meses (2 de marzo de 1850). Do día 18 do mesmo mes e ano data unha recomendación para a biblioteca: a da subscrición ao Atlas de España y sus posesiones de Ultramar que publica don Francisco Coello. As últimas anotacións desta época son do 25 de xuño de 1850: para enviar ao sr. Director xeral de Instrución Pública lista de alumnos examinados coas cualificacións e ao sr. Reitor da Universidade de Santiago unha estatística e unha relación dos alumnos que non pagaron o segundo prazo de matrícula. Aquí perdemos as referencias a esta etapa do instituto tudense, dúas circunstancias poden explicar este final: a competencia do instituto de Pontevedra (que xa tentara a finais de 1845 establecer a súa supremacía) e a creación do seminario conciliar, situado nos locais do exconvento de San Francisco onde funcionaba o instituto. Ante a manifesta falta de formación dos clérigos, o decreto Pro seminariis (15 xullo 1563) do concilio de Trento institúe os seminarios. En Galicia son pioneiros os de Mondoñedo (1565-73) e Lugo (1593-99). Na época ilustrada Carlos III, coa real cédula de 14 de agosto de 1768 Erección de Seminarios conciliares para la educación del clero en las capitales y pueblos numerosos, busca consolidar os seminarios como centros para que os eclesiásticos reciban unha sólida educación. O bispo tudense García Benito (17971825) laiábase, en 1799, da falta dunha institución educativa acorde coa época, do escolasticismo imperante nas aulas dos conventos de San Francisco e San Domingos e, en 1804, da “crasa ignorancia dos que aspiran ao sacerdocio” 7; cara ao final do seu pontificado comeza a construción do seminario na casa e pazo dos marqueses de Mos 8 (actual edificio dos xulgados). Mais será o seu sucesor, Francisco García Casarrubios y Melgar (1825-1855), quen o 1 de outubro de 1850 poida abrir o seminario conciliar de Tui 9 no exconvento franciscano. Os de Ourense, Santiago e Tui foron os últimos seminarios galegos creados. Perdiamos un instituto, gañabamos un seminario. Hai que chegar a segunda década do século XX para ter novas referencias ao instituto tudense. A finais de marzo de 1927 unha comisión integrada polo alcalde Modesto Rodríguez Conde, o presidente da Unión Patriótica Francisco Peñarredonda, o avogado Francisco Pérez e o enxeñeiro Rafael Areses, acompañados do ministro de facenda, o tudense Calvo Sotelo, realiza múltiples xestións en Madrid, entre elas unha referida á incorporación dos estudos do seminario e a súa validez no instituto provincial 10. Para a reposición do instituto de Tui habería que agardar seis anos. 5 Voda de Isabel II co seu curmán Francisco de Asís de Borbón celebrada o 10 de outubro de 1846. 6 Trátase do segundo e malogrado fillo da parella, Fernando de Borbón, que naceu e morreu en Madrid o 12 de xullo de 1850. 7 COSTA, op. cit., pp. 1145-46 (texto 22) 8 FERNÁNDEZ DE LA CIGOÑA NÚÑEZ, Fco. J., Os bispos de Tui no século XIX, AGCE, Vigo, 2006, pp. 13-14 9 Ibíd., p. 51 10 AÑOVEROS TRÍAS DE BES, Xabier, Mosaico de historias tudenses, Xunta de Galicia, 2005, pp. 89-92


Son constantes as peticións para a consecución dun instituto local de segundo ensino: en 1930, con Francisco Baquero na alcaldía, ofértase un inmoble na praza de San Fernando, 1, material para docencia e administración e unha dotación de mil pesetas anuais para financiamento da biblioteca e sostemento do persoal subalterno e de servizos do centro11. Ao ano seguinte, o deputado López Varela informa das xestións realizadas para a creación do instituto e o alcalde José Garra propón destinar o edificio do cuartel de infantería para sede do mesmo 12. A II República aposta forte pola educación e a cultura. Polo que fai ao ensino secundario, no comezo do curso 1933-34, crea 20 institutos nacionais, 37 locais e 40 colexios de 2º ensino. Propíciase un ensino inspirado nos principios pedagóxicos da Institución Libre de Ensinanza13 e da Escola Moderna14: tolerancia, creatividade, utilidade práctica, bilingüismo e coeducación. Para moitos ensinantes da época un dos alicerces da democracia é a cultura, unha cultura que fará aos cidadáns máis libres, mais cultos, máis coñecedores dos seus dereitos e deberes e máis preparados para a vida. No ano 1932 establécese un bacharelato de cinco cursos comúns e dous finais divididos en ciencias e letras. O de 1934, o último bacharelato lexislado pola República, mantén os sete cursos pero divididos nun primeiro ciclo de tres anos e un segundo de catro, subdividido en dos graos (4º e 5º, 6º e 7º respectivamente). Unha curiosidade da época e a desaparición da cualificación de suspenso, que foi substituída por papeletas en branco. Nesta circunstancia é creado, no mes de agosto do ano 1933 en Tui, un colexio de 2ª ensinanza subvencionado polo Estado. Pronto se solicitará que este centro poida matricular alumnos dos últimos cursos e que adquira a condición de instituto, primeiro elemental e logo nacional (tal como informa o alcalde a comezos de outubro de 1935). Chega unha das épocas máis gloriosas do ensino medio tudense e figuras como as de Ferro Couselo ou Benito Prieto ensinan nas aulas de San Domingos. Actividades extraescolares, clases de balde fóra de horario para obreiros e artesáns, exposicións de traballos, revista escolar Tude15... a prensa do momento recolle o entusiasmo creado. Mais soan bélicos claríns e as letras retroceden ante as armas. Os piares nos que se fundamentaba o ensino republicano son substituídos polos valores supostamente relixiosos e patrióticos do novo estado nacional-católico imperial. Atácanse as linguas vernáculas e depúrase a moitos docentes, no caso do instituto tudense os sancionados foron Xesús Ferro, José Gómez, Elfrida Jasson e Benito Prieto 16. O director do instituto, na época republicana, foi Manuel Losa Álvarez (1933-36) que, por enfermidade entre o 20 de febreiro e o 31 de marzo do 36, foi suplido por Xesús 11 AÑOVEROS TRÍAS DE BES, Xabier, MARTÍNEZ GAMALLO, Loli, op. cit., p. 116 12 Ibíd., p. 128 13 A "Institución Libre de Enseñanza" (ILE) foi unha institución de ensino que se fundou en España no ano 1876 por un grupo de catedráticos (Francisco Giner de los Ríos entre outros), separados da Universidade por defender a liberdade de cátedra A súa separación levounos a crear un centro educativo privado, orientado en principio ao ensino universitario e logo ao primario e secundario, introducindo en España as máis avanzadas teorías pedagóxicas e científicas da época. 14 A “Escuela Moderna” foi un centro de ensino que existiu ao comezar o século XX en Cataluña. Fundada polo pedagogo e librepensador Francisco Ferrer Guardia, obxectivo esencial dela era «educar a la clase trabajadora de una manera racionalista, secular y no coercitiva». 15 Revista editada polos estudantes, o primeiro número (8 páxinas) é de abril de 1935, o último (nº 4, 16 páxinas) está datado un ano despois. Vid. IGLESIAS ALMEIDA, Ernesto, La imprenta en Tui, Juvia, 1995, pp. 80-84 16 COSTA, op. cit., pp. 1060


Ferro Couselo. No período da guerra exerceron accidentalmente Luís María Iribarren, José A. Castro Valcarce e José Pérez Gómez. En plena guerra, no ano 1937, o concello, informado de xeito extraoficial da posible supresión do instituto, faculta ao alcalde Domingo de Arrese para que realice xestións en Burgos (sede provisional do goberno dos sublevados) ”para que esta ciudad de tantos títulos acreedora a tener un instituto de 2ª enseñanza, no se viese privada de un Centro docente que, cada año, adquiría más relieve e importancia” 17 A pesar desta e doutras xestións (visita a Madrid dunha comisión formada por un representante municipal, un do claustro de profesores e outro dos pais de familia 18), unha orde do 5 de agosto de 1939 (BOE do 10) do Ministerio de Educación Nacional clausura provisionalmente o instituto. Ao longo da década dos anos corenta continúan os intentos para a reapertura do instituto. En 1943, durante o mandato do alcalde Estanislao Ferreira, e en 1944, con Rosendo Bugarín, cando o pleno oferta o local da antiga aduana sito na Praza de José Antonio, 1 (actual Praza da Armada Española), para que poida reabrirse o instituto “que llevaba el nombre del glorioso tudense y Protomártir José Calvo Sotelo de vitalísima y trascendental importancia”19. Mentres os desvelos para conseguir un instituto non dean froito, será o colexio de don Daniel o que prepare aos bachareis tudenses. Haberá que esperar ao decreto de 19 de maio de 1950 que crea o instituto de ensinanza media e profesional de Tui, modalidade agrícola gandeira. É o inicio dun período que, sen interrupcións, chega aos nosos días. O centro, radicado no edificio na actualidade ocupado pola Área Panorámica, foi inaugurado o día 2 de decembro coa asistencia das principais autoridades (reitor da Universidade de Santiago, gobernador civil, bispo, presidente da deputación, alcalde...). As clases para os 47 alumnos matriculados, comezaron o día 4. Estas tiñan unha duración de 45 minutos e cada dúas había un recreo de 15. A xornada comezaba ás 8 coa celebración da santa misa, logo facíase o izado da bandeira e as actividades lectivas matutinas ían das 9 ás 12.45 ou 13.45 e as vespertinas (para debuxo, manualidades, estudo vixiado e xogos) das 15 ás 18. No curso 51-52 o número de alumnos é de 75. Entre os anos 54 e 56 (dous cursos) foi o único centro galego en impartir o bacharelato laboral. En paralelo ás actividades docentes regradas organízanse actos culturais e cursos monográficos de variada temática impartidos por profesorado do propio centro. Non faltou algún de economía doméstica (exclusivo para as mulleres e orientado cara “aos temas relativos as ensinanzas do fogar e á divulgación sanitaria e social). Tamén se ofertaron ata 1957 clases nocturnas de extensión cultural e iniciación técnica. É de xustiza salientar a labor realizada, de balde, pola cátedra ambulante, tanto no concello como na comarca baixomiñota (axuda ao labrego, charlas e proxeccións de documentais sobre agricultura e gandería...) ou a campaña de cultivo experimental de alfalfa, dirixida polo Dr. Ernesto Viéitez Cortizo. Nesta época o instituto publica numerosos folletos e a revista Tuy (oito números entre maio de

17 AÑOVEROS TRÍAS DE BES, Xabier, MARTÍNEZ GAMALLO, Loli, op. cit., pp. 202-203 18 Ibíd., p. 214 19 Ibíd., p. 232


1952 e abril de 195620, hoxe están localizados dez). O primeiro claustro estaba formado polos seguintes profesores: dona Gloria B. Prieto, dona Concepción Núñez, don Daciano Laredo, don Luís Carragal, don Servando Bugarín, don Rafael Díaz, don Veremundo Riesco, don Gonzalo Álvarez (que tamén exercía as funcións de secretario) e don Clodoaldo Tubilla (o primeiro director desta etapa). O país entra, con timidez, nunha etapa aperturista pero o dirixismo confesional e a marcialidade seguen a impregnar todas as actividades da vida social; vexamos unhas mostras: a xuntanza de claustro do 24 de marzo de 1952 comeza ás 18 “en punto” “con objeto de que los profesores del centro que lo deseen, puedan asistir a los ejercicios espirituales que se celebran en la S.I. Catedral”; todos os sábados lectivos rézase na capela o Santo Rosario, dirixido polo profesor de relixión e director espiritual; nas festas patronais do ano 1959 un cento de alumnos desfilou marcialmente polas rúas da cidade, acompañado da banda do rexemento de infantería de Murcia, número 42, e no Paseo de Calvo Sotelo, realizou un espectacular programa de saltos atléticos e ximnasia educativa, dirixidos polo profesor de educación física; nesas mesmas datas a fachada principal do instituto foi artisticamente iluminada, unha instalación -feita polos talleres do propio centroonde podía lerse “Instituto Laboral San Pelayo”. Amais de don Clodoaldo Tubilla (1950-1954) exerceron de directores, nestes anos, don Servando Bugarín (54-55 e 59-62) e don Gonzalo Álvarez Besada (55-59). É no primeiro período na dirección de don Servando Bugarín cando o claustro do 15 de outubro de 1955 propón como titular do centro a San Pelayo, orixe da actual denominación do instituto. No curso 66-67, no mandato de Veremundo Riesco (director entre 1962 e 1979), implántanse as ensinanzas do bacharelato laboral superior (orde no BOE do 18 de febreiro do 66), no seguinte outórganse os estudos do bacharelato elemental feminino, con aulas propias no edificio hoxe ocupado polo museo diocesano. Do ano 1977 (orde do 18 de outubro) data a autorización para unha sección de formación profesional de 1º grao coas ramas de electricidade, administrativo e comercial: é o xermolo do que pronto será o instituto de formación profesional, actual IES “Francisco Sánchez”. Ao longo período na dirección de Riesco sucédenlle Ricardo Abundancia de Santiago (1979-1985), Julio Leal Carreira (85-87), Javier Mariño Sieiro (87-88) e Constantino Fernández Rodríguez (1988-2005). Con este último o instituto estrea 21, no curso 1990-91, as instalacións do renovado edificio “O Castro” onde segue a formar as novas xeracións tudenses, adaptándose á interminable sarta de plans de estudo e reformas ás que nos últimos anos nos teñen habituados as autoridades educativas (LXE, LOXSE, LOCE, LOE e ...). Pecha a nómina de directores Enrique Solleiro Fernández que o é dende o 2005. Na actualidade os IES “Francisco Sánchez” e “San Paio” cobren, en Tui, a oferta de ensino secundario público (o colexio marista e o seminario menor atenden, na secundaria 20 IGLESIAS ALMEIDA, op. cit. pp. 85-86 21 A finais de decembro de 1990 o instituto remata as súas actividades no edificio “San Paio” (actual Área Panorámica). Despois das vacacións de Nadal, en xaneiro de 1991, comeza o uso da nova e actual sede que foi inaugurada oficialmente o 2 de maio polo entón presidente da Xunta, Fraga Iribarne.


obrigatoria, a demanda privada). Eles son os últimos dunha carreira que comezou un 30 de outubro de 1845 e que sitúa a Tui no selecto grupo de cidades galegas pioneiras en ter un centro público de ensino secundario: Lugo (Real Orde de 30 de novembro de 1842), Santiago, Ourense, Pontevedra, Tui (1845), Monforte (por traslado do de Lugo, 1848) ou A Coruña (1862).

FONTES E BIBLIOGRAFÍA FONTES: Carpetas con documentación varia (entradas e saídas: actas de reunións, actas de toma de posesión e cese, cadros horarios, circulares, convocatorias, estatísticas, expedientes académicos e disciplinarios, instancias, inventarios, invitacións, libros de matrícula, libros de persoal docente, notas informativas, oficios, orzamentos, programacións, recensión e memoria de actividades, regulamentos, saúdas...) consultadas no Arquivo Provincial de Institutos (IES “Sánchez Cantón” de Pontevedra), para as etapas inicial e republicana, e no arquivo do propio IES “San Paio” para o período 1950-2010. •

• BIBLIOGRAFÍA AA. VV., CL Aniversario do Instituto Provincial de Lugo, Deputación Provincial, Lugo, 1994, 190 pp. AÑOVEROS TRÍAS DE BES, Xabier, MARTÍNEZ GAMALLO, Loli, Los alcaldes de Tui del siglo XX. Historia de la ciudad a través de los plenos municipales, Gráficas Juvia, Tui, 2008, 326 pp. AÑOVEROS TRÍAS DE BES, Xabier, Mosaico de historias tudenses, Xunta de Galicia, 2005, 135 pp. COSTA RICO, Antón, Historia da educación e cultura en Galicia, Xerais, Vigo, 2004, 1245 pp. FERNÁNDEZ DE LA CIGOÑA NÚÑEZ, Fco. J., Os bispos de Tui no século XIX, AGCE, Vigo, 2006, 140 pp. FORTES BOUZÁN, Xosé (coordinador), O Instituto de Pontevedra. Século e medio de historia, Deputación Provincial, Pontevedra, 1997, 286 pp. IGLESIAS ALMEIDA, Ernesto, La imprenta en Tui, Juvia, 1995, 157 pp.


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.