EXTRA DÍA DA MULLER
AFONSO ESTEVES, Cecilia, Elas, Kalandraka, Pontevedra, 2010, 36 pp. Mención especial do xurado do II Premio Internacional Compostela de Álbum Ilustrado. Un canto ao feminino. Un texto poético e cheo de musicalidade, que se complementa cunha linguaxe plástica limpa, clara e suxerente, de ilustracións sereas e delicadas, con cores suaves; imaxes de gran valor simbólico. Elas viven no fondo. No fondo do bosque, da montaña,do deserto, do río...
ALEIXANDRE, Marilar, A filla do Minotauro, Galaxia, Vigo, 2018, 188 pp. O papel da muller na sociedade, a necesidade de preservar o patrimonio, a falta de valoración do que moitas persoas arriscaron para acadar bens para a humanidade, o poder da mafia, as violacións das mulleres, as folgas pola explotación e morte de nenos e nenas son algúns dos temas que trata esta novela na que se mesturan tempos mitolóxicos e tempos da 2ª Guerra Mundial.
ALEIXANDRE, Marilar e PEDREIRA, Emma, Juana de Vega: a muller que desafiou o seu tempo, Galaxia, Vigo 2022, 115 pp
A historia de Juana de Vega é a dos repetidos intentos de revolución liberal ao longo do seculo XIX, da Constitución de 1812 aos pronunciamentos de Porlier, Del Riego, Torrijos e Solís e os mártires de Carral, que os seus protagonistas pagaron coa vida. Juana, o seu home, Francisco Espoz y Mina, e os seus pais, participaron nestes intentos, o que lles custou multas, cárcere e exilio. Juana de Vega converteu a súa casa da Coruña nun centro intelectual e político e ideou formas de participación na vida pública nun tempo en que isto estaba prohibido ás mulleres. Deixou tamén unhas Memorias que complementan as súas accións en defensa das liberdades coas xustificacións desa loita, e conseguiu amosar que as batallas polas causas perdidas son semente de futuro.
CAJARAVILLE, Héctor, Denébola a Roxa, Baía Edicións, A Coruña, 2016, 197 pp. Cando fai quince anos, Denébola recibe a noticia de que o seu pai decidiu enviala como noviza a un convento de clausura. Pero a moza loitará por un futuro diferente. Marcada pola superstición asociada á súa cabeleira roxa, buscará o modo de rexerse polos seus propios principios e tomar as rédeas do seu destino. Na súa viaxe á procura da liberdade acabará chegando a América, un Novo Mundo no que todo está por facer e onde é posible converter en realidade o soño de trazar o seu camiño na vida. Ao longo da novela asistimos á transformación da protagonista nunha muller que se rebela contra os prexuízos, convencións e costumes do seu tempo. Nunha época en que as mulleres están subordinadas por completo aos designios masculinos e condenadas a un papel de submisión, Denébola agarra con forza o temón da súa vida e acaba sendo primeiro capitá dun barco pirata e logo propietaria dun dos maiores consorcios para o transporte de mercadorías entrambas as beiras do Atlántico. Esta novela reflicte o desafío dunha muller brava nun mundo de homes. Un exemplo de como a afouteza e a perseveranza conseguen derrubar todas as barreiras.
CARIDE, Ramón, As músicas viaxeiras, Xerais, Vigo, 2021(2ª ed.), 144 pp. Antes as princesas vivían fechadas en torres mentres agardaban a chegada de príncipes azuis. As pandeireteiras, pola contra, tiñan que buscar a vida polos camiños... Con todo, nin moitas das mulleres se resignaban ao seu destino nin todas as princesas se conformaban con non poder ver o mundo cos seus propios ollos. Aínda que daquela había homes ruíns nas encrucilladas e nas tabernas, ou en pazos baixo da terra, tamén había mozas que loitaban para poderen ser elas en liberdade. Esta historia pon en valor a emancipación feminina a través de princesas rebeldes e de pandeireteiras ventureiras que tentan vivir as súas vidas en liberdade.
CONDE, Lorena,Velloucas & Minchas, Cuarto de Inverno, 2020, 184 pp.
A novela narra as vivencias de Sofía, unha adolescente que vai pasar o verán á casa da avoa Rosa en Veigamoa; unha aldea cun ambiente enrarecido, os veciños escapan da súa avoa pola rúa, de noite recíbense chamadas misteriosas Ante iso, Sofía tenta facer o posible por axudar á avoa e ás súas amigas, nun exercicio de sororidade e de acompañamento entre mulleres.
EQUIPO PLANTEL, As mulleres e os homes, (ilustracións de Lucía Gutiérrez), CatroVentos Editora, 2018, 48 pp. A pesar dos avances experimentados, esta obra escrita hai 45 anos mantén unha indubidábel actualidade. En efecto, desde 1978 até 2023 producíronse moitos cambios, e, por sorte, case sempre para mellor. (Os lectores de máis idade han poder comprobar agora eses cambios ao leren este libro.) Así e todo, as mulleres non só non desfrutan de moitos privilexios que semellan reservados para os homes, senón que seguen a sofrer en todo o mundo grandes discriminacións.
EGUÍA, Xan, Supremas. Mozas mitolóxicas, Editorial Bululú, 2019, 68 pp. Se un libro sobre mozos extraordinarios poden e deben lelo mozos e mozas, por que non un libro sobre mozas mitolóxicas? Atenea, Perséfone, Batwoman, a Princesa Leia, Katniss Everdeen, América Chávez son mulleres supremas, teñen moitas cousas en común pero sobre todo valores imprescindibles.
ERNAUX, Annie, El acontecimiento, TusQuets, Barcelona, 2022, 119 pp En outubro de 1963, Annie Ernaux atópase na cidade de Ruán estudando filoloxía, cando descobre que está embarazada. Desde o primeiro momento non lle cabe a menor dúbida de que non quere ter esa criatura non desexada. Nunha sociedade na que se penaliza o aborto con prisión e multa, Annie Ernaux atópase soa; ata a súa parella desenténdese do asunto. Despois de pasar por varios médicos que pechan os ollos ante o seu problema, e de tentar pedir axuda entre os seus coñecidos e amigos, consegue que unha muller que pasou pola mesma situación lle dea a dirección dunha «abortera» en París e mesmo lle preste a enorme suma de diñeiro que necesitará. Annie Ernaux non só se atopará desamparada, senón que chegará a sentirse discriminada fronte a unha sociedade que lle volve as costas, e terá de loitar soa fronte ao profundo horror e dor dun aborto clandestino. Pronto estará traducida esta novela ao galego en Rinoceronte Editora.
FERNÁNDEZ DÁVILA, Fran, O bosque do duque ´s Hertogenbosch, Galaxia, Vigo, 2022, 222 pp.
Sabine é unha rapaza galega nos Países Baixos que bota de menos Galicia, sobre todo as súas avoas. Axudada polos seus amigos Wilko, Jeroen e Anja, Sabine loitará non só pola súa identidade, senón tamén pola vida, cun conxunto de fortalezas que non sabía que tiña dentro.
HESSE, María, El placer, Lumen, Barcelona, 2021, 159 pp
Delicado e visceral, como o pracer que exalta: así é este libro, o máis íntimo e persoal de María Hesse. Nel cóntanos como foi o seu camiño cara ao espertar sexual, unha senda tortuosa sementada de culpa, vergoña e descoñecemento, que sorteou grazas a unha insaciable curiosidade e ao sabio exemplo de mulleres que souberon explorar o misterio e o poder da sensualidade, enfrontarse aos prexuízos da súa época, dar un nome ao que carecía del, e iluminar o roteiro do pracer para que outras o percorresen máis lixeiras. Mulleres de carne e óso ou de ficción, como Lilith, María Magdalena, Safo, Eve Ensler, Colette, Anaïs Nin, Simone de Beauvoir, Anne Sexton, Mata Hari, Betty Dodson, Marilyn Monroe, Erika Lust e mesmo Daenerys Targaryen: grazas a elas Hesse trazou un mapa do pracer feminino para que agora o exploremos todas.
KÜHN-BODE, Heidi, Tres mulleres do seu tempo, Baía Edicións, A Coruña, 2009, 168 pp.
Tres divertidas pezas teatrais nas que a autora mestura con naturalidade o real e o fantástico. Imaxinas como sería a vida de Brigantia, unha artista galega do século XVIII que chegou a pintar na catedral de Colonia? E a de Xoana de Vega, unha intelectual coruñesa educando princesas en Madrid? Pensas que María Casares soñaba de nena con ser unha grande actriz e triunfar en París? Para coñecer a resposta a estas preguntas le esta obra.
LÓPEZ SÁNDEZ, María, A noite da deusa, Galaxia, Vigo, 2020, 220 pp. Unha comunidade secreta traballa desde tempos antigos para construir prezados obxectos que outorgan poder ás mulleres. Vestidos tecidos en antigos aquelarres, alfaias feitas con metais e pedras semidivinas foron pasando de xeración en xeración co máximo secretismo. Se os sete obxectos máxicos se xuntan no día do solsticio no espazo sagrado das antigas deusas, unha conxunción de forzas dará orixe a unha nova era en que por fin as mulleres camiñarán ao lado dos homes. Pero Andros, o vello feiticeiro, conspira para evitalo. Só cando os sete obxectos máxicos estean xuntos sobre a mesma muller poderán ser vulnerábeis á destrución.
MAURICIO, Enrique, Un ronsel de Ardora. Pequena biografía de Ángeles Alvariño (ilustracións de Carlos Taboada) Lela Edicións, 2016, 32 pp. Achegamento á vida e obra desta prestíxiosa científica galega que dicía que hai que: “levar ao nenos e nenas á magnífica catedral natural, con paseos polo campo, praias e forestas…”
MOREIRAS, Ana, Madialeva, Aira Editorial, 2020, 128 pp. Primeiro título da colección ‘Mulleres Ilustradoras’, que propón banda deseñada con perspectiva de xénero. Quen foron as mulleres galegas que cosían a roupa que conquistou o mundo? Que soños gardaron os emigrantes que deixaron a aldea na procura de prosperidade? Unha novela gráfica sobre as voces baixas da nosa historia recente.
PINTOS, Xoana, Tiven a chave, a bicicleta e os catro libros. Primeiras científicas na Universidade de Santiago, Galaxia, Vigo, 2020, 180 pp.
A entrada das mulleres na universidade foi un exercicio arduo pois tiveron que loitar contra prexuízos e argumentacións pseudocientíficas que xustificaban a discriminación feminina. Estas pioneiras fixeron un traballo cheo de dificultades, mais tamén de éxitos innegables.
QUEIZÁN, María Xosé, Emilia Pardo Bazán. Unha nena seducida polos libros, Xerais, Vigo, 2014, 112 pp.
Recomendada pola Guía de literatura infantil e xuvenil para a igualdade esta biografía presenta a vida e obra de Pardo Bazán dun xeito sinxelo e entretido e contextualizada na súa época. Inclúe unha cronoloxía e unha escolma de textos que completan o perfil desta gran narradora e pensadora galega da que di María Xosé Queizán: «Emilia Pardo Bazán nace cun don: a curiosidade, o afán de saber. É filla única e os seus amigos van ser os libros. Le todo o que encontra, incluso os papeis de envolver as pedras de azucre...»
REY, Manuel e ROLLAND, Eduardo, Pioneiras da ciencia en Galicia, Galaxia, Vigo, 2021, 246 pp
Ser muller sempre foi algo difícil. Abrirse camiño profesionalmente, aínda máis. E moi en especial en sectores moi masculinizados, como o da investigación científica. Este libro aborda o papel xogado polas pioneiras da ciencia no noso país. Conta a súa epopea para ser tomadas en serio nese mundo de homes en que se dubidaba da capacidade intelectual das mulleres para poder entender as máis básicas cuestións da vida. No camiño que aínda nos queda por percorrer para chegar a esa igualdade, tamén no eido científico, as mulleres que aparecen neste libro resultaron esenciais. Investigadoras, teóricas, estudo… todas elas puxeron as bases para que hoxe unha investigadora non sexa unha rareza dentro dun laboratorio.
SERANTES, Arantxa, O valor das ideas: a precursora do libro electrónico. Pequena biografía de Ángela Ruíz Robles, (ilustracións de Tania Solla), Lela Edicións, 2018, 32 pp.
Esta mestra e inventora chegou a Galicia en 1918 e aquí imaxinou como podería ser a ensinanza do futuro. Súas son estas verbas: “A inquietude apodérase de min cando me dou conta de que podo participar en que a humanidade aprenda.”
TSJENG, Zing, Mujeres olvidadas: las científicas, Oberon. Madrid., 2020. 224 pp
Homenaxe a 48 heroínas anónimas da ciencia, cuxos descubrimentos (enormemente importantes, aínda que na súa maioría non fosen recoñecidos) transformaron a nosa visión e comprensión do mundo científico que nos rodea; como Mary Anning, a paleontóloga afeccionada cuxos descubrimentos de fósiles cambiaron o pensamento científico sobre a historia da Terra, ou Emmy Noether, que foi descrita como “a matemática máis formidable da histo-
Mulleres imprescindibles: educadoras na vangarda do século
, Kalandraka, Pontevedra, 2022, 221 pp
Monografía coral que pon de relevo o legado de nove mestras conscientes da transcendencia humanizadora e cultural da educación para lograr unha sociedade máis xusta, libre e solidaria. O libro pon de relevo o protagonismo dalgunhas das mulleres máis importantes da nosa recente historia educativa (Rosa Sensat, María Barbeito, María de Maeztu, María Luísa Navarro, María Sánchez Arbós, Justa Freire, Elbira Zipritia, Marta Mata e Carme Miquel), un protagonismo que sempre existiu aínda que permanecese oculto durante moito tempo.
VÁZQUEZ ÁLVAREZ, David D., Ninguén nace antetempo..., Baía Edicións, A Coruña, 2013, 344 pp.
A situación da muller sempre foi inferior á do varón. A loita pola súa condición de igual aos homes comezou coa humanidade mesma, é unha pelexa que empeza nos albores da prehistoria. Zor e Mae, unha parella de rapaces, descobren que existe algo máis que violencia no acto de apareamento, na submisión amosada polas femias do clan. Danse conta ao mesmo tempo de que as frecuentes malleiras que as femias reciben non teñen razón de ser. Xuntos experimentan unha morea de sensacións descoñecidas. Intúen a existencia dun novo sentimento que ninguén aceptará. As súas ideas resultan inadecuadas e ameazantes para os machos do grupo que mesmo rematan por condenalos ao desterro, ante a crenza de que estaban posuídos polos malos espíritos.