Cinexornal nº 13

Page 1

AS COMBATENTES (Alexandre Laurent; Francia, 2022; serie de 8 capítulos de 50´, Netflix)

Francia 1914. Inicios da I Guerra Mundial. Mentres as tropas alemás avanzan e os homes parten cara á fronte, as vidas de catro mulleres - sen nada en común - crúzanse para axudar aos máis necesitados e tentar paliar as consecuencias da guerra nos fogares: Caroline, que debe poñerse ao mando da fábrica familiar; Marguerite, unha prostituta parisiense; Suzanne, unha enfermeira defensora do feminismo e Agnes, nai superiora dun convento confiscado que funciona como hospital.

I AM FEMEN (Alain Margot; Suiza, 2014; 94´)

Documental sobre ás activistas de "Femen", un dos movementos feministas máis transgresores dos últimos anos. Oksana Shachko é unha activista e artista creadora e promotora do movemento Femen. Entre unha necesidade imperiosa de crear e unha arraigada vontade por cambiar o mundo, co-fundou o famoso grupo de mulleres activistas, que a levou desde o seu natal Ucraína aos catro recunchos de Europa. Historias de novas mulleres que loitan pola liberdade de expresión e a democracia.

A LEI DE LIDIA POËT (Letizia Lamartire, Matteo Rovere; Italia, 2023; serie de 6 capítulos de 40´, Netflix)

Na Italia,de finais do XIX. unha sentenza do Tribunal de Apelacións de Turín declara antirreglamentaria a admisión de Lidia Poët no Colexio de Avogados, o que lle impide exercer como letrada polo mero feito de ser muller. Sen perder o orgullo a pesar da súa precaria situación económica, a moza consegue un emprego no bufete do seu irmán Enrico mentres prepara o recurso de apelación da sentenza. Lidia demostra ser unha profesional adiantada ao seu tempo, que recorre a un enfoque pioneiro para axudar aos sospeitosos: investigar a verdade e desbotar as aparencias e os prexuízos. Jacopo, cuñado de Lidia e misterioso xornalista, pásalle información e ábrelle camiño polos mundos ocultos que axexan baixo o ouropel e a ostentación de Turín. Esta serie basáse na historia real de Lida Poët, a primeira muller avogada de Italia que naceu en 1855, nos Alpes italianos, e que só puido exercer a avogacía durante tres meses ao ser inhabilitada polo fiscal do Rei, afirmando que as mulleres non tiñan cabida no mundo da xudicatura. A súa inhabilitación deu lugar a un movemento para permitir que as mulleres exercesen a avogacía e ocupasen cargos públicos en Italia. Finalmente en 1920, con 65 anos, foi readmitida no colexio nacional de avogados de Italia.

BOLETÍN DO EQUIPO DA BIBLIOTECA 8 MARZO 2023 Número 13

MARÍA CASARES: A MULLER QUE VIVIU MIL VIDAS (Xavier Villaverde; España, 2022, 102´)

Documental sobre María Casares, unha muller cuxa vida queda marcada pola guerra civil e o exilio a Francia. Viviremos xunto a ela os feitos históricos máis relevantes do século XX en Europa, nunha vida na que se cruzan figuras culturais de primeira orde. Comprometida e incansable no seu traballo, María Casares busca sempre propostas escénicas audaces e arriscadas que a acabarán convertendo nunha das actrices máis aclamadas do cinema e o teatro francés.

MEMORIAS DUNHA ESCRITORA (Dunja Gry Jensen, Jeanette Nordahl; Dinamarca, 2022; serie de 6 episodios de 45´, Filmin)

Ambientada nos anos 30 do pasado século, retrata o período no que Karen Blixen (a autora de Memorias de África, Alfaguara, 2002, 408 pp.) regresou ao seu fogar en Dinamarca tras 17 anos como terratenente dunha plantación de café en África. Sen cartos, doente, divorciada e cos seus soños desvanecidos, Blixen descubriu unha oportunidade de rexurdimento coa escritura das súas propias vivencias en Kenya.

AS MESTRAS DA REPÚBLICA (Pilar Pérez Serrano; España, 2013, 63´)

As mestras republicanas foron mulleres valentes e comprometidas que participaron na conquista dos dereitos femininos e na modernización da educación, baseada nos principios da escola pública e democrática. Este documental a través da recreación dunha mestra da época, e imaxes de arquivo inéditas, descóbrenos o marabilloso legado que nos deixaron as mestras republicanas e que chegou ata os nosos días. Articulado en base a testemuños de investigadores e familiares, imos coñecer o momento histórico que viviron estas docentes e a súa participación na transformación social do noso país a través da educación.

MISS MARX (Susanna Nicchiarelli; Italia, 2020, 103´)

Eleanor, a filla menor de Karl Marx, está á vangarda da promoción do socialismo no Reino Unido, participando nas loitas dos traballadores, loitando polos dereitos das mulleres e a abolición do traballo infantil. En 1883, coñeceu a Edward Aveling, un dramaturgo con talento mais un home egoísta e derrochador. Mentres tenta endebedarse e consumir o legado que Engels lle deixou a Eleanor, Edward non se dá conta de que tamén consome toda a existencia da súa devota compañeira, quen, aínda que consciente de que ela está a experimentar a mesma "opresión moral" imposta polo patriarcado e condenada por ela, é incapaz de redimir a súa propia felicidade e, en última instancia, nin sequera a súa propia vida. En 1898, Eleanor perde toda a enerxía e, adicta ao opio, suicídase.

A MULLER ILEGAL (Ramon Térmens; España, 2020, 118´)

Fernando Vila é un avogado que axuda a inmigrantes a conseguir os seus permisos de residencia. A morte de Zita Krasniqi, unha clienta kosovar de Fernando, no interior das instalacións dun Centro de Internamento de Estranxeiros cámbiao todo. Fernando decide aliarse con Fátima, unha activista musulmá, para aclarar as circunstancias desta turbia morte que a burocracia do centro arquivou como “suicidio”. Neste proceso coñece a Juliet Okoro, amiga de Zita, que está atrapada por unha mafia que a obriga a prostituírse. Fernando implícase para liberar a Juliet da mafia e legalizar a súa situación, pero atópase cun rival sen escrúpulos: Oriol Cadenas, un comisario de policía corrupto e racista que sente debilidade por Juliet.

Páxina 2 Número 13 – 8 MARZO 2023

A MULLER QUE SOÑABA CON NÚMEROS (Mirella R. Abrisqueta; España, 2020, 70´)

María Andresa Casamayor no ano 1738 escribiu Tyrocinio Aritmético, unha obra educativa que pretendía que persoas sen estudos puidesen aprender matemáticas. Este documental reflicte as dificultades ás que as mulleres que se quixeron dedicar á ciencia atoparon ao longo da historia. Intercalando realidade e ficción retrátase a Andresa Casamayor e a outras personalidades do século XVIII como o conde de Aranda, Ramón Pignatelli ou Josefa Amar e Borbón. A historia de Andresa mestúrase coa historia dun pequeno grupo de teatro ficticio que trata de sacar adiante unha obra dedicada a ela. En paralelo, un importante grupo de científicos e historiadores achegan datos fundamentais para coñecela a ela e o contexto histórico no que viviu.

ÁS MULLERES DE ESPAÑA. MARÍA LEJÁRRAGA (Laura Hojman; España, 2022, 88´)

Crónica dun momento crucial na historia de España liderado por un grupo de mulleres brillantes e valentes que quixeron construír un futuro mellor, e cuxos soños de progreso foron abortados coa chegada da Guerra Civil.

Ficción documental que presenta a historia de María Lejárraga, escritora e pioneira do feminismo en España nos anos 20 do século pasado, cuxa produción viu a luz baixo o nome do seu marido, Gregorio Martínez Sierra. Esta dramaturga foi ademais deputada e fundadora de proxectos pioneiros para os dereitos e as liberdades da muller.

A PALABRA XUSTA (Miguel Piñeiro; España, 2016, 71´)

O vindeiro 30 de marzo celebraremos o primeiro cabodano de Antía Cal “Tita”, un bo momento para visionar este documental. Tita, con 92 anos fai unha viaxe polas súas lembranzas. A través das súas fotografías, a paisaxe que rodea a casa e a memoria do seu marido Antón Beiras, conta a súa historia. Así, relata como foi unha muller pioneira nos anos sesenta fundando un colexio de pedagoxía en Vigo, cando nesa época non se consideraba importante a educación para menores de 7 anos. Un relato de amor e educación, sobre a complexidade de fundar unha escola laica, igualitaria e que impartía clases en distintas linguas, sendo muller na España da década dos sesenta.

SANTOALLA (Andrew Becker, Daniel Mehrer; USA, 2016, 83´)

Este documental recolle os acontecementos vividos polos holandeses Martin Verfondern e a súa muller Margo Pool que, a finais dos 90, abandonando o bulicio de Amsterdam se instalan na comarca de Valdeorras, cativados pola paisaxe e tranquilidade do lugar. A boa relación entre eles e a única familia que habitaba a aldea muda cando se produce unha disputa polos dereitos do monte comunal, un terreo dunhas 400 hectáreas que rodea o lugar. Tras anos de enfrontamentos, Martin comeza a utilizar unha cámara para rexistrar tanto escenas da súa vida cotiá coma os problemas que xorden cos veciños. No documental vemos o tesón, fortaleza e enteireza que mostra Margo Pool ata descubrir o que lle pasou a Martin. A laureada película As Bestas (Rodrigo Sorogoyen; España, 2022; 137´) recrea tamén esta historia.

POR SER MULLER (Mercedes Resino; España, 2021, 60´)

A cantante Julia León e a profesora Luisa Postigo, de familias de Falanxe e do Opus Dei, foron pioneiras do feminismo en Madrid con Franco aínda no poder. Formaron parte do Partido Comunista na clandestinidade e romperon cos códigos familiares e sociais do momento. As dúas protagonistas deste documental explícannos, a través das súas vivencias persoais, a situación sociocultural da muller en Madrid, desde os anos 50 ata a actualidade. É un percorrido -non exento de humor - desde a súa infancia, no seo de familias conservadoras, relixiosas e de dereitas, pasando polo tipo de educación represiva e retrógrada da Sección Feminina, dirixida á submisión da muller, e as dificultades para saír desas contornas.

Páxina 3 Número 13 – 8 marzo 2023

SEXIFY (Kalina Alabrudzinska, Piotr Domalewski; Polonia, 2021; serie de 8 capítulos de 50´, Netflix)

Natalia, unha moza sen ningunha experiencia sexual debe crear unha aplicación de móbil sobre o orgasmo feminino para gañar un concurso tecnolóxico universitario. Xunto a dúas amigas, Paulina e Monika, con máis experiencia que ela, dedicarase a explorar o mundo das relacións íntimas para conseguir o algoritmo perfecto que faga funcionar a aplicación. Esta serie abraza o feminismo, aborda o empoderamento feminino e a franqueza sobre a sexualidade desterrando os seus mitos.

SIMONE, A MULLER DO SÉCULO (Olivier Dahan; Francia, 2022, 140´)

Retrato da vida dunha muller que cambiou o mundo e supuxo un antes e un despois na política internacional. Simone Veil (1927-2017) é todo un emblema: sobrevivente do Holocausto, foi ministra de Sanidade de Francia durante cinco anos, para despois chegar a converterse na primeira muller en presidir o Parlamento Europeo de Estrasburgo e máis tarde ser membro do Consello Constitucional de Francia.

TÁR (Todd Field; USA, 2022, 158´)

Película que conta a vida de Lydia Tár, considerada a nivel mundial como unha das mellores no seu oficio, e como logrou converterse na primeira muller directora dunha gran orquestra de música alemá. Tár narrará o seu momento de maior crise, tanto creativa como persoal.

A famosa directora de orquestra Lydia Tár está a só uns días de gravar a sinfonía que a levará ás alturas da súa xa formidable carreira. Petra, a filla adoptiva de Tár, de seis anos, ten un importante papel na tarefa. E cando os elementos parecen conspirar contra Lydia en crise creativa e persoal, a nena é un apoio emocional fundamental para a súa nai.

VALEROSAS (Mai Nguyen, Carlotte Cambon de la Valette; Francia, 2020, serie de 20 episodios de 3½´, Filmin)

Serie de animación baseada nos libros ilustrados de Pénélope Bagieu (Valerosas 1, Dib Buks, 2017, 144 pp., Valerosas 2, Dib Buks, 2017, 168 pp.) Un retrato, con carácter didáctico, de 30 mulleres de diferentes épocas e nacionalidades que contribuíron a cambiar o mundo. Marie Curie, Simone de Beauvoir, Virginia Woolf, Josephine Baker, Margaret Hamilton, Nellie Bly ou Wu Zeitan son algunhas das mulleres retratadas en Valerosas. Todas elas, armáronse de valor para antepoñerse ás adversidades e conseguir alcanzar os seus soños. Sempre co obxectivo de avanzar cara ao mundo que querían.

Páxina 4 Número 13 – 8 marzo 2023

Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.