ESCOLMA
SEOANE, Xavier, Razón del desencanto. Razón do desencanto, Reino de Cordelia, Madrid, 2021, 261 pp.
Escolma
Novembro 2021
Luz que declina CHEGA un día en que para a alegría se fai tarde e o destino enumera os seus fracasos. Tempo en que o sol comeza a ir baixo, a luz non cega tanto e o peito sabe de aprehensións e a experiencia de desencanto. Como un exército que se reprega a inocencia retírase ás súas últimas praias. Non pousaron aínda sobre as árbores as aves agoireiras, mais xa unha lúa lenta sabe que a noite chega e comezará a xeada. (pp. 92-94)
Sic transit gloria mundi QUE POUCO dura a vida. Pérdense as ilusións. Os anos pasan. A mocidade foxe. Até as paixóns se apagan e o amor acumula as súas decepcións. A forza, a beleza, a alegría: todo desaparece, todo morre. Un vago instante, unha trémula luz e todo é sombra. Inexplicables como a vida e a morte son as penas e angustias do corazón. (pp. 96-98)
Equipo de Biblioteca e Club de Lectura “Pedra do Acordo”
1
IES “San Paio”
Escolma
Novembro 2021
O MISTERIO DA VIDA é ver como se vai sen que nada poidamos facer para retela nas nosas mans. Onde foi, preguntámonos. Que foi dela, onde está? E esa ausencia de resposta deixa en nós un baleiro inconsolable. E o tempo prosegue o seu naufraxio sen présa, sen grandeza, inalterable, a golpes de monótono tic-tac. (páx. 100)
Do destino O TEMPO escava a nosa inexistencia e anuncia o noso tránsito. Despóxanos da riqueza dos días, dos obxectos e os seres que nos acompañaron. A vida, chegada certa altura, carece de piedade. E un día somos conscientes de que a morte agarda e non nos furtaremos ao seu ditado. Cremos ser reis dun mundo mais unha gadoupada da fortuna nos arrebola ao foxo nun instante. Un golpe de azar non esperado, unha incidencia, unha enfermidade e todo o noso urdir resulta en van. Equipo de Biblioteca e Club de Lectura “Pedra do Acordo”
2
IES “San Paio”
Escolma
Novembro 2021
No xogo do destino, no seu cego fulgor inexplicable, todo, nun só instante, nos será arrebatado. E non haberá nunca outra oportunidade.
(pp. 106-108)
Cemiterio de Oleiros ESTE SILENCIO convida a repousar. Aquí están os mortos que amo. Quizais aquí algún día as miñas cinzas descansarán. Debería ir facéndome a este silencio que só o merlo interrompe na distancia? Será doce soñar na compañía dos altos alciprestes, das tuias verdes, graves? O tumulto do mundo cesa aquí, os soños, os labores dos homes e as cidades. Non. Talvez non sexa un mal recanto para soñar. Talvez este silencio é unha estación de paso no reino da ave branca que cruza a eternidade sen nunca repousar.
(pp. 116-118)
Na morte da miña nai FORON DÍAS MOI DUROS os previos a túa morte. Días de inverno, escuros, sen présa nin rancor. A vida, en realidade, non ten misericordia para quen fan as quendas no leito a alguén que morre. Equipo de Biblioteca e Club de Lectura “Pedra do Acordo”
3
IES “San Paio”
Escolma
Novembro 2021
Gardo aínda no recordo a penumbra, o silencio, o goteo do líquido, o paso lento das horas. Tardábanos que a morte non chegase. Non queriamos verte sufrir, ollar un mundo que se apagaba para sempre nos teus ollos. Até para morrer, cómpre ter sorte. Esteas onde esteas, se puideres, recórdanos. Aquí prosegue a vida, sen présa nin rancor. A túa ausencia é tanta, que a luz nos sabe a pouco e a alegría esqueceuse para sempre de nós. (pp. 120-122)
Do recordo imposible NON SEI SE RECORDAR é un don dos que morreron. Oxalá non o sexa, pois beb triste ha de ser relembrar as persoas que algún día se amaron. Hai neste camposanto un silencio clemente, propicio a recordar. E a alegría das flores nos canteiros de mármore quizais adoce o frío dos ósos que descansan. A morte é un misterio, un muro silencioso e impenetrable, unha sombra, un silencio que desafía os soños e violenta as palabras. Quizais, quizais sexa mellor que os mortos non poidan recordar. Que o misterio das lágrimas lles estea vedado. E que todo consista en descansar. (pp. 128-130)
Equipo de Biblioteca e Club de Lectura “Pedra do Acordo”
4
IES “San Paio”
Escolma
Novembro 2021
Na tumba de sir John Moore SOBRE A TUMBA de Moore deixan caer as follas os olmos centenarios. Meu xeneral, triste é o que acontece aos destinos humanos. Un instante no mundo, un só instante e a muda eternidade por descanso.
(páx. 154)
Ocaso COMO SE CALMA o vento. Que calado está o mar. Polas abas dos montes, non abala unha árbore. Unha gaivota pérdese no infinito das augas. Unha silueta escura, na varanda, de costas contra o mar, contempla as ondas rizarse levemente antes de se apagar. Na sombra avanza a lúa, maxestosa, branca. (pp. 162-164) Dun estraño acubillo QUE ESTRAÑO este misterio de vivir antes de que o destino nos borre para sempre na eterna inexistencia, no mudo esquecemento. Entre a ausencia e o silencio a nosa vida é un relampo moi breve. E ninguén logra nunca comprender por que tan pouca vida entre tanta intemperie. É o porqué de vivir. E a razón de morrer.
(páx. 192)
Equipo de Biblioteca e Club de Lectura “Pedra do Acordo”
5
IES “San Paio”
Escolma
Novembro 2021
Pregaria SE NON COMIGO, oh vida, sé piadosa con esa velliña dos cartóns que tanto se parece á miña avoa. Empúrralle o carriño, mételle na faltriqueira un pouco de independencia económica e, se non podes darlle unha familia, outórgalle un asilo con dous xantares diarios, asistentas solícitas e boa calefacción. Se non é así, vida, abandónaa para que a morte, máis xenerosa ca ti, empurre o seu carriño até os vastos asilos de ceos máis piadosos. (pp. 206-208)
Blues da derrota ONDE foron tantas cancións de moda que o tempo arrebatou e nos estremeceron un tempo o corazón? Que foi de Léo Ferré, de Jacques Brel, do sarcasmo dun mozo enxoito e melancólico de Minnesota, da tristeza sen fin dun canadense chamado Leonard Cohen? Que do arrebato do Hotel California e de tantas cancións que incendiaron os corpos coa trallada dunha vida mellor? Que das efémeras melodías oídas en discotecas de pomposa retórica e radios obsoletas que o tempo desdeñou? Que Equipo de Biblioteca e Club de Lectura “Pedra do Acordo”
6
IES “San Paio”
Escolma
Novembro 2021
dos discos que xiraron coa alegría tempestuosa dos anos mozos? Quen pode devolvernos un pasado de rapazas alegres, de desexo, de amor? Quen aquela loaira de rebeldía e de liberación que nos encandeaba a todas horas? Onde agradecer a fortuna de non ter sido destruído polos falsos paraísos que trouxeron as drogas? Que azar da ruleta do destino fai que esteamos vivos, cando tantos de clara intelixencia e vivos soños foron arrebatados polas garras da destrución? Recordas a Otis Redding cantando solitario no peirao como un lobo ferido e melancólico? E aqueles sons do silencio que profetas escuros murmuraban no metro a un deus cego e agónico? Todos queriamos, como Janis Joplin, un Mercedes, un Porsche. Todos desexabamos esfuracar o sheriff, subir as escaleiras dos ceos máis rabiosos, galopar como facos na tormenta, contemplar o envés da lúa misteriosa... Se ningún deses soños se cumpriu, non culpes os teus deuses. Houbo outras instancias, viñeron outros tempos, vagas vitorias, severas derrotas. Mais ninguén poderá xa nunca arrebatarnos aquelas emocións. Os soños que expresaban unha vida mellor que o tempo nunca trouxo. (pp. 234-240) Equipo de Biblioteca e Club de Lectura “Pedra do Acordo”
7
IES “San Paio”
Escolma
Novembro 2021
Provenza atlántica ONDE FORON os poetas e xograres do meu país infausto? Por que deixaron de cantar? Por que desertaron das súas esperanzas? Como puido vencelos o tránsito dos séculos, a penuria dos anos? Tan viles son quen rexeron os destinos da patria que os antigos señores da palabra decidiron calar? Están desertos os camiños. Non hai cantos ao fondo dos bares e das tascas. Non bate cunca contra cunca na Riboeira Sacrata. Que foi daqueles que afagando a beleza no fondo das súas almas celebraron a arte da amizade e trobaron de amor e trobaron de escarnio? Onde foron os humildes poetas de antano, os lascivos e pícaros xograres? Que foi de Martín Códax? E de Pero Meogo? De Xohán Zorro? E Mendiño? E Airas Nunes, a flor e a gala do albor compostelán? Os seus laúdes repousan nos faiados ou foron malvendidos aos anticuarios. Os seus pergamiños roeunos a traza. Equipo de Biblioteca e Club de Lectura “Pedra do Acordo”
8
IES “San Paio”
Escolma
Novembro 2021
Nos cemiterios zumega un silencio de cal. As súas doces violas, as súas cítolas graves destruíunas o tempo desapiedado. Onde, onde foron os humildes poetas e xograres de antano? Quen devolverá as ilusións ás nosas tempas brancas? Volverán aos camiños aqueles fillos errantes? O Pórtico da Gloria está calado. Enmudeceron chirimías e gaitas na igrexa de Cambre. Os corvos, non os cervos, reloucan polos prados. Nas ondas non volveron a bañarse as rapazas. Un vento de elexía veu do mar e arrasou de salitre a lingua dos paxaros. Por Santiago, meu deus, non poderían retornar aqueles compañeiros entrañables, os ousados cantores da Provenza do Atlántico? Quizais só así as nosas frontes cansas poderían un día descansar nas almofadas de liño primoroso das avoas de antano. (pp. 250-256)
Dun certo epitafio I A VIDA, ás veces, é tan doce que cumprirá chorar na tumba dos amantes. Outras veces, tan dura e dolorosa, que até na tumba dos covardes e malvados cumprirá derramar bágoas. Equipo de Biblioteca e Club de Lectura “Pedra do Acordo”
9
IES “San Paio”
Escolma
Novembro 2021
II Viaxeiro que pasas: derrama sempre bágoas, porque a vida carece de piedade. E os deuses nunca, nunca consolan aos humanos. (páx. 261)
Equipo de Biblioteca e Club de Lectura “Pedra do Acordo”
10
IES “San Paio”