menchu lamas IG: @menchu.lamas
Cando a cor vibra O taller é o lugar dos encontros cromáticos. A enerxía da cor en expansión. A vida das formas na procura do acougo comunitario. Vieiros do inconsciente compartido, sentimento nas texturas da materia. A xeometría ten un pouso emocional e reflicte a resonancia dos espazos. Podemos sentir o trazo. As pezas están formadas por estratos: coma fusión de distintos rexistros onde a liña, espazo, mancha, azar, ritmo, contorno, materia conflúen ata xerar unha tensión dinámica na superfice. Nunha viaxe sensorial dende o substrato até a epiderme visual. Daquela teño a sensación de que o cadro está vivo e vai na procura doutras miradas. Interésame moito a mirada do exterior, que cada cadro teña miradas e concentre emocións diferentes: aí está a liberdade da obra de arte. A sensación de que o que ti pintas é única, pero a que recibe cada persoa tamén. A arte é un feito aberto onde o que se ten que ver é o interior de cada espectador, non só o interior do artista. A arte é unha síntese na complexidade do real. Para pintar uso as mans, porque percibo ao través dos sentimentos e dista maneira son as mans as que acariñan a pintura, arrastran e perfilan as líñas destinadas a se entrecruzar. Simbolicamente o elemento man é moi importante. As mans son como unha prolongación do corpo, é quizais a parte máis sensíbel, a que ten máis contacto co exterior. Ela é a que comunica o lado máis íntimo e interior do pensamento e das emocións como son o tacto, a sensibilidade, a caricia. O símbolo man xa aparecía na miña pintura dos anos oitenta pero agora agroma máis sintetizado, como unha pegada. A partir dun motivo interno que para min ten moita forza e me atrapa: traballo o cadro nun intento de apreixar o soño que levo dentro. A min sempre me interesou a cor e a pintura como materia: penso que isto dá toda a liberdade para facer o que se queira. Na arte penso que alén do medio que se utilice: o que conta é a capacidade para transmitir emocións e acadar unha obra intensa e plena. A pintura é unha ferramenta conceptual que ao tempo ten unha inmediatez insubstituíbel: está presente o corpo e a paixón da mirada. Interésame a pintura como proceso de abstracción simbólica. Formo parte dunha xeira de formas: apodérome delas. Para min as formas sintetizadas dánme liberdade para traballar dun xeito abstracto o cadro. A dialéctica figura/ fondo establece unha tensión sempre viva, nunha metamorfose cromática. Diferentes capas: unha parte máis simbólica convive xunta outra máis abstracta e xestual. Existe ademais logo a parte máis xeométrica (a que compón o cadro). 36