COUSAS DE - revista Nº3

Page 6

PÁXINA SEIS

ATLÁNTICA: 40 ANOS Por Luis Carlos de la Peña No verán de 1980 a Casa da Cultura de Baiona ubicada no vello hospital de caridade, na beira do Camiño a Santiago, transformábase daquela nun espacio diáfano forrado de paneis brancos e aberto a un amplo xardín interior. Baiona, naquela altura, trocaba os vellos oficios do mar polo turismo. O impulso modernizador do alcalde de entón, Benigno Rodríguez Quintas, operaba de xeito indiscriminado sobre todo aquelo que dera a Baiona novos pulos, alomenos nos veráns, entón tan fabulosamente longos e lentos. A aparición do milagre Atlántica foi unha máis das cousas sorprendentes que ocurrían de cotío no país, tamén en Baiona, e non só na esfera política. As cousas cambiaban dun xeito acelerado nos costumes, no ocio, na liberdade como fío conductor e no xurdimento da xuventude como feito sociolóxico diferencial e impulsor da modernización. Atlántica era a expresión da xuventude galega no eido artístico: a incipiente nova plástica galega. Pero non convén adiantar acontecementos. Si Baiona e Atlántica atópanse no camiño nas alturas de 1980 é porque –sempre as personalidades decisivas- unha persoa, Román Pereiro, pasa as vacacións na sua casa de Toutizal, no Loureiral baionés. Román, Mancho, Pereiro, é a persona providencial que xunta o ser e o tempo: Baiona, o vello hospital como espacio físico propiciatorio, a forza plural e imparable dos novos creadores galegos e “os momentos do cambio”, citados xa por Mancho no catálogo de aquela primeira exposición. Perto de trinta artistas desplegaron as súas pinturas, esculturas e instalacions no interior e no exterior do edificio. De Goyanes a Menchu Lamas, de Leiro a Lamazares, de Mantecón aos Patiño, Reimundo e Antón, e tantos outros nomes (Guerra, Baixeras, Quintana, Correa, Lodeiro, Moldes, Permuy, Silverio Rivas …), algúnss deles despois amigos e veciños estivais en Baiona. Non estaban sós: alí falaron Laxeiro e Torrente Ballester, e boa parte do mundo da cultura do país certificou o nacemento dunha nova expresión nas artes plásticas en Galicia e o inicio de diversas carreiras artísticas cheas de singulares lingoaxes expresivas e merecentes de xustos recoñecementos. Coarenta anos despois de aquel fenómeno apenas previsto, coarenta anos de experimentación e logros, son, doutra volta, unha boa oportunidade para as “recapitulacións”, como ben diría Román Pereiro. Os que tivemos a sorte de vivir aquel acontecemento primixenio ou ollaron as suas pegadas posteriores, celebramos este redondo aniversario. Como entón, como sempre, entre a lembranza e a nova esperanza.

6

cousas de


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.