3 minute read
por Carlos Méixome
FÓISENOS A MEMORIA
Por Carlos Méixome
Advertisement
No medio deste andazo que nos ten confinados, enclaustrados ou encarcerados, a tristeza asolagou aquela á que botaron “... a este mundo en orfandade,/orfa naciches e orfa vas seguir/por este mundo adiante, /escorada a unha banda e sen amarras” (...) “pois as amarras túas,/nun afastado antonte,/foron cortadas con brutalidade,/ por iso desde entón vas escorada”. A “abandonada filla do mar” 1 , ficou privada de memoria. Aquela que exercía con prudente distancia, vontade inquebrantábel e sen renuncia algunha. Aínda non hai moitos días que pechei a última páxina da nova d´A ilusión e esperanza 2 ampliada. A súa colección de retratos de amizades, ao xeito do libro dos amigos 3 do seu querido e admirado don Ramón, no que con elegancia rememora a “experiencia vivida”, como diría Benjamin, para transmitila a quen procura aquela que “Nin do teu nome mesmo estás moi certa./ Nada certo da túa orixe sabes”. Sempre me chamou a atención a estraña afección, no ámbito da cultura e da política galegas, ao libro de conversas en contraste co escaso cultivo do texto autobiográfico ou “libro de memorias”. Nada máis que dicir. Só que a receita da “conversa con” parte do inocente engado, perpetrado coa aquiescencia da persoa entrevistada, da benévola actitude, por non empregar un termo máis contundente, do entrevistador. O papel, ou pantalla, en branco son xélidos cando se enfrontan dende os valores éticos e sen máscaras protectoras. Os textos memorialistas entendidos como un exame de conciencia exercitado co auxilio da memoria, compañeira falaz e traidora de nós mesmos, capaces de relacionar os acontecementos autobiográficos con experiencias sociais, civís, éticas e morais, ou de reflexionar sobre estas cuestións dende a propia experiencia persoal sen renunciar á lectura crítica das propias decisións ou actitudes xeracionais, son “rara avis” no noso mundo cultural. “Este é o país onde ninguén lembra nada”, escribiu Franco Grande no limiar da súa grande achega memorialista 4 . Non son precisas Confesións rousonianas, chéganos con relembrar para evitar flagrantes ausencias, evidentes contradicións ou pavorosos silencios. Franco Grande non renunciou ao legado moral da xeración dos cincuenta, da xeración de Galaxia, deostada como “piñeirista” e tan mal interpretada tanto polos que consideran que o galeguismo moderno é cousa dos anos oitenta ou que o ideario de Castelao esta acadado na actual autonomía. Son reflexións del mesmo, galeguista ata a medula, liberal de liberdade e respecto, federalista europeo, reflexivo, bo conversador, pensador 5 , poeta e memorialista. Abandonounos neste remuíño que nos arrastra e foise pensando “que este país, se algunha vez dá unha resposta, é sempre tarde, cando a un xa tanto lle ten”.
Gondomar de Miñor, no último día de marzo deste andazo. Xosé Luís Franco Grande
Xosé Luís Franco Grande e Carlos Meixome
1 Franco Grande, X.L. (2017): Libro das abandonadas. Teófilo Edicións: Pontevedra
2 Franco Grande, X.L. (2019): A ilusión da esperanza. Galaxia: Vigo.
3 Otero Pedrayo, R. (1997): O libro dos amigos. Galaxia: Vigo. Edición de Marcos Valcárcel. 4 Franco Grande, X.L. (2004): Os anos escuros. Galaxia: Vigo. Hai una edición de 1985 en Xerais co mesmo título ao que se lle engade un I, pero que non tivo II. A edición de Galaxia é a completa.