6 minute read
Medio século da clase Optimist en Galicia
MEDIO SÉCULO DA CLASE OPTIMIST EN GALICIA O XOGUETE DE RÚA QUE SE CONVERTEU EN BARCO PARA OS MÁIS PEQUENOS
E Rosana Calvo C Arquivo do MRCYB e cedidas por Javier de la Gándara, César Casqueiro e Tomás R. de Robles
Advertisement
CINCO DÉCADAS DESPOIS DE ORGANIZAR POR PRIMEIRA VEZ EN GALICIA UNHA COMPETICIÓN REXIONAL DE OPTIMIST O MONTE REAL CLUB DE YATES CELEBROU O PASADO MES DE FEBREIRO EN BAIONA A 50ª EDICIÓN DO CAMPIONATO GALEGO DA CLASE
O Monte Real Club de Yates de Baiona conmemorou a finais de febreiro o medio século de vida da clase Optimist en Galicia, celebrando a quincuaxésima edición do Campionato Galego que o propio club acolleu por primeira vez en 1970. A bordo do “Canario” e o “Tartaruga”, os irmáns José e Javier de la Gándara resultaron gañadores (primeiro e segundo respectivamente) daquela primeira edición, que se disputou os días 22 e 23 de agosto de 1970 baixo o nome de “I Regatas rexionais Optimist – Campionato Galego”. 17 novos regatistas da Escola de Vela da Foz, o Real Club Náutico de Sanxenxo, o Real Club Náutico de Vigo, o Club Náutico de Panxón e o propio Monte Real reuníronse durante aqueles dous días de verán na baía baionesa para disputar varias probas nun campo triangular de percorrido olímpico.
O Tortuga e o Canario dos Gándara e o Eolo de Casqueiro. Foto do arquivo de Cesar Casqueiro
O presidente do MRCYB do 71 ao 73 Carlos Zulueta de Haz entregando un premio a César Casqueiro. Foto de arquivo de Cesar Casqueiro
Tras os irmáns Gándara, o terceiro posto do podio daquel primeiro campionato de Optimist foi para o “Anduriña IV”, tripulado por Santiago Campos; Pablo Vasconcellos quedou cuarto a bordo do “Bayona II”; e o “Don Ramón”, de Ramón Alonso, do RCN Vigo, asinou a quinta posición. Entregouse tamén entón un premio especial ao regatista de menor idade, que foi parar a mans de Pablito Pereiro por “demostrar -segundo din as crónicas da época- unha gran pericia manexando á perfección a súa mini embarcación”. Coa celebración do primeiro Campionato Galego de Optimist, o Monte Real Club de Yates deu, nos comezos da década dos 70, o gran impulso para a consolidación dunha clase que chegara a Galicia algúns anos antes da man de Pepe Gándara, o pai do histórico Javier de la Gándara. Gándara coñeceu este novo tipo de barcos na revista estadounidense “Popular Mechanics Magazine” (distribuída en España baixo o nome de “Mecánica Popular”), na que se publicaron uns sinxelos planos cos que, en principio, calquera persoa con algunhas ferramentas e un pouco de maña, podía fabricarse o seu propio Optimist de madeira. Tras velos xa construídos en Barcelona, Gándara decidiu traelos Galicia. Ao primeiro Optimist que navegou en augas galegas no ano 68, chamouno “Don Andrés”, en honra ao seu fillo pequeno. No ano 69 xa había na baía baionesa (na Escola da Foz que lideraba Antonio Ruiz) 15 unidades destes novos veleiros, coñecidos como os “ Ferramentas”, porque os construía un carpinteiro de Ladeira coñecido por ese nome, con velas de nailon fabricadas nunha empresa de toldos de Vigo. Eran barcos cos que, durante os primeiros anos, só navegaban nos meses de verán. Apenas un ano despois, xa cos Optimist asentados como pequena frota no Monte Real Club de Yates, celebrouse o Primeiro Campionato de Optimist de Galicia. A prensa daquel entón felicitou ao club baionés por “contribuír a crear numerosos novos patróns que no futuro van constituír as dotacións dos numerosos barcos de cruceiro cos que contan as unidades deportivas da ría de Vigo”, dicía textualmente. E así foi. Porque aqueles nenos son hoxe algúns dos destacados regatistas que navegan nas rías galegas.
Manuel Pereiro, Javier de la Gándara, Ramón Alonso, Pablo Vasconcellos, Jose Antonio Marquez e Jaime Varela. Foto arquivo Javier de la Gándara
Un grupo de Optimist no Monte Real (Marzo 1971). Foto do arquivo de
Cesar Casqueiro
Tanto a Federación Española de Vela como a Federación Galega de Vela da época, presidida por José Ramón Fontán, axudaron á consolidación da clase en Galicia subvencionando a compra de numerosas unidades. Uns barcos que pasaron das 3.000 pesetas (uns 18 euros) dos primeiros “Ferramentas” ás 8.000 pesetas (uns 48 euros) que se pagaron polos dunha maior calidade e as 10.000 pesetas (60 euros) que custaban ao comezo dos 70. No outono de 1971, só un ano despois da celebración do primeiro campionato galego de Optimist, nas competicións da clase en Baiona participaban preto dunha trintena de unidades, e non se tardou moito tempo máis en superar os 60 optimist. En Galicia roldaban os 200 optimist (na actualidade hai uns 400, dos cales participan en competicións oficiais uns 120). Entre os novos regatistas daqueles primeiros anos estaban José, Ángel e Javier de la Gándara, Pablo Vasconcellos, Jaime Varela, Alberto Torné, Rodrigo Andrade, César Casqueiro, Fernando Yáñez, Genoveva Pereiro, Ignacio Retolaza, Alfonso Zulueta ou Piluca Presa, entre outros moitos. Os Optimist españois construíanse en Barcelona (A Industrial Velera Marsal), en Palma de Mallorca (os estaleiros Copino e Darder), en Torrexón de Ardoz (Taylor Española) e aquí en Galicia, nos prestixiosos Estaleiros Lagos de Bouzas (Vigo), dos que saíron gran parte das unidades que navegaron a partir do ano 70. Eran Optimist que se facían a imaxe e semellanza dos primeiros barcos deste tipo nados en Clearwater (Florida).
Pablo Vasconcellos a bordo de The Scotsman un dos primeiros Optimist en Galicia. Foto arquivo MRCYB
Campionato de Optimist en Panxón. Foto MAGAR do arquivo de Javier de la Gándara
E como naceu o Optimist? En 1947, un grupo de nenos “regateaban” polas rúas de Clearwater con pequenas caixas de xabón e unha vela que fabricaban eles mesmos. O alcalde da cidade decidiu prohibir esas regatas polas rúas, para que non molestasen á xente, pero reuniuse cun deseñador de barcos, Clark Mills, ao que lle pediu que convertese as caixas de xabón nun barco para nenos o máis barato posible. E así foi como naceu o Optimist, o primeiro barco de vela cangreja e un só tripulante que co tempo foi adquirindo cada vez máis fama, tanto nacional como internacional. Aínda que co paso do tempo foron evolucionando os materiais, a filosofía coa que se creou o Optimist segue intacta e mantense como un barco sinxelo que permite aos máis pequenos gozar do mar e a vela En 1954 “saltou o charco” e empezáronse a construír os primeiros en Europa, concretamente en Dinamarca; en 1962 nacía a Optimist Class Racing Association, en Inglaterra; e pouco despois formouse a Asociación Europea de Optimist. Finalmente, en 1995 o Optimist foi aceptado como clase internacional. Celebrar esa idea e as cinco décadas que cumpre o primeiro Campionato de Optimist disputado en Galicia en 1970 foi o obxectivo do 50º Campionato Galego de Optimist – Trofeo Baitra que se disputou no Monte Real Club de Yates a finais de febreiro.
Algúns dos primeiros Optimist que navegaron en Baiona hai 50 ano. Foto arquivo MRCYB