3 minute read

Galicia Solidaria: Da Man

UNHA ASOCIACIÓN QUE BOTA MÁIS QUE UNHA MAN EN SENEGAL

Advertisement

Por Judit Bernárdez C Da Man

Botar unha man ós máis necesitados. Ese foi o obxectivo co que naceu en Redondela a Organización Galega polo Desenvolvemento “Da Man”, unha ONG que en tan só dez anos mellorou as condicións sanitarias e educativas en Touba Merina, unha zona habitada pola etnia peul no centro de Senegal. Unha escola con 108 alumnos levantada da nada en Boulel, centos de intervencións odontolóxicas e decenas de operacións que salvaron vidas resumen o traballo desenvolto pola ONG que fundou a pediatra Pilar Martínez en 2009.

“A idea é que aprendan a coser e confeccionen mandilóns para vender, nós en España e elas en África. Cos beneficios poderán comezar a costear ós materiais e, co tempo, sacaranlle rendibilidade”, explica Pilar, que tamén coordina unha nova achega de ordenadores á escola de Boulel. “A idea é converter unha área da escola en Centro Social para que, polas tardes, os adultos naveguen pola rede y teñan unha fiestra aberta ó mundo; desta maneira poderán coñecer outras culturas, ampliar os seus intereses e mesmo estudar”, indica a pediatra galega que, xa xubilada, adica o seu tempo a axudar. Nesta última década Pilar viaxou a África dúas veces por ano. Sempre coa maleta chea de proxectos ilusionantes, como o que está pondo en marcha nestes intres no rural africano. Dende principios de marzo, Pilar atópase en Senegal sentando as bases dunha cooperativa téxtil para que “as mulleres poidan ser autosuficientes”. O primeiro paso será ensinalas a coser, pois, tal e como explica a fundadora de “Da Man”, “a costura en Senegal é un traballo de homes”. Ademais deste novo proxecto, Pilar tamén viaxa coa maleta chea de patróns e telas achegadas polo comercio de Redondela; elementos imprescindibles para botar a andar esta iniciativa que procura a independencia económica das mulleres de Touba Merina, nómades agora asentadas.

Na actualidade integran a organización preto de trescentos socios, os cales pagan unha cota mínima mensual de 5 euros. Tamén colabora economicamente o Concello de Redondela e, con frecuencia, organizan eventos benéficos. Así foi como Pilar Martínez, ó fronte da organización coa axuda da súa filla Lara, conseguiu recadar os fondos precisos para construír unha escola nun punto intermedio entre diferentes poboados; considerada na actualidade “de excelencia”; con luz, electricidade e auga, e na que ofrecen formación a seis cursos de Primaria.

Tamén se trasladaba a Senegal cando aínda traballaba, esgotando a totalidade das súas vacacións e, en ocasións, renunciando ó seu soldo para poder alongar as estadías. Ó igual co resto de profesionais, a gran maioría sanitarios, que a acompañan en cada aventura e que autofinancian as súas viaxes. Xuntos conseguiron levar un pouco de esperanza a unha rexión cun elevadísimo índice de mortalidade, sobre todo infantil.

Un oasis de solidariedade no medio dun deserto onde o analfabetismo, as enfermidades e a escaseza de recursos deteñen o desenvolvemento. Para combatelo, “Da Man” plantexa novos proxectos, coma facer letrinas, levar auga ás aldeas e establecer puntos de luz para que os nenos poidan xuntarse polas noites para ler ou falar. “Temos que facer algo”, resume Pilar Martínez, que en dez anos, botou algo máis que unha man.

This article is from: