5 minute read
O arquivador do Corrixidor de Baiona
O ARQUIVADOR DO CORRIXIDOR: UNHA PEZA ÚNICA DO SÉCULO XVII NO MUSEO CASA DA NAVEGACIÓN DE BAIONA
Advertisement
Por Iago Rial González-Moro, Universidade de Santiago de Compostela, grao en Historia da Arte e Rosa Villar Quinteiro, directora do museo Casa da Navegación
D. AGUSTÍN DE ARTEAGA E NARVÁEZ, CORRIXIDOR QUE DESENVOLVEU O SEU CARGO EN BAIONA ENTRE 1678 E 1682, DEIXOUNOS UN DOS ARQUIVADORES MÁIS ANTIGOS, POIS DATA DE 1679, E MÁIS EMBLEMÁTICOS DO CONCELLO DE BAIONA.
C Arquivo Ediciones Basan
Desde o século XIV, o corrixidor era o representante do rei nas vilas do reguengo, aqueles territorios fundados pola Coroa, e renovábase cada catro anos. Esta figura residía na cidade na que asumía as funcións de alcalde, pero ademais tiña competencias en materia policial, militar, xurisdición civil, criminal e de saúde pública. A súa xestión tamén dependía do control administrativo mediante o «xuízo de residencia» 1 Desde a antigüidade, a documentación xerada durante o goberno municipal relativa aos acordos, normas, contas, impostos, pesos e medidas, prezos de venta das mercadorías, litixios, etc. gardábase na «arca das tres chaves» 2 como medida de seguridade, pois para abrir e pechar esta arca tiñan que estar presente sempre as tres persoas que gardaban cada unha das chaves. No século XVI aínda se usaba este moble. Agustín de Arteaga e Narváez encargou a construción dun arquivador personalizado que chegou ata os nosos días. Este moble elaborouse con madeiras locais, como o castaño e o piñeiro vermello, ademais de ferro forxado para as pechaduras e os tiradores. Así mesmo, ten unha estrutura maciza, sólida, de liñas rectas, cun pequeno zócolo aos pés e coroado por un copete cunha inscrición na que aparece o nome do corrixidor e a data de construción. As súas medidas son: 2,10 m de altura, 1,31 m de ancho e 0,37 m de fondo 3 . Ademais, presenta dúas pechaduras diferentes.
Representación escudo de Baiona
Na parte frontal ten dúas portas divididas en cuarteiróns nos que se enmarcan os motivos decorativos en relevo. Na parte superior á esquerda, atopamos os escudos de Castela e León coa particularidade de que é unha representación única, xa que orienta aos leóns enfrontados, cando a representación oficial é cara á esquerda para os dous; mentres que á dereita, o escudo de Baiona. Por outra banda, no centro presenta dous rosetóns simétricos. E, finalmente, na parte inferior atopamos os brasóns da liñaxe vasca, da familia Arteaga, e da liñaxe navarra, da familia Narváez. Todo isto, acompañado dunha rica decoración vexetal pintada cunha rica policromía e textos en latín.
1 “CORREGIDOR, TENIENTES Y ALCALDES” en Archivos de Castilla y León, <http://archivoscastillayleon. jcyl.es/web/jcyl/ArchivosCastillaYLeon/es/ Plantilla100DetalleFeed/1253861401355/ FichaISAD/1257029320371/Archivo> [Consultado: 19/02/2020].Plantilla100DetalleFeed/1253861401355/ FichaISAD/1257029320371/Archivo> [Consultado: 19/02/2020]. 2 GARCÍA ORO, J.; PORTELA SILVA, M. J.: Baiona de Miñor en sus documentos. Actas Municipales correspondientes al siglo XVI. Diputación de Pontevedra. 2003: 61.
3 EBERLEIN, H. D. y RAMSDELL R. W.: Tratado práctico del mueble español. Valladolid, Maxtor, 2009, p. 24.
Nos laterais aparecen dúas representacións femininas de estética medieval, así identificadas pola súa vestimenta e estilística: pel branca, meixelas e beizos encarnados, cabelo negro, longo e solto con ondas e unha roupaxe longa, vermella e negra, sobria… O predominio do debuxo, o esquematismo, a contorna das siluetas, o emprego de cores planas, a falta de profundidade e de volume nas personaxes son aspectos que nos sitúan na Baixa Idade Media.
A muller do lateral esquerdo ten unha balanza romana na súa man dereita, pese a que a representación aparece cortada e incompleta. No lateral dereito, tamén na súa man dereita, a figura sostén unha espada de dobre gume, ademais dunha longa vara na man esquerda. Trátase, en ambos casos, dunha alegoría da xustiza: a imaxe feminina coa balanza como símbolo do recto comportamento, da equivalencia da xustiza e da ecuación entre o castigo e a culpa. Pola súa parte, noutro caso, a representación con espada e vara é un símbolo executor da razón. Enriba delas, sitúanse textos en latín relativos á orixe divina da xustiza e a súa xustificación como unha necesidade para as sociedades 4 .
Estas características estilísticas e a constatación de que estas figuras están cortadas propoñen o tema da anterioridade destas pranchas laterais á construción do moble ou o seu reaproveitamento e adaptación a partir dun panel decorado anterior, e se relacionan cun momento do románico tardío que poderíamos situar polos séculos XIIIXIV. Esta anterioridade temporal sitúa as representacións dos laterais na orixe ou primeiros momentos da vida da vila logo da súa fundación por Alfonso IX, en 1201.
Os elos que adornan o contorno do moble forman parte do escudo de armas da familia Arteaga
Lateral esquerdo
Co paso do tempo, o moble caeu en desuso e foi pasando dunha estancia a outra e mesmo padeceu un período de maltrato a mediados do século XIX, o que lle deixou pegadas visibles en raiados nas portas e graffitis contemporáneos no lateral dereito como, por exemplo: «Alfredo», «Ulpianu» ou «Epigenia», xunto á data «1850», o que indica un período de abandono e desvalorización desta peza. A pesar da súa antigüidade, a peza, de valor incalculable, soportou o paso do tempo coa axuda de restauracións a finais dos anos 90 e un tratamento para erradicar o ataque da couza en 2013, un método que consiste nun proceso de conxelación progresiva. Desde 2015 forma parte da exposición permanente da Casa da Navegación onde ocupa un lugar destacado para o desfrute de todos os seus visitantes e onde se vixía o seu estado de conservación, conscientes do valor desta peza única e cumprindo coas funcións do museo. Aos nosos visitantes sempre lles impacta e agrada constatar que non é preciso ir lonxe para gozar dunha xoia única do século XVII, só é preciso ter presente a nosa historia e patrimonio local posto en valor nesta Casa da Navegación.
Lateral dereito