3 minute read

Enoturismo: Terras Gauda está de Aniversario

TERRAS GAUDA CELEBRA O 30 ANIVERSARIO DA SÚA PRIMEIRA COLLEITA AFIANZADA NA DIFERENCIACIÓN DOS SEUS VIÑOS

A BODEGA PERSONALIZOU A ETIQUETA DA ANADA 2019 DO SEU BUQUE INSIGNIA PARA CONMEMORAR ESTA DATA SINALADA, QUE MARCOU O INICIO DUNHA NOVA ERA NO SECTOR VITIVINÍCOLA DO ROSAL

Advertisement

Trinta anos transcorreron xa dende que Bodegas Terras Gauda comezou a comercializar o seu buque insignia, unha mestura das nobres variedades autóctonas: Albariño, Caíño Branco e Loureiro. Un viño de marcada singularidade e personalidade que enseguida engaiolou dentro e fóra das nosas fronteiras.

Para conmemorar este aniversario, personalizouse a etiqueta da anada 2019 co fin de destacar este fito e brindar polos bos momentos compartidos derredor de Terras Gauda. Remontámonos a 1989 para situar o ano da fundación co desafío da diferenciación dende o máximo respecto e a posta en valor das variedades autóctonas do Val do Rosal. Este obxectivo acadouse polo desenvolvemento de diversos proxectos de I+D+i, nomeadamente en colaboración co CSIC e as universidades de Santiago e Vigo.

Neste tempo, a bodega foi pioneira con varios estudos. O primeiro, o da selección clonal de uva albariña, permitiu profundar no coñecemento desta variedade e definiu o camiño a seguir: patentar co CSIC un fermento ecotípico exclusivo, extraído do propio viñedo, que reforzou o carácter da variedade e os aromas a froita. Outra patente, a de manoproteínas sobre lías de Albariño, cumpriu o obxectivo de poñer en valor a súa tipicidade e percepción no padal. O recoñecemento da Real Academia Galega de Ciencias co Premio de Investigación 2009 referendou o labor neste ámbito.

Unha segunda etapa nos proxectos I+D+i abriuse para acadar as meirandes cotas de sustentabilidade medioambiental nas máis de 160 hectáreas de viñedo propio. Un viñedo elixido para desenvolver as probas pilotos dun proxecto europeo de viticultura de precisión e que, a día de hoxe, é o eixo central de novos proxectos: atopar alternativas sostíbeis e eficientes aos fitosanitarios, no marco dun consorcio de empresas e grupos científicos europeos; e demostrar os beneficios que ten para o correcto desenvolvemento da vide recobrar o equilibrio de elementos esenciais para o solo.

Unha aposta pola investigación que a bodega compatibilizou coa súa estratexia de internacionalización e o seu proceso de expansión xeográfica.

Tres décadas sumando ilusións e compartindo emocións con Terras Gauda e o 100% albariño de Abadía de San Campio, Terras Gauda Etiqueta Negra e La Mar, pura singularidade atlántica polo marcado carácter do Caíño Branco. Un tempo no que a bodega deu o salto dende o Rosal a relevantes zonas vitivinícolas: DOCa Rioja (Heraclio Alfaro), La Ribera del Duero (Quinta Sardonia) e DO Bierzo (Bodegas Pitacum), conformando un grupo bodegueiro de referencia cun denominador común: elaborar viños únicos e auténticos, ligados á terra que identifica a súa orixe e procedencia. A Rosaleira cadrou no grupo pola súa orixe, carácter familiar e historia: é a conserveira vexetal máis antiga de Galicia, fundada en 1940.

TERRAS GAUDA 2019 / Ficha de cata Vendima: setembro 2019 Embotellado: decembro 2019 Lanzamento: comezos de 2020 Variedades: 70% Albariño, 22% Caíño e 8% Loureiro Comentarios de cata É un viño de gran complexidade aromática e gustativa, onde os nítidos aromas de melocotón maduro, piña e pel de laranxa, se funden sobre delicados recordos minerais, terrosos e agradables notas de follas de loureiro e menta. A primeira impresión na boca é a dun viño de gran carácter, cheo, mais, ao tempo, fresco e xuvenil, reflectindo a súa poderosa estrutura nunha apreciable untuosidade e volume. Resulta cremoso, con toques minerais que xunto á fresca e suave acidez, nos ofrece un viño pracenteiro, intenso e cun prolongado final de boca, leal reflexo dunha anada escasa pero de excelente maduración e equilibrio. Temperatura óptima de consumo: entre os 10ºC e os 12ºC Maridaxe: excelente combinación con mariscos, como as ostras, ameixas e cangrexos. Tamén coa cociña asiática e con carnes brancas e arroces.

This article is from: