2 minute read
DE NIGRÁN A TUI EN AUTOCARAVANA E POLA COSTA
E C José Mª Ribas Noguera
O sur das Rías Baixas ofrece ao autocaravanista un territorio pouco coñecido e frecuentado pero cheo de atractivos de toda índole, dende praias como as do municipio de Nigrán ou Baiona, gastronomía, historia, mar e montaña, enoloxía etc. Teñen interese para o viaxeiro en autocaravana os servizos que se poden atopar na zona, é dicir, áreas de servizo con abastecemento de augas limpas e desaugadoiro de usadas, áreas con pernoita permitida e outros.
Advertisement
Hai cámpings en Nigrán, Baiona, Oia(2) e na Guarda, calquera buscador de móbil pode atopar o que máis interese, pero ningún deles ten unha área de servizo sen entrar no propio cámping. O Muiño ofrece tarifas reducidas para facer pernoita con servizo de cambio de augas. Fóra dos cámpings hai áreas de servizo nas estacións de servizo de Baiona (Repsol) e da Guarda ( Petronor).
Lugares interesantes para pernoitar sen entrar en cámpings poden ser os aparcadoiros públicos onde os concellos o permitan ou en lugares como restaurantes ou adegas. O Concello de Nigrán está a traballar na instalación dunha área de pernoita e servizo na zona das dunas de Gaifar pero non está en funcionamento aínda. En Baiona, o concello non parece ter interese na construción dunha área que de servizo aos autocaravanistas, parece ser que o cámping de praia Ladeira presiona para que isto sexa así, de todos os xeitos no outeiro de Santa Marta no Burgo adoita haber certa permisividade.
Outro lugar espectacular para pasar a noite, contemplar a posta de sol ou o amencer desde os nosos vehículos é no aparcadoiro do Mosteiro de Santa Mª de Oia que se pode visitar. Merece a pena a súa igrexa rde estilo románico-gótico con fachada barroca que mira ao Atlántico.
Saíndo de Baiona dirección a Guarda, hai tres bos aparcadoiros no restaurante Rocamar, non haberá problema en pernoitar se ceamos alí, ao non ser en sinaladas épocas en que o restaurante está a rebordar. Merece a pena aparcar a autocaravana mirando ao mar e as illas Cíes. Á entrada da Guarda seguindo a mesma dirección que levamos e unha vez pasada a gasolineira de Petronor (área de servizo) hai un desvío da estrada principal que baixa á praia de Area Grande, baixando unha pronunciada costa viramos á dereita e a uns cen metros escasos atopamos un aparcadoiro practicamente sobre as rocas con vistas ao porto e á pequena praia de Fedorento, un lugar para durmir arrullado polo son do mar. Pasando A Guarda tomamos dirección a Tui, unha vez atravesada a vila hai lugar reservado para autocaravanas no aparcamento do supermercado Eroski. Tamén e bo sitio para aparcar e pernoitar no aparcadoiro que hai na desembocadura do rio Tamuxe ao rio Miño. Autorizan a pernóita de dous ou tres autocaravanas nas adegas Val Miñor no municipio do Rosal na estrada que une A Guarda con Tui. Agradecen a compra de viños. En Tui hai tamén unha área de servizos, das primeiras que se prepararon en Galicia. Para concluír esta información queda por dicir para aqueles que levan na súa autocaravana instalado o gas GLP, que o único punto de recarga que existe na zona é a da estación de servizo do polígono industrial de Porto do Molle en Nigrán.