3 minute read

Medioambiente

Next Article
Axenda

Axenda

A PÍLLARA DAS DUNAS, UNHA ESPECIE VULNERABLE NO ESTEIRO DO MIÑO

E Manuel Sobrino Senra C Luis Dorado

Advertisement

Recentemente, tiven a inmensa fortuna de participar nunha xornada de anelamento científico de píllara das dunas nas praias do norte portugués. Concretamente, nas dunas de Moledo e Vila Praia de Âncora, onde aínda atopa esta especie a extensión e tranquilidade suficientes para sacar adiante aos seus valiosos pitos. Ter o futuro dunha das aves máis ameazadas de España nas túas mans e unha enorme responsabilidade, á vez que unha experiencia incrible. Afortunadamente, non recaía en min esa pesada lousa, senón sobre o experto ornitólogo e bo amigo José Arcas, quen tivo o detalle de mostrarme os avances acadados no marco do ‘Projeto Borrelho’, desenvolvido pola Asociación Naturalista Baixo Miño (ANABAM) en colaboración con diversas entidades alén da Raia. Observando o laborioso traballo de marcaxe e seguimento dos pitos e o estresante que debe ser para eles a súa necesaria captura e manipulación, non puiden deixar de sentir certa pena o pensar como puidemos chegar a esta situación; como a supervivencia das derradeiras 70-80 parellas que restan en Galicia depende enteiramente da boa vontade dun puñado de homes e mulleres para protexelas. En realidade, o destino da píllara das dunas está nas nosas mans... Só a sensibilidade e colaboración de todos os cidadáns logrará afastar a esta especie do abismo da extinción. As causas do seu dramático declive na práctica totalidade da súa área de distribución en España hai que buscalas na rápida transformación dos hábitats costeiros nos que vive: limpeza mecánica de praias, urbanismo salvaxe, molestias derivadas dos intensos usos recreativos nestes espazos, cans soltos, eliminación de vexetación dunar... son só algunhas das graves perturbacións que comprometen o futuro desta icona da nosa avifauna. E o esteiro do Miño non é alleo a ningunha delas. Pito de píllara das dunas

Xornada de anelamento de pitos de píllara das dunas en Vila Praia de Âncora, Portugal

A píllara das dunas (Charadrius alexandrinus) é unha pequena limícola de apenas 15-17 centímetros de lonxitude, discreta plumaxe e pico e patas curtas moi escuras, trazo este último que permitiranos distinguilo fácilmente do seu irmán maior, a píllara real, tamén presente non nosos areais. A súa dieta componse fundamentalmente de invertebrados terrestres e acuáticos, moscas, vermes, crustáceos e moluscos que atrapa tras unha curta carreira. Localiza as súas presas coa vista. Aproveita a baixamar para alimentarse, o mellor momento para poder observala. A súa reducida talla obrígalle a permanecer en repouso sobre as rochas cando sobe a marea. A totalidade do seu ciclo vital desenvólvese en ambientes costeiros. Vive, come e reprodúcese no litoral. Aí radica o problema... A píllara das dunas deposita os seus ovos directamente sobre a area, en depresións pouco profundas e únicamente disimuladas por anacos de algas, cunchas ou vexetación. Xeralmente tres ovos que incuban ámbolos dous proxenitores durante case un mes, período tralo cal nacen os pitos. Asoman a un mundo cheo de perigos, razón pola que o fan moi desenvolvidos e listos para desprazarse e alimentarse por se mesmos. Vailles a vida nelo. Pero todo este proceso non podería completarse sen a desinteresada colaboración dun grupo de voluntarios que ano tras ano adican o seu tempo e esforzo a exercer de improvisados pais adoptivos. A tempada de cría coincide coa época de maior afluencia nas praias. As necesidades humanas de sol e diversión chocan frontalmente coa necesidade vital dunha especie a piques de desaparecer. En 2019, grazas a esta magnífica laboura, varias decenas de niños foron localizados e protexidos por medio de valado perimetral e paneis informativos, e máis de 80 pitos naceron alén da fronteira. As portas dunha nova campaña, lembra seguir estes sinxelos consellos para garantir a supervivencia da próxima xeración de píllaras: leva amarrado o teu can, a presenza de cans nas praias é unha das maiores ameazas ás que se enfronta esta especie; procura manterte afastado dos niños; extrema as precaucións para non pisar os pitos, a miúdo pasan desapercibidos... A praia é de todos, pero elas estaban antes ca nós.

Un dos proxenitores choca os ovos no interior da rede de protección.

Ovos de píllara das dunas. A posta polo xeral é de tres ovos

A rede de protección permite a entrada dos proxenitores e impide o paso de posible depredadores.

This article is from: