6 minute read
REPORTAXE
AS FORTALEZAS DA RAIA MIÑOTA (I)
O SISTEMA DEFENSIVO CAMINHA-A ÍNSUA-A GUARDA
Advertisement
O MIÑO FICOU DOMINADO POLAS FORTIFICACIÓNS DESDE A IDADE MEDIA CANDO A HISTORIA DECIDIU QUE O RÍO DIVIDIRÍA DOUS REINOS PERO NON SEPARARÍA A PAISAXE. O CERTO É QUE O TERRITORIO OCUPARÍASE CON TORRES E CASTELOS DESDE O SÉCULO XIII PERO HABERÍA UN MOMENTO NO QUE A CONTORNA FICARÍA TRANSFORMADA CO LEVANTAMENTO DE FORTALEZAS, BALUARTES E TRONEIRAS PARA OS CANÓNS. A GUERRA DE RESTAURACIÓN DA MONARQUÍA PORTUGUESA (1640-1668) DESEÑARÍA O COMEZO DA MUDANZA DA PAISAXE MIÑOTA, PAISAXE QUE SEGUIMOS A OBSERVAR NOS NOSOS DÍAS.
Texto e mapas: Suso Vila, Dr. en Historia da Arte Fotos: Arquivo Ed. Basan
Foz do río Miño en 1892 coa ubicación da Ínsua e Caminha.
No caso da Guarda e Camiña daríanse algunhas particularidades a destacar. Mentres a vila portuguesa non padecería os efectos directos da guerra non sufrindo ataques en toda a contenda, A Guarda sería ocupada e tomado o seu castelo en 1665. Pero resulta curioso que no urbano Caminha construise novas murallas, baluartes e fosos que protexeran a vila medieval e os seus barrios extramuros mentres que A Guarda non modernizaría a súas defensas. A única concesión sería a construcción do castelo de Santa Cruz entre 1663-1664 deseñado polos irmáns Carlos e Fernando Grunnenberg. E aínda así o forte guardés tería unha serie de defectos na súa edifi cación e ubicación que despois da guerra, en 1668, se pensaría no seu derrubo, feito que fi nalmente non se produciría.
Entrada ao Castelo deSanta Cruz na Guarda
Planta da vila de Caminha en 1713 polo enxeñeiro Manuel Pinto Villalobos (BNP). A cerca da vila medieval destaca coas súas torres. As fortificacións e baluartes engloban os arrabaldes da vila non só extramuros tamén dos conventos de Santa Clara e dos Capuchinos creando unha fortaleza cunha gran planta irregular.
“Torre do Relógio” en Caminha Entre Camiña e A Guarda observaremos algo que sería común na fronteira do Miño, cómo os mellores esforzos constructivos, o levantamento de fortalezas e fortes, se concentraron na parte portuguesa da raia con complexas fortificacións que envolvían as vilas. Esta asimetría constructiva fronteiriza podémola observar desde Caminha até Melgaço. Na parte galega só Tui contaría cunha mínima atención máis aló dos fortes provisionais levantados durante a guerra. Portugal encargaría aos seus enxeñeiros militares como Michel de Lescol ou Manuel Pinto Villalobos as defensas das vilas e territorio non só durante a guerra senón completando e mellorando o sistema defensivo nas décadas seguintes. Mesmo podería chamar a atención que o propio exército portugués chegase a edificar fortalezas en territorio galego como Salvaterra ou Goián. A edificación das defensas de Caminha terían o seu punto dramático co patrimonio medieval. Malia a non estar ameazada a vila observaría como serían derrubadas as emblemáticas torres da súa cerca medieval e mesmo os pazos do Marqués de Vila Real que ficaban na parte occidental das murallas de Caminha. Só a “Torre do Relógio” sobreviviría do conxunto fortificado construido en 1260. O obxectivo desta “destrucción” por parte de enxeñeiros como Manuel Pinto Villalobos era a renovación das defensas e a creación dun poderoso conxunto abaluartado que protexese a vila e os seus arrabais. Outros elementos senlleiros como a torre do hospital serían eliminados para construir a capela da Misericordia en 1651, mentres que en 1676 o rei Pedro II encargaría a construcción do gran baluarte que protexería a igrexa matriz.
No caso da Guarda a estratexia sería a construcción do castelo de Santa Cruz aproveitando pedra da muralla medieval da vila. O forte non reunía as condicións ideais para resistir un asedio e máis cando as tropas que gardaban a fortaleza eran homes non aptos para o combate de aí a capitulación que faría o gobernador Jorge de Madureira o 22 de novembro de 1665 cando as tropas portuguesas baixo o mando do capitán João Manso asediaban o forte. A partires de aquí o castelo de Santa Cruz ficaría baixo o mando do mestre de campo Baltasar Fagundes. Procederíase a diferentes reparacións e melloras e dotaríase á fortificación guardesa de 500 infantes, 600 auxiliares e tres tropas de cabalos. O 1 de maio de 1668 Portugal faría entrega do forte como parte dos acordos de paz asinados con España. Nestes anos de control portugués na Guarda tamén sería construida a Atalaia, para a defensa do porto e que ficaría logo como imaxe da vila mariñeira. Esta fortificación sería destruida en 1943 nas obras do peirao guardés e reconstruida en 1997 aínda que nunha ubicación diferente. J
Planta do Castelo de Santa Cruz en 1730 (ACEGCGE).
Castelo de Santa Cruz O Castelo de Santa Cruz ten pranta trapezoidal con baluartes nos seus ángulos: o baluarte da Guía, baluarte da Cruz, baluarte de San Sebastián e baluarte de Santa Tecla. Para protexer as cortiñas (muros da fortaleza) serían construidas as medias lúas: a da vila coa súa porta, a do Socorro coa súa porta, e a de Sibidas. O interior da fortaleza contaba coa casa do gobernador, a carnicería, o forno, pozo, o almacén de pólvora, o cuartel de oficiais, o cuartel de cabaleiria, o cuartel de infantería ou a capela. O forte tiña dez pezas de artillería, 1700 homes de infantería e dúas compañías de cabalos.
© Wikipedia
Fortaleza da Ínsua, século XVIII (BNP), na que aparecen dentro do forte o cuartel e o vello convento franciscano.
A Insúa: entre soldados e monxes Na foz do Miño está un pequeno illote rochoso no que se ubica a fortaleza da Ínsua. Esta pequena fortaleza acolle no seu interior un vello convento o de Santa María da Ínsua. A orixe do convento está ligado ao cisma de Occidente en 1378 cando varios monxes galegos e asturianos chegan a esta illa miñota en desacordo co apoio castelán ao Papa de Avignon. Construirían unha ermida e a partires de 1392 o comezo das obras do convento cando é autorizado en Portugal o establecemento da comunidade franciscana de Observancia Menor. O convento sufriría os ataques de corsarios e piratas ingleses e franceses nos anos 1602 e 1606. Este tipo de ataques provocarían que a presenza de monxes fose reducida. Entre 1649 e 1652 levantaríase a fortificación. O primeiro gobernador sería Domingos Mendes Aranha en 1653. Entre o pequeno cuartel e o pequeno convento a convivencia non sería pacífica acusando os monxes os continuos roubos no seu convento. En 1834 os franciscanos abandonarían a illa permanentemente, xa ficaría só un pequeno grupo de militares veteranos desde 1861, co arsenal inutilizado e procurando outras funcións máis prácticas como a colocación dun farol para a seguridade da navegación. En 1909 sería nomeado o último gobernador da fortaleza da Ínsua, o maior Rodolfo José Gonçalves, pasando desde 1940 a depender do Ministerio de Finanzas. Hoxe agarda un destino hosteleiro para recuperar funcionalidades no esteiro do Miño.