
4 minute read
GALAICAS
ERNESTINA OTERO SESTELO DIRECTORA DA ESCOLA NORMAL E PRESIDENTA DO CONSELLO PROVINCIAL DE PRIMEIRO ENSINO
Ernestina Otero Sestelo nace en Redondela en 1890. Dende o principio, a súa traxectoria estudantil e profesional oponse, no que á educación das mulleres se refi re, á ideoloxía dominante do momento orientada fundamentalmente á formación de boas fi llas, nais e esposas. Ao rematar os estudos primarios na vila natal, cursa a carreira de Maxisterio na Escola Normal de Pontevedra (1904-1908), onde obtén a califi cación de sobresaliente. Ao ano seguinte decide marchar a Madrid para ampliar horizontes na Escola de Estudos Superiores de Maxisterio, creada nese mesmo ano co fi n de formar o profesorado das escolas normais e o persoal de inspección. Este centro, que destacou enormemente pola súa novidosa metodoloxía e polo seu sistema organizativo, impartía un programa de materias altamente especializado: Pedagoxía Fundamental, Historia da Pedagoxía, Organización Escolar Comparada..., ademais das materias específi cas de cada sección e das linguas estranxeiras. Alí, Ernestina toma contacto con xente da Institución Libre de Ensinanza, de ideas progresistas en materia pedagóxica: ensino laico, coeducación... En xullo de 1913 obtén o seu título na sección de Ciencias. A partir de 1915 ocupa a praza de Pedagoxía na Escola Normal de Pontevedra, da que será directora algún tempo durante a República. Tamén en tempos da República presidirá o Consello Provincial de Primeiro Ensino.
Advertisement
Tarxeta de identidade do Ministerio de Educación



Ernestina co seu marido, Luís, e cos seus tres primeiros fi llos (Praia de Cesantes, 1921)


Ernestina exerceu sempre coherente aos seus principios e demostrou unha enorme vontade de renovación, que tratou de transmitir ao seu alumnado. Foi impulsora e activa partícipe de proxectos pedagóxicos ben interesantes. Organizou viaxes culturais a museos, lugares históricos, instalacións industriais e centros de investigación. Puxo en marcha campos agrícolas experimentais, comedores e colonias escolares. Prestou especial atención ao fomento da asistencia á escola, para o que contribuíron en boa medida os roupeiros escolares, que nacen en 1920 de forma experimental co obxectivo de favorecer a asistencia ás aulas, ao tempo que contribuían con roupa e calzado á mellora da situación económica de moitas familias. Tamén atendeu ao estudo das características propias de Galicia, á educación de adultos e ás necesidades particulares das nenas e nenos, así como á reciclaxe do profesorado, sobre todo do rural. Ademais, defendeu a coeducación e os dereitos da muller. En 1933 asinou o Manifesto de Intelectuais a favor do Estatuto de autonomía para Galicia. Só outra muller, María Cruz Pérez, asina o dito documento.


Ernestina Otero (no centro con traxe claro) no claustro das escolas normais de Pontevedra (1915.1916)

Este proxecto de escola é derrubado co estalido da Guerra Civil e Ernestina, que non renega da súa actuación durante a República, é suspendida de emprego e soldo en novembro do 36, xunto cuns 60 profesionais máis, grupo no que tamén se atopa Castelao. A mesma sorte corren inmediatamente despois as súas irmás Lola e Esperanza, mestras de primeiro ensino. En xuño do 37 é separada defi nitivamente do servizo académico e dáselle baixa no escalafón. O seu círculo familiar e de amizades é vítima da brutal represión do réxime; ela sobrevive coas aulas particulares, que lle serven, a pesar das constantes multas que se lle impoñen, para manter a súa familia. Durante esta época converte a botica do seu home nun roupeiro, esta vez ao servizo de presas e presos políticos. Ao rematar a Guerra é revisado o seu expediente, resólvese a anulación da separación defi nitiva do ensino e é sancionada coa suspensión de emprego e soldo por dous anos, con inhabilitación para cargos directivos e cun desterro á Escola Normal de Ourense, onde exerceu durante dez anos, entre métodos e temarios desenterrados polo franquismo. Continuou coa súa loita fóra das aulas, axudando as orfas/os da guerra e as fi llas/os das presas/os. En 1951 puido regresar a Pontevedra, onde morreu cinco anos despois, aos 65 anos.
Promoción 1915, entre o profesorado: Ernestina Otero, Felisa R. Saz, Isólita González, Rosario Fondevila e Dolores Grangel





Fuente: Álbum de Galicia (Consello da Cultura Galega) Autora: Olalla Márquez Losada (2011) FOTOS: http://consellodacultura.gal/album-de-galicia/detalle.php?persoa=2872