COUSAS DE - Revista Nº7

Page 42

GALAICAS

ERNESTINA OTERO SESTELO DIRECTORA DA ESCOLA NORMAL E PRESIDENTA DO CONSELLO PROVINCIAL DE PRIMEIRO ENSINO

Tarxeta de identidade do Ministerio de Educación

Ernestina Otero Sestelo nace en Redondela en 1890. Dende o principio, a súa traxectoria estudantil e profesional oponse, no que á educación das mulleres se refire, á ideoloxía dominante do momento orientada fundamentalmente á formación de boas fillas, nais e esposas. Ao rematar os estudos primarios na vila natal, cursa a carreira de Maxisterio na Escola Normal de Pontevedra (1904-1908), onde obtén a calificación de sobresaliente. Ao ano seguinte decide marchar a Madrid para ampliar horizontes na Escola de Estudos Superiores de Maxisterio, creada nese mesmo ano co fin de formar o profesorado das escolas normais e o persoal de inspección. Este centro, que destacou enormemente pola súa novidosa metodoloxía e polo seu sistema organizativo, impartía un programa de materias altamente especializado: Pedagoxía Fundamental, Historia da Pedagoxía, Organización Escolar Comparada..., ademais das materias específicas de cada sección e das linguas estranxeiras. Alí, Ernestina toma contacto con xente da Institución Libre de Ensinanza, de ideas progresistas en materia pedagóxica: ensino laico, coeducación... En xullo de 1913 obtén o seu título na sección de Ciencias. A partir de 1915 ocupa a praza de Pedagoxía na Escola Normal de Pontevedra, da que será directora algún tempo durante a República. Tamén en tempos da República presidirá o Consello Provincial de Primeiro Ensino. 42 cousas de

Ernestina co seu marido, Luís, e cos seus tres primeiros fillos (Praia de Cesantes, 1921)

Ernestina exerceu sempre coherente aos seus principios e demostrou unha enorme vontade de renovación, que tratou de transmitir ao seu alumnado. Foi impulsora e activa partícipe de proxectos pedagóxicos ben interesantes. Organizou viaxes culturais a museos, lugares históricos, instalacións industriais e centros de investigación. Puxo en marcha campos agrícolas experimentais, comedores e colonias escolares. Prestou especial atención ao fomento da asistencia á escola, para o que contribuíron en boa medida os roupeiros escolares, que nacen en 1920 de forma experimental co obxectivo de favorecer a asistencia ás aulas, ao tempo que contribuían con roupa e calzado á mellora da situación económica de moitas familias. Tamén atendeu ao estudo das características propias de Galicia, á educación de adultos e ás necesidades particulares das nenas e nenos, así como á reciclaxe do profesorado, sobre todo do rural. Ademais, defendeu a coeducación e os dereitos da muller. En 1933 asinou o Manifesto de Intelectuais a favor do Estatuto de autonomía para Galicia. Só outra muller, María Cruz Pérez, asina o dito documento.


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.