22 minute read

ACTUALIDADE

Next Article
DISTRIBUCIÓN

DISTRIBUCIÓN

O CONCHEIRO DO CASTRO DE SANTA TREGA ÁBRESE AO PÚBLICO TRAS MESES DE ACTUACIÓNS PARA A SÚA POSTA EN VALOR

Advertisement

As actuacións enmárcanse no proxecto “Escavación, análise e sinalización do concheiro da porta Sur do castro de Sta. Trega (A Guarda”, dirixido por Brais X. Currás Refojos, investigador posdoutoral do CSIC, e promovido polo Concello da Guarda a través da Deputación de Pontevedra.

O Consello Superior de Investigacións Científi cas (CSIC) dirixe o proxecto encamiñado á posta en valor do concheiro do castro de Sta. Trega (A Guarda), que dende estes días pódese visitar tras meses de actuacións que incluíron limpeza da vexetación da porta sur do castro do Monte Trega, sondaxe arqueolóxica, estudo de arqueofauna e levantamento fotogramétrico das estruturas escavadas, e que concluíron coa instalación dun panel informativo cuxo cometido é que os visitantes coñezan los principais resultados deste estudo. O equipo de traballo está dirixido por Brais X. Currás Refojos, investigador posdoutoral do CSIC no Instituto de Historia do Centro de Ciencias Humanas e Socias (Madrid). Colabora a empresa Terra-Arqueos e os grupos de investigación Zooarqueoloxía (Universidade de León), con Carlos Fernández Rodríguez ao fronte, e Paleoeconomía e Subsistencia das Sociedades Preindustriais (CSIC) con Marta Moreno. “O concheiro, que se atopa ao lado da porta de entrada ao castro do Monte Trega, constituía unha especie de vertedoiro para os seus habitantes. A día de hoxe, é unha fonte de información incalculable pois a través do seu estudo podemos coñecer numerosos aspectos da vida cotiá das persoas que viviron no castro”, explica Brais X. Currás, quen engade que “o proxecto ten fi n último constituír unha ferramenta coa que se promova un turismo de calidade”. O proxecto foi fi nanciado polo Concello da Guarda a través da convocatoria 2019 de Axudas para a rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico e cultural da Deputación de Pontevedra. “A zona do concheiro do castro do Monte Trega fora xa obxecto de escavacións entre 1910 e 1930, realizadas pola Sociedade Pro-Monte, Ignacio Calvo e Cayetano de Mergelina, e dende entón permanecía abandonada. Os resultados que arestora temos obtido revelan a existencia dunha gandería na que predominan ovellas e cabras de moi pequeno tamaño, documentándose tamén a presencia de porcos e vacas, así coma un dominio total de moluscos e crustáceos propios das zonas rochosas, principalmente lapas, pero tamén mexillóns, bígaros e percebes. Os ourizos tamén foron importantes, sendo menos común o consumo de cangrexos”, explica Brais X. Currás, quen engade que “en canto á actividade pesqueira, se constatou que se practicou fundamentalmente con amocelo nas zonas máis preto da costa. Abunda a lubina, acompañada en moita menor medida de dourada, sargo e maragota, entre outros pescados”.

Se limpou a vexetación, realizando unha sondaxe arqueolóxico e instalado un panel informativo

O equipo de investigadores desprazados ata o Trega remata a escavacións, 2019

Os resultados do estudio do concheiro se dan a coñecer ao público xeral a través dun panel informativo, sito na porta sur. O panel aborda os seguintes aspectos: 1) Explicación da cronoloxía do poboado e o concheiro, así como das prácticas de consumo dos habitantes do castro. 2) Recreación gráfica das edificacións da porta sur. 3) Planimetría do castro e localización da porta sur. 4) Representación gráfica das principais especies presentes no concheiro. 5) Cartografía del entorno del Monte Tegra con la localización del poblado antiguo y de zonas de captación de recursos pesqueros y marisqueros identificados en el castro. Nos próximos meses continuarase afondando no coñecemento do castro do Trega no marco del proxecto LOKI: Economías locais, economía imperial: Occidente da Península Ibérica (século II a.C.-século II d.C.), financiado polo Plan Estatal de Investigación Científica e Técnica e de Innovación do Ministerio de Ciencia, dirixido dende o CSIC por Inés Sastre. “Se realizarán datacións de C14 que permitirán coñecer o momento de fundación da muralla do poboado, se estudiará a evolución ambiental a través do pole e se analizarán as sementes recollidas no concheiro. Mención especial merece a identificación dun dente humano, que será analizado na universidade alemá de Tübingen”, avanzan dende o CSIC.

O SENDEIRISMO E A MARCHA NÓRDICA DÉRONSE A MAN NO BAIXO MIÑO NO DESAFÍO “LA ICÓNICA” A proba que uniu Oia e Tui, viviu dúas grandes xornadas a última fin de semana de setembro

O sábado foi o turno do primeiro percorrido, entre Oia e A Guarda, 15 quilómetros que permitiron aos participantes descubrir o encanto dun dos tramos máis espectaculares do Camiño de Santiago da Costa. O domingo os participantes afrontaron o máis esixente, co dobre de quilómetros. O percorrido comezaba na Guarda, na desembocadura do río Miño e por sendeiros e ecopista, pegados ao rio Miño remataba en Tui. Tiveron que pasar polo Rosal, Tomiño, Vilanova de Cerveira, Valença do Minho, finalizando na que foi capital de provincia. Foron case 150 as persoas que se aventuraron a realizar unha proba que tiña como un dos seus principais alicientes o poder facela na modalidade de marcha nórdica. Unha especialidade nova e que xa ten unha gran aceptación en Galicia. A proba atravesou lugares emblemáticos, tal como era o seu obxectivo. Saíu das inmediacións do Mosteiro de Oia, un escenario de película. Alí tamén se citaron os alcaldes da Guarda, Antonio Lomba, Oia, Cristina Correa, O Rosal, Ánxela Fernández, Tomiño, Sandra González e o concelleiro de deportes de Tui, Rafael Estévez. Eles xa coñecen a espectacularidade da travesía, pero experimentaron novas sensacións, do mesmo xeito que os participantes. O ‘Camiño Portugués pola costa’ tamén supón un aliciente para os peregrinos. Descubrilo formou parte da filosofía de La Icónica. Como non podía ser doutro xeito, á iniciativa uníronse os concellos de Villanova de Cerveira e Valença do Minho. Ambas as entidades tamén contribuíron co seu apoio á divulgación da zona. A maior parte dos case 150 participantes cubriron o percorrido, esixente por ser tan longo. E todos prometeron volver o próximo ano.

Fotos: Saúl Álvarez

VIVE

BAIXO MIÑO

CANGAS SEDE DO XI CONGRESO GALEGO DE CRUCEIROS, CRUCES DE PEDRA E PETOS DE ÁNIMAS

E Beti Iglesias

Na vila de Cangas, os vindeiros días sábado 28 e domingo 29 de novembro, vai ter lugar a celebración do XI Congreso Galego de Cruceiros, Cruces de Pedra e Petos de Ánimas, no Salón de Plenos do Concello. Participarán 24 relatores de toda Galicia e Portugal, entre os que destacan personaxes tan comprometidos co mundo da cultura galega e, sobre todo, co noso patrimonio etnográfico, como Estanislao Fernández de la Cigoña ou Fernando Arribas, así como relatores da comarca do Morrazo, como son Anxo Coia, Inés Costas ou Manuel García Barreiro. Trátase dun congreso aberto, no que non se farán inscricións, senón que o acceso será libre e os asistentes poderán formular preguntas e cuestións aos relatores. A mañá do sábado, o alcalde de Cangas, Xosé Manuel Pazos Varela, intervirá no acto inaugural, e os relatorios se centrarán nas figuras de Ignacio Cerviño e de Xosé Cerviño, ámbolos dous, escultores e canteiros protagonistas dende hai anos da controversia sobre a autoría do popular cruceiro do Hío, situado na parroquia do mesmo nome, no municipio de Cangas de Morrazo. O resto dos relatorios versarán sobre estudios iconográficos de diferentes cruceiros de Galicia e Portugal, así como novas achegas sobre a orixe dos cruceiros.

Cruceiro de Hío ©Arquivo Ed. Basan

En primeiro lugar, destacar que o pioneiro no estudio das cruces de pedra na Bretaña e en Galicia foi Castelao, autor do libro As cruces de pedra na Galiza, publicado a título póstumo pola editorial Nós en Bos Aires, en 1954, aínda que o seu estudio comezou en 1924 a raíz do seu ingreso no Seminario de Estudos Galegos. Tamén cabe mencionar as características dos cruceiros, sinalando que o material co que se construían é o granito, pero sen esquecer que un factor importante en todos eles o constituía a policromía, sempre de cores estridentes. En segundo lugar, ademais da súa consideración de obras de arte, hai que ter en conta a finalidade coa que se facían. Por un lado, como instrumentos de sacralización e cristianización de lugares perigosos, situados sobre todo nas encrucilladas, consideradas lugares de superstición e vellos cultos, e logo se foron propagando polos camiños coa fin de santificalos e protexer aos camiñantes. Coa mesma finalidade se levantan nun campo de feira, para protexer ao gando, ou no lugar onde tivo lugar un feito tráxico, para evitar que as ánimas errantes das vítimas poidan danar aos transeúntes.

Peto de Ánimas ©Concello de Cangas

No municipio de Cangas hai inventariados máis de 40 cruceiros, repartidos polas cinco parroquias. Por destacar algún, na do Hío será por onde comecemos esta ruta, cunha das obras de arte máis famosas de toda Galicia, esculpida no ano de 1872 por Ignacio Cerviño Quinteiro, ou así confirman a este autor as investigacións realizadas por numerosos eruditos da cultura como Eugenio Eiroa, cronista oficial da Vila de Cangas ou Estanislao Fernández de la Cigoña. Destaca neste cruceiro a profusión de imaxes, dende o capitel, coa escena do Descendimento ata as catro fornelas da súa base, pasando polos Adán e Eva tras ser expulsados do paraíso, no fuste do cruceiro. Entre outros cruceiros, destacados e coñecidos na vila, atopamos o Cristo de Síngulis, na praciña do mesmo nome, no casco antigo de Cangas. Trátase dun belo cruceiro barroco, datado quizás cara o s.XVI., rodeado por típicas casas de patín. E tamén o Cristo do Lameiro, no lugar de Cimadevila, construido no 1898 e cunha imaxe de Santiago Peregrino no fuste. Finalmente, destacar o Peto de Animas da Madalena, único peto no concello, que vai ser restaurado próximamente.

Cristo do Lameiro, Cimadevila ©Concello de Cangas

A PROTECTORA DE ANIMAIS BAISENPULGAS RECIBIRÁ DO CONCELLO DE NIGRÁN UNHA AXUDA DE 4.000 EUROS ANUAIS

O Concello de Nigrán consignará 4.000 euros anuais para BaiSenpulgas a través do seu orzamento a través dunha nova liña de axudas directas. Deste xeito, o goberno local colaborará oficialmente no mantemento desta protectora de animais da comarca formada por persoas voluntarias e que afronta constantes problemas de falta de recursos para poder desenvolver o seu labor.

Igualmente, a protectora será a encargada desde agora de recoller e custodiar os gatos e cans abandonados ou perdidos durante a fin de semana no municipio (actualmente o Concello de Nigrán presta servizo só para cans a través de CAAN da Deputación de Pontevedra, pero na fin de semana este servizo resulta moi complexo e urxía contar cunha solución máis inmediata). A maiores, o Concello de Nigrán contará con BaiSenpulgas para iniciar o control de colonias silvestres de gatos mediante a esterilización dos mesmos. Actualmente o municipio ten media ducia delas en zonas urbanas (centro de Nigrán, Ramallosa, Patos ou San Pedro) e desexa que estas pervivan dun xeito controlado e mesmo garantindo a súa correcta alimentación con dispensadores de pienso e persoas ao cargo das mesmas. “Temos unha voluntaria encargada dos felinos e agora sumamos a BaiSenpulgas para abordar este asunto con máis medios e dun xeito máis global“, explica o concelleiro Diego García. Desde a protectora inciden na importancia de sumar socios para poder desenvolver o seu labor correctamente. “Somos persoas voluntarias, temos os nosos traballos, isto é algo que facemos altruístamente, vimos cada día ao refuxio a pasear ao cans, atender os gatos, darlles as súas menciñas, tratamos incidencias urxentes, nos ocupamos de que reciban atención veterinaria… Para todo iso precisaríamos dispor de máis voluntarios”, subliñan desde BaiSenpulgas, que fai un chamamento á colaboración (protectora.baisenpulgas@ gmail.com). Igualmente, desde a protectora insisten na importancia de que todos os cans conten con microchip (obrigatorio por lei) e de que os gatos sexan esterilizados.

A entidade fai un chamamento á suma de voluntarios para poder desenvolver o seu labor correctamente

O alcalde, Juan González, e o concelleiro de Medio Ambiente, Diego García xunto a integrantes da protectora.

A PESCA ARTESANAL SÚMASE AO ATRACTIVO TURÍSTICO DAS RÍAS

O GALP de Vigo - A Guarda, xunto cos de Pontevedra e Arousa, participan no proxecto de cooperación Mar das Illas. Esta iniciativa ten como obxectivo impulsar a diversificación pesqueira e marisqueira a través do Turismo Mariñeiro desde o sector pesqueiro das Rías Baixas e no ámbito de influencia do Parque Nacional Marítimo Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

Este ano naceron ao abeiro deste proxecto seis novas iniciativas. Dos proxectos presentados tralas titorías a comisión de seguimento seleccionou seis proxectos atendendo a criterios de calidade e diversidade para poñer en práctica experiencias piloto, tres deles de turismo mariñeiro a pé e outros tres da especialidade de pescaturismo. O obxectivo dos pilotos foi ensaiar e avaliar as actividades programadas así como os protocolos establecidos de atención ao público, seguridade, Covid-19, e integración da diversidade funcional (protocolo que foi acordado cos representantes das principais asociacións de diversidade funcional galegas). No caso da ría de Vigo, Francisco Javier Costa poñerá en marcha un proxecto sobre pesca e turismo-barco en Cangas do Morrazo, mentres que en Redondela será Severino Casal xunto coas suás compañeiras de Amarturmar, quenes levarán adiante un proxecto de Turismo Mariñeiro de marisqueo a pé.

O proxecto de cooperación Mar das Illas O obxectivo deste proxecto é promover a actividade do turismo mariñeiro e a pescaturismo entre o colectivo de mariñeiros nas Rías Baixas de Galicia, especialmente no ámbito do PNMTIAG, a través da súa formación como guías acreditados de turismo mariñeiro no ámbito do Parque Nacional. Esta iniciativa enmárcase na liña de proxectos de cooperación interterritorial e transnacional dos GALP para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) 2014-2020, segundo as Estratexias de Desenvolvemento Local Participativo (EDLP). Na actualidade o proxecto está completando a súa terceira fase. No transcurso das distintas fases formáronse 150 profesionais do mar como Guías Acreditados en Turismo Mariñeiro e Pescaturismo no ámbito do Parque Nacional. Ademais elaboráronse distintos manuais de formación, protocolos de actuación e Códigos de Boas Prácticas, e leváronse a cabo diversas xornadas de divulgación, con expertos na materia. Nesta terceira fase, ademais de cursos de formación, deuse un paso máis realizando titorías personalizadas para todos os profesionais que decidiron emprender na actividade, asesorando en todos os pasos e trámites necesarios para que o proxecto sexa viable. Nas vindeiras semanas organizaranse diversas actividades abertas á cidadanía para dar a coñecer os proxectos de turismo mariñeiro.

Axudas para procesos innovadores na produción, comercialización e distribución de produtos pesqueiros

www.galp.xunta.gal

Correo electrónico: galpvigoaguarda@yahoo.es Teléfonos: 986 35 81 09 - 646 873 106

A SEDE VIGUESA DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA HOMENAXEA ÁS REDERAS CUN MURAL DO ARTISTA DARÍO BASSO NA SÚA FACHADA Este novo mural, titulado ‘ Redeiras’, ocupa 195 metros cadrados da fachada, situada na rúa Eduardo Chao, onde as rederas estendían as mallas de pesca para restauralas e rende homenaxe a estas traballadoras “que teñen un traballo fundamental para o sector de pésca pero que está silenciado, quizais é menos espectacular pero é igual de necesario”, subliña o artista. Á hora de buscar ideas para este mural, Basso realizou toda unha investigación da historia do barrio, do tecido social do Casco Vello e falando con veciños da zona, que “me contaron como esta rúa utilizábase para fabricar as redes”, asegura o artista. A obra ‘Redeiras’ contou coa colaboración de Paula Lago Pereira, unha das súas alumnas na Escola de Artes e Ofi cios de Vigo, e para realizala utilizou diferentes técnicas e empregado todo tipo de materiais, como cadeiras de brazos, sofás e mantas para poder realizar arrastres inspirados nos cadros do pintor alemán Gerhard Richter “Estes obxectos funcionaron como os pelos dun pincel e o guindastre foi o seu mango”, indica o artista. Basso desenvolve desde os anos 80 unha importante carreira artística que levou as súas obras contemporáneas e abstractas por todo o mundo Este mural, é unha intervención artística máis das que se están realizando en Vigo no marco do novo programa de medianeiras para decorar espazos públicos da cidade con arte urbana de artistas locais e internacionais.

Javier García entre o presinte de Afaga e o deputado Carlos Font AFAGA ENTREGA A JAVIER GARCÍA E VALERIA REY OS PREMIOS DE RELATOS CURTOS DA VI EDICIÓN A sede da Deputación de Pontevedra en Vigo foi escenario da entrega de premios do sexto certame de relatos curtos sobre alzheimer “Nun recuncho da memoria”. Un total de 120 obras participaron no concurso, organizado pola Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Galicia (Afaga), moitas delas chegadas desde diferentes comunidades españolas, outros países europeos e o norte e sur de América. En representación da presidenta da Deputación, o deputado Carlos Font considerou un “orgullo” para a institución provincial acoller este acto na súa nova sede en Vigo e recoñeceu o “excepcional traballo” da asociación, que axuda a máis de 250 familias e presta servizos en dez concellos da provincia. Na modalidade de galego resultou gañador Javier García Bello co relato “Avoíño”, mentres que en castelán a vencedora foi Valeria Rey Maldonado, con “Memorias para oler”. Ámbolos dous – Javier presente na cerimonia e Valeria desde Madrid co envío dun vídeo- expresaron o seu agradecemento polo premio. O presidente de Afaga, Juan Carlos Rodríguez, lembrou que “este é un ano especialmente complicado polo que está a acontecer coa pandemia da Covid-19, xa que se a situación para as familias e as persoas con demencia é moi difícil, derivou en tráxica e desorientadora coas medidas de confi namento”.

CONMEMORACIÓN DA BATALLA DE RANDE

Baixo a ponte de Rande e entre os restos da antiga fortaleza celebrouse o acto de presentación da sétima edición dos actos conmemorativos da Batalla de Rande. Con cambios na programación, moitas sorpresas e adaptándose á situación sanitaria, a conmemoración deste fi to histórico acontecido no litoral de Rande hai 318 anos, celebrará a súa sétima edición a terceira fi n de semana de outubro na explanada do Meirande. Uns días antes, o 10 de outubro, chegará o acto de alarma no casco urbano de Redondela. Haberá dobre representación, do grupo infantil e dos adultos, e non faltarán os fogos de artifi cio, a feira de artesanía e algunha cousa máis. Os organizadores da Batalla de Rande preparan a programación habitual sempre á espera do que as autoridades sanitarias determinen Nesta sétima edición mantense o desfi le polas rúas do centro urbano de Redondela para o día 10 de outubro mentres que os actos en Meirande desenvolveranse os días 17 e 18 de outubro, coa inclusión da habitual teatralización.

Os tesouros da ría de Vigo A batalla de Rande é un dos fi tos navais da nosa historia, e tamén a máis importante lenda da ría de Vigo. A batalla librouse o 23 de outubro de 1702 entre as coalicións anglo-holandesa e hispano-francesa, durante a Guerra de Sucesión Española. Os galeóns españois chegaron á ría de Vigo cargados co maior tesouro que xamais cruzase o Atlántico: Ouro e prata, xoias… E aquí é onde a lenda diverxe: unha asegura que os galeóns se refuxiaron en Vigo, onde foron atacados coa carga aínda no seu interior; outra afi rma que os tesouros se habían desembarcado xa… Aínda que nunca se soubo onde. O certo é que Julio Verne converteu ao Capitán Nemo no primeiro cazatesoros da ría de Vigo na súa novela 20.000 leguas de viaxe submarina. Desde entón ata hoxe, realizáronse centos de inmersións nas augas da ría de Vigo en busca do tesouro. Sen ir máis lonxe, en 2011 localizáronse e identifi caron 6 pecios máis relacionados coa batalla.

SALCEDA DE CASELAS SÚMASE Á TERCEIRA EDICIÓN DE VILAS EN FLOR

Vilas en Flor O programa «Vilas en Flor», unha iniciativa que procura a mellora ambiental, social e económica dos concellos galegos de menos de 45.000 habitantes, chega este ano á súa terceira edición con doce novos concellos participantes confirmados aínda que a organización continúa o traballo de captación de novos candidatos. Na anterior edición participaron dezaseis concellos (Allariz, Caldas de Reis, Chantada, Salvaterra de Miño, Betanzos, Culleredo, Cuntis, Tomiño, A Guarda, Carballiño, Gondomar, Mondoñedo, Ortigueira, Ponteceso, Portomarín e Baiona) aos que se suman neste ano doce novos (Cambados, Fene, Guitiriz, Lalín, Narón, Pontedeume, Sada, Salceda de Caselas, Sarria, San Sadurniño, Ames e Tui). O proxecto persegue a mellora ambiental, social e económica dos concellos, así como a dinamización do sector do paisaxismo e a ornamentación, seguindo o modelo existente noutras comunidades autónomas como Cataluña, Aragón, Canarias e Valencia, a semellanza do sistema implantado desde hai décadas noutros países como Reino Unido, Irlanda, Francia, Italia e Canadá. “Vilas en flor” é un programa encamiñado á posta en valor da riqueza natural e paisaxística, na liña dalgunha das multifuncionalidades da infraestrutura verde. Con este proxecto preténdese a mellora estética e funcional do territorio mediante o recoñecemento público daquelas actuacións medioambientais, enriquecidas con obras de axardinamento, ornamentación floral, mobiliario urbano e espazos lúdicos. As “Flores de Honra”, que abranguen cinco niveis, son o distintivo que se concede anualmente aos municipios participantes, segundo criterio dun xurado especializado formado por expertos de recoñecido prestixio no ámbito do paisaxismo. O programa recoñece tanto a traxectoria como as accións levadas a cabo polos concellos galegos para mellorar e resaltar os espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación cidadá no coidado da contorna Na pasada edición, o xurado distinguiu aos concellos de Chantada e Allariz con catro flores de honra, Caldas de Reis e Salvaterra con tres. A Portomarín, Ponteceso, Tomiño, Mondoñedo, A Guarda, Culleredo, Cuntis, Carballiño e Betanzos con dous; e Gondomar, Ortigueira e Baiona foron recoñecidos cunha flor de honra. No último trimestre do ano un xurado realizará as visitas a todos os concellos participantes e decidirá que concellos son merecedores de algunha distinción así como de subir ou baixar o número de flores que alcanza cada concello ata un máximo de cinco. Deste xeito, os concellos son recoñecidos pola súa adecuada implantación e xestión dos espazos verdes, contribuíndo de maneira directa ao desenvolvemento económico local, xerando máis actividade económica derivada do propio sector da planta ornamental e da xardinería así como dun previsible aumento de visitas turísticas. De feito existen rutas específicas para os concellos que participan neste tipo de programas. Por outra parte, os concellos polos que transcorre o Camiño de Santiago poderán ser considerados, recoñecidos e valorados desde un prisma internacional, construíndo unha marca de calidade local.

O Concello de Salceda de Caselas leva máis dunha década realizando numerosos investimentos para a recuperación dos espazos públicos para as persoas, tanto no casco urbano como nas sete parroquias que conforman o municipio. Así, as sendas fluviais convertéronse xa no sinal de identidade deste Concello, con espazos verdes de recreo ao longo das ribeiras dos Ríos Caselas, Landres e Lagoela, que se teñen convertido en lugares de visita de numerosas persoas tanto de Salceda como dos municipios limítrofes, servindo ademais de exemplo de actuación respetuosa co medio e que ademais cumple os parámetros de accesibilidade universal, para que a totalidade da rede de sendas poida ser disfrutada por todos e todas. Tamén se levan acondicionado numerosos espazos verdes no rural, como a Carballeira de Xabarís, a área recreativa de Rubás, ou a área recreativa dos muíños do Regueiro entre outras, con actuacións de recuperación de espazos abandoados que agora se poñen en valor para ser empregados pola veciñanza. En canto ao casco urbano, o concello segue unha política de humanizacións e recuperación dos espazos públicos para as persoas. Así, lévanse acometido actuacións en numerosas rúas, prazas e outros espazos da vila, realizando unha transformación do casco urbano que segue a avanzar día tras día con novas iniciativas. A remodelación da Praza da Devesa, a humanización da Rúa Compostela e adxacentes, ou a urbanización da Rúa da Gándara son unha boa mostra desta liña de traballo. Todas estas actuacións complétanse sempre con ornamentación natural (árbores, xardiñeiras con flores, etc), que dan un aspecto moito máis humano ás rúas da vila.

This article is from: