COUSAS DE - Revista Nº7

Page 16

ACTUALIDADE

O CONCHEIRO DO CASTRO DE SANTA TREGA ÁBRESE AO PÚBLICO TRAS MESES DE ACTUACIÓNS PARA A SÚA POSTA EN VALOR

As actuacións enmárcanse no proxecto “Escavación, análise e sinalización do concheiro da porta Sur do castro de Sta. Trega (A Guarda”, dirixido por Brais X. Currás Refojos, investigador posdoutoral do CSIC, e promovido polo Concello da Guarda a través da Deputación de Pontevedra.

O Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) dirixe o proxecto encamiñado á posta en valor do concheiro do castro de Sta. Trega (A Guarda), que dende estes días pódese visitar tras meses de actuacións que incluíron limpeza da vexetación da porta sur do castro do Monte Trega, sondaxe arqueolóxica, estudo de arqueofauna e levantamento fotogramétrico das estruturas escavadas, e que concluíron coa instalación dun panel informativo cuxo cometido é que os visitantes coñezan los principais resultados deste estudo. O equipo de traballo está dirixido por Brais X. Currás Refojos, investigador posdoutoral do CSIC no Instituto de Historia do Centro de Ciencias Humanas e Socias (Madrid). Colabora a empresa Terra-Arqueos e os grupos de investigación Zooarqueoloxía (Universidade de León), con Carlos Fernández Rodríguez ao fronte, e Paleoeconomía e Subsistencia das Sociedades Preindustriais (CSIC) con Marta Moreno. “O concheiro, que se atopa ao lado da porta de entrada ao castro do Monte Trega, constituía unha especie de vertedoiro para os seus habitantes. A día de hoxe, é unha fonte de información incalculable pois a través do seu estudo podemos coñecer numerosos aspectos da vida cotiá das persoas que viviron no castro”, explica Brais X. Currás, quen engade que “o proxecto ten fin último constituír unha ferramenta coa que se promova un turismo de calidade”. O proxecto foi financiado polo Concello da Guarda a través da convocatoria 2019 de Axudas para a rehabilitación e sinalización do patrimonio histórico e cultural da Deputación de Pontevedra. “A zona do concheiro do castro do Monte Trega fora xa obxecto de escavacións entre 1910 e 1930, realizadas pola Sociedade Pro-Monte, Ignacio Calvo e Cayetano de Mergelina, e dende entón permanecía abandonada. Os resultados que arestora temos obtido revelan a existencia dunha gandería na que predominan ovellas e cabras de moi pequeno tamaño, documentándose tamén a presencia de porcos e vacas, así coma un dominio total de moluscos e crustáceos propios das zonas rochosas, principalmente lapas, pero tamén mexillóns, bígaros e percebes. Os ourizos tamén foron importantes, sendo menos común o consumo de cangrexos”, explica Brais X. Currás, quen engade que “en canto á actividade pesqueira, se constatou que se practicou fundamentalmente con amocelo nas zonas máis preto da costa. Abunda a lubina, acompañada en moita menor medida de dourada, sargo e maragota, entre outros pescados”.

16 cousas de


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.