4 minute read

Sen saír da bisbarra

Advertisement

Moito teatro para gozar en Ames

Febreiro

A actividade cultural en Ames comezará en febreiro con Drop, un espectáculo de Novo Circo que combina teatro, malabares e música en directo. Será o venres 4 ás 20:30 horas na Casa de Cultura de Bertamiráns.

O 11 de febreiro, ás 20:30 horas, e tamén na Casa de Cultura de Bertamiráns será a quenda de ‘A parábola do angazo’, unha obra de Talía Teatro que nos conta a historia dun mozo dunha aldea galega que emigrou a Castela e aos poucos meses regresou á súa terra. Nese breve tempo ocorreu algo asombroso: o rapaz esqueceu a fala dos seus, a lingua que falara toda a vida.

Partindo desta coñecida lenda que xa recollía o padre Sarmiento no século XVII, os dous intérpretes, a través dun diálogo fluído e cargado de humor, farán unha viaxe polas anécdotas máis significativas da historia da lingua, enlazando episodios do pasado para explicar o que sucede no presente e demostrando que a lingua resistiu e resiste toda situación adversa.

O venres 18 de febreiro, ás 20:30 horas, representarase nesta mesma Casa da Cultura a obra ‘Libre como os paxaros’. O drama da compañía Teatro do Atlántico ten á actriz María Barcala representando o papel dunha muller escritora e poetisa, comprometida coa cultura do seu pobo, que reflicte e denuncia a situación das mulleres, a emigración masiva, a fame e a miseria: María Rosalía Rita de Castro.

Marzo

Xa en marzo poderemos gozar en Ames de ‘A lúa vai encuberta’, unha peza arredor da realidade galega e da loita incesante por conformar unha identidade propia. Esta obra, confrontándonos co noso pasado recente e as súas contradicións, desvela un discurso que hoxe en día está sendo moitas veces silenciado, e que explica, en certa maneira, as razóns dos trazos políticos, sociais e económicos que caracterizan o país. Representarase na Casa da Cultura do Milladoiro o venres 11 ás 20:30 horas.

A compañía de teatro A panadaría presentará ‘As que limpan’ o 18 de marzo ás 20:30 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns. A obra fala da loita organizada das camareiras de piso dos hoteis por acadar uns dereitos laborais e sociais xustos. Fronte a elas, a avaricia voraz dos propietarios das cadeas hoteleiras. Hai quen nunca limpou un váter e hai quen limpa cincocentos ao mes. Para finalizar marzo, o día 25, Jose Padilla dirixirá a comedia transmedia sobre a sexualidade desde as artes escénicas, ‘Golfa’. Será ás 20:30 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns.

Arzúa celebra a súa 47ª Festa do Queixo

O 4, 5 e 6 de marzo regresa a Festa do Queixo en Arzúa, que nesta 47 edición volverá a ser presencial, despois de ter que limitarse o ano anterior a un pequeno formato online por mor da pandemia. Ademais da zona de exposición, a festa incluirá coma sempre distintos obradoiros e actividades e un programa de actuacións musicais que se poderán consultar proximamente na páxina web festadoqueixo.org

Padrón recorda a Rosalía de Castro e Camilo José Cela

Un intenso programa de actividades ao longo de 2022 divulgará a obra e a figura de Cela no vixésimo aniversario do seu pasamento. Entre elas, haberá visitas e obradoiros para escolares na Fundación Cela, así como a rehabilitación e musealización da Sarita, a primeira locomotora a vapor que funcionou en Galicia e que constitúe a peza principal do Museo do Ferrocarril integrado no Museo Camilo José Cela. O proxecto de restauración inclúe a posta a punto da locomotora, a construción dunha cuberta para protexela, a colocación de ramplas para o acceso á sala de máquinas e a protección das pezas interiores. Ademais, haberá catro proxectos expositivos centrados na figura do escritor padronés. O primeiro deles será Cela poliédrico, unha mostra itinerante que percorrerá de marzo a outubro as cidades da Coruña, Ferrol, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela e Vigo. A través dela afondarase nas diferentes facetas do autor, ademais de incluír aspectos curiosos e menos coñecidos da súa traxectoria.

Caldo de Gloria

O Día de Rosalía pasará a celebrarse o 23 de febreiro e non o 24 como acontecía ata agora, logo do recente descubrimento por parte da investigadora Sagrario Abelleira que corrixiu a data de nacemento da autora. Logo deste acordo, a Fundación Rosalía de Castro volve chamar á sociedade galega a celebrar este día lendo os seus textos, cunha Alborada de Rosalía e facendo un Caldo de Gloria, para o que convoca de novo a escolas e restaurantes de todo o país a esta iniciativa inspirada no poema “Miña casiña, meu lar”, no que a poeta explica como facer un caldo humilde e no que se relata a épica diaria da supervivencia. Este ano volverase a celebrar tamén o Día de Rosalía cunha Alborada en colaboración coa Asociación de Gaiteiros e Gaiteiras Galegas.

This article is from: