Revista Pincha 27

Page 30

sen saír da bisbarra

Moito teatro para gozar en Ames Febreiro A actividade cultural en Ames comezará en febreiro con Drop, un espectáculo de Novo Circo que combina teatro, malabares e música en directo. Será o venres 4 ás 20:30 horas na Casa de Cultura de Bertamiráns. O 11 de febreiro, ás 20:30 horas, e tamén na Casa de Cultura de Bertamiráns será a quenda de ‘A parábola do angazo’, unha obra de Talía Teatro que nos conta a historia dun mozo dunha aldea galega que emigrou a Castela e aos poucos meses regresou á súa terra. Nese breve tempo ocorreu algo asombroso: o rapaz esqueceu a fala dos seus, a lingua que falara toda a vida. Partindo desta coñecida lenda que xa recollía o padre Sarmiento no século XVII, os dous intérpretes, a través dun diálogo fluído e cargado de humor, farán unha viaxe polas anécdotas máis significativas da historia da lingua, enlazando episodios do pasado para explicar o que sucede no presente e demostrando que a lingua resistiu e resiste toda situación adversa. O venres 18 de febreiro, ás 20:30 horas, representarase nesta mesma Casa da Cultura a obra ‘Libre como os paxaros’. O drama da compañía Teatro do Atlántico ten á actriz María Barcala representando o papel dunha muller escritora e poetisa, comprometida coa cultura do seu pobo, que reflicte e denuncia a situación das mulleres, a emigración masiva, a fame e a miseria: María Rosalía Rita de Castro.

Marzo Xa en marzo poderemos gozar en Ames de ‘A lúa vai encuberta’, unha peza arredor da realidade galega e da loita incesante por conformar unha identidade propia. Esta obra, confrontándonos co noso pasado recente e as súas contradicións, desvela un discurso que hoxe en día está sendo moitas veces silenciado, e que explica, en certa maneira, as razóns dos trazos políticos, sociais e económicos que caracterizan o país. Representarase na Casa da Cultura do Milladoiro o venres 11 ás 20:30 horas. A compañía de teatro A panadaría presentará ‘As que limpan’ o 18 de marzo ás 20:30 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns. A obra fala da loita organizada das camareiras de piso dos hoteis por acadar uns dereitos laborais e sociais xustos. Fronte a elas, a avaricia voraz dos propietarios das cadeas hoteleiras. Hai quen nunca limpou un váter e hai quen limpa cincocentos ao mes. Para finalizar marzo, o día 25, Jose Padilla dirixirá a comedia transmedia sobre a sexualidade desde as artes escénicas, ‘Golfa’. Será ás 20:30 horas na Casa da Cultura de Bertamiráns. | 30 | Pincha |

27


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.