3 minute read

Luisa Merelas:

ALuisa Merelas (A Coruña, 1958) estamos moi afeitos a vela en papeis de “mala”. Como esa Dona Carme da televisiva ‘Matalobos’ ou o seu máis recente éxito no teatro, ‘Bernarda’, da compañía Malasombra. “A min custábame ás veces traballo dicir aquelas frases que tiña que dicir na serie! (risos) Tiña que atoparlle xustificación dentro da maldade. Eu non creo que ninguén sexa moi bo, moi bo na súa vida ou moi malo, moi malo. Todos temos matices na nosa personalidade. E os personaxes tamén”, explica.

Que a encadren nese tipo de papeis non lle preocupa: “A min o que me importaba máis era ter emprego, poder pagar as facturas. Na pandemia pasei un ano sen traballar e decidín xubilarme anticipadamente. Agora intento coñecer outras cousas, ser feliz, gústame moito a natureza, teño unha horta na que paso moitos momentos, cultivo tomates, leitugas, remolachas... É marabilloso! E só acepto traballos se me gustan e me compensan economicamente”.

Advertisement

Porque tal e como recoñece Luisa a súa profesión é moi inestable, e moito máis se es muller. “Sempre houbo máis papeis para actores que para actrices. Nas series, nas películas... Hai unha maior porcentaxe de homes que de mulleres. Por que? Porque as historias están escritas a maior parte por eles”.

O seu amor pola actuación comezou sendo unha nena. Tivo a sorte de contar como profesor no seu colexio co recoñecido dramaturgo Manuel Lourenzo. E con 15 anos entrou na súa compañía ‘Teatro independente’. Grazas a el tamén puido examinarse en Barcelona e licenciarse en Arte Dramático. Pero como levaba a súa familia que se dedicara naquel momento ao mundo do espectáculo? “Era unha época de espertar como sociedade. Na miña casa sentín ese apoio porque coñecían ao meu mestre. Non foi como un pai, pero si que sentín o seu respecto. Había esa confianza”, relata.

Comezou nos 70 unha extensa carreira en montaxes teatrais que continúa ata hoxe en día. Coa chegada da TVG, a mediados dos 80, fixo tamén moita dobraxe. E desde os 90 leva participado en decenas de series de televisión e películas. Unha das últimas, un pequeno papel na premiada ‘As Bestas’, de Rodrigo Sorogoyen. Máis de 50 anos subida aos escenarios que dan para vivir moitos momentos sexistas. “Recordo situacións de ser eles os directores e tratarme coma se fora unha nena. Houbo, por exemplo, unha vez no teatro, nunha obra na que eu era a protagonista, e fixéronse os programas de man co meu apelido mal escrito. O director dixo: “Bueno, pero non pasa nada, non che importa, verdade, Luisa?”. Eu non fun capaz de defenderme. Unha compañeira miña do elenco, Mónica García, foi a que dixo que había que cambialo. Non sei se iso foi un acto machista, pero se fora un home protagonista ao mellor non pasaba. Eu sinto que teño moito que aprender, aínda aos meus anos, teño que saír cara arriba. Teño que conseguir empoderarme”.

Luisa destaca que grazas aos movementos feministas as cousas están a cambiar, que é moi importante que as mulleres alcemos a voz. E iso mesmo fai ela contando por primeira vez publicamente o que viviu sendo moi nova: “De nena sufrín abuso sexual e con 18 anos, unha violación. Pero non se me ocorreu denuncialo. Naquela época non se facía. Sentíame incluso culpable por confiar naquela persoa. Por irme con alguén que pensei que era amigo das miñas amigas. E non reaccionei. E mira que vexo ao violador de cando en vez e danme ganas aínda hoxe en día de plantarme diante del e...”. Luisa non continúa. Xa é un paso moi grande simplemente verbalizalo. Ao pouco, fai outra importante reflexión: “Eu tiven o meu primeiro fillo aos 21 anos e non tiña claro que o quería ter. Pero como lle ía dicir iso á miña nai! Deixeime levar, non fun capaz de reaccionar. É o machismo que te paraliza. Eu estaba paralizada. Hoxe é moi importante que poidamos ser donas do noso corpo. O machismo está na sociedade, en todas partes. Agora que vou facer 65 anos no mes de abril, con esta perspectiva do tempo, é cando máis o vexo. Aínda hai moito que cambiar, seguen morrendo mulleres a mans dos homes, hai que educar aos fillos desde moi cedo... Como di a escritora Inma López Silva: hai que liberar aos homes do peso do machismo. Será bo para nós e eles tamén se van sentir liberados”.

This article is from: