3 minute read
LAURA DELGADO, PREMIO ARTESANÍA DE GALICIA 2022:
“Haberá xente que teña as miñas pezas como adorno, pero a min gústame que se utilicen”
Artesanía de Galicia vén de recoñecer nos seus premios 2022 o traballo e enxeño daquelas persoas que se esforzan pola creación de calidade, partindo dunha paixón á que lle engaden un gran compoñente creativo e tacto na elección de materiais. É o traballo das persoas artesás, esas que lle dan sentido ao noso, ao feito aquí cunha pegada persoal, as que converten unha peza en única e o seu lugar de produción, en excepcional. Laura Degaldo leva co seu taller de cerámica utilitaria en Cambre dende 2015, colaborando con diferentes cociñeiros e cociñeiras galegas de prestixio. É a creadora de ‘O mundo do revés. Coctelería peliqueira’, unha colección de vasos para cóctel que imitan o concepto dos chamados vasos tiki da cultura polinesia, pero desta vez decorados con motivos dos personaxes do entroido tradicional da provincia de Ourense.
Advertisement
Que significa para ti este premio de Artesanía de Galicia? Significa un recoñecemento. Levo 3 ou 4 anos presentándome, xa fora finalista, e que recoñezan o teu traballo é moi gratificante. Por un lado, é un premio ao esforzo porque intento realizar pezas que se saian do que fago habitualmente no taller. Por outro lado, como a peza está ligada igualmente á cerámica utilitaria e á hostalería, ámbito no que me desenvolvo, tamén se premia o traballo en xeral do día a día.
E como chegaches a este vaso tiki á galega?
A idea inicial non era para presentar en ningún sitio. Cando teño algo de tempo trato de pensar nalgunha peza novidosa, como dicía, que se saia do habitual. Comecei a barallar o dos vasos tiki, pero non lle atopaba un significado claro nin entendía moi ben por que se lle poñían unhas máscaras determinadas. Non atopaba moita información, pero investigando descubrín unha historia curiosa de como naceu a coctelería tiki e cheguei ao meu dilema: e eu que lle poño aos vasos?
É dicir, foi un proxecto que se alongou no tempo…
Si, durante un montón de tempo dinlle voltas á historia. Noutro momento atopei un perfil de fotografías de máscaras de tradición animista e aí uníronse as dúas ideas. Despois, aínda estivo o tem- po de execución porque facer unha peza leva moito. Empecei cun deseño máis redondo que quedaba moi infantil e logo fun chegando a liñas máis xeométricas. Pasaron meses dende que imaxinei a peza na miña cabeza ata o resultado final. Ademais, interviñeron outras persoas do equipo, o cal enriquece esa idea de base. O vaso xa se comercializa? Si, non é exclusivamente para un certame, é para o público. Xa preguntaron por el e mesmo teño lista de agarda, pero iso xa vén sendo habitual (risas).
A que se debe o título ‘O mundo do revés’?
Esa frase atopeina varias veces para referirse ao Entroido en xeral dende as súas orixes, onde non hai normas e todo se permite, sobre todo noutros tempos onde todo estaba moi regulado. Gústame a idea, porque ao final sempre vivimos rodeados de normas.
Hai pezas que parecen intocables, pero o vaso pódese usar non? Si claro, tanto esta peza como todas as que fago son para utilizar. Todo no meu taller é utilitario e emprego materiais e técnicas que así o permitan. Se os pratos ou vasos aguantan o tute dun restaurante teñen que aguantar o da casa. Eu fago pezas para que se usen, haberá xente que as teña como adorno, pero a min gústame que se utilicen. Gustou moito a túa presentación. Que importancia ten o envoltorio?
Creo que é importantísima a presentación. Sempre mola máis que che entreguen unha peza nunha caixa ou bolsa chula que, como antes, en papel de periódico (risas). Para presentar esta peza ocorréronseme moitas ideas, incluso pensei en entregar un libriño ou unha tira de cómic para contar a historia. Pasaron moitas cousas pola miña cabeza, pero resultábanme inviables e quedei con elementos máis prácticos, pero moi bonitos. A bolsa quedou moi ben.
Que supón para ti a marca Artesanía de Galicia?
É un aval sempre. Xa nos inicios é un gran apoio, e xa non digo económico, senón que fan un labor moi importante de márketing externo, con feiras internacionais e eventos nos que mostran o teu traballo e che dan visibilidade. Creo que Artesanía de Galicia é un exemplo de como actuar e, de feito, penso que ten gran relevancia a nivel nacional. Estoulles moi agradecida.