Número 27
8 MARZO 2012
I.E.S. “San Paio” — Tui
B
O
L
E
T
Í
N
D
O
E
Q
U
I
P
O
D
A
B
I
B
L
I
O
T
E
C
A
As mulleres e o cine Aproveitamos este 8 de marzo para ollar o universo feminino desde o cine. Velaí as nosas propostas fílmicas agrupadas en catro epígrafes. 1.
A muller e o mundo laboral
NORMA RAE (Martin Ritt, 1979). Baseada en feitos reais, narra o proceso de concienciación política dunha muller e o seu compromiso coa loita sindical. Norma Rae, unha obreira dunha fábrica téxtil do sur de Estados Unidos, pasa por momentos difíciles depois da morte do seu marido. Cando chega á cidade un líder sindical que se propón formar un sindicato na fábrica, a vida de Norma cambia por completo: participa na loita laboral e casa cun compañeiro de traballo. Convertida en líder sindicalista, terá que enfrontarse a enormes dificultades para implantar un sindicato na súa fábrica. SILKWOOD (Mike Nichols, 1983). Alegato antinuclear. Karen Silkwood, obreira e sindicalista dunha central nuclear de Oklahoma, recolle probas e indicios que demostran a ineficacia das medidas de seguridade da empresa; pero, ao ir entregalas, morre vítima dun estraño accidente. Baseada en feitos reais. A COR PÚRPURA (The color purple, Steven Spielberg,1985). A historia de Celie sitúase a comezos do século XX. Ela é unha rapaza abandonada á súa sorte por un pai que abusaba dela; emparellada á forza cun tirano, ten que atopar por si mesma, sen apenas axuda, o difícil camiño que conduce aos seres humanos a conseguir o seu lugar baixo o sol. Unha morea de emocións inesquecibles. ERIN BROCKOVICH (Steven Soderbergh, 2000). Erin Brockovich é unha nai solteira que consegue un posto de traballo nun pequeno despacho de avogados. A súa personalidade pouco convencional fará que os seus comezos non sexan demasiado alentadores, pero todo cambiará cando decida investigar o estraño caso duns clientes que padecen unha sospeitosa enfermidade. EN TERRA DE HOMES (North Country, Niki Caro, 2005). Josey Aimes, unha nai solteira, regresa ao seu pobo natal no norte de Minnesota e, para saír adiante, busca traballo nas minas de ferro. Non imaxina a clase de humillacións a que se ven sometidas as mulleres no traballo. PAGO XUSTO (Made in Dagenham, Nigel Cole, 2010). En 1968, case 200 traballadoras da planta Ford Dagenham organizaron unha folga para reivindicar a igualdade de salarios con respecto aos homes. O resultado da protesta foi a aprobación da Equal Pay Act. Baseada en feitos reais.