Número 62
Decembro 2020
I.E.S. “San Paio” — Tui
B
O
L
E
T
Í
N
D
O
E
Q
U
I
P
O
D
A
B
I
B
L
I
O
T
E
C
A
Unha posible viaxe polas xeografías lectoras deste atípico Nadal A pesar da COVID-19 chega o Nadal e, con el, as vacacións, tempo de lecer e de ler, tempo de parabéns e agasallos recíprocos. Por iso ofrecémosvos esta pequena guía con propostas lectoras pensadas para todo tipo de gustos e idades, para o teu uso privado ou para facer un agasallo. Anímate a navegar polas xeografías deste mapa da lectura e, sexas lector ou non, goza destas merecidas xornadas de descanso sen que che falte o agarimo e a compañía dos teus seres máis queridos. Así que, para estas vindeiras festas e para o Aninovo, Resistamos e Reexistiremos! Bo Nadal! Saudábel 2021! ALONSO DIZ, Miguel A. e BELOSO, Luz, Unha folla vermella, 2020, 68 pp. Álbum ilustrado de edición numerada e limitada que, cunha soa voz, fai unha reflexión crítica sobre o proceso de creación e a vida do creador nun entorno difícil como o de hoxe, as máis das veces sometido á presión do sistema. Crítica extensiva a todas as ramas da arte e que agardamos aniñe nas vosas almas. AVENDAÑO e GOGUE, A tropa contra o virus, Xerais, 2020, 104 pp. Monchiña e Floreano, personaxes dos chistes de Gogue, e a doutora Peralta únense para acabar co coronavirus. Os lugares desta narración sitúanse entre as Rías Baixas e Compostela; é nesta última cidade onte se desenvolve a batalla principal contra a COVID-19. Humor, amor, esperanza e solidariedade van da man nesta historia onde se mestura a maxia do cine de animación e a divulgación científica. BLANCO, Concha, Feminino singular, en plural, Baía, 2020, 60 pp. Moitas mulleres foron silenciadas, esquecidas ou agochadas polo simple feito de ter nacido mulleres. Cómpre loitar pola equidade de xénero e recuperar ás pioneiras, bravas e loitadoras. E isto podemos facelo a través da lírica como neste libro onde atoparás unha serie de poemas biográficos, (ilustrados por Laura Romero) dedicados a mulleres galegas destacadas pero que foron ocultadas e silenciadas ao longo da historia, tamén outros que falan de mulleres anónimas e máis próximas a nós; poemas comentados por dous nenos, Sabela e Roi que, ás veces, quedan abraiados porque descoñecían a algunhas das protagonistas dos poemas e non sabían das súas vivencias e valía. DÁVILA, Berta, Illa Decepción, Galaxia 2020, 142 pp. Que queda de nós nas casas nas que nalgún momento vivimos? Velaquí a pregunta que impulsa á narradora de Illa Decepción a realizar unha viaxe por todos os fogares que habitou e que, a súa vez, a habitaron a ela. Un percorrido físico que a levará a coñecer a súa amiga Amandine, actual residente no antigo apartamento familiar, mais tamén unha viaxe polos sendeiros da melancolía, un percorrido entre as paredes da vida que xa foi. Todo isto narrado desde o marco dunha pandemia mundial, onde as casas se converten, máis ca nunca, nunha illa na que refuxiarse. Contado, tamén, desde Illa Decepción, un fogar virtual creado dentro dun videoxogo e desde o que reflexionaremos, da man da voz íntima que nos guía, sobre se as casas son un lugar onde nalgún momento da vida nos asentamos ou se en realidade as levamos dentro de nós.