Número 64
Verán 2021
I.E.S. “San Paio” — Tui
B
O
L
E
T
Í
N
D
O
E
Q
U
I
P
O
D
A
B
I
B
L
I
O
T
E
C
A
Polas xeografías das lecturas estivais Despois deste complexo curso no que fomos quen de manter en gran medida a presencialidade, chega o tempo do relax das vacacións, un relax para o que vos ofertamos unha selección de lecturas que pretenden cubrir un amplo abano de gustos e afeccións. Oxalá que con estas ou outras propostas percorrades xeografías que, humana e literariamente, vos enchan de optimismo e saúde, sempre tan necesarios pero máis que nunca nas actuais circunstancias. Para tod@s: un saudábel e pracenteiro verán! AMMANITI, Niccoló, Ti e máis eu, Rinoceronte Editora, 2021, 124 pp. Lorenzo, un mozo de catorce anos, dilles aos pais que vai esquiar cos seus compañeiros de instituto, pero en realidade crea un refuxio no rocho para pasar as vacacións ao seu aire, sen ninguén que o moleste. Mais, a súa medio irmá Olivia, nove anos maior ca el, irrompe no seu retiro e obrígao a enfrontarse ao mundo exterior e a superar o seu carácter introvertido e neurótico. Le as primeiras páxinas: https://issuu.com/rinoceronte_edit/docs/ maq_tiemaiseu_mostra BANDERA, Mª Carmen DE LA, África en el corazón, Casals, 2010, 160 pp. A historia de Diko, un neno camerunés de doce anos que vive co seu avó na pequena aldea de Kogle. Diko é orfo de nai e o seu pai formou outra familia na próxima cidade de Poli. Diko ama a súa aldea, ao seu avó e ao seu amigo Massandé; o día que este morre acába a felicidade infantil de Diko. A partir deste intre, tentará saber cal é o seu lugar no mundo. Juan é un antropólogo español que se instala unha tempada en Kogle. Diko converterase no seu axudante, alumno de español e amigo. Cando morre o seu avó, Diko refúxiase cada vez máis en Juan. Soña con irse a Madrid con el. Mais Juan pídelle que espere ata que sexa maior de idade e que, entón, decida. Tamén lle explica que en España as leis son moi estritas pero que, no seu momento, el daralle axuda. Así llo promete antes de irse. Pero Diko decide non esperar e emprende a viaxe a Madrid pola súa conta. A viaxe de Diko enfróntanos á realidade dos nenos sós que loitan por sobrevivir e que son terriblemente utilizados. Diko será neno soldado en Liberia e, en Tánxer, entrará en contacto cos patróns das pateras que trafican con persoas. Finalmente, Diko, cruzará o estreito e conseguirá chegar ata Madrid e ata o seu amigo Juan. CANOSA, María, H2… Oh!!! Pingas científicas, Galaxia, Vigo, 2021, 88 pp. Neste libro atoparás unha morea de curiosidades científicas relacionadas co noso día a día. Cousas simples que temos ao noso carón, pero que teñen un funcionamento moi complexo. E todo contado dun xeito moi sinxelo por María Canosa e ilustrado por Luz Beloso. Unha mínima mostra de preguntas para as que terás resposta se les este libro: quen inventou os cascos protectores?, por que hai espellismos?, hai animais que nunca beben auga?, por que o número pi é infinito?...