Número 3
I.E.S. “San Paio” — Tui
MARZO 2020
CINE para tempos de PANDEMIA FILLOS DOS HOMES (Alfonso Cuarón, Gran Bretaña, 2006) Filme baseado na novela distópica The Children of Men de P. D. JAMES (en español: Hijos de hombres, Ediciones B, 2018, 352 pp., comeza a lela premendo aquí). No ano 2027 os humanos están a piques de extinguirse: os homes perderon a capacidade de procrear e ignórase o motivo polo que todas as mulleres do planeta son estériles. Ao mesmo tempo, o mundo estremécese cando morre un mozo de 18 anos, a persoa máis nova da Terra. Vívese, pois, unha situación de caos galopante. En tales circunstancias, Theo, un desilusionado ex-activista radical de Londres convertido en burócrata, é contratado por Julian para que protexa a unha muller que pode ter o secreto da salvación da humanidade, a persoa máis valiosa da Terra…
FRONTEIRA (Manuel Pérez Cáceres, España, 2013) Os ensaios dun grupo de teatro son interrompidos por unha alarma. Atopámonos dentro da prisión de Quatre Camins e o sinal indica o illamento dos módulos. O grupo, integrado por seis presos e oito persoas do exterior, permanecerá illado por unha epidemia de orixe descoñecida. A falta de información e o temor a un posible contaxio poñerá a proba a súa fortaleza e cambiará para sempre as súas vidas.