Número 8
I.E.S. “San Paio” — Tui
21 MARZO 2021
co P de Películas e de Poesía ANTES QUE ANOITEZA / BEFORE NIGHT FALLS (Julian Schnabel, USA, 2000, 133´) Baseada na autobiografía homónima do poeta cubano Reinaldo Arenas (Tusquets Editores, Barcelona, 2010, 352 pp) que defendeu e logo criticou o goberno de Fidel Castro e a revolución de 1959, a película presenta os matices da súa vida, a súa infancia nos pobos de Oriente e Holguín e a súa vida adulta na Habana. Cando empeza a publicar os seus primeiros traballos, o poeta traba amizade con outros homes abertamente homosexuais. A partir de aí, a vida do autor comeza a ser accidentada: entradas e saídas do cárcere, homoerotismo e un contexto político traizoeiro son os elementos que ambientan este relato. Unha película que retrata a un home cuxo afán de liberdade artística, política e sexual desafiou a pobreza, a censura, a persecución, o exilio e a morte.
O CÓNSUL DE SODOMA (Sigfrid Monleón, España, 2010, 110´) Película inspirada na biografía do poeta Gil de Biedma escrita por Miguel Dalmau Soler (Circe Ediciones, 2004, 508 pp) A vida de Gil de Biedma presenta certa contradición: por unha banda, pertence á alta burguesía e é executivo dunha importante multinacional; por outra, vive a súa faceta de poeta e homosexual que se rebela contra a súa contorna familiar e histórica. O sexo, o amor, a literatura e a loita política son as constantes dunha vida que atravesa unha época de rebeldía, violencia e descubrimento. O filme é tamén un retrato de Barcelona dos anos 60, no que desfilan personaxes emblemáticos da cultura e a sociedade catalá progresista.
HISTORIA DUNHA PAIXÓN / A QUIET PASSION (Terence Davies, Reino Unido,2016, 125´) Película centrada na idade adulta da poeta estadounidense Emily Elizabeth Dickinson. Esta poeta nada en 1803 pasou case toda a súa vida na casa dos seus pais en Amherst (Massachusetts) A mansión na que viviu serve de pano de fondo ao retrato dunha muller nada convencional da que se sabe moi pouco. Considerada unha nena con talento, un trauma emocional obrigouna a deixar os estudos. A partir dese momento, retirouse da sociedade e empezou a escribir poemas. A pesar da súa vida solitaria, a súa obra transporta aos seus lectores a un apaixonante mundo.