Falamos da Lingua Materna

Page 1


Limiar Mensaxe da Sra. Audrey Azoulay, Directora Xeral da UNESCO, con motivo do Día Internacional da Lingua Materna (21 de febreiro de 2022) Cando Hamet, o neno creado polo escritor Diadié Dembélé, manifesta a aspiración de reencontrarse coa súa lingua, está a expresar unha necesidade universal e fundamental. De feito, cada lingua ten un certo ritmo e unha certa maneira de enfocar as cousas e de pensar nelas. Por tanto, aprender ou esquecer unha lingua non é simplemente adquirir ou perder un medio de comunicación, senón tamén ver un mundo enteiro aparecer ou esvaecerse. Ao empezar a escola, moitos escolares teñen a ambigua experiencia de descubrir unha lingua e o universo de pensamentos que esta conleva e esquecer a que coñeceron desde a súa primeira infancia. A escala mundial, catro de cada dez alumnos non teñen acceso á educación na lingua que mellor falan ou entenden, polo que o fundamento da súa aprendizaxe é máis fráxil. Este afastamento da lingua materna aféctanos a todos porque a diversidade lingüística é un ben común, e a preservación desa diversidade, un deber. A tecnoloxía pode proporcionar novas ferramentas para preservala, por exemplo, ao permitirnos gravar e conservar linguas que ás veces só existen en forma oral, facilitando así a súa difusión e análise. En resumo, fan das linguas locais un patrimonio común. Agora ben, ante o risco de uniformización lingüística que entraña Internet, tamén debemos ser conscientes de que o progreso tecnolóxico só estará ao servizo do plurilingüismo mentres fagamos un esforzo para que iso sexa así. É necesario concibir ferramentas dixitais en varias linguas e apoiar o desenvolvemento dos medios de comunicación e o acceso á conectividade para que todo o mundo poida descubrir outras linguas sen renunciar á súa lingua materna. O Decenio Internacional das Linguas Indíxenas, que comeza este ano, debería canalizar os esforzos dos investigadores, os organismos de radiodifusión e os falantes, dando así un novo impulso á preservación destes valiosos repositorios de coñecementos e visións do mundo. Na súa calidade de organismo coordinador do Decenio, a UNESCO estará plenamente comprometida con esta causa. Por iso, neste Día Internacional, fago un chamamento a todas as persoas que estean en condicións de facelo para que defendan a diversidade lingüística e cultural, que constitúe a gramática universal da humanidade que compartimos.

https://unesdoc.unesco.org/ark:/48223/pf0000380593_eng


Algunhas novas sobre a nosa lingua materna 8 de marzo de 2021

Tres de cada catro aulas da USC impártense en castelán A lingua galega só chega ao 22% do alumnado. No Grao en Medicina emprégase o castelán no 97,64% das horas docentes. A lingua galega segue sendo de segunda na Universidade de Santiago de Compostela (USC). Segundo datos facilitados polo seu Servizo de Normalización Lingüística (SNL), neste curso académico 2020-2021, un 73,63% do profesorado emprega o castelán, moi por riba do galego que só utiliza un 22,10%. Por debaixo quedarían o inglés (2,44%), o portugués (0,39%) e outras linguas (1,44%). Estas cifras manteñen esta mala situación desde o curso 2003-2004, período do que se teñen estatísticas. Curiosamente, utilízase máis o galego nos mestrados (32,67%) ca nos graos (21,12%). Non é esta a única diferenza salientábel: o uso das linguas tamén é moi distinto segundo as titulacións.

Diferente uso do idioma segundo o grao Non todas as titulación teñen a mesma porcentaxe de uso de idioma. Entre o 0% de uso do galego do Grao adscrito de Relacións Laborais que se imparte en Lugo e o 100% do dobre grao de Mestra de Educación Infantil e Primaria que se atopa en Compostela, sitúanse outros 56 graos. Porén, só trece deles presentan un uso do galego igual ou superior a 50%, mentres que son 43 os graos en que se usa o castelán como mínimo en 50% das horas docentes. O Grao en Medicina é o de maior número de horas docentes, 103.260, o que supón algo máis da cuarta parte da docencia de todos os graos da USC. Nel emprégase o castelán no 97,64% das horas docentes, e o galego no 2,36%. Pola súa banda, 62,94% das 38.694 horas docentes dos 71 mestrados que se están a impartir na USC, son en castelán; 32,67% en galego e 4,39% nos demais idiomas (3,92% en inglés). En relación aos departamentos, en todos emprégase o galego, aínda que sexa pouco como o 0,02% de Cirurxía e Especialidades Médico-Cirúrxicas ou moito como o 99,87% de Ciencias da Comunicación. O uso do galego en titulacións da área de Ciencias da Saúde (Odontoloxía, Medicina, Farmacia, Enfermaría) é cada vez menor ano tras ano. Pola contra, no cadro de honra no uso do galego seguen campando, ademais de, loxicamente, Filoloxía Galega, as titulacións da Facultade de Ciencias da Comunicación (Xornalismo e Comunicación Audiovisual), así como outras titulacións de Ciencias Sociais: Educación, Filosofía, Xeografía e Historia. https://www.nosdiario.gal/articulo/lingua/cada-catro-aulas-da-usc-impartense-castelan/ 20210308204030117238.html


10 de agosto de 2021

As queixas ante a Valedora por vulneración de dereitos lingüísticos duplicáronse A institución recibiu unha reclamación ou petición cada catro días por este motivo. O número de expedientes de queixa por vulneración de dereitos lingüísticos presentados diante da Valedora do Pobo duplicouse, pasando de 48 queixas a 96 expedientes recibidos no exercicio 2020, ano sobre o que se presentou o informe a principios deste verán. Deses case cen expedientes recibidos, a Valedoría admitiu 76, mentres que non aceptou 11 e 9 remitiunas ao Defensor del Pueblo. No que atinxe a estas 9 queixas, a entidade que preside Dolores Fernández Galiño indica que facían referencia ao uso exclusivo do español por parte de órganos da Administración xeral do Estado con sede en Galiza. Cal foron os motivos sobre os que se pronunciaban estas queixas presentadas pola cidadanía galega? Pois variados. desde a denuncia de deturpación de topónimos pola Mancomunidade de Arousa Norte até o uso exclusivo do castelán na documentación de ingreso e alta no servizo de Obstetricia do CHUS - Complexo Hospitalario Universitario de Santiago-. A aplicación só en español do Colexio Oficial de Médicos da Coruña, o uso exclusivo do castelán na liña de información do coronavirus do Sergas, a resposta en castelán do Instituto Galego do Consumo e da Competencia a unha consulta realizada en galego ou a negativa dunha docente da Universidade da Coruña a corrixir un traballo en galego e uso do tradutor en liña; foron outras das cuestións denunciadas. Todas elas, sinala a Valedora, con conclusión positiva.

Dereitos Outro dato significativo para a Valedora do Pobo é a porcentaxe das queixas concluídas positivamente tras iniciar as actuacións. "Nos informes remitidos polas administracións dábase conta das medidas adoptadas de xeito inmediato para corrixir a situación, unha vez que a institución lles requiría información sobre a actividade concreta que incumpría a normativa sobre dereitos lingüísticos e se comprobaba o fundamento da queixa", indícase no informe. Un informe, ademais, salienta "a intensa actividade da Mesa pola Normalización Lingüística e o Observatorio de Dereitos Lingüísticos, entidades de defensa da lingua que promoveron 74 queixas, o 77% dos expedientes tramitados". A Valedora do Pobo afirma que a actual etapa da institución outórgalle "prioridade á protección e potenciación do idioma galego ao configurar a defensa dos dereitos lingüísticos da cidadanía galega como un área do traballo de supervisión das administracións públicas galegas con entidade propia, autónoma e diferenciada da área de cultura". https://www.nosdiario.gal/articulo/lingua/queixas-valedora-vulneracion-dereitos-linguisticosduplicaronse-2020/20210809221727126873.html


6 de outubro de 2021

Un novo estudo da RAG evidencia o "efecto desgaleguizador" do ensino A Real Academia Galega (RAG) vén de presentar unha nova investigación sobre a situación da lingua galega entre a mocidade. No estudo, a RAG constata que o medio escolar "é hostil" para o galego e que o sistema educativo exerce "un forte efecto desgaleguizador". "O acceso ao sistema educativo exerce un forte efecto desgaleguizador nos nenos e nenas desde as idades máis temperás, moito antes do constatado nos estudos realizados até o momento, centrados maioritariamente na adolescencia". Así o evidencia o Mapa sociolingüístico escolar de Ames, un proxecto desenvolvido pola Real Academia Galega (RAG) en colaboración co Concello de Ames. A investigación, presentada na tarde de onte en Bertamiráns, é o primeiro estudo deste tipo que implica todas as etapas educativas, desde as escolas infantís até o bacharelato, e mais os distintos actores implicados na educación dentro e fóra das aulas.

77% de falantes habituais de castelán Os datos mostran, segundo o estudo, "a perda do 10% de galegofalantes iniciais xa no primeiro contacto co medio educativo na etapa infantil". Porcentaxe que "vai medrando nos sucesivos cambios de ciclo até cifras extremadamente preocupantes". Deste modo, "na secundaria só o 11% do alumnado é galegofalante e outro 11% bilingüe, fronte a un 77% de falantes habituais de castelán, a maioría deles monolingües". "Os procesos de substitución lingüística cara ao castelán inícianse, pois, na infancia e consolídanse na adolescencia".

O medio escolar "é hostil" para o galego “O que demostra este traballo é que o medio escolar non é amigábel para o galego”, afirmou Henrique Monteagudo, coordinador do Seminario de Sociolingüística da RAG, responsábel da investigación. “É hostil, non proporciona aos rapaces e rapazas galegofalantes o ambiente adecuado para desenvolveren as súas competencias e capacidades comunicativas na súa propia lingua, senón que provoca a súa retracción, e tampouco facilita que os castelanfalantes adquiran esas competencias”, precisou. A investigación contou coa participación de máis de 2.000 familias, 264 docentes e case 1.800 escolares e estudantes dos 20 centros educativos públicos e privados deste municipio. https://www.nosdiario.gal/articulo/lingua/novo-estudo-evidencia-perda-do-galego/ 20211006193239130148.html


16 de outubro de 2021

O galego "non é lingua" para caixeiros Ducias de persoas amosan, a través de rechíos, a súa preocupación polo uso do galego en caixeiros dun centro comercial de Vigo. A advertencia dos erros xurdiu por parte dun usuario que lamentou que as grallas sempre aparezan na lingua propia. A Mesa pola Normalización Lingüística xa se ofreceu a levar adiante esa denuncia. O incorrecto uso do galego volve ser motivo de crítica nas redes sociais. Nesta ocasión non foi unha institución pública a que cometeu o erro, pero si foi detectado nun lugar público polo que pasan milleiros de persoas. Un usuario dun caixeiro dun centro comercial de Vigo tomou unha fotografía dun cartel indicativo que atopou na máquina para retirar cartos. Malia que o escrito en castelán tamén ten algunha gralla, a maioría dos erros nunha frase simple atópanse na lingua propia do país. De feito, o tuiteiro fai unha reflexión considerando que os erros "cando se escribe en dúas linguas, sempre están no texto en galego". Acompaña a mensaxe dunha fotografía na que se pode ler "Se desexa recibo pulse 'se quero'". No seu lugar debería aparecer "Se desexa recibo prema 'si quero'". O denunciante, que recibiu unha mensaxe da Mesa pola Normalización Lingüística animándoo a facer unha denuncia polo mal uso do galego, remarcou que o problema é común en todos os caixeiros do centro comercial vigués ao que acudiu. Mesmo chegou a apuntar aos erros dun posíbel tradutor automático, ao igual que fixeron outras persoas que chiaron a súa denuncia. Ao tempo que A Mesa propuña tamén pelexar para que a lingua "resaltada sexa a galega", outras persoas comentaban con certo malestar tanto os problemas na escrita nas dúas linguas como o sentimento que producen o considerado como un desleixo co idioma da Galiza. "É moi ofensivo, como galegofalante, atopar sempre estas cousas. Sempre os erros no galego", resumiu @AlexCostasVila. https://www.nosdiario.gal/articulo/lingua/non-galego-caixeiros/20211014215214130652.html


1 de decembro de 2021

80% da rapazada nunca, ou case nunca, escoita música en galego Unha enquisa a máis de 1.000 escolares de 20 centros de ensino de diferentes partes da Galiza mostra como a lingua propia é a gran ausente na música que escoitan. A música en galego vive unha idade de ouro. O idioma está presente a través de ducias e ducias de conxuntos e solistas nunha moi ampla variedade de estilos e, ao tempo, hai artistas e grupos que acumulan galardóns e recoñecemento mesmo alén do Padornelo. Porén, “Ao Son da Nosa Música”, un proxecto socio-educativo de Manolo Maseda e Martiño Ramos, profesores de música no ensino público; vén mostrar a outra cara da moeda: a rapazada galega apenas consume música en galego. Ambos os dous profesores impulsaron unha enquisa realizada a máis de 1.000 escolares da Galiza de 20 centros diferentes. Un inquérito que revela “a práctica desaparición do idioma galego entre os seus hábitos de consumo musicais”, segundo indican nunha nota de prensa. “Un 80% confesa que nunca -ou case nuncaescoita música en galego. Máis do 50% nunca asistiu a un concerto de música en lingua galega na súa vida e un 40% do alumnado enquisado non coñece ningún artista ou grupo que cante en galego”. O proxecto socio-educativo realizou un traballo de investigación nos meses de outubro e novembro e contou coa participación de alumnado desde 5º de primaria ata 2º de Bacharelato e foron pesquisados os seus hábitos musicais tanto dentro como fóra do centro escolar. “A enquisa puxo especial fincapé na presenza da lingua galega na música que escoitan, poñéndose en evidencia unha dramática e alarmante realidade. É destacábel a presenza maioritaria do castelán como lingua vehicular no ensino musical, tanto dentro dos centros educativos como nos diferentes ámbitos de formación”, indican.

Quen? O cuestionario revela ausencia da música en galego nas propias aulas de música cun 50% que resposta escoitala poucas veces e un 27% nunca. En canto ás actividades musicais preferidas no ámbito do ensino atópanse a escoita musical e a práctica instrumental nos primeiros lugares, seguidas do canto e a danza. Guadi Galego, SÉS, Tanxugueiras ou a Banda da Loba son as artistas máis coñecidas pola rapazada enquisada. En canto aos estilos: o Pop, o Reggaetón e o Rap son os xéneros preferidos das adolescentes, cun 64%, 53% e 44% respectivamente.

Hábitos En relación aos hábitos de consumo de música, un 62% nunca mercou música. Entre o 38% que si o fixo un 45% investiu en música en castelán, un 35% música en inglés e tan só un 17% asegura que mercou música en galego. Os medios dixitais a través dos que escoitan música son: YouTube destácase como o máis empregado cun 86%, seguido por Spotify cun 74%, TikTok cun 52% e a radio cun 35%.


“Así mesmo, revélase que as redes sociais, a partir dos 13 anos, son a maior influencia na formación do gusto musical, seguida de preto do grupo de amizades. No mes de xaneiro, este proxecto socio-educativo presentará os resultados definitivos da investigación e partillará as propostas de mellora que considera oportunas para reverter esta situación conxuntamente coas outras cinco secuencias didácticas”. https://www.nosdiario.gal/articulo/lingua/galego-desaparecido-musica-que-escoita-rapazada-galega/ 20211201101237133301.html

16 de decembro de 2021

“Cada vez q hablas gallego me pongo enfermo” O guía de turismo Guido Álvarez, colaborador de Nós Diario, partillou algunhas das mensaxes contra o galego que recibe a través das redes sociais nas que emprega sempre este idioma. En pouco tempo recibiu múltiples mostras de apoio e ánimo polo seu traballo de difusión nun sector tan importante como o seu. “El gallego es un idioma aislado del mundo”, “Tenían que ilegalizar idioma gallego, y sacarlo de las escuelas” ou “Sales de Galicia y ese idioma absurdo se queda ahí”, son algunhas das mensaxes que recibiu nos últimos días Guido Álvarez, guía oficial de turismo e colaborador de Nós Diario. Esta semana decidiu partillalas nas redes sociais coa intención de dar unha situación moito máis común do que parece. “Non é algo diario, mais especialmente nestes dous anos como autónomo si recibín bastantes mensaxes e algunhas delas igual de desagradábeis que as da semana pasada”, explica Guido Álvarez a Nós Diario.


Amante das viaxes, Álvarez acreditouse como guía oficial de turismo con cinco idiomas (francés, italiano, inglés, castelán e galego) no ano 2015. No 2019 comezou o seu proxecto Guido Guía como autónomo e, “fiel ás miñas conviccións, desde o inicio apostei por guiar e comunicar en galego”. A iniciativa está a ter moito éxito “incluso superáronse as expectativas”, asegura. “Nestes dous anos e pico non só non tiven ningún problema, senón que son moitísimas as persoas que me dan as grazas por achegalas ao galego”. Pon como exemplo a cantidade de estudantes Erasmus e de inmigrantes que buscan facer inmersión lingüística. “Por non falar da aproximación e integración cultural, emotiva e sentimental que supón para todos eles”, lembra.

Redes e anonimato A parte negativa veu desde que comezou a ter éxito nas redes sociais. “Todos os comentarios negativos que recibín foi a través das redes onde, por desgraza, impera o anonimato e ás veces mostra a peor cara da xente”, intúe. Sobre as mensaxes recibidas, conta que “algunhas veces son mensaxes de persoas non galegas que piden que cambie de idioma, mais o peor de todo é que algunhas son de persoas galegas ás que lles molesta (nunca entenderei porqué) que promocione Galiza en galego”. Álvarez sinala que “moitas veces dinme que se traballo para turistas non podo facelo en galego, sen darse conta de que é ao contrario, para maior parte da xente é un plus”. Por este motivo asegura que continuará difundindo nas redes sociais e no seu traballo o galego co que coñeceu “xente inqueda culturalmente, aberta, que ven con claridade que o idioma é se non a máis grande, unha das maiores riquezas da Galiza”. https://www.nosdiario.gal/articulo/lingua/cada-vez-q-hablas-gallego-pongo-enfermo/ 20211215160046134153.html

19 de decembro de 2021

Enterran unha cápsula do tempo con predicións sobre a lingua para 2081 A Associaçom Galega da Língua (AGAL) conmemora os 40 anos da súa fundación homenaxeando os pioneiros do reintegracionismo moderno. Este domingo, 19 de decembro, fanse 40 anos da realización no Centro Don Bosco de Santiago de Compostela da primeira asemblea da Associaçom Galega da Língua (AGAL). Naquela data, sinala a entidade nun comunicado, 50 persoas botaban a andar un proxecto chamado a mudar o rumbo da lingua no que supuxo o comezo do movemento reintegracionista moderno e do desenvolvemento sistemático desta escrita. Daquel encontro saíu o primeiro Consello da entidade, presidido por Xavier Alcalá. A coincidir con este aniversario, a Associaçom realiza este domingo un acto de homenaxe que, naquel mesmo lugar, reunirá as e os actuais membros da AGAL.


Na asemblea deste 19 de decembro nomearanse como socios de honra os profesores José Luís Rodríguez, José-Martinho Montero Santalha e Isaac Alonso Estravis, fundadores e aínda membros activos da AGAL. A continuación, inaugurarase, na presenza de representantes de diferentes colectivos e institucións, unha placa conmemorativa no exterior deste centro a lembrar o acto fundacional cos nomes das 40 persoas que promoveron en 1981 a entidade.

Cápsula do tempo Ademais, no interior do recinto enterrarase unha cápsula do tempo que recollerá as avaliacións das persoas participantes sobre a situación actual da lingua galega e mais unha previsión da mesma en 2081. Ese é o ano no que se prevé abrir esta cápsula, a coincidir co centenario da AGAL. O contedor acollerá textos inéditos que só se darán a coñecer dentro de 60 anos, e poderá conter tamén obxectos que se consideren representativos da actual situación da lingua no país. O día continuará cun xantar no que intervirán diferentes socias e socios fundadores a lembrar aquel momento fundacional e a recoñecer o traballo de toda unha vida desenvolvido por José Luís Rodríguez, José-Martinho Montero Santalha e Isaac Alonso Estravis no seo do reintegracionismo. O proceso de fundación da AGAL foi impulsionado por un numeroso grupo de persoas, moitas delas discípulas de Ricardo Carvalho Calero. Xavier Alcalá, José Luís Rodrigues, Aracéli Herrero, Xosé Ramón Pena, José Martinho Montero Santalha, Maria do Carmo Henríquez Salido, Joám Trilho, X. Rodríguez Baixeras, António Gil, José Maria Monterroso Devesa, Joám Carlos Rábade Castinheira, Joaquim Campo Freire ou Manuel Miragaia Doldám aparecen como algúns dos nomes máis destacados daquel proceso, sinala a AGAL nun comunicado enviado aos medios. Destacan desde a entidade que, “aínda que algúns deles se desvincularon do colectivo co tempo, sorprende como, logo de 40 anos de traxectoria, moitos continúan vencellados ao proxecto e á causa lusista, ademais de ser fundamentais no desenvolvemento doutros proxectos do movemento reintegracionista”. https://www.nosdiario.gal/articulo/lingua/agal-enterra-capsula-do-tempo-predicions-situacion-da-lingua2081/20211218132106134327.html

20 de decembro de 2021

O castelán domina o panorama editorial galego Galiza editou un total de 2.213 títulos en 2019, un 10,8% máis que o exercicio anterior. Os publicados en castelán son un 47,5% fronte ao 40,4% dos títulos que se editan en galego. A produción editorial en lingua galega segue a ser menor da que se publica en castelán segundo os datos facilitados esta segunda feira polo Instituto Nacional de Estatística (INE). Segundo este organismo, Galiza editou un total de 2.213 títulos no ano 2019, un 3,4% da produción total do Estado español e rexistra, á súa vez, un incremento do 10,8% respecto dos datos rexistrados no exercicio anterior.


Este incremento non veu acompañado dunha maior saída ao mercado de publicacións en galego. Un 47,5% das publicacións saen ao público en castelán, mentres que un 40,4% dos títulos na Galiza editáronse en lingua galega, uns 1.048, que á súa vez representa o 1,6% das obras e publicacións de todo o Estado. En número de publicacións están por diante da Galiza a Comunidade de Madrid, Catalunya, Andalucía e o País Valencià.

Edicións bilingües Outros 130 títulos editáronse en galego e castelán, dentro das pezas impulsadas en dúas ou máis idiomas, un 0,3% en catalán e un 3,8% noutras linguas. Do total de títulos editados no idioma propio da Galiza, a práctica totalidade editouse no país (o 85,2%), aínda que destaca o 9,4% na Comunidade de Madrid e o 2,7% en Catalunya editado nesta lingua.

Domina a literatura, a historia e a crítica literaria A maioría destes títulos editáronse nas comarcas da Coruña e Pontevedra, en concreto uns 1.300 e 724, respectivamente, seguidas das de Ourense con 96 e das Lugo con 93. Un total de 1.814 destas publicacións tratáronse de libros e 399 folletos. Por temas e categorías, unhas 1.060 correspondíanse con obras de literatura, historia ou crítica literaria, 299 de ciencias sociais, 265 de xeografía e historia e 232 sobre artes, entre outros, mentres que 329 tratáronse de publicacións oficiais e 321 de publicacións infantís e xuvenís. https://www.nosdiario.gal/articulo/lingua/castelan-domina-panorama-editorial-galego/ 20211220131530134373.html

30 de xaneiro de 2022

Cinco consellos útiles para dar os teus primeiros pasos como neofalante Por onde comezo?, E que pasa se me trabuco seguido?, Como vai reaccionar a miña familia e as miñas amizades? Cambiar dunha lingua para outra na vida cotiá non é tarefa fácil. O idioma que cada quen emprega para comunicarse no día a día forma parte da identidade persoal, e comezar un proceso de conversión lingüística require de moita paciencia, esforzo e compromiso. Mais paso a paso, respectando os ritmos propios e sen forzar, o camiño ata converterse en neofalante, se é un desexo pendente, ha resultar máis levadeiro. As aprendizaxes tiradas por quen xa pasou pola experiencia poden ser de gran axuda a quen se anime de aquí en diante. Imos ver! CONSELLO 1: ESCOLLE UN PLAN Hai quen decide dar os pasos pouco a pouco e quen decide romper dun día para outro co seu idioma habitual. Hai quen prefire combinar galego e castelán e quen se decanta por dar o paso completo cara ao galego. Calquera das opcións é posible, mais cadaquén debe escoller a que máis se lle axeite aos seus tempos e expectativas. Marta Salutregui, unha moza ferrolá graduada en Humanidades e máster en Formación do Profesorado, dá un apunte moi útil: “É importante non angustiarse co concepto de ‘paso definitivo’ porque hai xente que precisa de moitos intentos para conseguilo”.


Ela leva falando galego por completo case un ano logo de varias probas. “Aínda hai días que esperto e se me esquece!”, recoñece. A súa realidade lingüística na infancia e na adolescencia caracterizouse polo uso xeneralizado do castelán en todos os ámbitos. Foi grazas á materia de galego, aos libros da escola e ao Xabarín Club que ela aprendeu o galego, mais non se botou a falalo con frecuencia ata a súa chegada a Compostela. Alí, decidiu ir engadindo progresivamente ámbitos de uso: comezou polas redes sociais, logo introduciuna na comunicación escrita, máis tarde probou con persoas descoñecidas e, finalmente, atreveuse coa familia e as amizades. Un plan que lle permitiu ir “perdendo os medos” e evitar maiores incomodidades. A profesora Pilar Ponte, tamén neofalante e impulsora do proxecto ’21 días co galego e máis’, incide precisamente nesta idea de ir introducindo o galego en ámbitos de uso de menor a maior dificultade. Nos comercios, coas novas amizades ou en calquera outro espazo de socialización recente, cambiar de lingua é máis sinxelo porque “esa xente non ten nada que desaprender de ti”. “Penso que nunca se debe comezar pola casa, porque canto máis asentada é a relación coas persoas, máis asentado é tamén o idioma desa relación, e daquela, máis difícil resulta o cambio”, di Pilar. O proceso é moi persoal e, se a nosa intención pasa por facer un cambio completo, este pode levar tempos variados segundo os ritmos de cada persoa. Desde as poucas semanas de Pilar Ponte ata os case dez anos de Rebeca Bande, ourensá empregada de banca que durante un longo período permaneceu no castelán no seu posto de traballo mentres xa mudara ao galego no resto de ámbitos da súa vida. “É un sector complicado…”, di, “pero un día dixen: ata aquí!”. Para sorpresa súa, agora cada vez que descolga o teléfono e dá o ‘bo día’, escoita moito máis galego ao outro lado da liña. “Temos un axente galeguizador do que non somos de todo conscientes!”, engade. Outras persoas, no canto de mudar progresivamente de lingua, si que se decantan por facer un corte drástico co castelán de cara ao galego. “Eu decidín que fose o meu propósito de aninovo para concienciarme a min mesma de que había que ir en serio, así que puxen un chío en Twitter para que non houbese marcha atrás. Tres anos despois, pénsoo e creo que foi moi boa idea”. No caso de Alba Rodríguez, cuxo compromiso público en Twitter mobilizou moito apoio e cariño, iniciar a mudanza lingüística de maneira menos gradual deulle resultados positivos. “Ter esa meta clara e ir por ela aportoume máis confianza en min mesma”, relata Alba. Algo semellante explica Nee Barros, estudante e youtubeire: “Eu sou muito de dar o passo e mudar em todos os ambientes ao mesmo tempo, porque a mim me funcionou assim, e foi como um desafio”. CONSELLO 2: EXPONTE O MÁXIMO Á LINGUA A través das redes sociais, da música, da literatura… podemos atopar conexións persoais e moi fortes coa lingua. Un dos consellos máis repetidos entre as persoas neofalantes que aparecen nesta reportaxe é precisamente este: encherte de lingua! “É moi útil intentar ler os libros en galego durante esa primeira etapa. Gañas vocabulario e tamén conectas máis co idioma”, di Alba. “Falá-lo por redes e unirte a outra gente que também o faga ajuda muito, assim como consumir conteúdos na nossa língua: música, YouTube, Twitch, Podcasts…”, aconsella Nee. “Se tes galego ao seu redor, moi ben, e se non, mira a tele, atende a radio… Escoita falar nesa lingua”, remata Pilar. CONSELLO 3: BUSCA ENTORNOS AMIGOS Para Rebeca Bande, falar galego nun entorno castelanizado supón “remar a contracorrente”. Cómpre ter presente, tal e como indica Juan Vergara, vigués asentado en Bruxelas e participante dos Faladoiros en Vigo, que castelán e galego son dúas linguas en desiguais condicións, de forma que para “pasar dun idioma normalizado, hexemónico en certas zonas do país e sobre o que non recaen prexuízos a outro ao que lle sucede o contrario hai que ter moita motivación e vontade”. Nun contexto diglósico


coma este, resulta de especial importancia crear e buscar ‘entornos amigos’ para a lingua. De que falamos? “De lugares onde te poidas iniciar sen sentir que te xulgan, onde simplemente te acostumas a interactuar en galego de forma tranquila, sen preocuparse pola reacción dos demais. Así, pouco a pouco, xa non te notas estraño e podes dar outros pasos”, explica Pilar Ponte. Ela é impulsora do ’21 días co galego e +”, unha iniciativa que busca crear ese “contexto amable” no ámbito da escola. Así, as crianzas, a modo de xogo, asumen o reto de falar 21 días – e máis – en galego, un xeito de coller práctica e espertar reflexións e conciencia sobre a realidade lingüística que as rodea. Xustamente o espazo educativo, sobre todo a secundaria e a universidade, son lugares e etapas especialmente proclives ao neofalantismo. “Na secundaria, por razóns psicolóxicas e sociolóxicas, constátanse máis intentos frustrados. Coa chegada á universidade coinciden cambios moi relevantes na personalidade a na socialización que poden favorecer a conversión lingüística”, explica o sociolingüista da UVigo e experto en neofalantismo Fernando Ramallo. Por iso, crear ese “contexto cómodo de uso” nos colexios é fundamental para ir sementando ese posible cambio: “serve para que moitos saian do armario lingüístico, para empoderar o alumnado galegofalante e para chamar polos neofalantes”, explícase Pilar. Fóra do ámbito escolar, existen moitas iniciativas ao longo do país, relacionadas ou non directamente coa lingua, que funcionan como espazos amables para o galego. Poden ser os Faladoiros de galego en Vigo, actividades de asociacións, ou mesmo espazos de activismo, aliados no caso de Marta Salutregui, por exemplo: “Os meus primeiros contactos con grupos de xente que falaban en galego foron no activismo feminista e LGBT+, que son espazos nos que me atopo especialmente cómoda. Iso fixo que lle engadira un valor positivo á lingua galega: sentía que se a empregaba noutros contextos, podía levar comigo esas boas sensacións”. Marta tamén decidiu crear un espazo virtual para neofalantes co fin de que a transición lle resultara máis doada. “O primeiro que fixen”, relata, “foi convidar á miña familia e comunicarlles a miña vontade de selo”. CONSELLO 4: AS REDES SOCIAIS SON AS TÚAS ALIADAS Nelas tamén podemos atopar un ‘espazo amigo’ do galego. As redes sociais constitúen un contexto de socialización fundamental no que adoitamos ocupar moito tempo no noso día a día, e cómpre entendelas, seguindo a Ramallo, como “un espazo de oportunidades para a mobilización da lingua”: “Para moitas persoas é máis doado incorporarse ao neofalantismo a través das tecnoloxías dixitais, nas que a interacción inmediata pode ser máis sutil. Nalgúns casos constitúe unha forma magnífica de experimentar a nova subxectividade, antes de desenvolverse plenamente en galego na vida cotiá”. Tendo en conta a “forza extensiva” de plataformas como TikTok, Instagram, Twitch, YouTube…, “a aposta polo galego debe fortalecerse coa creación de comunidades de práctica que constitúan espazos de privilexio no uso do galego”, prosegue Ramallo. E o certo é que ao abrigo das redes sociais medran cada vez máis propostas de contido en galego sobre temas moi diversos: videoxogos, cultura pop, literatura, maquillaxe… “Eu recomendaría que se sumen a estas comunidades: Twitch en Galego, Podgalego, clubs de lectura… mesmo o “galitwitter”! Coñecerán unha chea de xente interesante e enriquecedora coa que crear vínculos e usar a lingua”, anima Juan Vergara. Nee Barros, que elu mesme é creadore de contido e publica vídeos sobre literatura e xénero, dá uns cantos nomes para ir buscando camiño nas redes: “@AmilGZ (leva a conta @emgalego no Twitter); o Son das Ideas ou o astroxabi (divulgadores científicos); os canais do Twitch de ciência Balea Vermella, Ciencia e tal e Ecos de Xigantes; o podcast as Womansplainers; o canal do YouTube Lilium; Malva no Tiktok… Poderia fazer uma listagem infinita de gente genial!”. Ademais dunha boa forma de expoñerse á lingua, nestas comunidades pódese atopar moito apoio e consello mutuo ao longo do proceso.


CONSELLO 5: FÓRA PREXUÍZOS “Non podo dicir que todo sexa un camiño de rosas”, recoñece Alba Rodríguez, “pero as preguntas e os comentarios son pasaxeiros”, tranquiliza. Moitas persoas que dan o paso a falar galego baten de fronte con cuestionamentos que derivan dos prexuízos lingüísticos de sempre: que se ‘háblame en castellano’, que se ‘qué raro se me hace que hables así’’, que se ‘¿por qué hablas gallego siempre?’… Fronte a isto, Alba é clara: “Nin medo nin vergoña. Non debemos poñernos a barreira do ‘que dirán’ por diante do que desexamos. Aconsello ignorar as críticas que che poidan facer polos erros que cometes”. Ao comezo, tal e como lle aconteceu a Alba, é normal “falar máis lento, a trompicóns e con moitas faltas”. Coma todo nesta vida, é cuestión de práctica e paciencia! E se no proceso, as persoas neofalantes atopan a comprensión e o apoio de quen ten o galego como lingua nai, mellor que mellor. Para explicar isto, Pilar Ponte emprega o concepto de “amabilidade lingüística”, que apela directamente ás actitudes desenvolvidas polo resto de persoas cara ás que se están iniciando na lingua galega. “Porque son poucas, pero hai persoas que teñen complexo de correctoras e tradutoras simultáneas. A amabilidade lingüística di que se alguén non che pide corrección ti non tes dereito a corrixilo; se non o que estás conseguindo é interromper a comunicación desa persoa nesa lingua. Para aprender unha lingua hai que primeiro confundirse”, remarca a profesora. Nunca está de mais recordar aquilo de que o único galego malo é aquel que non se fala. Así que adiante! “Tu pensa que o castelhano já o fala muita gente na Galiza, precisamos-te do lado do galego!”, anímate Nee. https://neofalantes.gal/2022/cinco-consellos-utiles-para-dar-os-teus-primeiros-pasos-como-neofalante/ 31 de xaneiro de 2022

Neofalantes.gal, á procura dos novos "Balbinos" que falan en galego con orgullo e sen prexuízos Este novo portal web pretende ser un punto de encontro dos que consideran que se pode vivir en galego a pesar de educarse noutros idiomas. Balbino era un neno que falaba en galego. Naceu mamando a lingua dos seus antergos, pero viviu a represión e vergoña que supoña falar este idioma durante os anos duros do franquismo. Un idioma que se identificaba con "aldeán", "pailán" ou "pobre". Hoxe, o Balbino que tan ben retratou Xosé Neira Vilas en Memorias dun Neno Labrego nada ten que ver co Balbino da sociedade actual galega. Precisamente, para tentar buscar novos "Balbinos" que abracen o galego desde outras linguas, sexa o castelán ou outro idioma estranxeiro, nace o portal web neofalantes.gal, unha iniciativa coa que a USC e a Xunta pretenden impulsar e valorizar os novos falantes de galego. O Balbino neofalante actual vive nun mundo tecnolóxico e quere deixar atrás os prexuízos de que falar en galego é de "aldeáns" e "pailáns", mais que nada porque xa vive na cidade e a súa relación co campo pode ser anecdótica. E para iso, conta a partir de agora, co portal neofalantes.gal que, apoiándose nas tecnoloxías, busca poñer en valor o mundo do neofalantismo. Trátase dun proxecto de tres anos de duración que consta de tres fases coas que se pretende impulsar e valorizar o neofalantismo e as conexións do galego co mundo da empresa e da lusofonía. Vai destinado, sobre todo, a un público novo, sen desbotar que hai neofalantes de todas as idades, e tampouco aos que falan en castelán, senón a aqueles que queren achegarse ao galego sendo norteamericanos, franceses ou alemáns.


O grupo Novos Medio da Facultade de Ciencias da Comunicación é o responsable deste novo proxecto que conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística. Para iso, nunha primeira fase, deseñou xa o sitio web, www.neofalantes.gal, un portal de noticias que pretende servir de nexo de unión da comunidade neofalante en galego. O portal conta con varias seccións; historias e experiencias de neofalantes, actualidade da lingua galega, investigacións lingüísticas, polémicas e cousas interesantes en redes relacionadas co galego, unha sección de vídeos e, finalmente, unha de opinión. Ademais contará cunha activa presenza en redes sociais, sobre todo, nas novas redes sociais da mocidade: Instagram e Tik Tok, aínda que tamén terá canle de Youtube, Facebook e Tuiter. Nunha segunda fase, o grupo traballará na posta en marcha dunha ferramenta tecnolóxica interactiva que funcionará a xeito de rede social entre a comunidade neofalante e favorecerá a creación de comunidades virtuais de todo o mundo que empreguen o galego A web servirá tamén como fío de contacto entre distintos sectores que empregan a lingua galega para facer negocio, polo que se creará unha área empresarial específica destinada a conectar a responsables de empresas ou persoas interesadas en crear negocios que aprenderan galego ou queiran aprender galego e vivan no estranxeiro con empresas de Galicia. Farase especialmente incidencia co mundo lusófono. O portal está coordinado polos profesores da Facultade de Comunicación, Xosé López e Xurxo Salgado. https://www.galiciaconfidencial.com/noticia/187748-neofalantesgal-procura-novos-balbinos-falangalego-orgullo-prexuizos

17 de febreiro de 2022

Cando Rosalía non se pode escoitar na súa lingua orixinal A extensión do galego nas novas tecnoloxías é fundamental para a súa promoción entre a xente máis nova. Moitas aplicacións carecen de versión en galego, polo que se denega o uso da súa propia lingua a moitas persoas. Este é o exemplo de Storytel, una aplicación de orixe sueca de audiolibros, ebooks e podcasts. O caso foi comentado por Twitter, onde non se entendía porque Storytel tiña a opción de consumir os seus produtos en castelán, catalán ou euskera, e non en galego. Ademais, segundo comentaba unha usuaria desta rede social, “nin sequera autoras galegas como Rosalía de Castro están presentes no seu idioma orixinal“. Storytel España, dende a súa conta oficial, argumentou que non fai “ningún tipo de exclusión a ningunha lingua”. Argumentan que están “en proceso de expansión” e que están a traballar para engadir máis idiomas nun futuro. Esta mensaxe é repetida por Storytel dende xullo do ano pasado. https://neofalantes.gal/2022/polemica-en-redes-pola-ausencia-do-galego-nunha-aplicacion-deaudiolibros/


Coda Oda á Lingua Materna Porque somos todos criaturas nadas desa matriz sonora e con ela aprendemos a maxia da contorna, os nomes das cousas, os cegamentos. Porque os primeiros pesares, os praceres primeiros foron ditos coas súas formas creadoras guiando, ocultas, a comprensión tras a forza do sentimento. Se, talvez, a distancia enchese de ruídos o ambiente e todos os camiños estivesen pechados impedindo o regreso, a música desa lingua cantaría para arrolar o noso desvelo. SCHULTZ, Margarita, De la mano del viento. Odas contra el olvido, Ril Editores, Santiago de Chile, 2019, páx. 51


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.