Escolma textos Rosalianos

Page 1

O espolio A emigrazon y ó Rey arrebatanlles de contino, o amante, o hirman, o seu home, sosten d'a familia decote numerosa, e asi, abandonadas, chorando ó seu desamparo, pasan a amarga vida antr'as incertidumbres d'a esperanza, á negrura d'a soidade y as angustias d'un-ha perene miseria. Y o mais, desconsolador par'élas, é, que os seus homes, vans'indo todos, uns por que ll'os levan, y outros por que o exempro, as necesidades, âs veces un-ha cobiza, anque disculpabre, cega, fannos fuxir, d'o lar querido, d'aquela á quen amaron, d'a esposa xa nay, e d'os numerosos fillos, tan pequeniños qu'inda n'acertan á adiviñar, ôs desdichados, á orfandade á que os condenan. (en Dúas palabras da autora, Follas novas)


As violacións Aqués que tén fama de honrados na vila, roubáronme tanta brancura que eu tiña; botáronme estrume nas galas dun día, a roupa de cote puñéronma en tiras. Nin pedra deixaron en onde eu vivira; sen lar, sen abrigo, morei nas cortiñas; ao raso coas lebres durmín nas campías; meus fillos..., ¡meus anxos...!, que tanto eu quería, ¡morreron, morreron coa fame que tiñan! Quedei deshonrada, mucháronme a vida, fixéronme un leito de toxos e silvas; e en tanto, os raposos de sangue maldita, tranquilos nun leito de rosas durmían. -¡Salvádeme, ou xuíces!- berrei... ¡Tolería! De min se mofaron , vendeume a xustiza. -Bon Dios, axudaime- berrei, berrei inda... Tan alto que estaba bon Dios non me oíra. Entonces, cal loba doente ou ferida, dun salto con rabia pillei a fouciña, rondei paseniño... ¡Ne as herbas sentían! E a lúa escondíase, e a fera durmía cos seus compañeiros en cama mullida. Mireinos con calma, e as mans estendidas, dun golpe ¡dun soio!, deixeinos sen vida. E ao lado, contenta, senteime das víctimas, tranquila, esperando pola alba do día. E entonces..., entonces cumpriuse a xusticia; eu, neles; e as leis, na man que os ferira. (en A xustiza pola man, Follas novas)


A inxustiza social Terra a Nosa! O forno está sin pan, o lar sin leña, non canta o grilo alí, e se non é coa pena que o consome, o probe soio está co seu sofrir. Sin que comer e sin abrigo tremba, por que os ventos sutils, húmedos inda, silban antre as pedras i as portas fan xemir. ¡Que ha de facer, Señor, se o desamparo tén ó redor de si!... ¿Deixar a terra en que nacen i a casa en que espera ter fin? ¡Non, non!, que o inverno xa pasou i hermosa primavera vai vir. ¡Xa os árbores abrochan na horta súa! ¡Xa chega o mes de abril! I anque a torrentes chove en horas tristes, en outras o sol ri; xa a terra pode traballarse, a fame dos probes vai fuxir. ¡Ai!, o que en ti nace, Galicia hermosa, quere morrer en ti. (en “O forno está sin pan, o lar sin leña” Terra a nosa!, Follas novas)


Os desafiuzamentos ¿Porqué? —¡Escoita! os algoasiles Andan correndo á aldea, Mais, ¿como pagar, como, s'un non pode, lnda pagá-I-a renda? — Embargarannos todo, que non teñen Esas xentes concencia, nin tên alma, ¡Quedaremos por portas! ¡Meus fillos d'as entrañas! — ¡Mala morte vos mate Antes de que aqui entredes!... D'os probes, ô sentirvos, Os corazos, cal baten tristemente! — Maria, se non fora Porque hay un Dios que premia e que castiga, Eu matara eses homes Como mata un raposo á un-ha galiña. — ¡Silencio! ¡Non brasfemes, Qu'este é un valle de lágrimas!... ¿Mais porque á algúns lles toca sufrir tanto Y outros á vida antre contentos pasan? (en “-Escoitá: os algoasiles”, Por que?, Follas novas)


O abuso laboral Castellanos de Castilla, tratade ben ós gallegos; cando van, van como rosas; cando vén, vén como negros. Cando foi, iba sorrindo; cando veu, viña morrendo a luciña dos meus ollos, O amantiño do meu peito.

(...) Aló van, malpocadiños, todos de esperanzas cheios, e volven, ¡ai!, sin ventura, con un caudal de despresos. Van probes e tornan probes, van sans e tornan enfermos, que anque eles son como rosas, tratádelos como negros.

(...) Foi a Castilla por pan, e saramagos lle deron; déronlle fel por bebida, peniñas por alimento. Déronlle, en fin, canto amargo ten a vida no seu seo ... ¡Castellanos, castellanos, tendes corazón de ferro! (en “Castellanos de Castilla”, Cantares gallegos)


os éxodos (...)

Falas, i o meu pensamento mira pasar temerosas as sombras deses cen portos que ó pé das ondiñas moran, e pouco a pouco marchando fráxiles, tristes e soias, vagar as naves soberbas aló nunha mar traidora. I, ¡ai!, como nelas navegan os fillos das nosas costas con rumbo a América infanda que a morte co pan lles dona, desnudos pedindo en vano á patria misericordia, anque contenta a gaitiña o probe gaiteiro toca, eu podo decirche: Non canta, que chora.

Probe Galicia, non debes chamarte nunca española, que España de ti se olvida cando eres, ¡ai!, tan hermosa. Cal si na infamia naceras, torpe, de ti se avergonza, i a nai que un fillo despreza nai sin corazón se noma. Naide por que te levantes che alarga a man bondadosa; naide os teus prantos enxuga, i homilde choras e choras. Galicia, ti non tes patria, ti vives no mundo soia, i a prole fecunda túa se espalla en errantes hordas, mentras triste e solitaria tendida na verde alfombra ó mar esperanzas pides, de Dios a esperanza imploras. Por eso anque en son de festa alegre á gaitiña se oia, eu podo decirche: Non canta, que chora.

(en “Probe Galicia, non debes”, A gaita gallega, Cantares gallegos)


¿Ónde van eses homes? Dentro dun mes, no simiterio imenso da Habana, ou nos seus bosques, ide ver qué foi deles... ¡No eterno olvido para sempre dormen! ¡Probes nais que os criaron, i as que os agardan amorosas, probes! "¡Ánimo, compañeiros! Toda a terra é dos homes. Aquel que non veu nunca máis que a propia, a iñorancia o consome. ¡Áńimo! ¡A quen se muda Dio-lo axuda! ¡I anque ora vamos de Galicia lonxe, verés desque tornemos o que medran os robres! Mañán é o día grande, ¡á mar, amigos! ¡Mañán, Dios nos acoche!" ¡No sembrante a alegría, no corazón o esforzo, i a campana armoniosa da esperanza, lonxe, tocando a morto! Éste vaise i aquél vaise, e todos, todos se van. Galicia, sin homes quedas que te poidan traballar. Tes, en cambio, orfos e orfas e campos de soledad, e nais que non teñen fillos e fillos que non tén pais. E tes corazóns que sufren longas ausencias mortás, viudas de vivos e mortos que ninguén consolará. (en “O mar castiga bravamente as penas”, Pra a Habana!, Follas novas)



Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.