8 minute read
por Suso Vila
O PRIMEIRO REINO MEDIEVAL DE EUROPA
por Suso Vila
Advertisement
O Xeodestino Ría de Vigo-Baixo Miño comezou a promocionar en FITUR a comarca centrándose na historia que en común comparten. Este reino do que falan é a Gallaecia do rei suevo Hermerico (409-438). Existe, claro está, unha clara discordancia entre título e área turística a promocionar. Sería, como non, un título fantástico para promocionar o turismo cultural de Galicia, máis difícil encaixar cun pequeno territorio ao sur da comunidade. Por qué se promocionou deste xeito o Xeodestino? Hai que fixarse na primeira foto da promoción, é unha fermosa imaxe aérea da cidade histórica de Tui. A antiga Tude e a súa importancia desde tempos romanos levaría a que os suevos se asentasen na cidade e a tomasen como unha das capitais do seu reino. Varios son os elementos que sinalan este feito desde a acuñación de moeda, o descomunal tamaño da fortaleza tardorromana do Aloia, que o rei visigodo Witiza (694-700) tivese Tui como capital do antigo reino suevo ou que fose a maior organización eclesiástica de Galicia no século VI. Orixinalmente a idea era falar da “capital do primeiro reino medieval de Europa”, pero vese que quixeron simplificar cos perigos que isto supón. O xeodestino Ría de Vigo-Baixo Miño contaba con numerosos problemas de promoción ou polo menos de reflictir unha imaxe de impacto coherente e baixo elementos que identificasen claramente o recurso turístico para persoas de fóra de Galicia. Nos debates eu xa expresara as incongruencias entre a Ría de Vigo e o Baixo Miño ámbitos xeográficos e naturais con cadansúa personalidade. O Baixo Miño está ligado a unha paisaxe de fronteira moi potente cunha historia e cultura moi clara desde Crecente até a Guarda. O sur de Galicia, o antigo bispado de Tui, podería contar con signos de identidade histórica común desde os seus vencellos á fronteira ou o desenvolvemento de características propias na arte como o románico, entre outros. O territorio orixinal do Xeodestino ficaría deturpado pola ausencia de Vigo e do Condado-Paradanta, coas súas propias marcas turísticas, feito que fixo dificultar aínda máis a creación dun sello turístico distinguible. O Xeodestino depende da Xunta de Galicia e a súa política turística namentres a Deputación de Pontevedra conta cunha potente marca turística “Rías Baixas”, recoñecida, polo que aporta en paisaxe, gastronomía e enoturismo. Pero a Deputación tamén está a traballar no desenvolmento dunha marca, “Río Minho”, coherente coa historia e a paisaxe da fronteira, outra marca que pode ser potente si se fai ben. A nivel local o concello de Tui, por exemplo, ten estratexias marcadas como a Eurocidade Tui-Valença ou a Rede de Xuderías. Perante esta fragmentación o xeodestino precisaba da historia para tratar de unir un conglomerado de concellos que por tradición teñen practicado políticas turísticas de moi marcado perfil local ou ben que a súa vocación turística é anecdótica (exemplos Porriño e Mos). Cohesionar a un grupo de concellos de áreas xeográficas e paisaxísticas diferenciadas é un reto por iso a historia é a vehiculadora do xeodestino para a partires dela promover diferentes opcións. A referencia ao reino suevo pode ser un punto de partida para a divulgación do sur de Galicia como destino cultural. Outra cousa será que as políticas turísticas das diferentes administracións se coordinen para evitar a confusión entre as diferentes marcas que se tratan de desenvolver.
Catedral de Tui
O DEPORTE TUDENSE VIVIU A SÚA FESTA NA CELEBRACIÓN DA VIII GALA DO DEPORTE
A CAMPIOA DO MUNDO DE FÚTBOL PRAIA, SARA TUI; O TRIATLETA E CAMPIÓN DE ESPAÑA DE DUATLÓN (MEDIA DISTANCIA) GUSTAVO RODRÍGUEZ E O REMEIRO RODRIGO CONDE, CAMPIÓN DE ESPAÑA DE REMO OLÍMPICO, GALARDOADOS CO PREMIO DEPORTE TUDENSE DE 2019.
Eles foron os grandes protagonistas dunha gala que comezou recoñecendo o esforzo dos vinte e oito deportistas que o ano pasado participaron en competicións internacionais de atletismo, fútbol, judo, kaiak polo, piragüismo, remo e tríatlon. Pero, para chegar ata onde chegaron, é imprescindible o papel do deporte base, premio que nesta oitava edición da festa do deporte local foise para o Judo Club Tudense, que en só cinco anos pasou dos catorce rexistrados aos preto de trescentos. Tamén se premiou á adestradora do Club de Patinaxe Artística Ribex, Carolina Figueroa; aos clubs Remo Tui e Remo Miño; á Cámara Municipal de Maia e ao club MaiaStars polo torneo que organizan e no que participa desde 2007 o Club Balonmán Tui; e á firma comercial Telmo Import, cuxo xerente aproveitou para pedir ao público que apoiasen ao comercio local. Mensaxe que secundou máis tarde o alcalde, Enrique Cabaleiro, quen lembrou que “ Amazon non patrocina a ningún club de Tui”. E é que o patrocinio do comercio local supón un gran apoio para moitos dos deportistas tudenses. Así o quixo agradecer outra das premiadas, a atleta Uxía Pérez. O padeeiro Daniel Cortegoso; as remeiras Lara Oliveira, María Arias, Martina Juncal e Ana González; o xogador de balonmán Pablo Gándara; o motociclista David Fernández; a padeeira Ana Varela; a remeira María Cristina González; o atleta Iván Pereira; os remeiros Paulo Martíns, José Manuel Bermúdez, Juan Ramón Vilar, José Manuel Castiñeira, José Alfonso Comesaña, Camilo Abal, Baltasar Márquez, Carlos Juncal e Raquel Comesaña; e o campión galego de slalom de motonáutica adaptada Carlos Estévez foron galardoados en diferentes categorías. A gala tamén reservou un espazo para entregar un recoñecemento honorífico a Mario Muzas e Eduardo Méndez, por introducir o judo e o kung fu, respectivamente, en Tui; a Máximo Rosada, Manuel Martínez e José Luis Comenero por facer o propio co ciclismo; e a Rocío Rosada como pioneira do ciclismo feminino. A título póstumo, Tui acordouse de José Antonio Corgo e José Luis González en remo; Eduardo do Valle en baloncesto; Miguel Freixeiro en fútbol e Antonio Bugarín en múltiples disciplinas. Pechou a gala a presidenta da Deputación, Carmela Silva, que felicitou a todos os premiados e asegurou que “o deporte é a revolución do século XXI; fai que sexamos mellores persoas”.
A GUARDA INVITA Á VECIÑANZA A “SACAR O INVESTIGADOR QUE LEVAMOS DENTRO”
ATOPO é un portal de descubrimento de recursos e información a partir das coleccións e fondos documentais, bibliográficos, cartográficos e audiovisuais do Museo de Pontevedra, do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación, dos arquivos municipais e doutras institucións, públicas ou privadas, da provincia de Pontevedra. A través deste portal, ao que se pode acceder neste link: https://atopo.depo.gal/, cada veciño o veciña da Guarda pode sacar ese investigador que case todos levamos dentro, e mergullarse na historia do municipio. Neste metabuscador non so aparecen documentos referidos ao concello de A Guarda (s. XVII-actualidade) ATOPO é un proxecto vivo, que día tras día incorpora novos documentos e que neste momento conta con 707.185 registros, con documentación que se pode consultar e, en moitos casos descargar en formato PDF. As imaxes tamén teñen o seu espazo e así a veciñanza poderá atopar ata 1500 fotografías relaccionadas coa Guarda, algunhas delas de 1870 en adiante e que foron cedidas por particulares, aos que o Concello agradece unha vez máis pola súa colaboración. O Concello de A Guarda, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, vén desenvolvendo durante os últimos anos un intenso traballo en favor da conservación e posta en valor do patrimonio material e inmaterial do municipio. É posible consultar, por exemplo, un interesantísimo Expediente de creación da parroquia de Santa Isabel de Camposancos , do ano 1798; ou o Expediente de Real cédula de Carlos II que concedeu a este Municipio privilexios sobre os tributos reais”, de 1669.
O CONCELLO DE REDONDELA XA TEN O PROXECTO QUE TRANSFORMARÁ EN ‘SENDA VERDE’ A VÍA FÉRREA DE CHAPELA
Unha vez rematada, a senda ofrecerá un lugar de esparexemento para a cidadanía e contará con dúas zonas diferenciadas: un carril bici de dobre sentido e unha zona peonil
A Senda Verde de Chapela, un dos primeiros expedientes aprobados polo actual Equipo de Goberno, comeza a tomar forma logo do informe favorable emitido polos servizos técnicos municipais e á espera das autorizacións sectoriais de Augas de Galicia e Estradas da Xunta de Galicia. A actuación prevista cumprirá un dobre obxectivo. Por unha banda dará novo uso ao antigo trazado ferroviario ofrecendo á cidadanía un lugar de esparexemento, deporte e fomentando a vida saudable. Doutra banda rematarase coa histórica división de Chapela pola liña de ferrocarril ao dotarse de contido ao antigo apeadeiro, converténdoo nunha praza de conexión entre as dúas zonas. As obras, que contan cun investimento de 778.000 euros e se iniciarán no límite co Concello de Vigo, permitirán a creación dun sendeiro de 1,6 quilómetros que rematará na zona da estación de Chapela, onde se creará unha gran praza pública que será o centro neurálxico da Senda Verde. O trazado estará formado por dúas vías diferenciadas, unha para uso peonil e un carril bici de dobre sentido de circulación. A Senda contará, ademais, con zonas de descanso e vexetación. O Equipo de Goberno subliña a importancia dunha actuación que, “amais de ofrecer un novo espazo de lecer á veciñanza, remata coa tradicional ‘división’ desa zona de Chapela”. Digna Rivas chamaba a atención sobre a importancia que esta senda verde terá “non só como elemento redutor da contaminación e dinamizador dunha vida saudable, senón como xeito de poñer en valor, a través dun espectacular paseo peonil, o noso patrimonio medioambiental, cultural, arquitectónico e histórico”. A Senda Verde supón polo tanto, “un paso para a recuperación e mellora medioambiental do municipio e un exemplo de recuperación de espazos para á cidadanía” engade a rexedora local. A presente actuación cun orzamento de 778.000 euros, está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) cunha taxa de cofinanciamento do 80 % dentro do Programa Operativo FEDER Plurirrexinal (POPE) 2014/2020, enmarcado dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible.