/ OPINIÓN
O PRIMEIRO REINO MEDIEVAL DE EUROPA por Suso Vila O Xeodestino Ría de Vigo-Baixo Miño comezou a promocionar en FITUR a comarca centrándose na historia que en común comparten. Este reino do que falan é a Gallaecia do rei suevo Hermerico (409-438). Existe, claro está, unha clara discordancia entre título e área turística a promocionar. Sería, como non, un título fantástico para promocionar o turismo cultural de Galicia, máis difícil encaixar cun pequeno territorio ao sur da comunidade. Por qué se promocionou deste xeito o Xeodestino? Hai que fixarse na primeira foto da promoción, é unha fermosa imaxe aérea da cidade histórica de Tui. A antiga Tude e a súa importancia desde tempos romanos levaría a que os suevos se asentasen na cidade e a tomasen como unha das capitais do seu reino. Varios son os elementos que sinalan este feito desde a acuñación de moeda, o descomunal tamaño da fortaleza tardorromana do Aloia, que o rei visigodo Witiza (694-700) tivese Tui como capital do antigo reino suevo ou que fose a maior organización eclesiástica de Galicia no século VI. Orixinalmente a idea era falar da “capital do primeiro reino medieval de Europa”, pero vese que quixeron simplificar cos perigos que isto supón. O xeodestino Ría de Vigo-Baixo Miño contaba con numerosos problemas de promoción ou polo menos de reflictir unha imaxe de impacto coherente e baixo elementos que identificasen claramente o recurso turístico para persoas de fóra de Galicia. Nos debates eu xa expresara as incongruencias entre a Ría de Vigo e o Baixo Miño ámbitos xeográficos e naturais con cadansúa personalidade. O Baixo Miño está ligado a unha paisaxe de fronteira moi potente cunha historia e cultura moi clara desde Crecente até a Guarda. O sur de Galicia, o antigo bispado de Tui, podería contar con signos de identidade histórica común desde os seus vencellos á fronteira ou o desenvolvemento de características propias na arte como o románico, entre outros. O territorio orixinal do Xeodestino ficaría deturpado pola ausencia de Vigo e do Condado-Paradanta, coas súas propias marcas turísticas, feito que fixo dificultar aínda máis a creación dun sello turístico distinguible. O Xeodestino depende da Xunta de Galicia e a súa política turística namentres a Deputación de Pontevedra conta cunha potente marca turística “Rías Baixas”, recoñecida, polo que aporta en paisaxe, gastronomía e enoturismo. Pero a Deputación tamén está a traballar no desenvolmento dunha marca, “Río Minho”, coherente coa historia e a paisaxe da fronteira, outra marca que pode ser potente si se fai ben. A nivel local o concello de Tui, por exemplo, ten estratexias marcadas como a Eurocidade Tui-Valença ou a Rede de Xuderías. Perante esta fragmentación o xeodestino precisaba da historia para tratar de unir un conglomerado de concellos que por tradición teñen practicado políticas turísticas de moi marcado perfil local ou ben que a súa vocación turística é anecdótica (exemplos Porriño e Mos). Cohesionar a un grupo de concellos de áreas xeográficas e paisaxísticas diferenciadas é un reto por iso a historia é a vehiculadora do xeodestino para a partires dela promover diferentes opcións. A referencia ao reino suevo pode ser un punto de partida para a divulgación do sur de Galicia como destino cultural. Outra cousa será que as políticas turísticas das diferentes administracións se coordinen para evitar a confusión entre as diferentes marcas que se tratan de desenvolver.
Catedral de Tui
12 cousas de