COUSAS DE - revista Nº5

Page 1



SUMARIO NÚM. 5 6

10 12 8-15

4 34 36 38 44 46 48 50 16 20 26 30 40

OPINIÓN por Luis Carlos de la Peña por Carlos Méixome por Suso Vila

ACTUALIDADE

EDITORIAL

Novas que foron e que queremos lembrar

MÁIS COUSAS Rías Baixas: María Vinyals, a primeira camelia “con nome de muller” De Nigran a Tui en autocaravana Enoturismo: Terras Gauda está de Aniversario Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño María Vinyals, escritora e feminista Medioambiente OCIO Axenda

EN PORTADA O arquivador do Corrixidor de Baiona por Rosa Vilar A Ponte internacional de Tui: 134 anos unindo a fronteira por Suso Vila Río Landres, a senda de Salceda que olla cara América por Judit Bernárdez Galicia Solidaria: Da Man por Judit Bernárdez Medio século da clase Optimist en Galicia por Rosana Calvo

Edita: EDICIONES BASAN, S.L. C/ López de Neira, nº 3, 3º. 36202 Vigo. cousasde@edicionesbasan.com. Director: Jesús G. Bastida jesusgbastida@cousasde.com Deseño e maquetación: CREACIÓN ANIMAL Colaboradores: Anxo Rodríguez Lemos, Pablo Fernández Estévez, Carlos Méixome, Suso Vila, Álvaro Peralta, Juan Ramón Tamuxe, Rosana Calvo, Judit Bernárdez, Manu Sobrino, Rosa Vilar, Silvia Cernadas

Foto portada: O 25 de marzo de 1886 inaugurouse a ponte internacional sobre o río Miño, unindo dous países e dous pobos. Hoxe esta importante vía que comunicación entre Tui e Valença, está pechada á circulación, pola nosa saúde. Non será por moito tempo. #Xuntosoconseguiremos

Desde que comezou o estado de alarma, miles de cidadáns saímos a xanelas e balcóns para agradecer con aplausos, o traballo dos profesionais sanitarios que se están deixando a pel por combater o virus -COVID19-, e facer máis levadío o sufrimento aos enfermos. Os sanitarios, pola súa banda, agradecidos polo apoio que se lles transmite, non dubidan en aproveitar calquera momento para demostralo. Fotos e vídeos nos que eles nos animan, son compartidos nas redes sociais diariamente. Sempre estiveron aí, pero nunca como agora sentímolos tan preto. Se o optimismo é unha arma de combate, eles son a avanzadilla, un batallón de profesionais dispostos a loitar por nós, por todos nós. O aplauso espontáneo que reciben cada tarde ás oito, revela como o seu enorme traballo espertou o mellor da sociedade: a súa capacidade de solidarizarse e poñerse na pel doutros. Neste momento, temos poucas certezas sobre como será o mundo tras a pandemia, agás que se erixirá sobre as decisións, palabras e os actos polos que optemos nestes instantes críticos. Ao longo destas semanas xogámonos moito colectivamente, fariamos ben, pois, en mirar de fronte ao mal que nos afecta con a mesma actitude que o fan eles cada día, #EsteVirusParámoloUnidos.

Periodicidade trimestral.

Departamento Comercial: revistacousasde@cousasde.com Teléfono: 626 993 480 Web e redes sociais: www.cousasde.com

redacción@cousasde.com Depósito Legal: VG 229-2019 A empresa resérvase todos os dereitos da publicación, sen que poida reproducirse total ou parcialmente o seu contido, sen o consentimento previo dos editores.

Distribuída en: A Guarda, Baiona, Redondela, Gondomar, Nigrán, Oia, O Rosal, Salceda de Caselas, Tomiño, Tui, Mos e O Porriño, Soutomaior, Ponteareas, Salvaterra do Miño, Cangas, Moaña, Vilaboa, Mondariz, Mondariz-Balneario, As Neves. En Portugal: Valença, Cerveira, Caminha e Monçao

cousas de 3


RÍAS BAIXAS

MARÍA VINYALS, A PRIMEIRA CAMELIA “CON NOME DE MULLER” NO XARDÍN DO CASTELO DE SOUTOMAIOR AS REFLEXIÓNS DE VINYALS E O HIMNO CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO “A PORTA VIOLETA” DE ROZALÉN, COMPLEMENTARON O ACTO ENMARCADO NA PROGRAMACIÓN “POR NÓS, POR TODAS” Coas palabras de María Vinyals reflexionando sobre a posición das mulleres hai máis de 100 anos e a canción contra a violencia de xénero “A porta violeta” de Rozalén, a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada do alcalde de Soutomaior, Agustín Reguera, das deputadas provinciais Ana Laura Iglesias, Raquel Giráldez e Victoria Alonso, do autor do libro “María Vinyals, a muller do porvir”, Diego Piay, e da historiadora Silvia Cernadas, realizou a plantación da camelia “María Vinyals” no Castelo de Soutomaior, a primeira “con nome de muller” do xardín. Silva, asegurou que con esta plantación “este xardín vai darlle visibilidade ás mulleres. Para que poidamos seguir dando pasos cara a igualdade é preciso ter referentes femininas”. A presidenta provincial destacou a figura de María Vinyals, a marquesa vermella, “unha muller que demandaba educación, o voto e a presencia das mulleres en todos os eidos”. “Estou segura de que a María Vinyals lle encantaría que xeracións futuras, cen anos despois, seguiran a loitar polo que ela loitou cando estaba en efervescencia, a loita das mulleres sufraxistas defendendo o voto, o dereito universal máis importante, que finalmente conseguiu Clara Campoamor”, enxalzou. Tamén sobre a figura de Vinyals detívose o alcalde de Soutomaior que aplaudiu a iniciativa da Deputación por permitir “potenciar e dar a coñecer á marquesa” e “mellorar o xardín de excelencia internacional”. O novo cultivar de camelia foi desenvolvido na Estación Fitopatolóxica de Areeiro e trátase dunha flor dobre formal que ten unhas cores cunha simboloxía “moi potente”; predomina a cor vermella, en referencia a como foi coñecida Vinyals “a marquesa vermella”; e vira a cor lila lavanda cando se cultiva en chans ácidos e está totalmente aberta, cor relacionada a día de hoxe co movemento feminista do que ela foi precursora hai 100 anos. Sobre a camelia “María Vinyals” Carmela Silva tamén avanzou que se rexistrará oficialmente en xuño e posteriormente ampliarase esta iniciativa coa “plantación doutros cultivares con nomes de mulleres, como Rosalía de Castro ou a Bella Otero”. Camelia Maria Vinyals 4 cousas de


O xardín Cunha extensión de 25 hectáreas considérase o xardín botánico máis importante de Galicia ao reunir máis de medio milleiro de camelias –entre as que destacan a Camelia japonica de maior perímetro de Galicia e a máis lonxeva do parque, do século XIX– que florecen xunto a castiñeiros milenarios e árbores dos cinco continentes. Neste outeiro existe o clima axeitado para que palmeiras e laranxeiras convivan en harmonía entre eucaliptos e magnolios xigantes. A flor de Oriente que asolaga de cor as paisaxes da provincia de Pontevedra é a protagonista indiscutible nos xardíns do maxestoso castelo de Soutomaior, a xoia do patrimonio fortificado das Rías Baixas. Este paraíso botánico recoñecido como Xardín de Excelencia Internacional en Camelia desde 2012 foi o primeiro de España en obter tal distinción.

A camelia plantada en Soutomaior conta cunha placa de madeira na que figura o lema “Camelia japónica ‘María Vinyals’. Nos xardíns deste castelo que María Vinyals tanto amou medrará esta camelia que leva o seu nome. Unha flor única para a muller do porvir. Deputación de Pontevedra, 11 de marzo 2020”. Así mesmo, a placa levará un Código QR, que ofrece información da ficha técnica do exemplar.

cousas de 5


PÁXINA 6 / OPINIÓN

RAFAEL ALONSO: A NOSTALXIA DUN MESTRE por Luis Carlos de la Peña Os 25 anos do pasamento do pintor pontevedrés Rafael Alonso (1924-1995) son unha razón, como calqueira outra, para falar da súa obra. O tempo é un bó conselleiro en cuestións diversas, tamén na cultura e no arte en particular, ese espacio da sensibilidade e da expresión tan devaluado pola postmodernidade e o mercado. É preciso deixar correr os invernos, debulir as modas, valeirar os faiados de artefactos e teorías. Coido que Rafael Alonso sale casi indemne desta vixilia do tempo. Polos mesmos anos sesenta en que o pintor afianzaba a súa personalidade artística, Susan Sontag decía que “os dous polos do sentemento moderno son a nostalxia e a utopía”. Os sesenta foron un tempo utópico. Rafael Alonso, pola época, creaba e vendía para Paradores (o de Baiona e o MRCY), buscado polo arquitecto Jesús Valverde; para entidades financieiras e compañías eléctricas. Un creador subido na ola do despegue modernizador do país: unha utopía de benestar, independencia persoal e unha indefinible nostalxia interior. De Rafael Alonso fica a pegada da súa obra abundante, accesible en moitas coleccións públicas e privadas e queda, claro, a calidade do seu arte. Unha mestría a salvo de imitadores, onde a técnica, a craridade, a composición e a selección de motivos garanten a identidade singular da obra e a lembranza do artista. Rafael Alonso foi un mestre en definir o que quería representar, en equilibrar o espazo dos obxectos (froles, gamelas, medas, …) e as atmósferas (néboas e ceos na ría, friaxe de neve en Villacastín, vento nas velas dos balandros, …). Casi calquer espectador gusta da obra de Alonso porque o arte do pintor non busca intelectualizar a observación, senon achegar esa imaxen á sensibilidade da xente, con xenerosidade e aparente sinxeleza. Baiona, a costa de Mougás, o porto de Vigo … son os exteriores, as paisaxes que Rafael Alonso pintou. Escribía John Berger que “cando se atopa, o lugar está en algún espazo da fronteira entre a natureza e o arte”. O pintor afincado en Vigo tiña bó ollo para identificar estos lugares. O seu arte acompaña a quen o observa, humanizado e agarimoso. As froles, por exemplo, son tratadas con madurez de artista informado, con sensibilidade adulta. Atrévome con unha inspiración inglesa, a de Ben Nicholson, e o cosmopolitismo sofisticado relacionado co expresionismo abstracto do contenido Esteban Vicente. Natureza e arte. As acuarelas de Rafael Alonso son a conxunción do acerto na composición e o xogo virtuoso do artista co papel en branco. Si o pincel debuxa e pinta sin atender a auga, á humidade do soporte, as superficies de papel sen pigmentar son o aire, a transparencia e o brillo instantáneo da acuarela. Neses espazos que o tempo hoxe amarillea, está a nostalxia dun mestre da acuarela e do arte da segunda metade do século XX. Baiona, enero de 2020 6 cousas de

Dornas na néboa

Berbés


Diagnó y presu stico pue gratuit sto os

Queremos que te sientas como en casa 800 m2 con la más alta tecnología en salud dental y las mejores instalaciones para tu confort. Especialistas en: • Odontopediatría • Ortodoncia • Implantes • Periodoncia • Estética dental • Endodoncia • Prótesis

d de ilida ión c a F c ncia fina

36

R. S.: C-36-001975

es mes eses ter n i sin

¡DESCÚBRENOS! Ctra. de Camposancos, 152, 36213 VIGO 986 296 247 - 608 555 324 info@clinicadentalromeo.com www.clinicadentalromeo.com

cousas de 7


ACTUALIDADE

NIGRÁN HOMENAXEA ÁS SÚAS MULLERES CUNHA EXPOSICIÓN

María Valtierra, Chona e Tonia Sanromán e outra amiga nas festas de San Xoán (Panxón) 24-6-1950

O Concello de Nigrán inaugurou co gallo do 8 de Marzo a exposición fotográfica ‘Mulleres de Nigrán-1970’. Trátase dunha escolma de 150 imaxes recompiladas polo Concello entre a propia veciñanza durante case un ano A mostra fotográfica ‘Mulleres de Nigrán -1970’, é unha exposición propia froito de recompilar entre a veciñanza durante case un ano preto de mil imaxes antigas. Máis dun cento de persoas acudiron á inauguración coa ilusión de atopar ás mulleres da súa familia na mostra e redescubrir escenas da vida cotiá das mulleres antes do ano 1970. Así, nesta escolma de 150 fotos os asistentes podense ver a nigranesas labregas, costureiras, mestras, nais de familia, coidadoras, perruqueiras, mulleres festeiras, amigas cómplices... En definitiva, mulleres comúns e valerosas ás que a ONU adica cada 8 de marzo e ás que o consistorio consagra esta exposición. “No pasado 8-M, coincidindo coa inauguración da exposición de Ruth Matilda Anderson ‘Unha mirada de antano’, lanzamos o reto de identificar á muller de Camos que aparece nunha das súas fotos máis señeiras. A tarefa resultou imposible. Sen embargo, a historia non escrita da anciá de Ruth Matilda alentou ao Concello a organizar esta mostra que reivindica ás mulleres coma ela, mulleres correntes e silenciadas, secularmente ignoradas pese a ser artífices do desenvolvemento económico, social e cultural do municipio e, en esencia, de toda a Humanidade”, resumíu o alcalde, Juan González, ante o público, a quen se lle entregou como agasallo o correspondente catálogo feito para todas as persoas que aportaron imaxes e para ocupar desde xa un lugar destacado na Biblioteca Municipal de Nigrán. 8 cousas de

María, Ramona, Eulalia e Pancha no ano 1947

Grupo de mulleres nun campo de Prado en 1950. Identificadas Rosita González, Pura Giráldez, Salustiano e Fina Álvarez.


“A veciñanza respondeu masivamente á petición do Concello buscando no arquivo familiar para rescatar fotos antigas de mulleres co obxectivo de renderlles unha homenaxe pública. Recibimos centos de tesouros que temos dixitalizados pero para esta exposición, por motivos de espazo, foi preciso realizar unha selección de 150 na que atendemos a criterios de antigüidade, calidade da imaxe recibida, valor documental da mesma...”, explicou María Villar, responsable da organización da mesma xunto con Olalla Fernández no deseño gráfico e o Centro Ocupacional Juan María no enmarcado. As irmás Pura e Elisa Niel Sayanes. Anos 20 Familia de Camos sen identificar, principios seculo XX

Cristina Villar Costas e amigas regresando do muíño da Ramallosa entre 1950_55

A mostra só puido permanecer aberta unha semana, polo peche obrigado. Dende o Concello confirman que “cando pasen estas circunstancias se volverá a programar”. Ata ese momento, o Concello de Nigrán ofrece dixitalmente e en aberto o catálogo editado con motivo da exposición . A través deste enlace https://issuu.com/mulleresdenigran/docs/baja_resol_ catalogo_expo_1.0_af As persoas poden acceder ao catálogo (recomendable en ordenador ou tablet). O enlace permanecerá tamén dispoñble a través da web municipal e en redes sociais.

cousas de 9


PÉ DO GALIÑEIRO / OPINIÓN

FÓISENOS A MEMORIA Por Carlos Méixome No medio deste andazo que nos ten confinados, enclaustrados ou encarcerados, a tristeza asolagou aquela á que botaron “... a este mundo en orfandade,/orfa naciches e orfa vas seguir/por este mundo adiante, /escorada a unha banda e sen amarras” (...) “pois as amarras túas,/nun afastado antonte,/foron cortadas con brutalidade,/ por iso desde entón vas escorada”. A “abandonada filla do mar”1, ficou privada de memoria. Aquela que exercía con prudente distancia, vontade inquebrantábel e sen renuncia algunha. Aínda non hai moitos días que pechei a última páxina da nova d´A ilusión e esperanza2 ampliada. A súa colección de retratos de amizades, ao xeito do libro dos amigos3 do seu querido e admirado don Ramón, no que con elegancia rememora a “experiencia vivida”, como diría Benjamin, para transmitila a quen procura aquela que “Nin do teu nome mesmo estás moi certa./ Nada certo da túa orixe sabes”. Sempre me chamou a atención a estraña afección, no ámbito da cultura e da política galegas, ao libro de conversas en contraste co escaso cultivo do texto autobiográfico ou “libro de memorias”. Nada máis que dicir. Só que a receita da “conversa con” parte do inocente engado, perpetrado coa aquiescencia da persoa entrevistada, da benévola actitude, por non empregar un termo máis contundente, do entrevistador. O papel, ou pantalla, en branco son xélidos cando se enfrontan dende os valores éticos e sen máscaras protectoras. Os textos memorialistas entendidos como un exame de conciencia exercitado co auxilio da memoria, compañeira falaz e traidora de nós mesmos, capaces de relacionar os acontecementos autobiográficos con experiencias sociais, civís, éticas e morais, ou de reflexionar sobre estas cuestións dende a propia experiencia persoal sen renunciar á lectura crítica das propias decisións ou actitudes xeracionais, son “rara avis” no noso mundo cultural. “Este é o país onde ninguén lembra nada”, escribiu Franco Grande no limiar da súa grande achega memorialista4. Non son precisas Confesións rousonianas, chéganos con relembrar para evitar flagrantes ausencias, evidentes contradicións ou pavorosos silencios. Franco Grande non renunciou ao legado moral da xeración dos cincuenta, da xeración de Galaxia, deostada como “piñeirista” e tan mal interpretada tanto polos que consideran que o galeguismo moderno é cousa dos anos oitenta ou que o ideario de Castelao esta acadado na actual autonomía. Son reflexións del mesmo, galeguista ata a medula, liberal de liberdade e respecto, federalista europeo, reflexivo, bo conversador, pensador5, poeta e memorialista. Abandonounos neste remuíño que nos arrastra e foise pensando “que este país, se algunha vez dá unha resposta, é sempre tarde, cando a un xa tanto lle ten”.

Xosé Luís Franco Grande

Xosé Luís Franco Grande e Carlos Meixome

Gondomar de Miñor, no último día de marzo deste andazo.

Franco Grande, X.L. (2017): Libro das abandonadas. Teófilo Edicións: Pontevedra

1

Franco Grande, X.L. (2019): A ilusión da esperanza. Galaxia: Vigo.

2

Otero Pedrayo, R. (1997): O libro dos amigos. Galaxia: Vigo. Edición de Marcos Valcárcel.

3

Franco Grande, X.L. (2004): Os anos escuros. Galaxia: Vigo. Hai una edición de 1985 en Xerais co mesmo título ao que se lle engade un I, pero que non tivo II. A edición de Galaxia é a completa. 4

Franco Grande, X.L. (2013): Outra política para outros tempo. Galaxia:Vigo..

5

10 cousas de


VIVE VAL MIÑOR

cousas de 11


/ OPINIÓN

O PRIMEIRO REINO MEDIEVAL DE EUROPA por Suso Vila O Xeodestino Ría de Vigo-Baixo Miño comezou a promocionar en FITUR a comarca centrándose na historia que en común comparten. Este reino do que falan é a Gallaecia do rei suevo Hermerico (409-438). Existe, claro está, unha clara discordancia entre título e área turística a promocionar. Sería, como non, un título fantástico para promocionar o turismo cultural de Galicia, máis difícil encaixar cun pequeno territorio ao sur da comunidade. Por qué se promocionou deste xeito o Xeodestino? Hai que fixarse na primeira foto da promoción, é unha fermosa imaxe aérea da cidade histórica de Tui. A antiga Tude e a súa importancia desde tempos romanos levaría a que os suevos se asentasen na cidade e a tomasen como unha das capitais do seu reino. Varios son os elementos que sinalan este feito desde a acuñación de moeda, o descomunal tamaño da fortaleza tardorromana do Aloia, que o rei visigodo Witiza (694-700) tivese Tui como capital do antigo reino suevo ou que fose a maior organización eclesiástica de Galicia no século VI. Orixinalmente a idea era falar da “capital do primeiro reino medieval de Europa”, pero vese que quixeron simplificar cos perigos que isto supón. O xeodestino Ría de Vigo-Baixo Miño contaba con numerosos problemas de promoción ou polo menos de reflictir unha imaxe de impacto coherente e baixo elementos que identificasen claramente o recurso turístico para persoas de fóra de Galicia. Nos debates eu xa expresara as incongruencias entre a Ría de Vigo e o Baixo Miño ámbitos xeográficos e naturais con cadansúa personalidade. O Baixo Miño está ligado a unha paisaxe de fronteira moi potente cunha historia e cultura moi clara desde Crecente até a Guarda. O sur de Galicia, o antigo bispado de Tui, podería contar con signos de identidade histórica común desde os seus vencellos á fronteira ou o desenvolvemento de características propias na arte como o románico, entre outros. O territorio orixinal do Xeodestino ficaría deturpado pola ausencia de Vigo e do Condado-Paradanta, coas súas propias marcas turísticas, feito que fixo dificultar aínda máis a creación dun sello turístico distinguible. O Xeodestino depende da Xunta de Galicia e a súa política turística namentres a Deputación de Pontevedra conta cunha potente marca turística “Rías Baixas”, recoñecida, polo que aporta en paisaxe, gastronomía e enoturismo. Pero a Deputación tamén está a traballar no desenvolmento dunha marca, “Río Minho”, coherente coa historia e a paisaxe da fronteira, outra marca que pode ser potente si se fai ben. A nivel local o concello de Tui, por exemplo, ten estratexias marcadas como a Eurocidade Tui-Valença ou a Rede de Xuderías. Perante esta fragmentación o xeodestino precisaba da historia para tratar de unir un conglomerado de concellos que por tradición teñen practicado políticas turísticas de moi marcado perfil local ou ben que a súa vocación turística é anecdótica (exemplos Porriño e Mos). Cohesionar a un grupo de concellos de áreas xeográficas e paisaxísticas diferenciadas é un reto por iso a historia é a vehiculadora do xeodestino para a partires dela promover diferentes opcións. A referencia ao reino suevo pode ser un punto de partida para a divulgación do sur de Galicia como destino cultural. Outra cousa será que as políticas turísticas das diferentes administracións se coordinen para evitar a confusión entre as diferentes marcas que se tratan de desenvolver.

Catedral de Tui

12 cousas de


ACTUALIDADE

O DEPORTE TUDENSE VIVIU A SÚA FESTA NA CELEBRACIÓN DA VIII GALA DO DEPORTE A CAMPIOA DO MUNDO DE FÚTBOL PRAIA, SARA TUI; O TRIATLETA E CAMPIÓN DE ESPAÑA DE DUATLÓN (MEDIA DISTANCIA) GUSTAVO RODRÍGUEZ E O REMEIRO RODRIGO CONDE, CAMPIÓN DE ESPAÑA DE REMO OLÍMPICO, GALARDOADOS CO PREMIO DEPORTE TUDENSE DE 2019. Eles foron os grandes protagonistas dunha gala que comezou recoñecendo o esforzo dos vinte e oito deportistas que o ano pasado participaron en competicións internacionais de atletismo, fútbol, judo, kaiak polo, piragüismo, remo e tríatlon. Pero, para chegar ata onde chegaron, é imprescindible o papel do deporte base, premio que nesta oitava edición da festa do deporte local foise para o Judo Club Tudense, que en só cinco anos pasou dos catorce rexistrados aos preto de trescentos. Tamén se premiou á adestradora do Club de Patinaxe Artística Ribex, Carolina Figueroa; aos clubs Remo Tui e Remo Miño; á Cámara Municipal de Maia e ao club MaiaStars polo torneo que organizan e no que participa desde 2007 o Club Balonmán Tui; e á firma comercial Telmo Import, cuxo xerente aproveitou para pedir ao público que apoiasen ao comercio local. Mensaxe que secundou máis tarde o alcalde, Enrique Cabaleiro, quen lembrou que “ Amazon non patrocina a ningún club de Tui”. E é que o patrocinio do comercio local supón un gran apoio para moitos dos deportistas tudenses. Así o quixo agradecer outra das premiadas, a atleta Uxía Pérez. O padeeiro Daniel Cortegoso; as remeiras Lara Oliveira, María Arias, Martina Juncal e Ana González; o xogador de balonmán Pablo Gándara; o motociclista David Fernández; a padeeira Ana Varela; a remeira María Cristina González; o atleta Iván Pereira; os remeiros Paulo Martíns, José Manuel Bermúdez, Juan Ramón Vilar, José Manuel Castiñeira, José Alfonso Comesaña, Camilo Abal, Baltasar Márquez, Carlos Juncal e Raquel Comesaña; e o campión galego de slalom de motonáutica adaptada Carlos Estévez foron galardoados en diferentes categorías. A gala tamén reservou un espazo para entregar un recoñecemento honorífico a Mario Muzas e Eduardo Méndez, por introducir o judo e o kung fu, respectivamente, en Tui; a Máximo Rosada, Manuel Martínez e José Luis Comenero por facer o propio co ciclismo; e a Rocío Rosada como pioneira do ciclismo feminino. A título póstumo, Tui acordouse de José Antonio Corgo e José Luis González en remo; Eduardo do Valle en baloncesto; Miguel Freixeiro en fútbol e Antonio Bugarín en múltiples disciplinas. Pechou a gala a presidenta da Deputación, Carmela Silva, que felicitou a todos os premiados e asegurou que “o deporte é a revolución do século XXI; fai que sexamos mellores persoas”.

cousas de 13


ACTUALIDADE

A GUARDA INVITA Á VECIÑANZA A “SACAR O INVESTIGADOR QUE LEVAMOS DENTRO” O Concello de A Guarda, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, vén desenvolvendo durante os últimos anos un intenso traballo en favor da conservación e posta en valor do patrimonio material e inmaterial do municipio.

É posible consultar, por exemplo, un interesantísimo Expediente de creación da parroquia de Santa Isabel de Camposancos, do ano 1798; ou o Expediente de Real cédula de Carlos II que concedeu a este Municipio privilexios sobre os tributos reais”, de 1669.

14 cousas de

ATOPO é un portal de descubrimento de recursos e información a partir das coleccións e fondos documentais, bibliográficos, cartográficos e audiovisuais do Museo de Pontevedra, do Servizo de Patrimonio Documental e Bibliográfico da Deputación, dos arquivos municipais e doutras institucións, públicas ou privadas, da provincia de Pontevedra. A través deste portal, ao que se pode acceder neste link: https://atopo.depo.gal/, cada veciño o veciña da Guarda pode sacar ese investigador que case todos levamos dentro, e mergullarse na historia do municipio. Neste metabuscador non so aparecen documentos referidos ao concello de A Guarda (s. XVII-actualidade) ATOPO é un proxecto vivo, que día tras día incorpora novos documentos e que neste momento conta con 707.185 registros, con documentación que se pode consultar e, en moitos casos descargar en formato PDF. As imaxes tamén teñen o seu espazo e así a veciñanza poderá atopar ata 1500 fotografías relaccionadas coa Guarda, algunhas delas de 1870 en adiante e que foron cedidas por particulares, aos que o Concello agradece unha vez máis pola súa colaboración.


O CONCELLO DE REDONDELA XA TEN O PROXECTO QUE TRANSFORMARÁ EN ‘SENDA VERDE’ A VÍA FÉRREA DE CHAPELA Unha vez rematada, a senda ofrecerá un lugar de esparexemento para a cidadanía e contará con dúas zonas diferenciadas: un carril bici de dobre sentido e unha zona peonil

A Senda Verde de Chapela, un dos primeiros expedientes aprobados polo actual Equipo de Goberno, comeza a tomar forma logo do informe favorable emitido polos servizos técnicos municipais e á espera das autorizacións sectoriais de Augas de Galicia e Estradas da Xunta de Galicia. A actuación prevista cumprirá un dobre obxectivo. Por unha banda dará novo uso ao antigo trazado ferroviario ofrecendo á cidadanía un lugar de esparexemento, deporte e fomentando a vida saudable. Doutra banda rematarase coa histórica división de Chapela pola liña de ferrocarril ao dotarse de contido ao antigo apeadeiro, converténdoo nunha praza de conexión entre as dúas zonas. As obras, que contan cun investimento de 778.000 euros e se iniciarán no límite co Concello de Vigo, permitirán a creación dun sendeiro de 1,6 quilómetros que rematará na zona da estación de Chapela, onde se creará unha gran praza pública que será o centro neurálxico da Senda Verde. O trazado estará formado por dúas vías diferenciadas, unha para uso peonil e un carril bici de dobre sentido de circulación. A Senda contará, ademais, con zonas de descanso e vexetación. O Equipo de Goberno subliña a importancia dunha actuación que, “amais de ofrecer un novo espazo de lecer á veciñanza, remata coa tradicional ‘división’ desa zona de Chapela”. Digna Rivas chamaba a atención sobre a importancia que esta senda verde terá “non só como elemento redutor da contaminación e dinamizador dunha vida saudable, senón como xeito de poñer en valor, a través dun espectacular paseo peonil, o noso patrimonio medioambiental, cultural, arquitectónico e histórico”. A Senda Verde supón polo tanto, “un paso para a recuperación e mellora medioambiental do municipio e un exemplo de recuperación de espazos para á cidadanía” engade a rexedora local. A presente actuación cun orzamento de 778.000 euros, está cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) cunha taxa de cofinanciamento do 80 % dentro do Programa Operativo FEDER Plurirrexinal (POPE) 2014/2020, enmarcado dentro da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible. cousas de 15


REPORTAXE

O ARQUIVADOR DO CORRIXIDOR: UNHA PEZA ÚNICA DO SÉCULO XVII NO MUSEO CASA DA NAVEGACIÓN DE BAIONA Por Iago Rial González-Moro, Universidade de Santiago de Compostela, grao en Historia da Arte e Rosa Villar Quinteiro, directora do museo Casa da Navegación D. AGUSTÍN DE ARTEAGA E NARVÁEZ, CORRIXIDOR QUE DESENVOLVEU O SEU CARGO EN BAIONA ENTRE 1678 E 1682, DEIXOUNOS UN DOS ARQUIVADORES MÁIS ANTIGOS, POIS DATA DE 1679, E MÁIS EMBLEMÁTICOS DO CONCELLO DE BAIONA.

C Arquivo Ediciones Basan

16 cousas de


Desde o século XIV, o corrixidor era o representante do rei nas vilas do reguengo, aqueles territorios fundados pola Coroa, e renovábase cada catro anos. Esta figura residía na cidade na que asumía as funcións de alcalde, pero ademais tiña competencias en materia policial, militar, xurisdición civil, criminal e de saúde pública. A súa xestión tamén dependía do control administrativo mediante o «xuízo de residencia»1 Desde a antigüidade, a documentación xerada durante o goberno municipal relativa aos acordos, normas, contas, impostos, pesos e medidas, prezos de venta das mercadorías, litixios, etc. gardábase na «arca das tres chaves» 2 como medida de seguridade, pois para abrir e pechar esta arca tiñan que estar presente sempre as tres persoas que gardaban cada unha das chaves. No século XVI aínda se usaba este moble. Agustín de Arteaga e Narváez encargou a construción dun arquivador personalizado que chegou ata os nosos días. Este moble elaborouse con madeiras locais, como o castaño e o piñeiro vermello, ademais de ferro forxado para as pechaduras e os tiradores. Así mesmo, ten unha estrutura maciza, sólida, de liñas rectas, cun pequeno zócolo aos pés e coroado por un copete cunha inscrición na que aparece o nome do corrixidor e a data de construción. As súas medidas son: 2,10 m de altura, 1,31 m de ancho e 0,37 m de fondo3. Ademais, presenta dúas pechaduras diferentes.

Na parte frontal ten dúas portas divididas en cuarteiróns nos que se enmarcan os motivos decorativos en relevo. Na parte superior á esquerda, atopamos os escudos de Castela e León coa particularidade de que é unha representación única, xa que orienta aos leóns enfrontados, cando a representación oficial é cara á esquerda para os dous; mentres que á dereita, o escudo de Baiona. Por outra banda, no centro presenta dous rosetóns simétricos. E, finalmente, na parte inferior atopamos os brasóns da liñaxe vasca, da familia Arteaga, e da liñaxe navarra, da familia Narváez. Todo isto, acompañado dunha rica decoración vexetal pintada cunha rica policromía e textos en latín.

Representación escudo de Baiona

1 “CORREGIDOR, TENIENTES Y ALCALDES” en Archivos de Castilla y León, <http://archivoscastillayleon. jcyl.es/web/jcyl/ArchivosCastillaYLeon/es/ Plantilla100DetalleFeed/1253861401355/ FichaISAD/1257029320371/Archivo> [Consultado: 19/02/2020].Plantilla100DetalleFeed/1253861401355/ FichaISAD/1257029320371/Archivo> [Consultado: 19/02/2020].

GARCÍA ORO, J.; PORTELA SILVA, M. J.: Baiona de Miñor en sus documentos. Actas Municipales correspondientes al siglo XVI. Diputación de Pontevedra. 2003: 61.

2

3 EBERLEIN, H. D. y RAMSDELL R. W.: Tratado práctico del mueble español. Valladolid, Maxtor, 2009, p. 24.

cousas de 17


Nos laterais aparecen dúas representacións femininas de estética medieval, así identificadas pola súa vestimenta e estilística: pel branca, meixelas e beizos encarnados, cabelo negro, longo e solto con ondas e unha roupaxe longa, vermella e negra, sobria… O predominio do debuxo, o esquematismo, a contorna das siluetas, o emprego de cores planas, a falta de profundidade e de volume nas personaxes son aspectos que nos sitúan na Baixa Idade Media. A muller do lateral esquerdo ten unha balanza romana na súa man dereita, pese a que a representación aparece cortada e incompleta. No lateral dereito, tamén na súa man dereita, a figura sostén unha espada de dobre gume, ademais dunha longa vara na man esquerda. Trátase, en ambos casos, dunha alegoría da xustiza: a imaxe feminina coa balanza como símbolo do recto comportamento, da equivalencia da xustiza e da ecuación entre o castigo e a culpa. Pola súa parte, noutro caso, a representación con espada e vara é un símbolo executor da razón. Enriba delas, sitúanse textos en latín relativos á orixe divina da xustiza e a súa xustificación como unha necesidade para as sociedades4. Estas características estilísticas e a constatación de que estas figuras están cortadas propoñen o tema da anterioridade destas pranchas laterais á construción do moble ou o seu reaproveitamento e adaptación a partir dun panel decorado anterior, e se relacionan cun momento do románico tardío que poderíamos situar polos séculos XIIIXIV. Esta anterioridade temporal sitúa as representacións dos laterais na orixe ou primeiros momentos da vida da vila logo da súa fundación por Alfonso IX, en 1201.

Os elos que adornan o contorno do moble forman parte do escudo de armas da familia Arteaga

Lateral esquerdo

4

CIRLOT, J. E.: Diccionario de símbolos. Madrid, Siruela, 2006, pp. 105-106.

18 cousas de


Co paso do tempo, o moble caeu en desuso e foi pasando dunha estancia a outra e mesmo padeceu un período de maltrato a mediados do século XIX, o que lle deixou pegadas visibles en raiados nas portas e graffitis contemporáneos no lateral dereito como, por exemplo: «Alfredo», «Ulpianu» ou «Epigenia», xunto á data «1850», o que indica un período de abandono e desvalorización desta peza. A pesar da súa antigüidade, a peza, de valor incalculable, soportou o paso do tempo coa axuda de restauracións a finais dos anos 90 e un tratamento para erradicar o ataque da couza en 2013, un método que consiste nun proceso de conxelación progresiva. Desde 2015 forma parte da exposición permanente da Casa da Navegación onde ocupa un lugar destacado para o desfrute de todos os seus visitantes e onde se vixía o seu estado de conservación, conscientes do valor desta peza única e cumprindo coas funcións do museo. Aos nosos visitantes sempre lles impacta e agrada constatar que non é preciso ir lonxe para gozar dunha xoia única do século XVII, só é preciso ter presente a nosa historia e patrimonio local posto en valor nesta Casa da Navegación.

Lateral dereito

cousas de 19


REPORTAXE

A PONTE INTERNACIONAL DE TUI: 134 ANOS UNINDO A FRONTEIRA

1886 foto Zagala_coleccionJavier Rivadulla

O CONCELLO DE TUI RECLAMABA DESDE 1874 UNHA PONTE SOBRE O MIÑO QUE ENLAZASE AS DÚAS VÍAS FÉRREAS EN CONSTRUCCIÓN A UN LADO E OUTRO DA FRONTEIRA. A CÁMARA MUNICIPAL DE VALENÇA PARTICIPARÍA TAMÉN DESTA REIVINDICACIÓN ACCEDENDO A CREAR UNHA COMISIÓN MIXTA ENTRE OS DOUS MUNICIPIOS PARA PRESIONAR AOS GOBERNOS PARA QUE SE LEVASE A CABO A OBRA DA PONTE. Por Suso Vila, Doutor en Historia da Arte

Probas 1885 20 cousas de

No ano 1879 presentaríase no ministerio de Fomento un proxecto de Ponte sobre o Miño obra do enxeñeiro Pelayo Mancebo. O senador de Tui Lorenzo Cuenca tiña insistido nos despachos madrileños xunto co deputado Ezequiel Ordóñez para que o proxecto se convertise en realidade. Aínda que hoxe en día a Ponte entre Tui e Valença a vexamos como unha infraestrutura necesaria e a súa construcción un feito natural o certo é que no século XIX as cousas non estaban tan claras e máis nun territorio pobre e sen apenas industria como Galicia e Norte de Portugal. A insistencia de Lorenzo Cuenca faría posible que entre Madrid e Lisboa se dese un acordo que levase o proxecto de Pelayo Mancebo adiante. As obras comezarían a finais de 1881, dirixidas polo enxeñeiro portugués Augusto Luciano S. de Carvalho, contando cun prazo de execución de dous anos para ser finalizado no ano 1884. A inauguración oficial produciríase o 25 de marzo de 1886 despois dos traballos de resistencia pero tamén dos problemas que a epidemia de cólera de 1885 implicaron para o retraso da apertura da ponte. Na inauguración as autoridades serían trasladadas nas locomotoras “Alfonso XII” e “Valença”. Segundo as crónicas da prensa galega o número de espectadores e curiosos chegaría aos 20.000. O principal interese da ponte sobre o Miño era o ferrocarril, a comunicación rápida e moderna que permitiría o despegue económico do territorio. Pero este foco sobre o ferrocarril e o seu impacto económico ficaría inmediatamente marxinado, o ferrocarril entre Galicia e Portugal sería un claro fracaso económico, unha testemuña de que non só se precisan as infraestruturas para unir tamén a vontade para comunicarse.


O maior impacto da ponte reflectiríase nun radio de acción máis curto, entre as comarcas fronteirizas tanto a pé como en carro e non tanto pola vía férrea. O proxecto de Pelayo Mancebo afortunadamente non só atendería os principais intereses de comunicar as liñas férreas galega e portuguesa senón que fixo algo práctico: que a ponte servise para comunicar tamén Tui e Valença a pé ou en transportes rodados. O enxeñeiro concebiría unha ponte de dobre taboleiro para permitir un uso máis aberto e que beneficiase ás dúas localidades miñotas. O certo é que Pelayo Mancebo tivo unha gran sensibilidade á hora de afrontar o proxecto da ponte sobre o Miño. Ollaba a Tui e Valença en 1879 xa como dous centros históricos enmarcados nunha paisaxe natural única: “He huido de dar a los estribos el aspecto de fortificación, que en obras análogas suelen presentar, porque entiendo que artísticamente, no deben señalarse fronteras entre pueblos hermanos, como son España y Portugal, y porque proyectándose la obra desde el camino de Tuy, bajo los muros de la plaza fuerte de Valença, la comparación entre lo real y lo que imita, había de dar un carácter falso y pueril”. No deseño da ponte, a “caixa” era unha solución de celosía de ferro perfilado e malla de 1’5 m en diagonal, apropiada para os tramos continuos da ponte desbotando outras opcións. A distribución de luces da ponte realizaríase en cinco claros, dous nas ribeiras con 60 m. e tres centrais con 66 m. Os estribos da ponte, realizados en cantería de granito, amosarían un coidado sentido da estética, vencellado á preocupación por estreitar as relacións non só entre Galicia e Portugal, tamén entre Tui e Valença, tal e como reclamaba a prensa galega no seu momento. Os estribos están formados por un gran arco de medio punto que se asenta en cada marxe para elevar o piso da vía para carros e do ferrocarril. Sobre este arco sitúanse dous arcos xémeos de medio punto que aportan luz ao comezo da ponte, acadando así unha gran elegancia e integración coa obra metálica, máis etérea. Os traballos de cantería da ponte mostran detalles de basas, impostas e cornisamentos, exemplo da importancia simbólica e non só práctica que se lle quiso dar á ponte.

cousas de 21


Fortín ou posto de garda. Arquivo Militar de Segovia.

Do proxecto de Pelayo Mancebo o cambio máis sustancial sería a modificación das pilas metálicas por pilares de granito para abaratar os custes. Aínda que Pelayo Mancebo asegurase que España e Portugal eran dous paises irmáns as obras da ponte seguiron a mostrar desconfianzas. Nos pilares de canteiría serían preparados uns forniños para colocar neles explosivos para cortar a ponte en caso de guerra. O acceso a estes forniños por escaleiras metálicas serían eliminados nas últimas obras de restauración da ponte. Outro dos proxectos entorno a ponte como o chamado “fortín” era outra das mostras de desconfianza entre os países. O fortín era unha infraestructura militar aínda hoxe recoñecible no edificio da aduana e na súa contorna, como posto de guarda na entrada da ponte. Pintura Enrique Casanova_1883

A ponte non tivo un impacto positivo inmediato. Sí que no urbanístico Tui e Valença se foron transformando a través das estradas á ponte. Os edificios da burguesía local que aínda hoxe se conservan evidencian ese interese por aproximarse entre Valença e Tui. En 1895 a estrada da Ponte Internacional melloraría as condicións de acceso á ponte e construiría unha ponte metálica sobre o río Tripes que facilitaba as comunicacións.

22 cousas de


Postal_1910

VIVE BAIXO MIÑO

cousas de 23


Nas primeiras décadas do século XX comprobaríamos o impacto real da ponte, non do ferrocarril senón do paso peonil e de carros que se multiplicaría cos vehículos a motor. O crecemento de Tui e Valença apreciaríanse nestas primeiras décadas do século grazas as modernas estradas.

Hoxe en día a Ponte Internacional sobre o Miño é unha testemuña artística extraordinaria pero tamén un exemplo das relacións históricas entre Tui e Valença, séculos de comunicación entre veciños superando obstáculos políticos ou naturais.

24 cousas de


VIVE TUI

cousas de 25


REPORTAXE

RÍO LANDRES, A SENDA DE SALCEDA QUE OLLA CARA AMÉRICA E Judit Bernárdez C Arquivo Ediciones Basan SALCEDA DE CASELAS TEN A SENDA PERFECTA PARA UNHA MAÑÁ DE DOMINGO NA QUE ESTAR EN CONTACTO COA NATUREZA SEN TER QUE PERCORRER GRANDES TRAXECTOS. FALAMOS DA SENDA E PARQUE ETNOGRÁFICO DO RÍO LANDRES “FRANCISCO ESTÉVEZ MARTÍNEZ”, CUXO ITINERARIO, DE MENOS DUN QUILÓMETRO, AGOCHA O CONXUNTO ETNOGRÁFICO MÁS COMPLETO DESTE MUNICIPIO.

26 cousas de


Integran o percorrido a poza e ponte do Seixo, construída no ano 1920 para conectar a vila da Esfarrapada coa estación de tren de Caldelas de Miño; o antigo matadoiro municipal, construído no ano 1950 e que deixou de funcionar no 2005; o lavadoiro do Seixo, que data de 1957; e os muíños do Seixo, do Medio, do Ghurito, do Buraco e das Laxes do Torrón. Os cinco son muíños de “herdeiros”, de canle e dunha soa moa e, agás o Muíño do Medio, os outros catro aparecen citados xa no Catastro do Marqués da Ensenada de 1752. Na actualidade, só o Muíño do Buraco está sen rehabilitar, polo que conserva a súa configuración inicial, que serve de exemplo ilustrativo da situación na que se atopa unha parte moi importante do Patrimonio Material e Histórico de Galicia. O son do río Landres o seu paso polo sendeiro é o complemento perfecto para desfrutar da paisaxe, composta por unha frondosa vexetación arbórea de carballos, amieiros, freixas, salgueiros, loureiros e robinias. Ademais, vencelladas ó medio acuático medran herbas como ranúnculos, menta, lentella de auga, xuncos e un variado repertorio de fentos ás marxes e ribeiras do regato. Muíño do Buraco

Muíño das Laxes

Lavadoiro do Seixo

cousas de 27


Muíño do Medio

E se hai sorte, poderemos ver un visón americano, un mamífero orixinario de norteamérica que foi criado en catividade pola súa apreciada pel nunha granxa próxima e que, tras fuxir dela, adaptouse a vida en liberdade, expandíndose lentamente por Galicia e chegando a competir con outras especies. Á marxe deste animal, a senda está ligada a América a través de Francisco Estévez Martínez, a personaxe a cal se lle adica este parque etnográfico. Francisco Estévez representa a todos os salcedenses e galegos que no século pasado emigraron. Pero, Francisco Estévez non é un veciño máis, é o vínculo entre Salceda e Hollywood.

Muíño do Ghurito 28 cousas de


A teoría dos seis graos de separación que une a Salceda con Hollywood A teoría dos seis graos de separación intenta probar que calquera pode estar conectado a calquera persoa do planeta a través dunha cadea de coñecidos que non ten máis de cinco intermediarios. No caso dos veciños de Salceda de Caselas, esta hipótese relaciónaos facilmente coas estrelas de Hollywood a través de Francisco Estévez Martínez, un parderrubiense que emigrou a Cuba en 1916 para trasladarse posteriormente Estados Unidos, onde casou coa irlandesa Mary Ann Phelan. O matrimonio tivo dez fillos, un deles o coñecido actor Martin Sheen, protagonista da serie de televisión estadounidense “El ala oeste de la Casa Blanca”. Homenaje a Francisco Estévez en la senda del Landres

Martin Sheen Martin Sheen foi o nome artístico que se puxo Ramón Antonio Gerardo Estévez, fillo de Francisco Estévez, cando quixo ser actor. Nunha entrevista recoñeceu que “oficialmente sigo sendo Estévez. Nunca o cambiei oficialmente, e nunca o farei. Aínda aparece no meu permiso de conducir, no meu pasaporte e en todos os documentos. Empecei a empregar Sheen coma proba, e antes de darme conta vin que comezara a gañarme a vida con este nome e xa era demasiado tarde. De feito, un dos meus maiores remordementos é non ter mantido o nome que me puxeron. Sabía que molestaba ó meu pai”. E é que seu pai, Francisco Estévez Martínez, levou o amor por Salceda ata o outro lado do Atlántico e transmitiullo ós seus fillos. Tamén en Salceda quixeron devolverlle todo ese afecto que levou a América na súa maleta de emigrante. Para iso, o Concello púxolle o seu nome a esta senda que recoñece a figura dun dos millóns de galegos e galegas que deixaron a terra nai na procura dun futuro mellor. A emigración, ademais dos elementos etnográficos que percorren a senda, forman parte do patrimonio salcedense.

cousas de 29


GALICIA SOLIDARIA

VI Trail do Trega, Podio 18 km

UNHA ASOCIACIÓN QUE BOTA MÁIS QUE UNHA MAN EN SENEGAL E C Por Judit Bernárdez

Botar unha man ós máis necesitados. Ese foi o obxectivo co que naceu en Redondela a Organización Galega polo Desenvolvemento “Da Man”, unha ONG que en tan só dez anos mellorou as condicións sanitarias e educativas en Touba Merina, unha zona habitada pola etnia peul no centro de Senegal. Unha escola con 108 alumnos levantada da nada en Boulel, centos de intervencións odontolóxicas e decenas de operacións que salvaron vidas resumen o traballo desenvolto pola ONG que fundou a pediatra Pilar Martínez en 2009.

30 cousas de

Da Man


Nesta última década Pilar viaxou a África dúas veces por ano. Sempre coa maleta chea de proxectos ilusionantes, como o que está pondo en marcha nestes intres no rural africano. Dende principios de marzo, Pilar atópase en Senegal sentando as bases dunha cooperativa téxtil para que “as mulleres poidan ser autosuficientes”. O primeiro paso será ensinalas a coser, pois, tal e como explica a fundadora de “Da Man”, “a costura en Senegal é un traballo de homes”. Ademais deste novo proxecto, Pilar tamén viaxa coa maleta chea de patróns e telas achegadas polo comercio de Redondela; elementos imprescindibles para botar a andar esta iniciativa que procura a independencia económica das mulleres de Touba Merina, nómades agora asentadas.

“A idea é que aprendan a coser e confeccionen mandilóns para vender, nós en España e elas en África. Cos beneficios poderán comezar a costear ós materiais e, co tempo, sacaranlle rendibilidade”, explica Pilar, que tamén coordina unha nova achega de ordenadores á escola de Boulel. “A idea é converter unha área da escola en Centro Social para que, polas tardes, os adultos naveguen pola rede y teñan unha fiestra aberta ó mundo; desta maneira poderán coñecer outras culturas, ampliar os seus intereses e mesmo estudar”, indica a pediatra galega que, xa xubilada, adica o seu tempo a axudar.

cousas de 31


Na actualidade integran a organización preto de trescentos socios, os cales pagan unha cota mínima mensual de 5 euros. Tamén colabora economicamente o Concello de Redondela e, con frecuencia, organizan eventos benéficos. Así foi como Pilar Martínez, ó fronte da organización coa axuda da súa filla Lara, conseguiu recadar os fondos precisos para construír unha escola nun punto intermedio entre diferentes poboados; considerada na actualidade “de excelencia”; con luz, electricidade e auga, e na que ofrecen formación a seis cursos de Primaria.

32 cousas de

Tamén se trasladaba a Senegal cando aínda traballaba, esgotando a totalidade das súas vacacións e, en ocasións, renunciando ó seu soldo para poder alongar as estadías. Ó igual co resto de profesionais, a gran maioría sanitarios, que a acompañan en cada aventura e que autofinancian as súas viaxes. Xuntos conseguiron levar un pouco de esperanza a unha rexión cun elevadísimo índice de mortalidade, sobre todo infantil.


Un oasis de solidariedade no medio dun deserto onde o analfabetismo, as enfermidades e a escaseza de recursos deteñen o desenvolvemento. Para combatelo, “Da Man” plantexa novos proxectos, coma facer letrinas, levar auga ás aldeas e establecer puntos de luz para que os nenos poidan xuntarse polas noites para ler ou falar. “Temos que facer algo”, resume Pilar Martínez, que en dez anos, botou algo máis que unha man.

cousas de 33


DESTINO GALICIA

DE NIGRÁN A TUI EN AUTOCARAVANA E POLA COSTA

E C José Mª Ribas Noguera O sur das Rías Baixas ofrece ao autocaravanista un territorio pouco coñecido e frecuentado pero cheo de atractivos de toda índole, dende praias como as do municipio de Nigrán ou Baiona, gastronomía, historia, mar e montaña, enoloxía etc. Teñen interese para o viaxeiro en autocaravana os servizos que se poden atopar na zona, é dicir, áreas de servizo con abastecemento de augas limpas e desaugadoiro de usadas, áreas con pernoita permitida e outros.

Hai cámpings en Nigrán, Baiona, Oia(2) e na Guarda, calquera buscador de móbil pode atopar o que máis interese, pero ningún deles ten unha área de servizo sen entrar no propio cámping. O Muiño ofrece tarifas reducidas para facer pernoita con servizo de cambio de augas. Fóra dos cámpings hai áreas de servizo nas estacións de servizo de Baiona (Repsol) e da Guarda ( Petronor).

Lugares interesantes para pernoitar sen entrar en cámpings poden ser os aparcadoiros públicos onde os concellos o permitan ou en lugares como restaurantes ou adegas. O Concello de Nigrán está a traballar na instalación dunha área de pernoita e servizo na zona das dunas de Gaifar pero non está en funcionamento aínda. En Baiona, o concello non parece ter interese na construción dunha área que de servizo aos autocaravanistas, parece ser que o cámping de praia Ladeira presiona para que isto sexa así, de todos os xeitos no outeiro de Santa Marta no Burgo adoita haber certa permisividade. 34 cousas de


Outro lugar espectacular para pasar a noite, contemplar a posta de sol ou o amencer desde os nosos vehículos é no aparcadoiro do Mosteiro de Santa Mª de Oia que se pode visitar. Merece a pena a súa igrexa rde estilo románico-gótico con fachada barroca que mira ao Atlántico. Saíndo de Baiona dirección a Guarda, hai tres bos aparcadoiros no restaurante Rocamar, non haberá problema en pernoitar se ceamos alí, ao non ser en sinaladas épocas en que o restaurante está a rebordar. Merece a pena aparcar a autocaravana mirando ao mar e as illas Cíes. Á entrada da Guarda seguindo a mesma dirección que levamos e unha vez pasada a gasolineira de Petronor (área de servizo) hai un desvío da estrada principal que baixa á praia de Area Grande, baixando unha pronunciada costa viramos á dereita e a uns cen metros escasos atopamos un aparcadoiro practicamente sobre as rocas con vistas ao porto e á pequena praia de Fedorento, un lugar para durmir arrullado polo son do mar. Pasando A Guarda tomamos dirección a Tui, unha vez atravesada a vila hai lugar reservado para autocaravanas no aparcamento do supermercado Eroski. Tamén e bo sitio para aparcar e pernoitar no aparcadoiro que hai na desembocadura do rio Tamuxe ao rio Miño. Autorizan a pernóita de dous ou tres autocaravanas nas adegas Val Miñor no municipio do Rosal na estrada que une A Guarda con Tui. Agradecen a compra de viños. En Tui hai tamén unha área de servizos, das primeiras que se prepararon en Galicia. Para concluír esta información queda por dicir para aqueles que levan na súa autocaravana instalado o gas GLP, que o único punto de recarga que existe na zona é a da estación de servizo do polígono industrial de Porto do Molle en Nigrán.

cousas de 35


ENOTURISMO

TERRAS GAUDA CELEBRA O 30 ANIVERSARIO DA SÚA PRIMEIRA COLLEITA AFIANZADA NA DIFERENCIACIÓN DOS SEUS VIÑOS A BODEGA PERSONALIZOU A ETIQUETA DA ANADA 2019 DO SEU BUQUE INSIGNIA PARA CONMEMORAR ESTA DATA SINALADA, QUE MARCOU O INICIO DUNHA NOVA ERA NO SECTOR VITIVINÍCOLA DO ROSAL

Trinta anos transcorreron xa dende que Bodegas Terras Gauda comezou a comercializar o seu buque insignia, unha mestura das nobres variedades autóctonas: Albariño, Caíño Branco e Loureiro. Un viño de marcada singularidade e personalidade que enseguida engaiolou dentro e fóra das nosas fronteiras. Para conmemorar este aniversario, personalizouse a etiqueta da anada 2019 co fin de destacar este fito e brindar polos bos momentos compartidos derredor de Terras Gauda. Remontámonos a 1989 para situar o ano da fundación co desafío da diferenciación dende o máximo respecto e a posta en valor das variedades autóctonas do Val do Rosal. Este obxectivo acadouse polo desenvolvemento de diversos proxectos de I+D+i, nomeadamente en colaboración co CSIC e as universidades de Santiago e Vigo. Neste tempo, a bodega foi pioneira con varios estudos. O primeiro, o da selección clonal de uva albariña, permitiu profundar no coñecemento desta variedade e definiu o camiño a seguir: patentar co CSIC un fermento ecotípico exclusivo, extraído do propio viñedo, que reforzou o carácter da variedade e os aromas a froita. Outra patente, a de manoproteínas sobre lías de Albariño, cumpriu o obxectivo de poñer en valor a súa tipicidade e percepción no padal. O recoñecemento da Real Academia Galega de Ciencias co Premio de Investigación 2009 referendou o labor neste ámbito. Unha segunda etapa nos proxectos I+D+i abriuse para acadar as meirandes cotas de sustentabilidade medioambiental nas máis de 160 hectáreas de viñedo propio. Un viñedo elixido para desenvolver as probas pilotos dun proxecto europeo de viticultura de precisión e que, a día de hoxe, é o eixo central de novos proxectos: atopar alternativas sostíbeis e eficientes aos fitosanitarios, no marco dun consorcio de empresas e grupos científicos europeos; e demostrar os beneficios que ten para o correcto desenvolvemento da vide recobrar o equilibrio de elementos esenciais para o solo. Unha aposta pola investigación que a bodega compatibilizou coa súa estratexia de internacionalización e o seu proceso de expansión xeográfica. A día de hoxe, comercializa os seus viños en todo o territorio nacional e en máis de 60 países de todo o mundo, co Reino Unido, EE UU, Noruega e China como mercados significativos no exterior. 36 cousas de


TERRAS GAUDA 2019 / Ficha de cata Vendima: setembro 2019 Embotellado: decembro 2019 Lanzamento: comezos de 2020 Variedades: 70% Albariño, 22% Caíño e 8% Loureiro Comentarios de cata É un viño de gran complexidade aromática e gustativa, onde os nítidos aromas de melocotón maduro, piña e pel de laranxa, se funden sobre delicados recordos minerais, terrosos e agradables notas de follas de loureiro e menta. A primeira impresión na boca é a dun viño de gran carácter, cheo, mais, ao tempo, fresco e xuvenil, reflectindo a súa poderosa estrutura nunha apreciable untuosidade e volume. Resulta cremoso, con toques minerais que xunto á fresca e suave acidez, nos ofrece un viño pracenteiro, intenso e cun prolongado final de boca, leal reflexo dunha anada escasa pero de excelente maduración e equilibrio. Temperatura óptima de consumo: entre os 10ºC e os 12ºC Maridaxe: excelente combinación con mariscos, como as ostras, ameixas e cangrexos. Tamén coa cociña asiática e con carnes brancas e arroces.

Tres décadas sumando ilusións e compartindo emocións con Terras Gauda e o 100% albariño de Abadía de San Campio, Terras Gauda Etiqueta Negra e La Mar, pura singularidade atlántica polo marcado carácter do Caíño Branco. Un tempo no que a bodega deu o salto dende o Rosal a relevantes zonas vitivinícolas: DOCa Rioja (Heraclio Alfaro), La Ribera del Duero (Quinta Sardonia) e DO Bierzo (Bodegas Pitacum), conformando un grupo bodegueiro de referencia cun denominador común: elaborar viños únicos e auténticos, ligados á terra que identifica a súa orixe e procedencia. A Rosaleira cadrou no grupo pola súa orixe, carácter familiar e historia: é a conserveira vexetal máis antiga de Galicia, fundada en 1940.

cousas de 37


TURISMO

XEODESTINO RÍA DE VIGO E BAIXO MIÑO PRESENTADA EN TUI A FOLLA DE RUTA PARA ESTE ANO, QUE INCLÚE A CREACIÓN DUNHA WEB, UN BANCO DE IMAXES, UN CONCURSO DE CURTAS, ANDAINAS CULTURAIS, UNHA NOVA RUTA TURÍSTICA OU UN CONCERTO Tras a súa posta de largo na Feira Internacional de Turismo de Madrid, o Xeodestino Ría de Vigo e Baixo Miño presentou en Tui a súa folla de ruta para os vindeiros cinco anos. Un plan estratéxico que conta co respaldo de Turismo da Xunta de Galicia e que busca impulsar de maneira conxunta “a competitividade do sector turístico dos 14 concellos que o conforman, situándoo como o instrumento de referencia na planificación turística do territorio e coa finalidade última de desenvolver produtos turísticos de calidade baseados nos nosos recursos, identidade e tradición”. Así o explicaba a alcaldesa de Tomiño e presidenta da Asociación de Desenvolvemento Galicia Suroeste Eurural no acto de presentación desta Estratexia de Turismo, no que participaron Laura González-Dopeso, responsable de programas europeos de Turismo de Galicia e Enrique Cabaleiro, alcalde de Tui, que se amosou “moi orgulloso de acoller a presentación do noso plan de futuro”. Tamén estiveron presentes Emiliano Lage, alcalde de Fornelos de Montes; Francisco Ferreira, alcalde de Gondomar; Antonio Lomba, alcalde da Guarda; Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos; Juan A. González, alcalde de Nigrán; Cristina Correa, alcaldesa de Oia; Digna Rivas, alcaldesa de Redondela; Ánxela Fernández, alcaldesa do Rosal; así como os concelleiros de turismo de Gondomar, Nigrán, Redondela, Soutomaior e Tui. Serán “10 liñas de traballo centradas na creación de produto con 10 marcos de actuación que non deben ser compartimentos estancos, senón que aparecerán nexos comúns e procuraranse sinerxías que demostren a singularidade do Xeodestino, unha singularidade non só por ser o primeiro reino medieval de Europa, senón por contar “cunha das maiores concentracións de gravados rupestres do continente e cunha das fronteiras máis antigas do mundo. Estes son ingredientes suficientes para apostar pola historia no arranque do noso xeodestino.

38 cousas de


Unha decena de accións programadas Durante o 2020 o xeodestino dará continuidade ás actuacións iniciadas no ano anterior afondando na aposta “por un turismo de calidade, innovador e sustentable, fomentando un turismo de alto valor engadido que leve a experiencia turística á excelencia”, como destacou Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos. Dentro das actuacións previstas para este ano desenvolverase un portal web e desembarcarase nas redes sociais, así como un banco de imaxes de todo o territorio que sirvan para achegar o Xeodestino a usuarios e usuarias. Porase en marcha polo menos unha ruta turística que una determinados puntos do territorio vinculados ao ciclo de vida da pedra e unha serie de andainas culturais a celebrar entre xullo e outubro “de non máis de 5 ou 6 km e de dificultade asequible para todos os públicos que xirará arredor dun recurso patrimonial ou natural, un momento histórico ou un persoeiro senlleiro”. Tamén se promoverá un concurso de curtametraxes de temática turística que aspira a ser a primeira edición dun certame a consolidar, aproveitando “o talento local para promocionar o xeodestino mediante vídeos guionizados que trasladen historias e experiencias no territorio”. Neste sentido celebrarase en setembro ou outubro un concerto relacionado co ciclo de vida da pedra nun sitio como as canteiras, a contorna dun Ben de Interese Cultural ou espazos naturais situados preto dos xacementos. Entre outras accións tamén se deseñará un novo folleto de carácter histórico con información sobre recursos patrimoniais senlleiros do xeodestino para distribuír polas oficinas de turismo do territorio ou novas tiradas de postais sonoras, coa imaxe doutros concellos e con pistas de audio que teñan relación en cada un dos casos con ese municipio.

cousas de 39


REPORTAXE

MEDIO SÉCULO DA CLASE OPTIMIST EN GALICIA O XOGUETE DE RÚA QUE SE CONVERTEU EN BARCO PARA OS MÁIS PEQUENOS E Rosana Calvo C Arquivo do MRCYB e cedidas por Javier de la Gándara, César Casqueiro e Tomás R. de Robles CINCO DÉCADAS DESPOIS DE ORGANIZAR POR PRIMEIRA VEZ EN GALICIA UNHA COMPETICIÓN REXIONAL DE OPTIMIST O MONTE REAL CLUB DE YATES CELEBROU O PASADO MES DE FEBREIRO EN BAIONA A 50ª EDICIÓN DO CAMPIONATO GALEGO DA CLASE O Monte Real Club de Yates de Baiona conmemorou a finais de febreiro o medio século de vida da clase Optimist en Galicia, celebrando a quincuaxésima edición do Campionato Galego que o propio club acolleu por primeira vez en 1970. A bordo do “Canario” e o “Tartaruga”, os irmáns José e Javier de la Gándara resultaron gañadores (primeiro e segundo respectivamente) daquela primeira edición, que se disputou os días 22 e 23 de agosto de 1970 baixo o nome de “I Regatas rexionais Optimist – Campionato Galego”. 17 novos regatistas da Escola de Vela da Foz, o Real Club Náutico de Sanxenxo, o Real Club Náutico de Vigo, o Club Náutico de Panxón e o propio Monte Real reuníronse durante aqueles dous días de verán na baía baionesa para disputar varias probas nun campo triangular de percorrido olímpico.

O Tortuga e o Canario dos Gándara e o Eolo de Casqueiro. Foto do arquivo de Cesar Casqueiro

O presidente do MRCYB do 71 ao 73 Carlos Zulueta de Haz entregando un premio a César Casqueiro. Foto de arquivo de Cesar Casqueiro

40 cousas de


Tras os irmáns Gándara, o terceiro posto do podio daquel primeiro campionato de Optimist foi para o “Anduriña IV”, tripulado por Santiago Campos; Pablo Vasconcellos quedou cuarto a bordo do “Bayona II”; e o “Don Ramón”, de Ramón Alonso, do RCN Vigo, asinou a quinta posición. Entregouse tamén entón un premio especial ao regatista de menor idade, que foi parar a mans de Pablito Pereiro por “demostrar -segundo din as crónicas da época- unha gran pericia manexando á perfección a súa mini embarcación”. Coa celebración do primeiro Campionato Galego de Optimist, o Monte Real Club de Yates deu, nos comezos da década dos 70, o gran impulso para a consolidación dunha clase que chegara a Galicia algúns anos antes da man de Pepe Gándara, o pai do histórico Javier de la Gándara. Gándara coñeceu este novo tipo de barcos na revista estadounidense “Popular Mechanics Magazine” (distribuída en España baixo o nome de “Mecánica Popular”), na que se publicaron uns sinxelos planos cos que, en principio, calquera persoa con algunhas ferramentas e un pouco de maña, podía fabricarse o seu propio Optimist de madeira. Tras velos xa construídos en Barcelona, Gándara decidiu traelos Galicia. Ao primeiro Optimist que navegou en augas galegas no ano 68, chamouno “Don Andrés”, en honra ao seu fillo pequeno. No ano 69 xa había na baía baionesa (na Escola da Foz que lideraba Antonio Ruiz) 15 unidades destes novos veleiros, coñecidos como os “ Ferramentas”, porque os construía un carpinteiro de Ladeira coñecido por ese nome, con velas de nailon fabricadas nunha empresa de toldos de Vigo. Eran barcos cos que, durante os primeiros anos, só navegaban nos meses de verán. Apenas un ano despois, xa cos Optimist asentados como pequena frota no Monte Real Club de Yates, celebrouse o Primeiro Campionato de Optimist de Galicia. A prensa daquel entón felicitou ao club baionés por “contribuír a crear numerosos novos patróns que no futuro van constituír as dotacións dos numerosos barcos de cruceiro cos que contan as unidades deportivas da ría de Vigo”, dicía textualmente. E así foi. Porque aqueles nenos son hoxe algúns dos destacados regatistas que navegan nas rías galegas.

Manuel Pereiro, Javier de la Gándara, Ramón Alonso, Pablo Vasconcellos, Jose Antonio Marquez e Jaime Varela. Foto arquivo Javier de la Gándara

Un grupo de Optimist no Monte Real (Marzo 1971). Foto do arquivo de Cesar Casqueiro

cousas de 41


Tanto a Federación Española de Vela como a Federación Galega de Vela da época, presidida por José Ramón Fontán, axudaron á consolidación da clase en Galicia subvencionando a compra de numerosas unidades. Uns barcos que pasaron das 3.000 pesetas (uns 18 euros) dos primeiros “Ferramentas” ás 8.000 pesetas (uns 48 euros) que se pagaron polos dunha maior calidade e as 10.000 pesetas (60 euros) que custaban ao comezo dos 70. No outono de 1971, só un ano despois da celebración do primeiro campionato galego de Optimist, nas competicións da clase en Baiona participaban preto dunha trintena de unidades, e non se tardou moito tempo máis en superar os 60 optimist. En Galicia roldaban os 200 optimist (na actualidade hai uns 400, dos cales participan en competicións oficiais uns 120). Entre os novos regatistas daqueles primeiros anos estaban José, Ángel e Javier de la Gándara, Pablo Vasconcellos, Jaime Varela, Alberto Torné, Rodrigo Andrade, César Casqueiro, Fernando Yáñez, Genoveva Pereiro, Ignacio Retolaza, Alfonso Zulueta ou Piluca Presa, entre outros moitos. Os Optimist españois construíanse en Barcelona (A Industrial Velera Marsal), en Palma de Mallorca (os estaleiros Copino e Darder), en Torrexón de Ardoz (Taylor Española) e aquí en Galicia, nos prestixiosos Estaleiros Lagos de Bouzas (Vigo), dos que saíron gran parte das unidades que navegaron a partir do ano 70. Eran Optimist que se facían a imaxe e semellanza dos primeiros barcos deste tipo nados en Clearwater (Florida).

Pablo Vasconcellos a bordo de The Scotsman un dos primeiros Optimist en Galicia. Foto arquivo MRCYB

42 cousas de


Campionato de Optimist en Panxón. Foto MAGAR do arquivo de Javier de la Gándara

E como naceu o Optimist? En 1947, un grupo de nenos “regateaban” polas rúas de Clearwater con pequenas caixas de xabón e unha vela que fabricaban eles mesmos. O alcalde da cidade decidiu prohibir esas regatas polas rúas, para que non molestasen á xente, pero reuniuse cun deseñador de barcos, Clark Mills, ao que lle pediu que convertese as caixas de xabón nun barco para nenos o máis barato posible. E así foi como naceu o Optimist, o primeiro barco de vela cangreja e un só tripulante que co tempo foi adquirindo cada vez máis fama, tanto nacional como internacional. Aínda que co paso do tempo foron evolucionando os materiais, a filosofía coa que se creou o Optimist segue intacta e mantense como un barco sinxelo que permite aos máis pequenos gozar do mar e a vela En 1954 “saltou o charco” e empezáronse a construír os primeiros en Europa, concretamente en Dinamarca; en 1962 nacía a Optimist Class Racing Association, en Inglaterra; e pouco despois formouse a Asociación Europea de Optimist. Finalmente, en 1995 o Optimist foi aceptado como clase internacional. Celebrar esa idea e as cinco décadas que cumpre o primeiro Campionato de Optimist disputado en Galicia en 1970 foi o obxectivo do 50º Campionato Galego de Optimist – Trofeo Baitra que se disputou no Monte Real Club de Yates a finais de febreiro.

Algúns dos primeiros Optimist que navegaron en Baiona hai 50 ano. Foto arquivo MRCYB

cousas de 43


GALAICAS

MARÍA VINYALS

(Soutomaior, 14 de agosto de 1875-París, 1940?)

UNHA ESCRITORA E FEMINISTA NACIDA NO CASTELO DE SOUTOMAIOR

María Vinyals. Arquivo fotográfico da Fundación Pablo Iglesias. Autora da biobibliografía: Silvia Cernadas Martínez. Historiadora e Guía de Turismo en Turismo de Historias.

HAI MÁIS DE CEN ANOS QUE MARÍA VINYALS TIVO QUE MARCHAR DO CASTELO DE SOUTOMAIOR PARA NON VOLVER. FOI UNHA MULLER QUE SEMPRE HONROU O SEU ALCUME DE MARQUESA ROJA, PERO CO TEMPO A SÚA FIGURA CAEU NO ESQUECEMENTO E AÍNDA SEGUIMOS SEN SABER CON CERTEZA CANDO E ONDE MORREU. NOS ÚLTIMOS ANOS, NON OBSTANTE, ESTÁSELLE RECOÑECENDO O SEU PAPEL COMO PIONEIRA NO MUNDO DAS ARTES, DAS LETRAS E DO FEMINISMO GALEGO. 44 cousas de

María Vinyals y Ferrés naceu no seo dunha familia aristocrática de orixe catalá. O seu tío político, Antonio Aguilar y Correa, VIII Marqués de la Vega de Armijo, introduciuna nos círculos culturais madrileños xa desde moi nova. Na capital pasaba María gran parte do ano a causa da intensa actividade política do seu tío. Alí recibiu unha moi boa educación, aprendeu varios idiomas e participou nas Exposicións Nacionais de Belas Artes de 1890 e 1895. En 1896 casa con Juan Nepomuceno Jordán de Urríes, VI marqués de Ayerbe, pasando a ostentar ese título tamén para si. O marqués de Ayerbe era un político zaragozano que a dobraba en idade e co que tivo ao seu fillo Antonio. Daquela, a sociedade rexeitaba ás mulleres creadoras e iso fixo que María Vinyals queimase os seus primeiros contos e abandonase a súa dedicación ás artes plásticas. Pero acaba volvendo á escrita e publica El Castillo del Marqués de Mos en Sotomayor (1904), unha obra sobre a historia dos Soutomaior e o castelo homónimo, e a novela autobiográfica Rebelión (1905), baixo o pseudónimo de Joyzelle. A súa actividade social increméntase á vez que comeza a colaborar con diversos xornais e revistas. O seu feminismo, nesta etapa, é dunha liña conservadora e céntrase en conseguir unha mellor educación para as mulleres. Así o fai, por exemplo, como presidenta do Centro Iberoamericano de Cultura Popular femenina. Ademais, é nomeada académica non numeraria da Real Academia Gallega, entra a formar parte do Ateneo de Madrid e relaciónase con outras intelectuais como a súa amiga Emilia Pardo Bazán. En 1908 queda viúva e, en poucos meses, casa con Enrique Lluria Despau, un médico e intelectual cubano con quen xa mantiña unha relación da que nacerá un novo fillo, Roger. O matrimonio múdase ao castelo de Soutomaior e alí mandan construír o primeiro sanatorio moderno de Galicia, especializado en enfermidades da urina. O HotelSanatorio Lluria funcionou de 1913 a 1917. Nese ano, a finca de Soutomaior sae á poxa pública. As enormes débedas contraídas e a afiliación ao partido socialista de ambos cónxuxes non axudaron en nada a que o proxecto tivese éxito. A Marquesa Roja, así coñecida polas súas ideas progresistas, foi endurecendo o seu discurso a favor da igualdade de dereitos e do sufraxio universal. A súa actividade xornalística é acompañada de multitude de relatorios. En 1920, trasládase coa súa familia a Cuba, pero a súa vida trúncase coa morte de Enrique cinco anos despois. A penuria económica e a morte de Roger son golpes moi duros para ela. Na década dos trinta está en Madrid malvendendo todo o que podía escribir e despois perdémoslle a pista para sempre.


Doña María Vinyals e hijo (1906). Óleo de José Garnelo. Museo Garnelo de Montilla (Córdoba).

Castelo de Soutomaior. Rafael Balsa de la Vega, Catálogo Monumental de España, 1907. Instituto do Patrimonio Cultural de España.

María Vinyals foi, sobre todo, unha muller polifacética: escritora, xornalista, oradora, pintora, tradutora. Foi moi activa na defensa dos dereitos sociais, especialmente das mulleres, e pasou dos salóns máis selectos da aristocracia a morrer silenciada pola pobreza.

Fotografía de familia nos xardíns do castelo de Soutomaior. De esquerda a dereita, o marqués de Ayerbe; Agustina Ferrés, a nai de María Vinyals, que está sentada; María Vinyals e o marqués de la Vega de Armijo. Arquivo fotográfico do Museo Sorolla.

Para saber máis desta muller tan fascinante, dende Turismo de Historias organizan visitas guiadas que inclúen: visita temática ao castelo de Soutomaior e cata do albariño “María Vinyals” na bodega que o produce. Nesta web www.turismodehistorias.com podedes obter máis información e apuntarvos ás próximas convocatorias da Ruta “María Vinyals” Mosaico de azulexos cerámicos de Manises con publicidade do Sanatorio Lluria, ca. 1911. Colección Faro de Vigo. cousas de 45


MEDIO AMBIENTE

A PÍLLARA DAS DUNAS, UNHA ESPECIE VULNERABLE NO ESTEIRO DO MIÑO E Manuel Sobrino Senra C Luis Dorado

Recentemente, tiven a inmensa fortuna de participar nunha xornada de anelamento científico de píllara das dunas nas praias do norte portugués. Concretamente, nas dunas de Moledo e Vila Praia de Âncora, onde aínda atopa esta especie a extensión e tranquilidade suficientes para sacar adiante aos seus valiosos pitos. Ter o futuro dunha das aves máis ameazadas de España nas túas mans e unha enorme responsabilidade, á vez que unha experiencia incrible. Afortunadamente, non recaía en min esa pesada lousa, senón sobre o experto ornitólogo e bo amigo José Arcas, quen tivo o detalle de mostrarme os avances acadados no marco do ‘Projeto Borrelho’, desenvolvido pola Asociación Naturalista Baixo Miño (ANABAM) en colaboración con diversas entidades alén da Raia. Observando o laborioso traballo de marcaxe e seguimento dos pitos e o estresante que debe ser para eles a súa necesaria captura e manipulación, non puiden deixar de sentir certa pena o pensar como puidemos chegar a esta situación; como a supervivencia das derradeiras 70-80 parellas que restan en Galicia depende enteiramente da boa vontade dun puñado de homes e mulleres para protexelas. En realidade, o destino da píllara das dunas está nas nosas mans... Só a sensibilidade e colaboración de todos os cidadáns logrará afastar a esta especie do abismo da extinción. As causas do seu dramático declive na práctica totalidade da súa área de distribución en España hai que buscalas na rápida transformación dos hábitats costeiros nos que vive: limpeza mecánica de praias, urbanismo salvaxe, molestias derivadas dos intensos usos recreativos nestes espazos, cans soltos, eliminación de vexetación dunar... son só algunhas das graves perturbacións que comprometen o futuro desta icona da nosa avifauna. E o esteiro do Miño non é alleo a ningunha delas. 46 cousas de

Pito de píllara das dunas

Xornada de anelamento de pitos de píllara das dunas en Vila Praia de Âncora, Portugal

Valado de protección que avisa da presenza dun niño


A píllara das dunas (Charadrius alexandrinus) é unha pequena limícola de apenas 15-17 centímetros de lonxitude, discreta plumaxe e pico e patas curtas moi escuras, trazo este último que permitiranos distinguilo fácilmente do seu irmán maior, a píllara real, tamén presente non nosos areais. A súa dieta componse fundamentalmente de invertebrados terrestres e acuáticos, moscas, vermes, crustáceos e moluscos que atrapa tras unha curta carreira. Localiza as súas presas coa vista. Aproveita a baixamar para alimentarse, o mellor momento para poder observala. A súa reducida talla obrígalle a permanecer en repouso sobre as rochas cando sobe a marea. A totalidade do seu ciclo vital desenvólvese en ambientes costeiros. Vive, come e reprodúcese no litoral. Aí radica o problema... A píllara das dunas deposita os seus ovos directamente sobre a area, en depresións pouco profundas e únicamente disimuladas por anacos de algas, cunchas ou vexetación. Xeralmente tres ovos que incuban ámbolos dous proxenitores durante case un mes, período tralo cal nacen os pitos. Asoman a un mundo cheo de perigos, razón pola que o fan moi desenvolvidos e listos para desprazarse e alimentarse por se mesmos. Vailles a vida nelo. Pero todo este proceso non podería completarse sen a desinteresada colaboración dun grupo de voluntarios que ano tras ano adican o seu tempo e esforzo a exercer de improvisados pais adoptivos. A tempada de cría coincide coa época de maior afluencia nas praias. As necesidades humanas de sol e diversión chocan frontalmente coa necesidade vital dunha especie a piques de desaparecer. En 2019, grazas a esta magnífica laboura, varias decenas de niños foron localizados e protexidos por medio de valado perimetral e paneis informativos, e máis de 80 pitos naceron alén da fronteira. As portas dunha nova campaña, lembra seguir estes sinxelos consellos para garantir a supervivencia da próxima xeración de píllaras: leva amarrado o teu can, a presenza de cans nas praias é unha das maiores ameazas ás que se enfronta esta especie; procura manterte afastado dos niños; extrema as precaucións para non pisar os pitos, a miúdo pasan desapercibidos... A praia é de todos, pero elas estaban antes ca nós.

Un dos proxenitores choca os ovos no interior da rede de protección.

Ovos de píllara das dunas. A posta polo xeral é de tres ovos

A rede de protección permite a entrada dos proxenitores e impide o paso de posible depredadores.

cousas de 47


OCIO

MUSEO PONTEVEDRA

Leopoldo Nóvoa, 1919-2019. Exposición Con motivo de cumprirse recentemente o centenario do nacemento do artista Leopoldo Nóvoa, o Museo dedícalle unha ampla exposición na que se reúnen máis de cincuenta obras que recollen os diferentes momentos da súa traxectoria creativa. A mostra, comisariada por Rosario Sarmiento, poderase visitar no Sexto Edificio desde o 23 de xaneiro, ás 20 h en que se inaugura, ao 26 de abril de 2020. Leopoldo Nóvoa (Salcedo, Pontevedra, 1919 – París, 2012) é un dos grandes referentes da arte abstracta tanto dentro coma fóra de Galicia na segunda metade do século XX. Artista rigoroso, home reflexivo e profundo, viviu unha longa e fecunda existencia en lugares e circunstancias moi dispares, que o converteron nun personaxe cosmopolita e de vasta cultura. Un caudal persoal que transmitiu e plasmou en toda a súa prolífica produción creativa.

VISITAS GUIADAS Á EXPOSICIÓN: Xoves e sábados ás 18h. Non é necesaria inscrición previa. Os grupos (a partir de 10 persoas) que queiran concertar a visita guiada deberán solicitala a través da seguinte dirección de correo electrónico gabinetedidactico.museo@depo. gal ou no teléfono 986 804 100 extensión 42412 - 42413. A recepción de chamadas e correos é de luns a venres de 8:30 a 14:30. Tanto a entrada á exposición como a participación na visita guiada é gratuíta.

Cen anos despois do seu nacemento, esta exposición concíbese como unha homenaxe e un percorrido a través das etapas que marcaron a súa traxectoria. Os seus primeiros anos en Uruguai e Arxentina, onde se irá xestando o valor que a forma e a materia terán na súa obra posterior, logo en París onde se desenvolverá a súa madurez creativa, que alternará posteriormente con longas tempadas estivais na súa casa-taller da Armenteira (Pontevedra), lugar no que descubrirá o valor plástico, simbólico e emocional das cinzas. Espazo, materia e luz son os elementos dos que sempre se valeu Nóvoa para articular a súa obra, facendo fincapé nas relacións que se establecen entre eles, desposuíndo a obra do superfluo. Nas súas obras anteriores a 1979, data do dramático incendio do seu taller de París, é patente a súa vocación tridimensional coas estruturas e relevos que inclúe debaixo das teas. Nas obras posteriores, os límites entre a pintura e a escultura están cada vez máis diluídos, e as superficie das obras adquire volume a través dos relevos e da inclusión de pequenos anacos de corda —mecates—, materia e colaxes, que terán total protagonismo. Suprimindo os xogos de cores, empregando o ascetismo do branco ou incluíndo as cinzas, Nóvoa consigue unha obra de código reducido pero conceptualmente sólida e profunda.

48 cousas de

En 1952, instalado xa en Buenos Aires, Leopoldo Nóvoa realizou a súa primeira exposición da man de Luis Seoane, que influíu durante unha breve etapa na súa pintura coa introdución do colorismo que pronto abandonaría.

Tella picada sobre gran negro’ é o último cadro que pintou Leopoldo Nóvoa, en 2010.


OCIO /LIBROS El infinito en un junco

Bauhaus

Irene Vallejo Editorial Siruela

Magdalena Droste Editorial Taschen

Premio El Ojo Crítico de Narrativa 2019

A Escola de Arte e Deseño Bauhaus de Alemaña sentou as bases da modernidade. Este libro reúne 550 ilustracións que inclúen planos arquitectónicos, estudos, mais de 250 novas fotografías, bosquexos, maquetas...

Premio Las Librerías Recomiendan en la categoría de No Ficción 2020 Un percorrido pola vida do libro e de quen o salvaguardou durante case trinta séculos, cunha prosa brillante e chea de sensibilidade.

La herencia

Fábula das aves

Vigdis Hjorth Editorial Nordica

Manuel Forcadela Editorial Laiovento

Premio El Ojo Crítico de Narrativa 2019

A vida,“esa mestura / da forza da vontade / e do poder do azar”, constitúe a materia central do poemario Fábula das aves, cuxo magnífico voo discursivo se resolve ás veces en formato de sátira.

A repartición da herdanza familiar converterase nun tema de desencontro. A aparente disputa entre os irmáns polas propiedades encerra algo moito máis profundo: as pantasmas do pasado regresan e o que parecía esquecido revive na familia.

Servir era o pan do demo

A la velocidad de la luz

Historia da vida cotiá en Galicia. Séculos XIX e XX

Colin Stuart | Ximo Abadía Editorial GeoPlaneta

Xavier Castro Editorial Galaxia

Unha introdución os secretos máis fascinantes da física con textos didácticos e ilustracións moi atractivas.

Un traballo de investigación histórica escrito nunha linguaxe achegada ao gran público. O autor manexa diversas fontes (literarias, etnográficas…) para construír un ameno relato que recrea a vida cotiá na Galicia dos séculos XIX e XX.

cousas de 49


AXENDA

UN VERÁN DE FESTA NAS RÍAS BAIXAS No verán arrinca unha auténtica ladaíña de eventos. As Festas da Vieira (Cambados), a da Lagosta (A Guarda), a do Viño do Rosal e a do Carneiro ao Espeto (Moraña), fan destes produtos os protagonistas na mesa en xuño. A estas únense as tradicionais de San Benitiño de Lérez (Pontevedra) e a do Santísimo Cristo dos Aflixidos de Bouzas (Vigo).

Agosto é un festival gastronómico continuo, celébranse festas coma a da Tortilla de Laro (Silleda), a do Viño do Condado do Tea (Salvaterra de Miño), a do Mexillón e do Berberecho (Vilanova de Arousa), a da Ameixa do Carril (Vilagarcía de Arousa), a do Xamón da Cañiza, a da Empanada da Bandeira (Silleda), a da Anguía e a Mostra da Caña do País (Valga), nas que se degustan estes produtos autóctonos nesta tempada. A estas citas únense as Festas do Monte da Guarda, a Danza de San Roque do Hío (Cangas), a Festa do Gaiteiro de Soutelo de Montes e o Descenso Internacional do Río Miño (Tui).

Os carteis corresponden á última edición.

Setembro vén cargado tamén de importantes celebracións. Non debedes perder a histórica Feira Franca de Pontevedra, as fermosas Danzas Ancestrais de Darbo (Cangas), a tamén colorista Danza das Espadas, nas Festas de San Miguel de Marín, e a popular Romaría da Virxe da Franqueira, na Cañiza. O último tramo do ano ten como eventos claves a Festa de San Martiño de Moaña, en novembro, onde se degusta viño da casa nos furanchos, e o impresionante Belén Artesanal en Movemento de Valga no Nadal, con máis de 4.000 tallas.

NIGRÁN

50 cousas de


cousas de 51


52 cousas de


Turn static files into dynamic content formats.

Create a flipbook
Issuu converts static files into: digital portfolios, online yearbooks, online catalogs, digital photo albums and more. Sign up and create your flipbook.