6 minute read
A Ponte internacional de Tui: 134 anos unindo a fronteira
O CONCELLO DE TUI RECLAMABA DESDE 1874 UNHA PONTE SOBRE O MIÑO QUE ENLAZASE AS DÚAS VÍAS FÉRREAS EN CONSTRUCCIÓN A UN LADO E OUTRO DA FRONTEIRA. A CÁMARA MUNICIPAL DE VALENÇA PARTICIPARÍA TAMÉN DESTA REIVINDICACIÓN ACCEDENDO A CREAR UNHA COMISIÓN MIXTA ENTRE OS DOUS MUNICIPIOS PARA PRESIONAR AOS GOBERNOS PARA QUE SE LEVASE A CABO A OBRA DA PONTE. 1886 foto Zagala_coleccionJavier Rivadulla
Por Suso Vila, Doutor en Historia da Arte
Advertisement
No ano 1879 presentaríase no ministerio de Fomento un proxecto de Ponte sobre o Miño obra do enxeñeiro Pelayo Mancebo. O senador de Tui Lorenzo Cuenca tiña insistido nos despachos madrileños xunto co deputado Ezequiel Ordóñez para que o proxecto se convertise en realidade. Aínda que hoxe en día a Ponte entre Tui e Valença a vexamos como unha infraestrutura necesaria e a súa construcción un feito natural o certo é que no século XIX as cousas non estaban tan claras e máis nun territorio pobre e sen apenas industria como Galicia e Norte de Portugal. A insistencia de Lorenzo Cuenca faría posible que entre Madrid e Lisboa se dese un acordo que levase o proxecto de Pelayo Mancebo adiante. As obras comezarían a finais de 1881, dirixidas polo enxeñeiro portugués Augusto Luciano S. de Carvalho, contando cun prazo de execución de dous anos para ser finalizado no ano 1884. A inauguración oficial produciríase o 25 de marzo de 1886 despois dos traballos de resistencia pero tamén dos problemas que a epidemia de cólera de 1885 implicaron para o retraso da apertura da ponte. Na inauguración as autoridades serían trasladadas nas locomotoras “Alfonso XII” e “Valença”. Segundo as crónicas da prensa galega o número de espectadores e curiosos chegaría aos 20.000. O principal interese da ponte sobre o Miño era o ferrocarril, a comunicación rápida e moderna que permitiría o despegue económico do territorio. Pero este foco sobre o ferrocarril e o seu impacto económico ficaría inmediatamente marxinado, o ferrocarril entre Galicia e Portugal sería un claro fracaso económico, unha testemuña de que non só se precisan as infraestruturas para unir tamén a vontade para comunicarse.
O maior impacto da ponte reflectiríase nun radio de acción máis curto, entre as comarcas fronteirizas tanto a pé como en carro e non tanto pola vía férrea. O proxecto de Pelayo Mancebo afortunadamente non só atendería os principais intereses de comunicar as liñas férreas galega e portuguesa senón que fixo algo práctico: que a ponte servise para comunicar tamén Tui e Valença a pé ou en transportes rodados. O enxeñeiro concebiría unha ponte de dobre taboleiro para permitir un uso máis aberto e que beneficiase ás dúas localidades miñotas. O certo é que Pelayo Mancebo tivo unha gran sensibilidade á hora de afrontar o proxecto da ponte sobre o Miño. Ollaba a Tui e Valença en 1879 xa como dous centros históricos enmarcados nunha paisaxe natural única: “He huido de dar a los estribos el aspecto de fortificación, que en obras análogas suelen presentar, porque entiendo que artísticamente, no deben señalarse fronteras entre pueblos hermanos, como son España y Portugal, y porque proyectándose la obra desde el camino de Tuy, bajo los muros de la plaza fuerte de Valença, la comparación entre lo real y lo que imita, había de dar un carácter falso y pueril”. No deseño da ponte, a “caixa” era unha solución de celosía de ferro perfilado e malla de 1’5 m en diagonal, apropiada para os tramos continuos da ponte desbotando outras opcións. A distribución de luces da ponte realizaríase en cinco claros, dous nas ribeiras con 60 m. e tres centrais con 66 m. Os estribos da ponte, realizados en cantería de granito, amosarían un coidado sentido da estética, vencellado á preocupación por estreitar as relacións non só entre Galicia e Portugal, tamén entre Tui e Valença, tal e como reclamaba a prensa galega no seu momento. Os estribos están formados por un gran arco de medio punto que se asenta en cada marxe para elevar o piso da vía para carros e do ferrocarril. Sobre este arco sitúanse dous arcos xémeos de medio punto que aportan luz ao comezo da ponte, acadando así unha gran elegancia e integración coa obra metálica, máis etérea. Os traballos de cantería da ponte mostran detalles de basas, impostas e cornisamentos, exemplo da importancia simbólica e non só práctica que se lle quiso dar á ponte.
Fortín ou posto de garda. Arquivo Militar de Segovia.
Do proxecto de Pelayo Mancebo o cambio máis sustancial sería a modificación das pilas metálicas por pilares de granito para abaratar os custes. Aínda que Pelayo Mancebo asegurase que España e Portugal eran dous paises irmáns as obras da ponte seguiron a mostrar desconfianzas. Nos pilares de canteiría serían preparados uns forniños para colocar neles explosivos para cortar a ponte en caso de guerra. O acceso a estes forniños por escaleiras metálicas serían eliminados nas últimas obras de restauración da ponte. Outro dos proxectos entorno a ponte como o chamado “fortín” era outra das mostras de desconfianza entre os países. O fortín era unha infraestructura militar aínda hoxe recoñecible no edificio da aduana e na súa contorna, como posto de guarda na entrada da ponte.
Pintura Enrique Casanova_1883
A ponte non tivo un impacto positivo inmediato. Sí que no urbanístico Tui e Valença se foron transformando a través das estradas á ponte. Os edificios da burguesía local que aínda hoxe se conservan evidencian ese interese por aproximarse entre Valença e Tui. En 1895 a estrada da Ponte Internacional melloraría as condicións de acceso á ponte e construiría unha ponte metálica sobre o río Tripes que facilitaba as comunicacións.
Postal_1910
VIVE BAIXO MIÑO
Nas primeiras décadas do século XX comprobaríamos o impacto real da ponte, non do ferrocarril senón do paso peonil e de carros que se multiplicaría cos vehículos a motor. O crecemento de Tui e Valença apreciaríanse nestas primeiras décadas do século grazas as modernas estradas.
Hoxe en día a Ponte Internacional sobre o Miño é unha testemuña artística extraordinaria pero tamén un exemplo das relacións históricas entre Tui e Valença, séculos de comunicación entre veciños superando obstáculos políticos ou naturais.