8 minute read
As fortalezas da raia miñota (2): O sistema defensivo Salvaterra Monção
AS FORTALEZAS DA RAIA MIÑOTA (2)
O SISTEMA FORTIFICADO SALVATERRA-MONÇÃO A PROCLAMACIÓN DO DUQUE DE BRAGANÇA COMO REI JOÃO IV EN 1640 MUDARÍA AS RELACIÓNS ENTRE AS RIBEIRAS DO MIÑO. A GUERRA LEVARÍA A CAMBIOS PROFUNDOS QUE AFECTARÍAN DE FORMA MÁIS GRAVE A SALVATERRA. E C: Suso Vila, Dr. en Historia da Arte
Advertisement
As tropas portuguesas do conde de Castelo Melhor entrarían en Salvaterra o 1º de xullo de 1643. Seica non era unha gran sorpresa este movemento toda vez que a maioría dos veciños e incluso os freires franciscanos do convento de San Diego fuxiran o día anterior. O gobernador Francisco Picoña se tiña refuxiado no vello castelo dos Condes, no interior da mesma vila perante a previsión do ataque portugués. A súa resistencia sería breve o que sería síntoma dunhas defensas pouco preparadas ou ruinosas. O relato da toma de Salvaterra mitifi caríase para sinalar que máis que méritos do exército portugués sería unha traizón a que posibilitaría a entrega da vila ao conde de Castelo Melhor. O historiador Avila y La Cueva narra este episodio como froito da deslealtade do gobernador que entregaría o Pazo dos Condes aos portugueses. A realidade deste episodio era outra. Salvaterra non contaba con defensas modernas, só habería que pensar na posible cerca medieval que rodearía a vila. A principal fortifi cación achábase no castelo ou pazo dos condes no cuadrante suroriental.
Plano das fortifi cacións de Salvaterra no século XVIII (BVD, AR. E-T.4-C.6)
Plano de Salvaterra en 1645 baixo a ocupación portuguesa. É o mellor plano para estudar os restos medievais do castelo dos condes. (CAVIDAFOR)
Os portugueses entre os anos 1643 e 1644 completarían a fortificación de Salvaterra deseñando un perímetro de seis baluartes: do Muíño, do Pozo, do Cabaleiro, da Igrexa, semibaluarte da Barca e semibaluarte da Casa do Conde. Dúas portas existirían no recinto, a porta da Oliveira e a porta da Fonte. O deseño da fortificación sería do enxeñeiro Martim do Rego Barreto, orixinario de Viana do Castelo. Os portugueses empregarían para as novas defensas da vila, a pedra aparellada das casas e a do convento de San Diego fundado en 1603 por Diego Sarmiento. Os franciscanos tiñan fuxido a Tui onde acabarían establecendo un novo convento na Corredoira.
Vista de Salvaterra en 1706. (MAP, 043.1706)
A porta da Oliveira mostra a influencia portuguesa co oratorio sobre a entrada á vila. No exterior tres escudos mostraban as armas portuguesas, picadas cando a vila retornou a mans españolas. Un dos elementos máis interesantes na defensa da vila era o “cabaleiro”, unha estrutura turriforme no lado norte da igrexa. Os “cabaleiros” servían para protexer puntos importantes das fortificacións, neste caso era evitar a chegada de proxectís á igrexa de San Lourenzo. Os portugueses tiñan tomado Salvaterra para mellorar as defensas de Monção, establecendo unha cabeza de ponte en Galicia que lle permitise adentrarse no territorio. Para evitar estos movimentos do exército portugués o capitán xeral de Galicia, Guillem Ramón de Moncada, marqués de Aytona, emprendería a construcción dun forte en 1646 para encerrar a vila de Salvaterra e impedir que os portugueses puidesen chegar a Tui. O forte de Santiago de Aytona xunto coas atalaias da Estrela e de Porto formarían unha liña defensiva que impediría o paso dos portugueses ao longo da guerra.
Porta da Oliveira, Salvaterra, co oratorio sobre a entrada á vila.
Plano de Monção en 1713 (BNP, d-238-v_0001_1_t24-C-R0150)
As novas defensas de Monção demorarían na súa construcción. A vila servía de abastecemento a Salvaterra pero cando se recrudeceu a guerra comezarían os traballos para un sistema abaluartado dirixido polo enxeñeiro Michel de Lescole en 1656. As obras estaban lonxe de ser concluidas cando o exército do Marqués de Viana cerca a vila o 7 de outubro de 1658. A rendición de Monção o 2 de febreiro de 1659 permitiría a caida de Salvaterra o 17 de febreiro. Até a fin da guerra no ano 1668 Monção ficaría en mans españolas. O sistema abaluartado de Monção seguiría cos traballos encargándose ao enxeñeiro Manuel Pinto Villalobos. En 1686 un erro na proxección das obras apartaría ao enxeñeiro Sebastián de Sousa Vasconcelos. As fortificacións estaban case concluidas en 1713 seguindo ao longo do século XVIII diferentes obras.
Vista coloreada de Monção publicada en 1640 sobre o deseño de Duarte D’Armas de 1509
O proxecto de abaluartamento de Monção mistura dúas solucións. Por unha banda teríamos a adaptación ao muro e barbacana medieval de algúns baluartes, visible na fachada do río. Por outra parte contaríamos cun novo e amplo perímetro amurallado, un deseño que non só acollía o vello recinto medieval senón que se extendía máis aló protexendo o convento de monxas franciscanas, a nova Misericordia ou a fonte da vila. O folgado recinto fortificado permitiría o crecemento urbano de Monção aínda que non impediría a desaparición de parte das defensas a partir do século XIX cando o entramado urbano se conecte co exterior das murallas. Aínda así hoxe son recoñecibles os nove baluartes que formaban o recinto amurallado.
Planta e alzado da casa do Conde en Salvaterra sobre os restos do antigo castelo dos condes (AGMM, PO-01-21)
Casa do Conde na actualidade, á parte superior corresponden as obras do seculo XVIII, a planta baixa conserva restos das antigas edificacións. Monção e Salvaterra contrastan fortemente hoxe no plano urbanístico. Mentres a vila portuguesa se desenvolveu medrando no espazo intramuros con gran vitalidade, Salvaterra perdería o seu carácter de vila tras a derriba de casas do seu interior e incluso coa desaparición do convento de San Diego. Intramuros só ficarían algunhas construccións como a igrexa, algún cuartel e edificacións no vello solar do castelo dos condes. Esta perda de patrimonio e personalidade urbana é máis grave se pensamos na importancia que tiña acadado Salvaterra no século XVI coa presenza de importantes familias xudeoconversas, froito do gran pulo económico que acadaba a vila, testemuña que esmorecería coa guerra na fronteira.
Monção e Salvaterra: o poboamento do século XII no Miño As dúas vilas formaron parte de novas fundacións urbanas a fins do século XII. A antiga vila de Lazoiro que aparecía na documentación catedralicia de Tui desaparecía para dar paso a Salvaterra, iniciativa do rei Fernando II para gardar a nova fronteira. A Monção lle acontecía o mesmo. Unha primeira vila fortificada co nome de Mazedo daría paso cara 1258 a un proxecto urbano máis complexo mudando o nome a Monção pola influencia francesa do rei Afonso III. En Salvaterra sería visible o urbanismo ortogonal, nun parcelario perfectamente organizado por mazás rectangulares ficando na parte oriental os principais edificios como a igrexa de San Lourenzo ou o pazo dos condes que formarían o principal recinto fortificado da vila. No caso de Monção a vila estruturaríase arredor dunha rúa central, a rúa Direita, ficando o parcelario a un lado e outro desta vía central. Esta forma denomínase en “espiña de peixe”. A vila ficaba cercada de muro que sería mellorado en tempos do rei D. Dinís (1279-1325) momento no que se construiría a torre do río. Sería o rei Afonso V quen ordenase a construcción dunha torre de homenaxe no suroeste da vila.
Porta oxival do último cuarto do século XV, o muro xunto da porta sería tamén obra medieval.
Ángulo exterior da vella casa do Conde na fortaleza de Salvaterra.
O castelo dos Condes Salvaterra converteríase ao longo da Idade Media nun referente para as grandes casas nobres galegas. Os Castro a gobernaron ao longo do século XIV, mentres que os Soutomaior e os Sarmiento a disputaron ao longo do século XV. Serían os Soutomaior os encargados de mellorar o primitivo recinto defensivo. Pedro Madruga realizaría obras despois da revolución Irmandiña de 1467 que misturaría antigas torres (conservadas ou rehabilitadas do antigo castelo) con novos sistemas defensivos como as barbacanas. Segundo os planos de 1645 o castelo era un gran rectángulo no que arredor do gran patio central repartíanse as principais estruturas defensivas: polo leste alzábanse torres e polo oeste a barbacana caracterizada esta polos baluartes circulares dos que sobrevive un no sur, sobre o río. Entremedias as casas do conde fi caban no extremo oriental, mentres que varios edifi cios adicados a almazéns estaban no lado do río cara o oeste.
Na actualidade algúns elementos sobreviven do antigo castelo, como unha porta oxival con grandes doelas cara o río, no lado oeste o edifi cio coñecido como “covas de Dona Urraca” conserva partes do último tercio do século XV como escaleiras de caracol e algúnhas portas con arcos en mitra. Este edifi cio corresponde cos almazéns realizados durante a intervención portuguesa de 1643-1658. As bóvedas de tixolo é a técnica empregada polos enxeñeiros militares portugueses para estes edifi cios de intendencia, sobre todo por empregarse o tixolo como un material barato e práctico nas defensas. Precisamente neste mesmo estilo podemos contemplar a antiga cadea de Valença, hoxe Núcleo Museolóxico, obra do século XVII e que responde as necesidades militares do momento. Na actualidade a lenda de Dona Urraca nos vellos almazéns de Salvaterra desenfocou a realidade e importancia deste edifi cio no conxunto do antigo castelo dos condes. J
Vista do interior da barbacana, probablemente do último cuarto do século XV.
Vista exterior do edifi cio do antigo almacén. A planta superior desaparecería arruinada sobrevivindo a planta baixa abovedada de tixolo obra dos enxeñeiros portugueses durante a súa ocupación de Salvaterra, 1643-1658.