9 minute read

O túnel do Cofurco por Xosé Ramón Paz Antón

O TÚNEL DO CONFURCO,

UNHA OBRA INACABADA DEBIDO Á PRIMEIRA GUERRA MUNDIAL

Advertisement

E C Xosé Ramón Paz Antón

HOUBO UN TEMPO EN QUE ALGUNHAS PERSOAS PODÍAN IMAXINAR UNHA VIAXE EN TRANVÍA PARTINDO DE MONDARIZ, CRUZANDO PONTEAREAS, O PORRIÑO E MOS ATA CHEGAR A VIGO. DE ALÍ SERÍA POSIBLE ALONGAR O ITINERARIO POLAS PRAIAS E ATRAVESAR NIGRÁN ATA AS PORTAS DE BAIONA. ESA REDE TRANVIARIA QUE PUIDO SER REALIDADE MALOGROUSE NO TRAMO O PORRIÑO-MONDARIZ E COMO UNHA TESTEMUÑA CASE SECRETA DAQUELA EMPRESA QUEDA HOXE UN BEN DE PATRIMONIO INDUSTRIAL DE ESCASO RECOÑECEMENTO: O TÚNEL INACABADO DO CONFURCO.

Enrique Peinador Vela (1847-1917) creou en Mondariz un dos establecementos balnearios de maior importancia de Galicia, da península ibérica e do turismo internacional.

A inauguración do ferrocarril, con conexión a Madrid e logo a Portugal, comezaba a cambiar a paixón polas viaxes da época romántica en turismo, un novo concepto que comezaba a dar os seus primeiros pasos. En Mondariz chegaron a celebrarse consellos de ministros, reunións diplomáticas, visitas de membros da realeza e da aristocracia, plenos da Real Academia Galega, encontros e alternes do máis fl orido da vida fi nanceira, artística e militar. Non obstante o proxecto termal de Mondariz adoecía das malas comunicacións existentes entre a estación do Porriño e o balneario, uns vinte quilómetros que debían realizarse en dilixencia e, máis tarde, en automóbil. Probablemente Peinador envexaba a situación dun balneario como o de Caldelas de Tui que, se ben non era comparable ao seu nas proporcións de negocio e monumentalidade, recibía aos viaxeiros de Madrid e doutras provincias cunha estación anexa ao propio establecemento termal. Enrique Peinador Vela tivo un soño, crear a conexión a través de tranvía entre Vigo e Mondariz pasando polas vilas de O Porriño e Ponteareas. Deste xeito pretendía mellorar a súa oferta turística e, ao mesmo tempo, prevía un desenvolvemento económico da comarca poñendo como exemplo a grande cantidade de serradoiros que poderían utilizar o transporte en tranvía para achegar a madeira á rede ferroviaria ou ao porto de Vigo. Os primeiros movementos para construír o seu soño acontecen nos últimos anos do século XIX pero tomaron forma máis decisiva a partir de 1904 en que se tramitan as concesións administrativas e se redacta o Proyecto Tranvia de Mondariz a Vigo “aprobado por la Superioridad” en xullo de 1907. No ano 1913 creábase a Sociedad Anónima Tranvía Mondariz a Vigo con domicilio en Ponteareas. O capital inicial de 1,5 millóns de pesetas aportados por Peinador esperaba sumarse a unha cantidade un pouco superior que aportaría a Sociedade Hispano-Belga, quedando unha parte máis pequena a cubrir por pequenos accionistas da comarca. Con iso e as axudas ofi ciais achegaríanse aos 5 millóns en que se calculaba o custo total do proxecto. En setembro do citado ano comezan os primeiros traballos de movementos de terras deseñando o trazado entre Puxeiros e O Porriño, labor que foi encomendada ao contratista Marcial Peralba.

A paisaxe de Cans na década de 1930 en foto de Otto Wunderlich (Fototeca do IPCE)

En agosto de 1914 comezaron os traballos do túnel do Confurco, na parroquia de Cans. Os 900 metros de percorrido baixo terra salvaban ese punto de separación entre os vales do Louro e do Tea que presentaba un precipitado e sinuoso trazado na estrada de Villacastín. Seis meses despois a prensa informaba do avance das obras neste punto concreto: ”En el túnel de Confurco la perforación va avanzando por ambos extremos, ascendiendo a muchos miles de metros cúbicos la cantidad de tierras extraidas. Hasta ahora no se ha tropezado con roca y esto permite efectuar la perforación con mayor rapidez”. A obra do túnel non era realizada pola Sociedad General de Construcciones directamente coma o resto do trazado senón que estaba contratada por esta ao señor Fraucho. En Cans lembraban que a maior parte dos traballadores eran de Ourense e de Portugal. Desde un punto de vista técnico nada parecía presaxiar as difi cultades que aparecerían no futuro, os traballadores da perforación e os canteiros continuaban a obra. En palabras de Alberte Reboreda: “A boca está conformada por un arco parabólico almofadado que anticipa un túnel de cantaría levantado en granito perfectamente labrado e escuadrado.”

Construción do túnel do Confurco na parte de Cans A obra inacabada realizouse entre agosto de 1914 e maio de 1916 (Vida Gallega, 30/05/1915, p. 18)

A entrada que se conserva en bo estado é a do lugar de A Anduriña, na parroquia de Xinzo, mentres que o túnel pola parte de Cans foi tapiado pola construción da autovía A-52. Deste lado está moi viva a lembranza do túnel, tanto polo seu uso alternativo para o rego nas terras do arredor como pola entrada exploradora infantil de varias xeracións de nenos e nenas. O xornalista Anxo Boente dicía que “tiña unha entrada abovedada con pedra e eran uns 30 metros de bóveda moi bonito, despois continuaban uns cen metros máis a pedra viva”. O seu estado inacabado presentábase non só no seu percorrido senón tamén no seu baleirado interior que se facía máis pequeno ao avanzar cara o interior. Na memoria da parroquia de Cans hai varias explicacións que recolleu Óscar Franco na súa catalogación, un gran accidente no que morreron sepultados moitos traballadores, numerosas balsas de auga que impedían o traballo ou a historia máis estendida na contorna que atribúe a un cálculo errado o feito de que as dúas perforacións iniciadas en Cans e Xinzo nunca chegaron a encontrarse.

O primeiro material móbil do tranvía Mondariz-Vigo (Vida Gallega, 15/06/1919, p. 12)

A estación dedicada a Peinador creou un novo topónimo que acabou por designar a un aeroporto (Vida Gallega, 05/12/1923, p. 29)

Centrada agora no tramo Vigo-O Porriño, a Sociedad Anónima Tranvía Mondariz a Vigo aínda debeu esperar a que remataran as crueis batallas que asolaban Europa para ver rematada a obra. Entre 1916 e 1918 deberon realizarse os traballos da estrada do tranvía, as pontes e outras construcións, e pouco máis podía facerse mentres non chegaban as pezas de ferro, material moi cotizado en épocas de guerra. Unha mostra desa inactividade era expresada pola propia Sociedad General de Construcciones, a empresa encargada dos traballos, cando manifestaba o seu desexo de “trabajar en la sección Porriño-Mondariz, sección que está paralizada por haberlo pedido el consejo de tranvía a la Constructora”. En xuño de 1918, cando estaba a piques de rematar a Gran Guerra, chegaban ao porto de Vigo sete vagóns de raís que comezaban a instalarse a partir de Cabral e, moi pouco despois, outra remesa semellante iniciaba a vía partindo das Cocheras porriñesas cara Puxeiros. En setembro recibíase o primeiro material móbil construído por Lladró, Cuñat y Cía de Valencia, dous coches-tranvía de carga construídos en Valencia e, en decembro, o resto do material móbil (tres coches motores e un vagón pechado) e a maquinaria para a subestación que, por certo, chegou por duplicado. Unha vez rematada a guerra, de Alemaña chegou esta maquinaria cando xa estaba instalada a que se contratara posteriormente en Bilbao. Durante o ano de 1919 completouse o trazado dos raís e a infraestrutura eléctrica e en marzo de 1920 foi inaugurado este tramo de O Porriño a Vigo que foi moi beneficioso para comunicación do val da Louriña.

En realidade a obra quedou sen rematar debido a cuestións de tipo financeiro e loxístico derivadas do inicio da Primeira Guerra Mundial. Cando se constitúe a Sociedade Anónima Tranvías de Mondariz estaba prevista a participación importante dun grupo belga de investimentos. A invasión de Bélxica por parte de Alemaña impediu a chegada do diñeiro estranxeiro e, ademais, imposibilitaba a importación de material técnico comprado en Alemaña e noutros países de Europa. A incerteza e a debilidade financeira parecen incrementarse cunha administración deficiente na etapa da compañía en Ponteareas. E debemos engadir neste panorama sombrío a propia situación biográfica de Enrique Peinador Vela, que vai falecer en 1917. Nese momento, a expansión do automóbil polas estradas de terra pontevedresas convertían a este medio nun competidor implacable fronte a outros sistemas de transporte de persoas e mercadorías. A morte de Peinador vello e as dificultades citadas decidiron a remodelación do proxecto en forma drástica e cun novo pulo que lle imprimirán os sucesores. A solución pasaba por rematar o tramo Vigo-O Porriño para proceder á súa explotación deixando para unha segunda fase as obras do tramo O Porriño-Mondariz. Ao mesmo tempo debían buscarse novos provedores dentro de España debido á cancelación de contratos internacionais. Estas decisións obrigaron a suspender a actividade neste trazado e, por tanto, cesou o traballo dos homes que furaban o monte. Concretamente, as obras do túnel foron suspendidas a finais de maio de 1916, un ano e nove meses despois do seu comezo.

Volvendo ao túnel do Confurco, tras a “brusca paralización y defi nitiva suspensión de las obras” de 1916, o contratista Fraucho reclamou á construtora a indemnización correspondente que se acadou en 1919. Os gastos da obra do túnel ascendían a cen mil pesetas que correspondían a escavacións do túnel (51.767), revestimentos do mesmo (21.500) e o restante á “construcción de una tajea y a las excavaciones practicadas en los desmontes de dicho trayecto”. O abandonado tramo Mondariz-O Porriño, que estaba á espera dunha mellor oportunidade, foi defi nitivamente descartado co Laudo arbitral entre Sociedad General de Construcciones e a Empresa del Tranvia de Mondariz a Vigo acordado en 1923 para resolver as diferenzas económicas do contrato. Durante un tempo continuarían solicitándose prórrogas da concesión para rematar o soño de Peinador, unha en 1924, outra en 1926. Nese momento os agraristas buscan a municipalización do proxecto para poder realizalo e solicitan amparo da Deputación provincial pero fi nalmente a iniciativa non acadou apoios. O tranvía de Vigo ao Porriño mantívose en funcionamento ata 1967.

Hoxe quedan vestixios daquel proxecto tranviario: en Mos hai dúas pontes, un tramo de raís e dous postes da catenaria desta antiga liña (un en Sanguiñeda e outro en As Rans); no Porriño outro tramo de raís, os desmontes para a vía e unha sección do túnel; en Ponteareas a outra sección do túnel que é a mellor conservada e tamén os desmontes do trazado; ademais quedaron dous topónimos (As Cocheras e Peinador) e unha serie de textos e imaxes sobre a memoria do túnel e do tranvía publicados nas revistas O Tranvía, Malladoura e no vídeo Do soño ó esquecemento de López Domínguez. É un patrimonio que está pedindo a voces a protección, o estudio e a divulgación que a lexislación vixente recomenda. J

As Cocheras do Porriño, edifi cio de onde partiría o tranvía a Mondariz, tamén foi topónimo dun barrio se ben hoxe xa non se utiliza na fala (revista O Tranvía, nº 10, 1994)

Entrada actual do túnel pola banda de Xinzo, foto que acompañaba unha alegación de protección patrimonial proposta polo arqueólogo Alberte Reboreda

This article is from: