7 minute read

O Camiño de Santiago é máis accesible grazas a DisCamino por Jesús G. Bastida

Next Article
VELA EN FEMININO

VELA EN FEMININO

O CAMIÑO DE SANTIAGO É MÁIS ACCESIBLE GRAZAS A ‘DisCamino’

E J.G.Bastida C DisCamino

Advertisement

O CAMIÑO DE SANTIAGO SEMPRE AXUDOU A MOITA XENTE PARA ATOPAR SENTIDO Á SÚA EXISTENCIA, E AGORA ESTE PROXECTO NON SOAMENTE CONSEGUE FACILITAR O ROTEIRO XACOBEO PARA PERSOAS CON DISCAPACIDADE, TAMÉN FAI VISIBLE A NECESIDADE DE CONSTRUÍR UN MUNDO CON MAIOR ACCESIBILIDADE PARA TODAS AS PERSOAS QUE POR PROBLEMAS FÍSICOS NON POIDAN REALIZAR ESTE O CALQUER OUTRO ROTEIRO.

A historia de DisCamino empeza en agosto de 2009 cando Gerardo, un raparigo xordo-cego de Vigo, fixo o seu primeiro Camiño de Santiago pedaleando sobre un Copilot, triciclo tándem de orixe holandesa, que unha alma caritativa decidiu doar para que puidese cumprir o seu soño. Unha vez na praza do Obradoiro, cando o roteiro chegara ao seu fin e os que acompañaran a aquel entusiasta “peregrino aventureiro” felicitábanse por terminala sen contratempos, cando Gerardo pronunciou unhas palabras que lles marcaron profundamente “Javier, busca a máis persoas con problemas como eu para facer o Camiño moitos anos”. Doce anos despois para saber cal é a situación actual de DisCamino e como afronta o futuro, entrevistamos a Javier Pitillas, o seu responsable e quen recentemente foi proposto pola Xunta de Galicia ao Premio Princesa de Asturias dá Concordia.

Javier, para os que ainda non o saiban. Que é DisCamino? DisCamino é máis que o roteiro, é a preparación física e mental necesaria para levar a cabo este reto, é o compañeirismo que xorde nos retos compartidos, é a ilusión de implicarse en algo que cambiará a túa vida e encheraa de significado, é o día a día de moitas persoas que, aínda que nunca vaian poder pedalear, teñen necesidade de algo, ou de alguén, que lles axude ou acompañe no seu paso por este mundo.

Desde o 2009 ata o día de hoxe a “familia” creceu ¿cantas persoas forman parte hoxe de DisCamino? Esa é a frase nosa nas charlas do colexio, “a familia creceu”. Nestes momentos, pilotos que veñan a adestrar de maneira continuada, contamos con 30 pilotos fixos, e persoas coas que pedaleamos, “os copilotos”, son ao redor dos 80. Da residencia de ALENTO son 25 e da residencia de APAM son 30, van facendo unha roda para sair todos. Todas as semanas saímos a pedalear os martes e xoves pola tarde e o fin de semana de mañá. Os martes sempre sacamos a pedalear a 3 persoas de APAM, cando hai algún oco, ou hai alguén especial, pois tamén sae algún máis.

Tedes marcado algún tipo de adestramento para afrontar uns retos tan grandes? A xente non vén aquí pensando“vou adestrar porque quero facer o camiño “, hai quen nin sequera pensou no camiño. DisCamino finalmente acaba co Camiño de Santiago porque iso é un premio, unha ilusión. Cantidade de xente quere facer o camiño, porque sempre é unha aventura, o estar fóra de casa, o durmir, o coñecer sitios, coñecer xente, o estar sen saber que é o que vai pasar o día seguinte. Para a persoa que se prepara para unha cousa destas, non é ese obxectivo soamente o que lle mantén con vida. O simple feito de facer deporte, de vir aquí e convivir con xente, de compartir, iso xa é moito para calquera. Hai moita xente que nos vai coñecendo e que contacta con nos. Recentemente unha moza de Soria, a raíz do tema do Princesa de Asturias, chamoume para ver se podía facer o camiño connosco, ten unha paraplejia a raiz dun accidente, sempre quixo facelo e non sabia como nin con quen.

Algunha das persoas coas que adestrades está en risco de exclusión social pola súa discapacidade? Temos algunos casos, por exemplo temos unha persoa que unha gran parte da súa vida viviuna soa. Tamén hai tres persoas con sordoceguera, un deles, Fernando viviu 50 anos na súa casa sen saír porque os seus pais entendían que esa persoa non podía facer nada, os pais foron maiores, tiveron alzheimer, e unha irmá fíxose cargo del, entón el saíu á luz. Agora está a ir a un centro de día, está a facer deporte, está a vivir!. Cada caso é distinto, non hai unha pauta común para todos.

Como afrontades este ano? En principio afrontámolo con medo, porque non sabemos que é o que vai pasar, non sabemos se nos van a deixar ir ao camiño. O ano pasado supoñíase que non podiamos facelo e ao final tivemos a sorte. Nese momento que se empezou a abrir o tema das restricións de mobilidade, decidímonos a saír. Cruzamos España dúas veces, unha vez en triciclo e outra vez camiñando cunhas cadeiras de remonte, foi chulísimo, porque realmente foi unha aventura marabillosa, e porque se fixo despois de pensar que non se podía facer. Era un plus de máis alegría. Para este ano Xacobeo, en principio temos 5 cousas pendentes xa sobre a mesa, 4 son camiños pequeniños, son camiños con xente nova, con persoas recentemente chegadas e pouco adestradas, outras van ser cousas pequeniñas, por exemplo Vigo- Santiago. Temos previsto facer dous andando con cadeiras de monte tipo mountain bike e dous en triciclos cos mais jovencitos que temos e con xente xa mais maior pero como che digo está un pouco adestrada. Nalgún caso vai ser unha proba para logo facer algo máis grande e nalgún outro caso, vai ser simplemente o camiño que poidan facer eles.

Se a situación o permite, tedes previsto facer algún gran roteiro? Si, a aventura grande deste ano é unha ligazón de camiños “saír de casa e chegar a casa”. Saír de casa, de Vigo en dirección ao sur, polo camiño Sanabrés ao chegar a Zamora colleremos o roteiro da prata ata chegar a Mérida. En Mérida colleremos o camiño mozárabe, iremos ata Almería onde colleremos a ligazón ata Cartaxena, e a vía Augusta que nos levará ata Albacete. En Albacete camiño de Levante ata Benavente. En Benavente roteiro da Prata ata Astorga e camiño francés a Santiago, e ao chegar a Santiago ese día, colleremos o camiño portugués e baixaremos a Vigo. Van ser 2.800 Kms.

En total, desde o 2009 e de xeito ininterrompido, realizáron 72 camiños, entre os que salientan catro veces o Camiño Francés, dúas a Vía da Prata e distintas probas deportivas como a volta ciclista a España, a volta ciclista por Andalucía, a volta ciclista polo Cantábrico ou as rutas polos Alpes e os Pirineos.

Iván Raña e Javier Pitillas

Francisco Javier Pitillas Torra –Vigo, 1962- é sarxento da Policía Local de Vigo e atleta de éxito internacional. Apaixonado do atletismo, foi subcampión absoluto de España, internacional en seis ocasións, e campión de España en categoría de veteranos. No ano 1996, Javier Pitillas comezou a adestrar a persoas asociadas á Organización Nacional de Cegos, ONCE, e desde entón adestra a persoas con discapacidade e colabora con multitude de entidades de atención á discapacidade tanto de ámbito autonómico como estatal. Polo seu traballo con Discamino, Pitillas conta coa Medalla Castelao en 2014 e a condecoración da Orde do Mérito Civil en 2015.

Despois de 12 anos, fuches distinguido en varias ocasións, polo teu labor á fronte de DisCamino e agora chega esta proposta para “O Premio Princesa de Asturias” Que supón para Javier Pitillas? En primeiro lugar para min, nada, é para DisCamino, porque é unha unidade. O meu nome está aí, pero o premio, se ao final xorde, é para DisCamino, porque non ten sentido unha cousa sen a outra. Supón que temos unha cantidade de amigos enorme e ademais con moita forza que son capaces de meternos nunha lista tan relevante. Supón unha gran sorte, porque iso vai permitir, ser coñecidos. Xa nos chamou xente de fóra, para facer cousas connosco. E supón iso, sorte, porque nos vai permitir seguir facendo cousas, e vainos a permitir poder dar máis axudas, porque a xente viunos, e chámanos para que lles axudemos, e iso é o que nos dá a vida a DisCamino.

Actualmente con que axudas conta Discamino? Temos a axuda de RIBEIRAPOVISA, fundamental. Temos un concerto con eles que ano a ano vaise prorrogando sen ter que facer nada. Recentemente algunhas das persoas que forman parte da cúpula da organización viñeron visitarnos, eles xa sabían o que había aquí e a idea que tiñan de nós, pois se confirmou. Aproveitamos para pedirlles algunhas cousas que nos son moi necesarias, como todo o que ten que ver con temas de fisios, de acompañamento, de enfermeiras nos camiños...J

Campaña de recollida de sinaturas para impulsar a candidatura ao Premio Princesa de Asturias A Xunta vén de poñer en marcha unha campaña de recollida de sinaturas para impulsar a candidatura de Francisco Javier Pitillas Torra, responsable da iniciativa Discamino, ao Premio Princesa de Asturias da Concordia 2021, polo seu labor solidario, que posibilita que persoas con discapacidade poidan realizar o Camiño de Santiago. Por outra parte, a Xunta tamén fomenta a participación individual nesta campaña a través das redes sociais mediante documentos que se poderán descargar da internet para asinar e enviar ao correo electrónico comunicacion. turismo@xunta.gal.

Javier Pitillas con el ‘abuelo’ Varela

This article is from: