4 minute read
A voz de deus
A resposta de Deus
Está no corazón. Así o conta o profeta Xeremías na Biblia (Xer 29, 11-13a):
«Soamente eu coñezo os proxectos que eu planeo para vós –é o Señor quen fala–, proxectos de fartura e non de desgraza, de darvos un porvir e unha esperanza. Habédesme invocar e viredes onda min; rezarédesme a min, e eu escoitareivos. Andaredes á miña procura e habédesme atopar. Buscarédesme de todo corazón, e eu deixarei que me atopedes –é o Señor quen fala».
Axudarache a comprender o relato da Biblia
Todas as persoas temos o desexo de ser felices; pero... onde buscamos a felicidade? que facemos para conseguila?
• Hai os que pensan que a felicidade está en ter moitas cousas materiais, conseguir moito diñeiro, ter poder... e canto máis conseguen, máis queren: nunca é suficiente. Polo que sabemos, aí non está a felicidade.
• Hai persoas que están todo o día moi ocupadas e non teñen tempo para nada; pero cando se paran a pensar senten que non son felices, porque non encontran sentido ás súas vidas.
• Hai persoas que buscan a felicidade na vida perfecta, sen problemas, a través dunha pantalla con moitos filtros, con brillos e fantasías. Pero a felicidade non é unha ficción.
Ás veces enredámonos tanto en buscar a felicidade onde non está que pasamos a vida coma se estivésemos a xogar á pita cega. Dando voltas e voltas sobre o mesmo, cos ollos tapados e camiñando ás apalpadas.
Deus dinos que sempre está connosco e invítanos a quitar a venda e camiñar con El. O que Deus quere é que sexamos felices.
A resposta de Deus é unha promesa de felicidade e esperanza sempre.
1. Describe no teu caderno unha situación na que sentises verdadeira felicidade. Dialogade en clase sobre elas e buscade que puntos teñen en común.
2. Debuxa no teu caderno o que che suxire o relato bíblico de Xeremías.
A busca de Deus
Dende a antigüidade, o ser humano expresou os seus sentimentos relixiosos na súa busca da felicidade e para ofrecer respostas sobre o sentido da vida. Vémolo por exemplo nos enterramentos prehistóricos, nas pirámides exipcias, os templos maias, etcétera.
En todas as civilizacións, houbo manifestacións da dimensión espiritual do ser humano, a través de ritos, textos sagrados, edificacións dedicadas ao culto, persoas consagradas á divindade, etc. Non se coñece cultura ou sociedade sen ningún tipo de relixión.
O ser humano, na súa necesidade de encontrar a felicidade e alcanzar a plenitude, busca encontrarse con Deus; e faino a través de diferentes vías: o contacto coa natureza, a meditación, as relixións, etcétera. Para os cristiáns, Deus Pai e Creador dá sentido á nosa existencia, e en Xesús encontramos todas as respostas ás nosas preguntas sobre a vida. El ensínanos o camiño cara á felicidade e a plenitude.
O sentido relixioso das persoas lévanos á busca de Deus.
3. Responde no teu caderno: Como expresou o ser humano os seus sentimentos relixiosos desde a antigüidade?
4. Completa a frase: Para os cristiáns Deus Pai e creador...
5. Pensa que é a relixión para ti e que che achega.
• Escribe un texto sobre o que pensaches, coma se fose un post para unha rede social. Colocade todos os post en clase. Le o teu en alto e dialogade sobre todos eles tras as lecturas.
As relixións e as súas características
A relixión é un conxunto de crenzas e símbolos a través das cales as persoas se relacionan con Deus. Podemos diferenciar dous grandes tipos de relixións:
• As relixións monoteístas. As persoas cren nun só Deus.
• As relixións politeístas. Os seus seguidores cren en moitos deuses.
A gran maioría das persoas manifestan algún tipo de crenza relixiosa. O xeito de expresar esta actitude relixiosa é diferente segundo a cultura ou a orixe de cada pobo.
Calcúlase que no mundo hai máis de catro mil relixións; cada unha coa súa doutrina, os seus símbolos, ritos e ensinanzas.
As características comúns das relixións son:
• Cren na existencia de Deus —na nosa relixión— ou de deuses.
• Posúen libros ou textos sagrados, inspirados por Deus. Por exemplo, a Biblia.
• Utilizan espazos sagrados como os templos, onde se sente máis próxima a presenza divina.
• Realizan ritos, liturxias e oracións como formas de comunicación con Deus.
• Manexan un código moral ou normas de orixe sagrada, enviado polo seu Deus para convivir felices e en paz. Por exemplo, os Dez Mandamentos.
• Ofrecen un sentido de pertenza a unha gran Comunidade como a Igrexa católica.
A relixión axúdanos a encontrarnos con Deus.
Símbolo. É un signo ou un sinal que nos achega a unha realidade que vivimos ou coñecemos.
As relixións son pontes para a paz e a fraternidade.
1. Escribe no teu caderno as respostas: a) Que é a relixión? b) Cales son os dous grandes tipos de relixións?
2. Repasa as características das relixións e deseña no teu caderno unha emoticona para cada unha delas asociándoas ao cristianismo.
As relixións do mundo
Como xa indicamos, as relixións sempre estiveron presentes na historia e ofreceron respostas ás grandes cuestións da humanidade. Na actualidade, as cinco grandes relixións do mundo son:
• O cristianismo. O seu fundador é Xesucristo, recoñecido como o Fillo de Deus enviado para salvar ao mundo. Os cristiáns cremos nun só Deus, Pai, o Fillo e o Espírito Santo. Cremos tamén na resurrección e na vida eterna. O seu libro sagrado é a Biblia.
• O xudaísmo. Os seus fundadores son Abraham e Moisés. Os xudeus cren en Iavé único Deus creador e salvador. Cren tamén na chegada do Mesías. O libro sagrado é a Tora
• O islam. O seu fundador é o profeta Mahoma. Os musulmáns recoñecen a Alá como único Deus e cren na vida eterna. O seu libro sagrado é o Corán.
• O hinduísmo. É unha das relixións máis antigas do mundo, que xurdiu grazas a un grupo de sabios con diferentes doutrinas. Os hinduistas cren en moitos deuses e na reencarnación. Un dos seus libros sagrados máis importante son os catro Vedas.
• O budismo. O seu fundador é Buda. Cren que na vida se pode alcanzar o estado de iluminación ou nirvana para vivir sen sufrimento. Os budistas cren tamén na reencarnación. O seu libro sagrado é o Canon Pali, que significa «Os tres cestos».
O Papa Francisco dice: «As grandes relixións son o corazón da humanidade».
Fundadores
As relixións Corazón da humanidade
Xesucristo Cristianismo
Abraham Moisés
Xudaísmo
Mahoma Islam
Sabios Hinduísmo
Buda Budismo
3. En grupos, ampliade información sobre as cinco grandes relixións. Elaborade un mural para expoñelo en clase.
4. Por grupos de dous ou tres persoas, inventade un xogo sobre as relixións; por exemplo: encrucillados, sopa de letras, adiviñanzas, tres en raia, etcétera.
• Comunicade ao resto da clase mediante chuvia de ideas a experiencia e intercambiade os xogos entre os grupos para xogar.