1 minute read

MARÍA A mirada de María

Cando Isabel oíu o saúdo de María...

«E en oíndo Isabel o saúdo de María, o neno brincoulle no ventre. Entón, chea do Espírito Santo, exclamou Isabel, a grandes voces: ‑Bendita ti entre as mu lleres e bendito o froito do teu ventre. Quen son eu para que me visite a nai do meu Señor? Pois ó que chegou o teu saúdo ós meus oídos, brincou de alegría a criatura no meu ventre».

Le en clase o relato completo do Evanxeo de San Lucas (Lc 1, 39-45).

Unha mirada diferente

María di «Si» a ser a nai de Xesús, e á vez decátase de que a súa prima Isabel está embarazada de seis meses. Conta o Evanxeo que María saíu inmediatamente a visitala.

María corre para ir ver a súa prima, para axudarlle, para escoitala ou simplemente para estar con ela nese momento tan especial. Ela podía ter pensado: «Que veña ela que eu tamén estou embarazada e ademais do Fillo de Deus». Pero resulta impensable esa actitude en María.

Porque dicir «Si» o plan de Deus non é só unha cousa dese momento; implica unha actitude, un xeito de vivir, unha mirada diferente... Implica mirar cos ollos do corazón para levar a todo o mundo a alegría, a xustiza e o amor con xenerosidade e valentía.

María, desde o principio, convértese en modelo de vida para todas as persoas que deciden camiñar tras os pasos de Xesús.

1. Comenta e dialoga en clase: Que che chama a atención do relato bíblico?

• Escribe e debuxa no teu caderno como imaxinas que sería hoxe María.

• Expoñede e dialogade en clase.

María é unha muller valente que mira a vida con decisión e está atenta ás necesidades dos que a rodean.

Ela non se encerra en si mesma. Sae ao encontro dos demais, comparte o amor que recibiu de Deus e contaxia a súa alegría. Os que se encontran con ela, como a súa prima Isabel, así o senten e expresan: «Bendita ti entre as mulleres e bendito o froito do teu ventre!».

María e Isabel son dúas mulleres que dixeron «Si» a Deus, que se encon tran, se miran e se recoñecen con alegría.

Son moitas as mulleres que a Biblia nos presenta como parte imprescindible na historia da Salvación. Mulleres que ao longo dos anos formaron parte da historia da Igrexa, achegando unha mirada diferente e necesaria.

Bendita ti entre as mulleres

2. Isabel sente unha grande alegría pola visita de María e dille: «Bendita ti entre as mulleres e bendito o froito do teu ventre!». Escribe un texto bonito e ben deseñado sobre que lle dirías ti a María se te visitase.

3. Busca a historia de mulleres importantes na Igrexa. Elixe a que máis che guste e escribe a súa biografía para expoñela en clase.

This article is from: