1 minute read
COn moita arte
As relixións únennos
As relixións nunca poden xustificar nin as guerras, nin os conflitos, nin a violencia. Sempre han de ser camiños de diálogo e de paz, onde cada persoa poña o mellor de si mesma para construír irmandade e fraternidade.
As relixións son pontes entre os pobos e as culturas. Coñecer outras relixións achéganos a elas e aos que as practican. Habemos de ser respectuosos con todas as crenzas e coa espiritualidade das demais persoas, porque a liberdade relixiosa é un dereito.
A obra do artista na rúa brasileiro Eduardo Kobra reflicte como, nun momento histórico de sufrimento e tristura como foi a pandemia de Covid-19, as relixións únennos nun mesmo sentir.
O artista mostra a cinco nenos e nenas dos cinco continentes rezando e representando as principais cinco relixións do mundo. As cores e as miradas dos protagonistas exprésannos o desexo de diálogo, tolerancia, paz e diversidade.
1. Observa a obra e, mediante unha chuvia de ideas, comentade en clase o que máis vos chama a atención deste fermoso mural.
Que arte tes!
Deus nunca conduce á guerra, nin á destrución das persoas, nin do planeta. No nome de Deus nunca se pode xustificar a discriminación, nin a violencia, nin a inxustiza.
O culto sincero a Deus leva consigo sempre o respecto á vida, á dignidade da persoa e á liberdade. Deus sempre mostrará un camiño de amor que nos leve ao compromiso cos demais e ao coidado da creación como obxectivo común.
O Papa Francisco dinos: «O diálogo interrelixioso é crucial para a paz».
O diálogo interrelixioso consiste en procurar o entendemento entre as diferentes relixións, desde o respecto, e en compartir os valores esenciais que as unen: o amor, a liberdade e a fraternidade. Deste xeito encóntranse camiños de paz.
Símbolos de unidade
1. Observa os símbolos das cinco principais relixións do mundo na obra do artista Kobra e represéntaos no teu caderno.
2. Investiga en internet o que simboliza cada un e escribe unha pequena recensión ao lado.
3. Crea un símbolo que xunte as cinco relixións e escribe unha pequena recensión sobre este símbolo.
4. Expoñede os símbolos creados e dialogade sobre eles.
Axuda en anayaeducacion.es